O cidadán número 6

Para Quique Fraga

Alex Llorca agardou a que todos os compoñentes da expedición do CB Breogán se xuntasen nunha esquina anteriormente maldita do Pabellón Polideportivo Pisuerga. Cunha camariña minúscula tirou unha foto panorámica namentres Belén Díaz, coma nun relato especular, fotografiaba a escea co seu móbil. En pouco tempo a fotografía da felicidade breoganista estaba a disposición de quen a quixera.

A fotografía dixital matou á tradicional coma o vídeo matou ás estrelas de radio. Pero hai retratos que merecerían un negativo, dúas imaxes complementarias e superpostas. Unha positivada, evidente para todos; outra que mirar de xeito diferente, coa que xogar, nas que as partes onde golpea a luz se ven, por paradoxo, de cor escura. Á esquerda da imaxe tirada por Llorca, nunha periferia significativa, está o cidadán número 6: Chris Mortellaro.

Imaxe de @patmas16 / C. B. Breogán

Imaxe de @patmas16 / C. B. Breogán

 Chris Mortellaro é o protagonista perfecto para un retrato en negativo. Podemos facer un artigo exhaustivo, destes que caen na enumeración esaxerada, sobre o que non é e non ten. Mortellaro non ten un físico descomunal, nin tatuaxes –alomenos á vista–; non salta por riba de ninguén nin cambia tiros; non fai mates nin ten depurados movementos no poste baixo; non é deses cincos modernos que poñen o pé no arco e xeran espacios; tampouco amosa un carisma de líder; non xogou nunha grande universidade da Costa Leste, nin sequera na primeira división universitaria, senón en Drury, unha pequena universidade de NCAA II no estado de Missouri; e en Europa non disputou grandes ligas, con finales a catro e espectáculos televisivos, senón competicións que se manteñen nun segundo plano, duras, desagradecidas decote.

Ao mellor alguén traduce isto ao inglés e o bo de Chris pensa que vaia siareiros máis raros os de Breogán, que para louvalo sacan os seus defectos. En realidade é imprescindíbel facelo para soster que Mortellaro é o antiheroe perfecto, alguén con trazos diferentes aos do heroe tradicional, coma un Don Quixote calquera, pero que remata redimíndose por medio da súa diferencia. E non só un antiheroe: no contexto particular do xa histórico Breogán do 2015, Chris Mortellaro é un auténtico símbolo.

Porque o Breogán non é de élite (nin de hélice, xa que estamos). Non é a rapaza máis fermosa da festa, o galán musculado, o heroe con capa; non é un equipo de títulos, nin de partidos en Europa, nin de xogadores NBA. Si é un equipo de tipos entregados, traballadores do día a día, sufridores espallados por España e parte do estranxeiro, siareiros que pisaron cen pistas alleas e teñen noventa e nove lembranzas malas e unha boa. Pero que sempre volven porque ao mellor na pista cento un está a felicidade dun breoganista.

O cabaleiro da celeste número 6 estaba onde lle mandaban, obedecía con disciplina as ordes do banco, tiña os conceptos claros, puña bloqueos, capturaba rebotes defensivos e cometía poucos erros. Unha tarefa gris coma o seu cabelo. O equilibrio non vende e colleitou unha boa morea de paus. Pero chegou Palencia e de súpeto Mortellaro reluciu; e pasou Valladolid e regresou aos seus «cincopuntosecincorebotesefagooquememandan»; e o Breogán está na final por primeira vez en dezaseis anos e resulta que unha das chaves son os seus xogadores de teórico fondo de armario. E agora se Chris Mortellaro estampa un aro pasado contra o lateral do ferro, sorrimos con complicidade e lembramos febreiro coma se fose un febreiro calquera dos anos nos que non gañabamos.

morte 2

 Mañá pola mañá Quique Fraga chegará ao seu gabinete para analizar o xogo do COB. Chris Mortellaro chegará coa súa bolsa, amábel e calado. Os dous, trasuntos de Joe Pesci. Porque a Robert de Niro mírano todos, a Ray Liotta non paga a pena miralo e os focos caen nos grandes homes con papeles pequenos. Porque moitos tardaron en decatarse e algúns aínda o negarán, pero en realidade todos os breoganistas, no fondo, levamos o número 6.

 Javier Gómez

Advertisements

About Vinicius

Breoganista de hélice. Baloncesto e ciclismo. Chairego, lucense, galego. HBO fan. Namorado da miña terra.

Posted on 18 Maio 2015, in Xeral. Bookmark the permalink. Deixar un comentario.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

Baloncesto con P, de Palencia claro

todo por Palencia Baloncesto

@KIAenZona

Información sobre o Club Baloncesto Breogán S.A.D.

Blogoncesto

Información sobre o Club Baloncesto Breogán S.A.D.

ZonaOCB

Información sobre o Club Baloncesto Breogán S.A.D.