Xeral

A tempada do rexurdimento celeste

“Qué jodido é ser do Breo”. Pois si, amigos. Ser do Breogán é isto. A grandeza deste club, o seu maior patrimonio é esta afección que sempre está as maduras, e que non é comparable a ningunha outra nas duras.

4

No Paco Paz rematou a tempada que máis ilusión xerou entre o breoganismo (que non se circunscribe a Lugo e a súa provincia, se non que vai máis alá). Non foi un éxito total, porque estivemos a 4 puntos de alcanzar a gloria, pero na opinión da persoa que aquí escribe, si foi un éxito.

Despois de moito tempo facendo ligas regulares moi normais e incluso frouxas, este ano acadouse un terceiro posto na liga regular. Puidemos quedar máis arriba como tamén un pouco máis abaixo, se pensamos en encontros que perdemos de xeito inxusto e outros que gañamos tamén con bastante fortuna. Quizais o terceiro chanzo foi o merecido. Pero o que realmente enganchou á afección foi o playoff. A eliminatoria a morte con Palencia, con prórroga incluída, quedará na memoria de todos os alí presentes. En segunda rolda un Valladolid que tentou gañar polo civil e polo criminal, e ao que nos impuxemos refacéndonos do pau do segundo encontro, no que nos remontan unha gran vantaxe en pouco máis dun minuto.

Un inciso para falar deste EQUIPO, así con maiúsculas. Cun corpo técnico da casa (aproveito de novo para dar as grazas a Belén, Fran, Lisardo, Miragaya e Quique) cuxa implicación nin se pode dubidar. Seguramente Lisardo non convenza a todos, pero velo con bágoas nos ollos no Paco Paz e a ombreiros dos seareiros, é a imaxe que o resume todo. Como cabeza visible será o obxecto das críticas, e sempre que sexan construtivas serán benvidas, seguro. Tamén é certo que un percibe que durante este tempo foi gañando como adestrador e aprendendo dos seus erros, e ese é o camiño que sen dúbida nos levará a onde nos merecemos.

E na pista… Eterno agradecemento total.

Dani López, ADN Breogán total. Por fortuna semella que continuará con nós.

Adrián Chapela. Un orgullo que alguén de Lugo vista a celeste. A seguir dando pasos adiante.

Sergio Sánchez. Unha magoa que o físico non estivese á altura do seu talento.

Álex Llorca. O xogador que todos queren no seu equipo. Compromiso dentro e fora da pista. Orgullo en cada encontro. Esgótanse os calificativos.

Álex López. Outro que semella que seguirá. Outro dos nosos, dos que estamos orgullosos de que luza a celeste.

Osvaldas Matulionis. O xogador total, un luxo telo aquí. Se levou o Trofeo Julio Vila da afección, foi por algo. Por certo, fantástica iniciativa.

Brandon Edwards. Unha pena que non puidese aportar máis na pista, pero comportamento exemplar toda a tempada.

Kevin van Wijk. Todo pundonor, quizáis lle faltou sorte nalgúns momentos, pero a súa entrega conquistou á grada.

Mamadou Samb. O home eternamente feliz, a quen non lle pode a presión. Un luxo como xogador e como persoa.

Gary McGhee. Un center puro e duro,  posiblemente a clave da gran temporada ter un home de tanto peso na pintura.

Chris Mortellaro. Cidadán número 6, todo un currante que se gañou o noso respeto.

E finalmente o derbi do miño, ese acontecemento que será recordado como unha das grandes finais da historia desta Leb ouro, especialmente pola grande aportación de dúas afeccións totalmente entregadas e momentos estelares como ese himno galego en Lugo:

Recordar e agradecer tamén a presenza de grandes como Carlinhos de Cobos, Betinho ou Paco García. Breoganistas de corazón. Cómo explicar isto a xente que non vive coma ti, querido lector, o breoganismo?

E isto é o gran triunfo. Moitos dos presentes na xornada do domingo no Pazo, ou o martes en Ourense, quedaron totalmente convencidos de facerse socios o vindeiro curso. E iso, é algo que temos que explotar. Canto antes debería de poñerse en marcha unha nova campaña de abonados e aproveitar antes de que ese orgullo e sentimento que moitos teñen se arrefríe durante un verán que sempre é moi longo para os que ansiamos o deporte do canastra.

Ocasión tamén para enganchar a moitas de esas empresas que se achegaron ao león celeste durante estes playoffs, facéndonos guiños. Agora xa saben que o Breo ten tirón. Entre todos, acabemos de convencelas.

3

Dende aquí pedímosvos que non perdades nunca ese sentimento, e que non esquezades os momentos que vos fixeron vibrar durante este ano. Sodes os mellores, vémonos na grada!

Deixar un comentario