Category Archives: Outros

O noso vindeiro rival…

Club Baloncesto Peñas Huesca

 

 Breo        VS          CB_Peñas_Huesca         

 

Hai dúas semanas falabamos da auténtica final que supoñía o partido do Pazo ante Burgos. Perdeuse esa final, e cando semellaba que o L aniversario do clube ía rematar con máis pena ca gloria, o conxunto lucense afrontaba o partido do pasado venres sen a chegada do ansiado pivot, coa baixa de Pep Ortega e cunha semana de adestramentos verdadeiramente negativa en canto á súa evolución. O conxunto lucense, despois de estar prácticamente todo o partido por debaixo no marcador, chegou aos últimos intres con posibilidades, e aí estaba Mamadou Samb, que non está a ter a súa mellor tempada, para conseguir, no último segundo lanzar á remanguillé e darlle ao Breogán aire, vida. Así que a marea celeste, que horas antes dese partido ante o conxunto castellonense sabía da contratación do que será a última fichaxe do equipo, o americano Ofoegbu (prepárate Areñas), ten unha cita verdadeiramente vital ante o conxunto oscense. Un equipo, o de Joaquín Costa, que chegou a facer 9 vitorias en 10 partidos, se ben as dúas últimas derrotas consecutivas do conxunto aragonés, fixeron que estea “a tiro” dos celestes, xa que de gañar o Breogán, quedaría a só unha vitoria dos peñistas, que tan boa tempada están a realizar, sendo unha das sorpresas agradables da presente liga. Iso si, o Peñas parece ter acusado e moito, a baixa de Lluís Costa, que foi a Manresa a reforza-la posición de base do conxunto catalán, e que fixo que os oscenses sumaran dúas derrotas desde aquel momento, en Melilla, hai dúas xornadas por dous puntos, e a última derrota, máis dolorosa e inesperada, ante o Basquet Coruña de Tito Díaz, por 14 puntos, nun partido que non foi o mellor dos verdes esta tempada. Con respecto ao Breo, segue a súa tendencia alcista nas últimas xornadas, tentando escalar as posicións perdidas naquela mala racha. Se dúbida, os de Lisardo están tentando acadar un xogo moito máis consistente, baseado na defensa como corresponde ao adestrador lucense. E mentres, semella que os críticos do adestrador lucense, no canto de apoiar ao equipo nun momento crucial da tempada, onde se xoga nin máis nin menos que a posibilidade de loitar nos playoffs por un ascenso que leva xa resistíndose demasiado tempo ao conxunto lucense, están agochados agardando un mal resultado do equipo lucense para saca-las súas poutas, sen importar se os fallos do equipo son ou non culpa do adestrador, porque no momento que se troque de adestrador, toda a situación extradeportiva que rodea o equipo, os impagos, o vacío de poder na directiva, ou mesmo as canastas de triple que non entran e os rebotes que non se collen, todo iso, vaise solucionar no momento no que Lisardo abandone a nave breoganista. Pero, iso si, mentres o equipo siga gañando, os detractores do técnico breoganista agochados, paz social e todos contentos. Que siga a xeira, pois.

PLANTEL

Só continúa da tempada pasada o capitán, o oscense Jorge Lafuente, con fichaxes verdadeiramente importantes coma Guillem Colom, Goran Huskic ou Tadas Sedekerskis procedentes da Liga Endesa, ou  a chegada de Christian Díaz desde un ascendido COB. Completan tamén o plantel a dupla chegada de Navarra Marcos Portález e Daniel Bordignon, Joan Pardina desde Lucentum Alacante e os americanos procedentes da NCAA Kris Davis e Gabas Maldunas. Fixo dano ao equipo a incorporación de Lluis Costa ao seu equipo, Manresa, pola lesión do base titular dos cataláns hai dúas semanas. Chega na súa substitución o base islandés Aegir Steinarsson, que podería debutar en Lugo.

peñas-15-1024x769

BASES

14 Christian Díaz: 23 anos. Destaca polo seu talento e desparpaxo, ten calidade e recursos ofensivos para anotar desde varias posicións e é intenso en defensa, malia que ten bastante marxe de mellora na dirección de xogo. Vén formado nas categorías inferiores de Gran Canaria, con participación no defunto UB La Palma vinculado tamén ao clube canario de ACB, tamén xogou en Navarra na LEB Ouro e a pasada campaña en Ourense, onde sumou 4,6 puntos, 1,4 rebotes e 3,8 de valoración. No que levamos de campaña, aporta 9,7 puntos, 1,7 rebotes e 2,6 asistencias con máis dun 40% en tiros de dous puntos e 7,8 de valoración.

Aegir Steinarsson: 26 anos. Caracterízase por ser un xogador cun rol moi importante na dirección, defensa e anotación. Bo director de xogo, cumpre na faceta de bo base, polo que é moi completo dando asistencias e equilibrando ao equipo. Desenrolou a súa carreira universitaria en USA en Newberry, e os últimos anos disputou a primeira división da liga islandesa, o que lle servíu para ser internacional co seu país en tódalas categorías, incluída á absoluta, chegando mesmo a disputa-lo pasado Eurobasket onde coincidíu cun vello coñecido da afección lucense, Haukur Palsson. No seu último equipo, o KR Reykjavik, Steinarsson promediou 11,4 puntos, 5,5 rebotes e 6,8 asistencias en cada un dos 19 `partidos xogados. Podería debutar co conxunto aragonés en Lugo.

ESCOLTAS

4 Kris Davis: 22 anos. Trátase dun xogador que vén de termina-lo periplo colexial logo de catro tempadas nos SIEU Cougars de Edwardsville (Illinois). Ocupa a posición de escolta, pero pode xogar de base. Xogador moi eléctrico, bo anotador, destaca pola súa boa man desde a liña de tres. É moi atlético e perigoso co balón nas mans e moi difícil de parar xa que é un gran finalizador en bote, cun primeior paso no que encara a canasta con facilidade conseguindo accións espectaculares. O ano pasado, en 31 minutos sumou unha media 14,3 puntos e 10,4 de valoración convertíndose no máximo anotador e MVP do seu equipo, tendo porcentaxes do 46% en tiros de campo e do 50% en tiros de dous. No que levamos de tempada, suma 6,2 puntos, 1,2 rebotes e 2,3 de valoración nos case 20 minutos que xoga por partido.

5 Guillem Colom: 24 anos. O irmán de Quino Colom, internacional andorrano, disputou 6 partidos con primeiro equipo ACB, o Morabanc Andorra, xogando máis ben co filial que xoga a EBA, no que promediaba case 29 minutos por partido e sumaba 15,8 puntos, 6,3 rebotes e 1,9 asistencias, que fan 15,6 de valoración en 22 partidos. No que levamos desta campaña, o xogador andorrano suma 1,8 puntos e 1,4 rebotes para 1,2 de valoración nos apenas 10 minutos que está a xogar por partido.

ALEIROS

7 Jorge Lafuente: Con só 24 anos, é o referente, o capitán e a referencia absoluta do equipo para tódolos recén chegados. Trátase dun canteirán que leva toda a súa carreira no conxunto oscense, co que empezou en cadetes e agora, dez anos despois, continúa no primeiro equipo xogando a LEB Ouro, estando presente e sendo protagonista dos ascensos do clube a LEB Prata primeiro, e LEB Ouro máis adiante. É unha peza clave na formación do equipo e foi, o primeiro (e único) en renovar antes de buscar outras pezas no mercado. O ano pasado promediou 3,7 puntos, 3,1 rebotes e 1,7 asistencias para 6,5 de valoración. Na presente campaña 3,8 puntos, 2,7 rebotes e 6,9 de valoración con un 84,6% en tiros de dous e case un 55% en tiros de campo.

11 Joan Pardina: 22 anos. Aleiro barcelonés que a tempada pasada disputou a LEB Prata no Lucentum Alacante, e foi un dos destacados. Antes, xa debutara en ACB con Manresa na tempada 12/13. Trátase dun xogador con boa capacidade para coller rebotes tanto defensivos coma ofensivos, con bo tiro e pode adaptarse ás necesidades do seu equipo en cada momento. Ten, non obstante, marxe de mellora no físico, no 1×1 e no bote. A tempada pasada promediou 8,3 puntos, 6 rebotes e 11,1 de valoración nos pouco máis de 27 minutos xogados por partido. Nesta campaña promedia 5,7 puntos, 3,3 rebotes e 7,1 de valoración nos 21 minutos xogados.

13 Tadas Sedekerskis: 18 anos. Internacional lituano sub 18, conqueriu o pasado mes o bronce no campionato de Europa da categoría, na que o xogador foi peza clave. A pasada campaña, sendo xa xogador do Laboral Kutxa da Liga Endesa, estivo cedido no Araberri de LEB Prata, chegando a ser convocado en certas ocasións polo conxunto baskonista. A campaña pasada promediou 12,6 puntos, 7 rebotes e 2,3 asistencias por partido. Este ano promedia 2,6 puntos, 0,9 rebotes e 0,3 asistencias chegando a formar parte do quinteto ideal da xornada 3 cunha valoración media de 2,9 nos apenas 6 minutos que xoga en cada partido.

ALA-PÍVOT

10 Daniel Bordignon: 19 anos para este ala-pivot brasileiro con pasaporte italiano, vivíu a súa primeira experiencia senior o ano pasado, sendo cedido ao Planasa Navarra da LEB Ouro. Disputou tamén a Universiada de Corea, afronta esta segunda tempada consecutiva na LEB Ouro coma unha posibilidade de crecemento e de aprendizaxe, para dar o salto ao que é o seu equipo, xa que está cedido polo Laboral Kutxa da Liga Endesa. O ano pasado promediou 4,8 puntos, 2,2 rebotes e 2,5 de valoración, este ano leva 9,3 puntos, 5,6 rebotes e 8,8 de valoración.

PÍVOTS

9 Marcos Portález: 20 anos. Trátase dun pívot con moita intelixencia capaz de capturar rebotes nos dous lados da canasta. Moi agresivo á hora de ir á canasta e cun físico e intensidade que lle permiten loitar contra pívots máis grandes. Así é como, malia á súa xuventude, xa se gañou o mote de “Gladiator”. Destaca por correr moi ben a pista, e é un bo xogador de equipo, capaz de axudar ao seu equipo en moitas facetas do xogo, xogando o balón ou sen el en situacións de pick and roll pola súa mobilidade ou en situacións de bloqueo indirecto. A tempada pasada promediou 3 puntos, 1,6 rebotes e 3,4 de valoración en algo máis de 8 minutos de media. Este ano promedia 2,4 puntos, 1,5 rebotes e 1,3 de valoración nos 9 minutos que promedia.

12  Goran Huskic: 23 anos. Chega tamén cedido, neste caso doutro equipo vasco, do Gipuzkoa Basket, onde levaba dúas tempadas, pero a realidade é que disfrutou máis ben de poucos minutos, polo que vén agora a probar sorte á categoría de prata. Anteriormente xogara no Radnicki OB e na NCJAA no Howard College. Da súa etapa ACB, nos apenas 6 minutos disputados de promedio suma 1,5 puntos e 1,4 rebotes. No que levamos de campaña, o serbio leva 12 puntos, 6,4 rebotes, 1,2 asistencias e 11,9 de valoración nos 23 minutos xogados por partido

15 Gabas Maldunas: 22 anos. Ten coma principal virtude a intensidade, xa que se trata dun pívot bregador debaixo dos taboleiros, o que fai que teña unha gran capacidade reboteadora, en ámbolos dous lados do campo e ademais, cun alto grao de intimidación para os rivais. Caracterízase tamén por ter unha boa lectura de xogo, o que lle leva a repartir asistencias. Espírito de sacrificio e loita, e que ten claro o xogo en ataque. Chega procedente da Universidade de Dartmouth coa que disputou a NCAA as últimas 4 tempadas, promediando 11,2 puntos, 7 rebotes e 2 tapóns con boas porcentaxes de tiro. Esta tempada leva 9,8 puntos, 6,5 rebotes e 1,1 asistencias para 12 de valoración.

peñas-breogan-14

¿Como chegan?

As dinámicas dos dous partidos semellan bastante curiosas, o conxunto lucense está en tendencia alcista logo de gañar 3 dos seus últimos 4 partidos. Tomando coma referencia eses últimos 4 partidos, o conxunto oscense suma 2 vitorias e 2 derrotas. Sen embargo, os aragoneses están a facer unha das tempadas máis brillantes da súa historia, ou polo menos, xa que estamos a falar dun dos clubes con pasado ACB, dunha das tempadas máis brillantes da súa historia recente. Agora mesmo, co Breogán obrigado a gañar e co Peñas con dúas derrotas consecutivas e tentando buscar solucións á baixa de Lluis Costa que semella moi importante para os oscenses e que parece ter mermado de xeito importante aos peñistas, que non obstante, teñen o aval de ter gañado ao líder cunha diferencia de 26 puntos, na que foi a última vitoria en liga dos aragoneses.

¿Quen é favorito?

O conxunto celeste ten a obriga de ser favorito neste partido. Chega acuciado pola situación clasificatoria, porque se lle esgota o tempo para conseguir entrar na zona de playoff, e porque xoga na casa e iso sempre supón unha responsabilidade. Chega o Breo dunha semana tranquila, na que só os problemas físicos de Pep puido alterar a rutina dos de Lisardo, logo das convulsións da semana anterior, entre as desafortunadísimas e imprudentes declaracións de Sergio Llorente, e a lesión de Pep Ortega, xunto coa non chegada do prometido pivot, unha semana na que só se puido falar de baloncesto e centrarse no obxectivo deportivo… E todo porque a canasta de Samb quixo entrar e non saír para fóra! Por iso é tan importante conseguir unha vitoria, e máis aínda na casa, onde o Breogán ten o apoio da súa marea celeste, desexosa de bo xogo, o que até o de agora só puido amosar en contadas ocasións esta tempada. Así, desde o clube faise unha chamada á afección coa campaña de levar un amigo a prezo reducido, a só 5 euros. A recuperación amosada contra COB e Palma, tivo continuidade ante Castelló, pero na xornada anterior, no último partido no Pazo, o Burgos foi moito mellor cós breoganistas que non foron quen de igualar a intensidade dos casteláns en todo o partido. Pode que non, pero cecais esa canasta de Samb sexa das que logo fiquen na retina dos bos afeccionados pola súa importancia ao final… Saberémolo nuns meses. De momento, seguindo co partido do Peñas, o conxunto oscense chega coa seguridade de que, sexa cal sexa o resultado en Lugo, van rematar a xornada, e posiblemente a tempada regular, en zona de playoffs, pois xa suman 13 vitorias (o Breogán ten 11). Así pois, o conxunto oscense quere xogar coa presunta presión que poidan sentir os locais no canto que o vento non lles sexa favorable, pois eles afrontan o partido sen ningunha obriga, toda vez que xa deixaron atrás o primeiro e principal obxectivo da súa tempada, salva-la categoría de xeito cómodo, e poder pelexar unha eventual clasificación para os playoffs. Ademais, semella que históricamente non é Lugo unha praza sinxela para os aragoneses. Nos 34 duelos entre breoganistas e peñistas ao longo da historia, que comezaron hai nin máis nin menos ca 30 anos, hai unha lixeira vantaxe para os lucenses, que venceron en 18 partidos, caendo derrotados en 16. Iso si, contando os partidos de Lugo, a balanza decántase claramente para os celestes, dos 17 partidos disputados en Lugo, os oscenses só foron quen de marchar coa vitoria en 3 ocasións, por 14 vitorias dos breoganistas. O Breogán ten, este sábado, a obriga de ensanchar aínda máis esa estatística polas súas posibilidades de éxito na presente tempada. A cita, no Pazo, en horario distinto do habitual pola coincidencia co partido dos nosos irmáns do fútbol, o C.D. Lugo. Así pois, a partires das 18.00 no Pazo, a final. O equipo necesita o apoio de todo o Pazo desde o salto inicial. Nós non faltaremos. FORZA BREO!!!

Inferno celeste II

O NOSO VINDEIRO RIVAL…

O NOSO VINDEIRO RIVAL:

Club Baloncesto Miraflores San Pablo Inmobiliaria Burgos

 

Breo         VS       miraflores            

 Partido clave. Final. Partido importantísimo. Vital. Esgótanse os calificativos para definir o encontro deste vindeiro sábado no Pazo. O conxunto breoganista, logo dunha tempada plagada de diferentes vicisitudes, chega a este partido a só unha vitoria do seu rival. De feito, chega a unha sola vitoria da quinta praza. E tendo sufrido todo o que leva sufrido o cadro de Lisardo nesta tempada, o certo é que resulta case épico que o conxunto celeste chegue, non só vivo, senon con tódalas opcións abertas a final da tempada. O Breo vén de conquerir unha vitoria importantísima en Son Moix ante o Palma Air Europa, nun partido moi igualado e no que o conxunto celeste se enfrontaba á súa besta negra particular, o pivot tinerfeño Ricardo Guillén, especialista en facer partidazos cada vez que ten enfronte aos de Lugo. Non é que non o fixera o pasado domingo, pero non abondou para derrotar ao conxunto galego, que se levou unha vitoria que lle fai, se vén non escalar na clasificación, estar moito máis preto dos obxectivos que pode acadar ao final da tempada regular. Chegan pois, os de Lugo coa necesidade imperiosa de gañar, pero non están moito mellor os casteláns, xa que os da beira do río Arlanzón levan 4 derrotas consecutivas, e semella que poden sufrir para acadar uns playoffs que poden estar máis caros ca nunca. Así que, os casteláns chegan tamén apurados, co obxectivo de non caer desa zona de playoff á que se quere encaramar o Breogán. E que mellor maneira de facelo que dar un golpe na mesa na casa dun dos galos da clasificación, o Clube Baloncesto Breogán. O Burgos está ante a súa peor xeira de resultados de toda a tempada, nunca antes acumulara catro derrotas consecutivas e queren, os de Diego Epifanio, non caer á zona de playout, xa que levan toda a tempada dentro desa zona de playoff á que aspira a entrar o conxunto de Lisardo. Os burgaleses sufriron, a mediados da tempada, a baixa do seu buque insignia, o adestrador Andreu Casadevall, que fixo as maletas cara Zaragoza para dirixir ao clube ACB, deixando aos do Plantío sen o que fora un dos grandes protagonistas dos “ascensos” das últimas tempadas dos antigos clubes burgaleses, O C.B. Atapuerca e o seu sucesor, o C.B. Tizona, cuxo sucesor é o Miraflores. Un conxunto que, cecais nunca debera ter participado na liga, e só o fixo por invitación dos dirixentes desta competición, entregando a documentación fóra de prazo e toda vez que se cansaran de dicir que Burgos, ou saía na ACB como lle correspondía deportivamente, ou non sairía. O caso é que, meses despois daquilo, a cidade castelá disfruta de básquet cada 15 días no Plantío, cun plantel máis ca decente e co obxectivo claro de entrar nos playoffs, obxectivo que, a día de hoxe comparte co Breo. O resultado da primeira volta, vitoria dos burgaleses por 5 puntos, pode ser outra das claves deste partido, xa que se o Breo consegue a vitoria, faría ben en mirar a diferencia, que ao final da tempada pode ser significativa.

¿Obxectivo?

Segundo os propios directivos do clube burgalés, o obxectivo pasa únicamente por competir cada 15 días e disfrutar de básquet de élite para a cidade. Logo de tres intentos consecutivos por parte de dous diferentes clubes da cidade de xogar na máxima categoría, a Liga Endesa, o clube burgalés plantéxase coma obxectivo o máximo deportivo, sen plantexarse ningún concreto. É certo, por potencial de plantel que semella estar uns cantos chanzos por debaixo da calidade doutros planteis de clubes burgaleses en anos anteriores, onde tanto o quinteto titular coma o banquiño aportaban moito remando cara o obxectivo final. Así as cousas, o C.B. Tizona sumou un record que será difícil de igualar a pasada tempada, ao sumar de maneira consecutiva nada menos que 14 vitorias consecutivas, as máis delas por 20 ou máis puntos de diferencia. O Miraflores, cun plantel máis ca competitivo, semella que aspira polo menos a entrar en playoffs de xeito cómodo, malia que pelexar polo primeiro posto, semella un pouco difícil ao medirse con planteis con tanta calidade coma Palencia, Melilla, Palma ou o propio Breogán. A ambición do clube é volver facer disfrutar á decepcionada afección burgalesa, para o que recuperaron as cores e signos de identidade dos anteriores referentes baloncestísticos burgaleses.  Pelexar e poñer difícil os playoffs a calquera equipo, que teña que sufrir no Plantío semella un obxectivo conquerible a longo prazo.

PLANTEL

O adestrador Andreu Casadevall deixou o clube en canto lle saíu a oportunidade de adestrar na ACB. Agora, o seu sucesor, Epifanio, tentará sacar o máximo do seu plantel. Co xa coñecido pola afección burgalesa Anton Maresch, o resto do plantel completouse en tempo record para facer unha das escuadras máis competitivas da liga, coas apostas de Matija Poscic, Justas Sinica, Augustas Peciukevicius e Filip Toncic xunto con vellos coñecidos da liga coma Roger Vilanova, Edu Martínez e Roger Fornás, así como procedentes da liga Endesa, Rafa Huertas e Javi Vega.

Burgos

BASES

7 Roger Vilanova: 28 anos. Base electrizante, cun bo cambio de ritmo que lle permite desbordar con facilidade ao seu defensor. Ten, ademais, gran capacidade de dirección e de pase, non sendo un gran anotador. Ten boa actitude defensiva e axuda en todo o que pode, malia súa capacidade física. O ano pasado en Prat, promediou 6 puntos, 1,9 rebotes e 3,1 asistencias en pouco máis de 22 minutos de xogo, para 6 de valoración. Nesta tempada, leva 3,4 puntos, 2 rebotes e 3,1 asistencias para 4,3 de valoración.

12 Augustas Peciukevicius: 24 anos. Chega procedente do Tartu Rock estonio, completou a súa formación na súa Lituania natal, sendo internacional en tódalas categorías inferiores do seu país mesmo colgándose a medalla de bronce no sub16 e a de prata no sub18. O ano pasado promediou 8,9 puntos, 3,7 rebotes e 4,1 asistencias na liga local e 8,3 puntos, 2,9 rebotes e 3,5 asistencias na Eurochallenge. No que levamos de tempada, promedia 6,8 puntos, 2,9 rebotes, 3,6 asistencias para 8,7 de valoración en 22 minutos disputados.

ESCOLTAS

5 Rafa Huertas: 31 anos. Trátase dun dos xogadores máis experimentados do plantel. Escolta que coñece perfectamente a categoría, logo de ter xogado en Melilla, Burgos, Lucentum, Ourense e Palencia, de onde marchou a metade da tempada para xogar en Gipúzkoa Basket na liga ACB, onde tamén xogou en Menorca. O ano pasado promediou nos 14 partidos que xogou en Palencia, 7,4 puntos, 2,1 rebotes e 1,6 asistencias para 5,5 de valoración en 22 minutos de xogo. No que levamos de tempada, promedia somentes 7,1 puntos, 1,3 rebotes para 4,3 de valoración.

8 Anton Maresch: 24 anos. O austríaco chegou a Burgos hai 4 tempadas da man do seu adestrador actual, Andreu Casadevall. É internacional co seu país en categorías inferiores. Trátase da estrela do cadro burgalés na presente tempada, destaca sobre todo pola súa facilidade anotadora, con porcentaxes que rondan o 45% en tiros de campo. Na pasada tempada, na que só puido participar en 24 partidos co cadro do C.B. Tizona sumou 7,4 puntos, 1,8 rebotes e 2 asistencias para 7,3 de valoración nos case 19 minutos disputados en cada partido. No que levamos da presente campaña, promedia 9,7 puntos, 2,1 rebotes e 2,7 asistencias para 9,5 de valoración.

ALEIROS

10 Justas Sinica: 30 anos. Procede do Neptunas Klaipeidia lituano, ten pasado por equipos importantes do seu país, coma o Lietuvos Rytas, xogando case sempre nas ligas bálticas, ten grandes fundamentos técnicos. O xogador lituano promediou o ano pasado na competición ligueira 5,6 puntos, 1,7 rebotes. En euroliga, onde xogou no grupo de Olympiakos, Estrela Vermella, Laboral Kutxa, Galatasaray e Valencia Basket promediou 2,9 puntos, 1,5 rebotes e 0,8 asistencias, e finalmente na Eurocup 4,2 puntos, 4,3 rebotes e 1 asistenci. Este ano promedia 8,8 puntos, 2,8 rebotes e 1,3 asistencias para 7,6 de valoración nos case 23 minutos que soe xogar cada partido. Difícil o seu concurso en Lugo.

15 Edu Martínez: 25 anos, procedente do Clube Ourense Baloncesto, co que vén de acadar o ascenso á liga ACB. O xogador rioxano foi canteirán do FC Barcelona, co que acadou unha progresión máis ca notable, chegando mesmo a debutar en ACB co clube catalán. Despois incorporouno Asefa Estudiantes á súa canteira, de onde foi chamado para reforzar ao C.B. Breogán a metade da tempada, para fichar ao ano seguinte polo clube ourensán. Así as cousas, trátase dun aleiro tirador con capacidade defensiva. O ano pasadou en Ourense promediou 5,9 puntos, 1,9 rebotes e 5,1 de valoración nos 15 minutos e medio que xogou cada partido, este ano suma 6,4 puntos, 1,6 rebotes e 0,4 asistencias con porcentaxes que superan o 40% en tiros de campo para 4 de valoración.

ALA-PÍVOT

9 Javi Vega: 28 anos. O madrileño chega ao clube burgalés despois de 15 anos vencellado ao Baloncesto Fuenlabrada. Foi no clube do sur de Madrid onde debutou na ACB hai xa 10 anos. Logo de pasar por Xetafe, León, Sevilla e Melilla en diferentes cesións, despedíase do clube do sur de Madrid. Semella unha das pezas claves no esquema de Andreu Casadevall pola súa versatilidade. O ano pasado promediou 3,8 puntos e 2,6 rebotes para 3,3 de valoración. Na campaña actual, 10,1 puntos e 5,1 rebotes para unha valoración de 10,9 e cunhas porcentaxes superiores ao 45% en tiros de campo e máis do 51% en tiros de 2 puntos.

19 Roger Fornás: 33 anos. O xogador catalán é un referente importantísimo para os seus compañeiros. Trátase dun interior de brega, de moita loita e que nos últimos anos mellorou na faceta do tiro exterior. Logo de xogar as últimas tres campañas en Palencia, chega a Burgos para convertir esa experiencia forxada en Tarragona, Sabadell, Hospitalet, Breogán (onde gañou a xa famosa Copa Príncipe de Zaragoza, unha das últimas en formato cuadrangular), Valladolid ou Cáceres ademáis de Palencia. O ano pasado, no cadro palentino asinou unha tarxeta de 5,9 puntos, 4,7 rebotes e 5,7 de valoración, con boas porcentaxes. Esta tempada pola súa banda leva 8 puntos, 4 rebotes e 9 de valoración.

PÍVOTS

2 Matija Poscic: 30 anos. Este xogador croata cumpre a súa primeira tempada en Burgos, e está completamente adaptado ao cadro castelán, ao que chegou logo da marcha de Alberto Moncasi por motivos persoais. Promediou o ano pasado na Primeira División húngara, no Sopron KC 10,9 puntos, 6,5 rebotes e 0,6 asistencias, destacando pola súa fiabilidade nos tiros de campo, onde chegou ao 68,4% Este ano promedia 5,3 puntos, 4,9 rebotes para 6,8 de valoración. En principio é difícil que poida ser da partida no Pazo ante o Breogán.

13 Filip Toncinic: 31 anos. Internacional coa selección de Croacia, xogou o ano pasado na A1 no Vros Darda. É un xogador de equipo, que vai traballar duro para os seus compañeiros, non destaca polas grandes cifras. Os seus 2,12 servenlle para intimidar e a sentirse cómodo e con bos movementos nos postes. O ano pasado promediaba uns interesantes 20,8 puntos, 8,8 rebotes e 1,7 asistencias, ademáis de 1 tapón por partido. No que levamos de tempada promedia 12 puntos, 5,4 rebotes, 0,5 asistencias partido no que supoñen 13,3 de valoración en apenas 21 minutos de xogo.

DSC33181

¿Como chegan?

O Breogán chega despois de dúas vitorias que actuaron coma bálsamo para a afección, e ademais, agora chega Burgos, o que podía supoñer que, de gañar, o Breogán acadase a 9ª posición e saíse dese incómodo playout no que transita desde hai semanas. Ademais, o conxunto celeste semella que por fin se atopou a si mesmo, e consegue certa regularidade no seu xogo, medrando desde o esforzo defensivo. Así o fixo nas dúas últimas vitorias ante COB e, sobre todo, en Palma ante o conxunto local, que fixo que o Breogán asumise esa maioría de idade que se lle presupón a este plantel. Un plantel con calidade, como tamén o é o conxunto burgalés, herdeiro dos grandísimos equipos burgaleses do Tizona e do Atapuerca. E que ten a obriga case moral de xogar uns playoffs para os que se lle presupón preparado por historia, por tradición e por plantel. O equipo azul non está na mellor dinámica e chega logo de perder tres partidos consecutivos que fan que estea xusto no límite entre os playoffs e o playout, polo que este partido pode ser clave para eles, que, ademais de vencer, deixarían a un rival directo a dúas vitorias máis a averaxe.

¿Quen é favorito?

Os breoganistas, xogando na casa e co plantel que teñen, sempre deberan ser favoritos. Hai que ter respeto co conxunto burgalés, sobre todo porque é un equipo con moitos recursos tanto ofensivos coma defensivos. O conxunto de Epifanio, chega, ademais, coa lousa de tres derrotas consecutivas, que fai que sexan unha das peores xeiras da liga. O conxunto burgalés chega obrigado, pero sen dúbida, polo peso da historia, pola clasificación, polo potencial dos planteis e por suposto, por xogar na casa, a meirande obriga é para os de Lisardo. Pois semella que todo o que non sexa unha vitoria breoganista, sería verdadeiramente sorprendente e voltaría as pantasmas do troco do adestrador á bancada celeste. Sen dúbida, o Breo síntese moito máis cómodo xogando ao carón da marea celeste, e co calor da súa afección, a fiel afección celeste que sabe máis ca nunca da importancia deste partido. As contas da leiteira din que quedan 9 partidos, 9 finais das que 6 delas serán contra rivais directos e das que 5 serán no Pazo. Non queda outra que loitar por gañar cada un dos partidos que restan un por un. E si, coa maior cantidade posible de vitorias, ver onde pode chegar, cal é a posición que lle toca ocupar. Respecto do Burgos, na etapa LEB, o Breogán xogou contra os conxuntos burgaleses (Tizona, Atapuerca e Miraflores) en 22 ocasións, con 12 vitorias burgalesas e 10 lucenses. No Pazo, o balance é máis favorable, pois xogaron en 10 ocasións e os lucenses gañaron nada menos que en 8, perdendo só un partido en playoff e outro en liga regular contra os casteláns. Este sábado, o partido será, lembremos, unha hora máis tarde do horario habitual. No Pazo. A partires das 20.15. Nós apostamos á celeste. E tí, valo perder? FORZA BREO!!!

O NOSO VINDEIRO RIVAL

Club Baloncesto Bahía San Agustín Palma Air Europa

 

mallorca           VS  Breo

 

Quen ía pensar que este partido entre Palma e Breogán podería ser decisivo para os playoffs. Hai unha volta, o conxunto palmesano impoñíase aos celestes na enésima exhibición de Richi Guillén no Pazo, comezando o burato negro no que os celestes se meteron e aínda non deron saído de todo, e que lle levou a estar fóra de playoffs e cunhas sensacións realmente malas. E nesas levamos unha volta enteira que se ha cumprir neste partido. Neses 15 partidos, o Breogán sumou únicamente 5 vitorias (a da xornada pasada contra Ourense, Lleida, Oviedo, Logroño e Prat) e 10 derrotas. Tendo en conta esta estatística e que Palma mantívose duratne case que toda a tempada mesmo pelexando pola segunda praza, mesmo por entrar na Copa Princesa, podería parecer que os dous equipos deambulan por universos clasificatorios completamente diferentes. Sen embargo, se o conxunto celeste consegue derrotar ao balear, únicamente unha vitoria mediará entre estes dous equipos. E é que a situación á que chegan os baleares é coa peor xeira aberta de resultados na liga, na que levan catro vitorias consecutivas. No cadro celeste, semella que a semana de descanso que servíu para incorporar a Jeff Xavier, que debutou na xornada pasada no derbi do Miño, e tamén para dicir adeus a Travis Nelson, pero sobre todo para mellorar e conxurar ao equipo, para facer piña. Álex López mancouse e apenas puido participar no partido ante COB, pero o resto dos seus compañeiros fixeron un bo partido, rallando por momentos a gran altura defensiva o que deu, especialmente na segunda metade, a vitoria aos lucenses. É precisamente nese partido no que se queren reflectir os celestes, aínda pendentes da posible chegada dun home de garantías para pechar o xogo interior. Sonaron nomes da categoría na que quere chegar a pelexar por estar o Breo, na ACB coma Víctor Arteaga ou Uros Slokar. O certo é que o primeiro semella terse alonxado definitivamente, e o segundo pedíu un tempo, que o clube estaba disposto a asumir… En función dos resultados. O Breogán xa estivo a piques de espertar noutras fases da liga, chegando a sumar tres vitorias consecutivas. Pero voltaron os problemas, primeiro con Gerardo Suero e a súa incapacidade para adaptarse ao básquet europeo, e despois coa xeira interminable de lesións que xusto rematou cando o calendario máis duro se poñía para os celestes. Así pois, e tendo en conta que, de agora en un mes, o Breogán só vai xogar partidos contra equipos que lle anteceden na clasificación pero que, están relativamente preto, é o momento para os de Lisardo de pegar o golpe na mesa. Iso si, o Breogán é un experto absoluto en resucitar equipos coa peor xeira da liga. Concretamente atopouse nesta situación até en cinco ocasións, seis se temos en conta unha xeira de Cáceres de unha vitoria illada en 8 partidos e o Breogán só foi quen de gañar a Prat e Lleida, caendo por contra contra Coruña (xornada 3), Cáceres (xornada 13), Barça B (xornada 14), Navarra (xornada 15). Ademais, foi o propio Breo a peor xeira da Liga nos dous últimos partidos, ante Coruña e COB. Así pois, o que se vai vivir en Son Moix vai ser un auténtico partidazo, con tódalas letras, entre un Breogán que tenta atopar o seu estilo, e un Palma que quere facer honra ao seu plantel, que o sinala coma un dos máis potentes da Liga.

PLANTEL

Só continúa un xogador desde a pasada tempada, o murciano Adrián Méndez. O plantel complétano 9 xogadores profesionais máis, a dupla de bases do extinto Mywigo Valladolid Óscar Alvarado e Mikel Uriz, Edu Durán, Khalid Mutakabbir, Miquel Feliu, Javi Lucas, Tautvydas Sabonis, Ryan Nicholas e o veteranísimo Ricardo Guillén.

palma

BASES

19 Óscar Alvarado: 24 anos. Un auténtico veterano malia súa idade. O canteirán de Herbalife Gran Canaria, xa xogou no seu primeiro equipo en ACB aínda que sen ter a continuidade necesaria. Tamén probou a principios do ano pasado no Brose Basket Bamberg alemán. Anteriormente, só con 19 anos debutara na LEB Ouro co UB La Palma. Trátase dun base con boa visión de xogo e intelixencia, que se complementa ás mil marabillas con Mikel Uriz, co que coincidíu durante 14 partidos o ano pasado no Mywigo Valladolid. O ano pasado promediou 2,3 puntos, 1,4 rebotes e 3 asistencias nos 15 minutos que disputou para uns 4,1 de valoración. No que levamos de tempada protagoniza 2,3 puntos, 1,1 rebotes e 1,6 asistencias para 2,6 de valoración nos case 14 minutos que xoga por partido.

24 Mikel Uriz: 26 anos. Vén de ser nomeado a pasada campaña mellor base da liga LEB logo da súa boa campaña en MyWigo Valladolid. O xogador navarro, con pasado no Estudiantes Lugo e que chegou mesmo a debutar nalgunha ocasión coa camiseta celeste, trátase dun xogador intenso en defensa e con gran capacidade para saír ao contraataque. Trátase da súa quinta campaña consecutiva en LEB Ouro, logo de ter xogado con Alcázar, Navarra, Clavijo e na pasada campaña, no conxunto do Mywigo Valladolid. O ano pasado promediou uns nada desdeñables 10,8 puntos, 3,1 rebotes e 4.8 asistencias para 14,1 de valoración nos 28 minutos que disputaba cada partido. No que levamos de tempada asina unha tarxeta de 12,7 puntos, 3,2 rebotes e 5,6 asistencias con 15,9 de valoración. Destacable ademais que está por riba do 44% en lanzamentos de campo.

ESCOLTAS

6 Edu Durán: 24 anos. Escolta dotado dun bo pulso e un voraz instinto anotador, que entende moi ben o xogo. Aproveita o seu bo manexo de balón para as penetracións e o seu rápido armado de brazo para os tiros a unha man preto do aro. O xogador madrileño foi formado nas categorías inferiores do Real Canoe e levaba catro tempadas en Guadalaxara, dúas en EBA e outras dúas (as últimas) en Prata co CEBA Guadalaxara. Na última tempada deu un paso adiante e converteuse no xogador revelación da categoría, sumando 17,1 puntos, 2,2 rebotes e 2,1 asistencias para 13,3 de valoración. No que levamos de tempada 8,6 puntos, 1,4 rebotes e 1,4 asistencias para 6,7 de valoración. Está por riba do 42% en triples e en tiros de campo.

7 Khalid Mutakabbir: 24 anos. O ex de Basquet Coruña pasa por ser un dos cotonous exteriores máis interesantes da competición. Trátase dun xogador moi talentoso, con boa man desde a liña de tres puntos e capacidade de desbordar no 1×1 grazas á súa velocidade e ao seu dominio de balón. Formado na NCAA, concretamente na Universidade de Presbyterian, o seu debut profesional fíxoo nas filas do Aries Trikala, no básquet grego. Sen embargo non tivo demasiada sorte e foi o ano pasado cando explotou coma profesional facendo unha boa campaña da man de Tito Díaz en Coruña, no que promediou 9,9 puntos, 1,7 rebotes, 1,6 asistencias e 6,7 de valoración nos 22 minutos disputados. Está lesionado de longa duración, non estará no partido ante Breogán.

19 Jorge Romero: 26 anos. Formado nas categorías inferiores de Gran Canaria, recalou hai 8 anos na canteira do Real Madrid. Trátase dun escolta con boa man desde o perímetro (o ano pasado mesmo chegou a asinar un 46% en tiros de tres en Navarra). Chegou logo da lesión de Mutakabbir, que será baixa até finais da tempada regular. O ano pasado asinou 8,3 puntos, 2,9 rebotes e 1,3 asistencias para 7,3 de valoración. No que levamos de ano en Palma leva 6,7 puntos, e 1,6 rebotes para 3,6 de valoración nos escasos 17 minutos que disputa. Iso si, supera o 42% en tiros de triple.

ALEIROS

10 Miquel Feliu: 30 anos. Trátase dun aleiro alto moi poderoso físicamente, o que fai que poida levar aos seus pares ao poste e anotar con certa facilidade. Aporta en tódalas facetas do xogo, especialmente en defensa e rebote, pero tamén en ataque. Un auténtico trotamundos LEB que chegou tamén a xogar en ACB internacional en tódalas categorías inferiores. Xogou en Manresa, L’Hospitalet, Palma Aqua Mágica, Vic, Xirona, CB Xacobeo Monbus, Lleida, Palencia e Burgos. Estivo lesionado do nocello a principios de tempada, e no que levamos asina 8,7 puntos, 2,9 rebotes para 7,3 de valoración nos 27 minutos que xoga por partido.

40 Adrián Méndez: 22 anos. Xogador cun físico brutal, moi completo. Trátase dun aleiro rápido que é quen de defender con intensidade. Xoga sen presión e tira con acerto. Ademáis é un xogador con boa capacidade para a penetración pola súa explosividade e as súas magníficas condicións físicas. Amosa ademais, moita capacidade para defender con intensidade.  Formado nas categorías inferiores do CB Murcia, chegou a debutar na ACB co seu clube con só 19 anos. Marchou despois ao Obila de LEB Prata para fichar a pasada tempada polo Bahía San Agustín de LEB Ouro, onde cumpre a súa segunda tempada, sendo o xogador que máis tempo leva no plantel. O ano pasado promediou 2,8 puntos, 2,2 rebotes para 2,1 de valoración en 16 minutos por partido. Está lesionado no nocello, e en principio é baixa para o partido ante Breogán.

ALA-PÍVOT

13 Javi Lucas: 28 anos. Trátase dun xogador que vén de facer unha boa campaña co Valladolid e ademais atópase en época de madurez. Aporta centímetros, rebote e traballo duro nas posicións de 4 e 5, e mesmo tiro exterior, faceta esta na que mellorou e moito nas últimas tempadas. Conta con ampla experiencia nas ligas FEB, pois antes estivo 3 tempadas en prata (unha en Óbila e dúas en Básquet Coruña) e tres máis en Ouro (dúas en Coruña e unha en Valladolid). Co conxunto castelán chegou ademais a disputa-las semifinais do playoff polo ascenso, perdéndoas contra do conxunto celeste. O CB Breogán. O ano pasado Lucas sumou 8 puntos, 6 rebotes e 11,7 de valoración. Na presente campaña, o alacantino leva 6,3 puntos, 5,5 rebotes e 10,8 de valoración.

22 Tautvydas Sabonis: 23 anos. Levar o apelido Sabonis é unha auténtica responsabilidade para este ala-pívot de orixe lituana pero que leva toda a súa carreira deportiva vinculado a Málaga. Primeiro nas categorías inferiores do conxunto de Unicaja e, unha vez cumprida a idade senior, no clube vinculado, o Clínicas Rincón, no que levaba xa 4 campañas consecutivas, sempre baixo a tutela de Ricardo Guillén, co que tamén coincidirá nesta ocasión. Así coma o seu irmán Domantas está probando nunha universidade americana, “Tutty” vai probar a súa primeira experiencia fóra de Málaga en Palma. O ano pasado promediou 8,4 puntos, 5,1 rebotes e 1,4 asistencias para 8,8 de valoración. Este ano estase a mover en gorismos algo máis baixos con 6,2 puntos, 4 rebotes e 1,4 asistencias para 7,5 de valoración.

32 Ryan Nicholas: 24 anos. Xogador moi duro e traballador, con boa capacidade para o rebote e os grandes movementos na pintura aos que se lle engaden a súa habilidade para o lanzamento desde media e longa distancia. Formado na Universidade de Portland, na NCAA, xogou a última campaña en Europa, máis concretamente en Lituania, no Dzukja no que promediou 5,1 puntos e 2,9 rebotes para un equipo que acabou 6º na táboa. No que levamos de tempada suma 4,1 puntos, 2,9 rebotes para 4,2 de valoración total nos case 15 minutos que disputa en cada encontro.

PÍVOT

44 Ricardo Guillén: 39 anos. Falar de Richi Guillén é falar de MVP. O ano pasado, xogador máis valorado da liga. Desde hai 11 anos suma 2 MVP’s de final de tempada regular e dos segundos postos no ranking dos xogadores máis valorados da liga. Nesta tempada leva forma espectacular, gañando 1 MVP da xornada e foi incluído 9 veces no quinteto da xornada que levamos até o de agora. É o máximo anotador da competición e o segundo xogador máis valorado a estas alturas. Trátase dunha auténtica lenda na historia das competicións FEB. Xogou en ACB en Granada, Gran Canaria, Tenerife, no C.B. Canarias e no C.B. Monbús. Na categoría de prata no Alxeciras, Os Barrios, Cantabria, C.B. Canarias, Clínicas Rincón e agora no Palma. A tempada pasada, na que como diciamos gañou o MVP, promediou 16,4 puntos, 6,4 rebotes e 4,8 faltas recibidas para un total de 20,4 de valoración. No que levamos de tempada suma 20,6 puntos, 6,8 rebotes, 2,5 asistencias, 4,3 faltas recibidas e 24,4 de valoración. Está por riba do 62% en tiros de 2 e do 56% en tiros de campo.

¿Como chegan?

O Breogán chega logo de gañar convencendo no derbi do Miño ante COB Ourense, logo de dúas semanas de traballo tranquilo e sen sustos. Chegan ademais cun equipo en forma e sentindo que teñen ante si a oportunidade de enganchar unha boa xeira positiva, toda vez que os sinais de identidade de Lisardo comezan a aparecer no equipo, con boa defensa e transicións rápidas. Falta por ver se nesta semana poderá chegar o ansiado pivot que peche o que pode ser un dos mellores planteis da competición. Enfronte chega un Palma necesitado de vitorias, que acumula catro derrotas consecutivas e que quere recuperar as boas sensacións da primeira volta para evitar entrar nunha crise de xogo e resultados. Para elo contan co sempiterno Richi Guillén, especialista en MVP’s e especialista tamén en xogar partidos espectaculares contra os celestes. Tamén Mikel Uriz, na que está a ser, sen dúbida, a mellor campaña até o de agora do base navarro. Dous bos equipos fronte a fronte, e co Breogán necesitado de seguir con ese vento a favor que semella, por fin, lle empeza a chegar.

breo-palma

¿Quen é favorito?

O Palma leva toda a tempada navigando nas augas tranquilas do playoff, mesmo chegando a pelexarlle a segunda praza a un fortísimo Melilla por momentos. Mentres tanto, o Breogán semella un barco á deriva, sen moito que poder facer para frear os malos resultados que ían afundindo aos celestes no pozo da clasificación. O Palma, ademais, non está a amosar a súa mellor cara na súa casa, de feito, leva catro vitorias e cinco derrotas. A última vez que gañou diante do seu público foi hai dous meses e medio, na xornada 10. Fóra da casa, por contra, o rendemento está a ser superior, con sete vitorias e só catro derrotas. Todos eses factores, unidos á calidade do plantel celeste, e sobre todo á necesidade que ten o Breo de escalar posicións e de tornar dunha vez por todas esas pantasmas que lle acompañaron durante boa parte da tempada de non ser quen de endereza-lo seu rumbo nin de atopar o seu ritmo de xogo, fan que o Breo, por incrible que poida parecer pola traxectoria duns e outros durante o ano, parta cunha lixeira vantaxe contra o conxunto de Cepeda. Haberá que ver como reacciona a bancada local, no caso de que as cousas se poñan feas, logo de non ver gañar ao seu equipo durante moito tempo. Iso si, malia que Palma partía como un dos planteis favoritos para dar moita guerra durante toda a tempada, nunca o obxectivo real de fondo foi acadar ese ascenso, polo que a tranquilidade nun clube sen urxencias coma é o palmesano, está instalada nos directivos do cadro balear. Históricamente, como xa refrendamos no seu día, non hai demasiados enfrontamentos entre breoganistas e baleares, xa que o Bahía San Agustín como tal, é un equipo moi novo, que trata de darlle pulo ao deporte da canasta nas Illas Baleares, algo orfas desde a desaparición do Menorca Básquet, e desexosas de que o proxecto mallorquín poida chegar canto máis arriba posible. A historia, pois, dun clube que saíu a competir na 2008/09 e que chegou a campaña pasada á LEB Ouro, só reflicte 3 enfrontamentos entre celestes e baleares, con dúas vitorias baleares, unha en Son Moix e outra na primeira volta desta tempada, en Lugo, e unha única vitoria dos lucenses, e na prórroga, no que era o primeiro enfrontamento entrámbolos dous clubes. Así pois, semella que haberá emoción no partido. A cita, o vindeiro domingo ás 18.00… Xa saberemos o resto dos resultados! Nós apostamos á celeste. E tí? FORZA BREO!!!

O Breogán 2014/15 comeza a andar

Rematado o exercicio económico 2013/14 o 30 de Xuño, logo de 15 días sen case novidades, parece que van chegando as primeiras novas logo do Consello de Administración celebrado onte polos rectores breoganistas.

Segundo se puido saber, a tempada rematarase cun pequeno superávit de case 40.000 euros. Sen dúbida unha boa nova para as “tocadas” arcas celestes. Cabe destacar ao respecto que esta ganancia económica foi posible en gran medida ao patrocinio de última hora de Ribeira Sacra, un montante económico de aproximadamente o dobre do inicialmente presupostado para patrocinio principal.

De cara á vindeira tempada estableceuse un orzamento de mínimos para o correcto funcionamento da S.A.D., en torno aos 900.000 euros, unha cifra lixeiramente inferior a da tempada pasada. Tendo en conta que o clube conta con dous traballadores menos, pódese dicir que o orzamento será practicamente igual.

Sen dúbida, esta cifra marcará o que será a confección do novo plantel breoganista. Posiblemente a cifra destinada á parcela deportiva non exceda dos 500.000 euros (técnicos incluidos). Un ano máis haberá que axustar ao máximo as contratacións de xogadores para conseguir un plantel capaz de loitar entre os cinco mellores da categoría. Sen dúbida, a cara estrutura non deportiva da S.A.D. segue a marcar o futuro inminente da entidade. Quizais un esforzo orzamentario de non máis de 100.000 euros desen para loitar de forma clara polo ascenso á liga ACB.

Unha vez coñecida a cifra orzamentaria, podemos facernos unha idea de que posición económica teremos no mercado. Tres entidades parten con superioridade clara respecto a nós: Tizona S.A.D., Palencia Baloncesto e Melilla. Haberá que coñecer que proxecto pretende facer o descendido Valladolid do que ninguén sabe nada, pero que de competir finalmente en Ouro, posiblemente saia neste grupo de cabeza.

Ao noso nivel económico, a priori, situarase a terceira S.A.D. da competición, Club Ourense Baloncesto, e pode que chegue con forza un Huesca que ten previsto atopar sponsor. Outros proxectos como Coruña, Clavijo ou Oviedo poderían non situarse moi lonxe dos anteriores.

Polo tanto, un ano máis, tocará afinar moito á hora de fichar, esperar que as lesións por fin nos respeten e confiar no bo facer de Lisardo Gómez e compañía, para lograr facer un bloque de garantías que a nivel deportivo nos permita loitar entre os favoritos pola primeira praza ou pola mellor posición posible de cara os playoffs finais. Un bloque que se presume que volverá a ser curto en canto a número de efectivos se refire.

Nos próximos días, confirmaranse as primeiras e pode que únicas renovacións do conxunto celeste. Logo do hoxe renovado Adrián Chapela, Álex López parece próximo a chegar a un acordo co clube. Outro xogador exterior podería estar preto de incorporarse. Haberá que ver como evoluciona o mercado para saber se podemos reter algún xogador máis do curso pasado. Dende logo, non parece fácil, se ben tampouco está descartado.

Chegado a un acordo de indemnización cunha ex traballadora, queda por saber que pasará coas débedas pendentes da S.A.D. coa Xunta de Galicia e con Raúl López, a deste último por un montante duns 120.000 euros. Según parece, o convenio de publicidade coa súa empresa remataba este 30 de Xuño. Non transcendeu se existe a posibilidade de amplialo para compensar a débeda restante ou se pola contra finalizaron os anos de publicidade establecidos trala súa marcha e hai que aboar o restante en efectivo. De ser así, descoñécese como e cando se fará fronte a eles xa que non parece que, salvo ingresos de última hora, se lle poida facer fronte no vindeiro curso co orzamento establecido.

Tampouco se coñece de forma oficial se Ribeira Sacra segue a ser o patrocinador principal unha tempada máis. Todo parece indicar que si, se ben tamén se estaría traballando en atopar algún pequeno copatrocinador de garantías.

Onte día 1 de Xullo comezou a 49ª tempada de Breogán. Unha tempada que estará marcada polo cambio na dirección da Sociedade. Un curso que confiamos poida ser “o ano” da entidade celeste. Entre todos hai que conseguilo.

Futuro, futuro e máis futuro

Rematou a tempada deportiva para o Breogán 2013/2014 con sabor agridoce logo da abultada derrota en semifinais cun Burgos superior en efectivos contra o que un Breogán mermado polas lesións e o cansanzo físico acumulado por un plantel de guerreiros pero curto de efectivos non puido facer máis. Sen dúbida o balance xeral da tempada dos homes de Lisardo Gómez é de notable alto.

Se ben no económico a tempada se pecha aínda o día 30 de Xuño, xa podemos avanzar algúns detalles. A pesar dos retrasos nos pagos a traballadores e xogadores e de ser presentadas xa as primeiras denuncias ante a FEB, non parece perigar o aval depositado no organismo federativo. Só se trata dun retraso burocrático na recepción das subvencións do Concello de Lugo e da Deputación, que chegarán a tempo coma nos últimos anos para que os xogadores poidan cobrar en prazo e non se execute o dito aval e se faga en tempo a inscrición do club na LEB 2014/2015. Todo apunta a que se pechará o ano cun lixeiro déficit orzamentario froito da indemnización a unha ex traballadora, coa que non se contaba ao inicio do curso. Se ben é certo que é un tema que parece estar controlado e que non xerará maiores problemas. Cabe recordar que durante este exercicio tamén se saldou parte da débeda co ex presidente Raúl López, e que en teoría, a 30 de Xuño finalizaría o convenio asinado co mesmo para lucir publicidade das súas empresas no Pazo e nas equipacións deportivas. Outro tema a revisar a partir desa data será o convenio asinado co Clube de Baloncesto Estudiantes de Lugo. Sen dúbida, un tema que preocupa moito a afección. Convenio si, pero que o Breogán non saia en ningún momento perxudicado e non se vexa condeado a ningún tipo de imposición. Cabe recordar que sen Breogán moi probablemente non habería un Estudiantes como o de hoxe en día, pero sen Estudiantes seguería habendo Breogán. Fórmula igualmente aplicable a calquera outro equipo de Baloncesto da cidade ou da provincia, porque sen dúbida, o clube celeste é o motor do baloncesto de Lugo e o que debería de servir de referente ao resto de equipos da provincia, sempre sen menospreciar a ninguén, por suposto.

Polo tanto, parece que no medio dun proceso de cambio de titularidade nas accións do clube e nunha etapa de transición, non perigará a inscripción do club de cara a tempada 2014/15. Isto aporta certa tranquilidade para comezar a traballar de cara ao futuro máis próximo. Presuponse que seguirá Ribeira Sacra como sponsor principal e haberá unha nova reducción orzamentaria que non poderá ser moi elevada froito da gran estrutura que o Breogán segue a ter tras non saír adiante o ERE plantexado no seu día, e que de ser moi forte afectaría sen dúbida a calidade do plantel e a viabilidade próxima dunha S.A.D. que xa está tocando fondo en canto a orzamento mínimo a ter se refire. Breogán é ao mesmo tempo unha S.A.D. das máis saneadas do panorama nacional, con menos de 300.000 euros de débeda e cuxo seu único problema é de financiamento e gobernabilidade nunha LEB ruínosa.

Na parcela deportiva, a 2014/15 iniciarase cun Lisardo como máximo responsable deportivo. Os próximos pasos serán a renovación ao completo do corpo técnico nos próximos días. En principio, salvo sorpresa, a comisión deportiva estará formada polos propios técnicos Lisardo e Quique Fraga, Juan Carlos Castro como secretario técnico, e Alfonso Orol e Alberte Fernandez como representantes do Consello de Administración. Se ben se manifestou claramente que o máximo responsable da planificación deportiva será Lisardo cunha única limitación que será a orzamentaria.

Lisardo Gómez xa manifestou o seu interese en contar con varios dos xogadores da pasada tempada. Posiblemente se persiga manter a base nacional e intentar reter a xogadores importantes como Diouf ou Palsson. Se ningún lobo con pel de cordeiro o impide, conformaremos por fin un plantel máis longo que o dos últimos anos. Aínda así, non empezamos ben de todo cando alguén dende dentro xa suxeriu certas propostas de xogadores. Finalmente, segundo apunta o periodista lucense Paco Basanta, parecen descartados para o vindeiro curso tanto Bortolussi como Charles, e o lesionado Manu Gómez.

É tempo de remar todos na mesma dirección. Tanto afección, Consello, ex directivos, traballadores, prensa, institucións e resto de clubes da cidade han de colaborar por manter vivo un proxecto que é de todos, dunha provincia, e que é unha alternativa de ocio para máis de 3.000 persoas cada 15 días nunha pequena cidade como é Lugo. Un proxecto que está próximo a cumprir os 50 anos de existencia.

É habital ver a pseudoadestradores de outros clubes lucenses apoiar ao equipo capitalino de baloncesto mentres que para o Breogán non teñen palabras de apoio, ou o que é peor, téñenas nas redes sociais pero despois son “pillados” poñendo trabas ou “cizañeando” en contra do Breogán e do seu entorno na barra dun bar. Lugo é moi pequeno e todo se sabe. Este tipo de condutas son as que se deben de evitar. Debemos de buscar a unión polo ben do Breogán e do deporte lucense.
Do mesmo xeito, é inconcebible que non todos os traballadores do clube remen na mesma dirección. Hai traballadores moi cualificados dentro do organigrama do Breogán e necesitamos da súa colaboración máxima para saír adiante e sobrevivir. Bastantes trabas veñen xa dende o exterior.

Confianza cega en Lisardo de cara ao ano próximo. Estou seguro de que se lle deixan traballar teremos un plantel de máximas garantías capaz de loitar entre os cinco primeiros da táboa. Dunha táboa que se presume ascenderá este ano a 16 equipos facendo máis atractiva a Adecco LEB Ouro.

Disfrutemos do baloncesto un ano máis, xa que parece garantida a viabilidade da entidade durante o 2014/15, pero non nos relaxemos demasiado, posto que a partir desta tempada plantéxanselle a un servidor moitas dúbidas de futuro. Quizais un ascenso a ACB salvaría unha situación que parece negra máis alá dun ano vista. As palabras do conselleiro Alberte Fernández Fraga en Radio Lugo parecen transmitir tranquilidade de cara ao futuro da entidade. Se ben mentres non se demostre o contrario, por desgraza, só vexo clara a viabilidade a un ano vista. E non é unha crítica ao conselleiro, o cal xunto con Alfonso Orol me transmitiron, tanto en persoa coma nos medios de comunicación, boas vibracións, son breoganistas e parecen esforzarse ao máximo polo ben do club; máis ben é unha crítica a incertidume que existe en canto ao futuro reparto acionarial da S.A.D. e a o seu financiamento a medio e largo prazo.

Polo que poida pasar, disfrutemos deste novo ano de baloncesto e loitemos porque non sexa o último. Todos xuntos: BREOGÁN.

Baloncesto con P, de Palencia claro

todo por Palencia Baloncesto

@KIAenZona

Información sobre o Club Baloncesto Breogán S.A.D.

Blogoncesto

Información sobre o Club Baloncesto Breogán S.A.D.

ZonaOCB

Información sobre o Club Baloncesto Breogán S.A.D.