Arquivo do blog

O noso vindeiro rival…

O NOSO VINDEIRO RIVAL:

Club Básquet Prat

 

      Breo     VS                         club basquet prat

 

Chegan dous equipos en barrena a medirse no Pazo. Co Breogán nunha situación límite logo de encadear a súa cuarta derrota consecutiva, e a quinta nos últimos seis partidos e o conxunto catalán situado no derradeiro chanzo da clasificación, con somentes unha vitoria. A boa afección lucense demostrou durante desta semana a súa capacidade ciclotímica e estourou contra a dirección técnica (os menos), contra a dirección deportiva e, os máis deles contra a ausencia total de directiva logo da marcha de Alberte do clube. Pola banda da entidade potablava, logo dun ano no que o equipo saía a competir pola primeira vez na LEB Ouro e logo de sete anos en Prata, naufragou como equipo, malia dar unha boa sensación individualmente os rapaces que formaran parte da entidade na campaña pasada, quedando no derradeiro posto, malia que polos movementos de clubes característicos das ligas FEB cada verán, o descenso non chegou a consolidarse. O obxectivo do clube este ano non deixa de se-lo mesmo que o da campaña pasada, manterse competitivamente no máximo nivel, para aproveitar e que os seus xogadores, poidan competir o máis arriba posible antes de dá-lo chimpo ao primeiro equipo, o FIATC Joventut, do que son conxunto vinculado para a formación de xogadores. O Prat amosa a peor xeira de toda a competición, xa que non gaña desde hai sete partidos, logo de facelo na súa casa na terceira xornada ante Cáceres. Breogán, pola súa banda non vence desde hai cinco xornadas, na quinta xornada en Ourense, pero haise que remontar a esa mesma terceira xornada para albiscar unha vitoria do Breogán no fiel Pazo dos Deportes, á que vencían ao Melilla de Alejandro Alcoba e Javi Muñoz. Ben é certo que desde aquela, a plaga de lesións asolagou ao clube da beira do Miño, e que desde aquel momento chegou un novo xogador que aínda se ten que acoplar (e acostumar ás reglas) do básquet europeo. A enfermería do Breogán baléirase paseniño, e nestes intres só é baixa por unha rotura muscular o capitán e base Dani López, xogador fundamental e que, casualmente foi baixa en tódolos partidos que perdeu o Breo, ou o que é o mesmo, o Breogán non sabe o que é gañar sen o seu capitán. No conxunto da potablava, seguen a maioría do plantel cabo do ano pasado, coas incorporacións de Xavi Forcada e Jose Manuel Coego e a importantísima baixa de Alberto Abalde. Novo adestrador, para esta aventura na LEB Ouro que, de momento non lle está a saír excesivamente ben aos cataláns… Nin aos de Lugo, afundidos na oitava praza con máis derrotas ca triunfos. Mais isto non fixo máis que comezar. Veremos como acaba. Para esta fin de semana chega este partido entre dous rivais feridos. Un deles ficará se cadra máis ferido. O outro lamerá as súas feridas cunha balsámica vitoria.

¿Obxectivo?

O obxectivo dos cataláns non pode ser outro que mellorar aos xogadores para que poidan servir para o primeiro equipo da Penya. Para iso, os cataláns loitan por manter o máximo nivel competitivo posible, que neste momento é competir cos clubes que participan na LEB Ouro. Todo o que sexa salvarse, será, polo tanto, obxectivo cumprido. Para iso contan novamente cunha xeración de xogadores moi novos, pero esta vez, ao mesmo tempo, apóstase pola veteranía de dous xogadores con ampla experiencia na categoría coma Coego e Forcada, dirixidos polo interino dos verdinegros, Roberto Sánchez formando tándem con outro clásico das ligas FEB coma Salva Camps.

 PLANTEL

Baixo a dirección de Roberto Sánchez e Salva Camps, só dúas incorporacións para este plantel longo, de once xogadores máis Marc Bauzá, que de cando en cando vénse incorporando a adestramentos, trátase dos xogadores Gerbert Martí, Sergi Costa, Xabi López-Aróstegui, Àlex Ros, Òscar Amo, David Iriarte, Jose Ignacio Nogués e Agustí Sans, xunto co montenegrino Zoran Nikolic e os recén incorporados este ano, desde Clavijo José Manuel Coego e desde Palencia Xavi Forcada.

club-basquet-prat-senior-leb

BASES

5 Sergi Costa: 19 anos. O ano pasado estivo no vinculado Queso Milner-Arenys Basquet, trátase dun base internacional coas categorías inferiores. Con gran capacidade de liderazgo desde categorías inferiores da Penya, o ano pasado promediou 9,8 puntos, 3,6 rebotes e 2,5 asistencias para 9 de valoración. Este ano, xa na LEB Ouro leva 4,1 puntos, 2,2 rebotes e 1,4 asistencias para 4,3 de valoración nos apenas 20 minutos que xoga cada partido.

9 Xavi Forcada: 27 anos. Trátase sen dúbida da incorporación estrela do conxunto catalán, e unha das fichaxes de máis renome de toda a categoría. O base catalán vén para aportar consistencia, calidade e coñecemento da competición a un equipo que volve caracterizarse pola súa xuventude. Internacional coas categorías inferiores, coñece perfectamente a categoría logo de ter xogado en Hospitalet, Palencia en dúas etapas, Cáceres e, por suposto, no C.B. Breogán. Destaca pola súa intensidade defensiva, pero tamén pola súa progresión en ataque, onde pode corre-lo contraataque e penetrar. O ano pasado promediou 8 puntos, 2,8 rebotes e 3,8 asistencias para 10,3 de valoración. Este ano leva 14,9 puntos, 2,8 rebotes, 2,6 asistencias e 18,1 de valoración nos 28 minutos que xoga cada partido e con porcentaxes en tiros de campo superiores ao 45%

20 Agustí Sans: 20 anos. Destaca pola súa intensidade en defensa e ataque, sendo a referencia tanto dentro como fóra das canchas para os seus compañeiros. Aporta en defensa sumando en rebotes e recuperacións, e en ataque, ben na súa capacidade para dirixir o xogo, ou ben anotando desde posicións exteriores. Internacional coas categorías inferiores, o ano pasado, xogando xa en Prat, promediou 6,2 puntos, 1,6 rebotes e 1,9 asistencias para 3,2 de valoración nos pouco máis de 19 minutos disputados. Na presente campaña leva 8,1 puntos e 1,9 rebotes para unha valoración de 4,7.

ESCOLTAS

8 Àlex Ros: 32 anos. Destaca por ser un gran xogador de equipo, dos que gustan a tódolos adestradores, con moita capacidade de traballo, é quen de antepoñer os intereses colectivos aos individuais. Como tódolos xogadores saídos da canteira do FC Barcelona, ten certa dose de talento e calidade xunto a uns fundamentos moi ben traballados. Xogador polivalente, que tamén sabe anotar sendo un bo tirador e penetrador, sabe ademais le-lo xogo e é un bo pasador. Defensivamente pon moita garra nas súas accións, o que lle leva a recuperar moitos balóns e a ser, moitas veces un xogador que recibe moitas faltas. O ano pasado, xa no CB Prat promediou 11,3 puntos, 2,6 rebotes e 1,9 asistencias para 10,4 de valoración. Nesta campaña leva 10,3 puntos, 2,3 rebotes e 2,4 asistencias para 8,8 de valoración.

ALEIROS

6 Xabi López-Aróstegui: 18 anos. Internacional coas categorías inferiores. Trátase dun xogador de puro talento, con capacidade para crearse os seus propios tiros e de anotar con relativa facilidade. Non lle queima o balón cando peor están as cousas. É un xogador moi versátil que domina tódalas facetas do xogo. É quen de anotar con facilidade desde a longa distancia, mais a súa capacidade atlética faino un xogador case imparable no 1×1. A súa boa visión de xogo e a súa rapidez mental abren tamén o abano das posibilidades de ataque do seu equipo. No pasado Adidas Next Generation Tornament de Hospitalet, foi escollido no mellor quinteto con 22 puntos, 7 rebotes e 22 de valoración. Este ano leva 5,6 puntos e 2,6 rebotes para 2,9 de valoración.

13 Jose Ignacio Nogués: 20 anos. Internacional coas categorías inferiores. Se hai que definir a este xogador cunha sola verba, esta sería traballo. Malia non realizar números espectaculares, sempre resulta ser un xogador importante. Pode xogar por fóra e por dentro, ten boa man nos tiros de media distancia e pode erguerse desde alén da liña de 6,75, sendo un seguro de vida nas tarefas reboteadoras e defensivas. Xoga por e para o equipo, as estatísticas non sempre lle fan xustiza. O ano pasado, xa en Prat promediaba 6,3 puntos, 3,3 rebotes e 4,9 de valoración e este ano, cando os seus compromisos co primeiro equipo llo permiten, promedia 6,3 puntos, 4,3 rebotes e 4,5 de valoración.

ALA-PÍVOTS

2 Gerbert Martí: 24 anos. Pode xogar nas dúas posicións interiores. Ten boa man e gran capacidade para o tapón e velocidade nas transicións ofensivas. A súa progresión é ascendente tempada tras tempada. Debutou no profesionalismo co CB Prat Joventut, logo tivo un paso fugaz por Andorra para voltar ao clube que lle dera a súa primeira oportunidade profesional. O ano pasado promediou 7,5 puntos e 5,6 rebotes para 7 de valoración. Este ano leva 6,7 puntos, 5 rebotes e 1,3 asistencias para 5,5 de valoración.

12 David Iriarte: 20 anos. Xogador con características similares ás de José Ignacio Nogués, pero máis forte físicamente. Adoita face-lo traballo sucio, pero tamén pode anotar, sendo un seguro de vida desde a media distancia. Sempre importante nos rexeites, nos momentos máis importantes, sempre aparece para aportar cousas. Sempre moi intenso é internacional coas categorías inferiores. O ano pasado, xa en Prat promediou 4 puntos, 1,8 rebotes e 1,7 de valoración. Esta campaña leva 4,4 puntos, 1,7 rebotes e 0,7 de valoración.

PÍVOTS

10 Òscar Amo: 18 anos. Internacional coas categorías inferiores. Pasa por ser un dos mellores interiores, máis prometedores e con máis futuro do panorama nacional. Está a debutar no profesionalismo nesta tempada. Nos 7 partidos que leva desputados até o de agora, leva acumulados 3,9 puntos, 3,1 rebotes e 4,1 de valoración nos 14 minutos e medios disputados.

15 Jose Manuel Coego: 36 anos. Dobra en idade a varios dos seus compañeiros. O veteranísimo pívot burgalés de 2,05 debutou na categoría hai 13 anos. Logo de probar sorte na liga portuguesa da man do Madeira, voltaba á categoría LEB da man de Cocinas.com Clavijo e o seu entón adestrador Jesús Sala. É unha referencia no xogo interior, tanto dentro coma fóra das canchas. Equipos coma Menorca Básquet, CB L’Hospitalet, Tenerife, CB Canarias, COB, CB Granada ou os xa citados Madeira e Clavijo poden dar boa fe de elo. Na campaña pasada Coego sumou 10,4 puntos, 4,9 rebotes e 9,2 de valoración. Nesta campaña leva 5,6 puntos, 4,6 rebotes e 4,7 de valoración total.

19 Zoran Nikolic: Segunda tempada no clube para este montenegrino de 19 anos. Trátase dun pívot cun corpo verdadeiramente superdotado, o que lle fai ser quen de postear ante calquer rival grazas ao seu bo físico e xogo de pés, con excelente semi-gancho e tamén capacidade para pasar e corre-lo campo. A súa posición natural é a de 5, aínda que a súa progresión e crecemento coma xogador, lle leva a alternar tamén a outra posición interior. O ano pasado sumou 7,5 puntos, 4,8 rebotes e 9,5 de valoración. Nesta campaña, 4 puntos, 4,3 rebotes e 4,7 de valoración.

¿Como chegan?

Dúas das peores xeiras negativas da categoría fronte a fronte. A peor, con 6 derrotas consecutivas, a do C.B. Prat, que entre as ausencias dos xogadores para cubrir os ocos no primeiro equipo e no xuvenil e os problemas propios de ter un plantel tan insultantemente xove, está a ver coma a competición está a situar ao cadro do delta nunha posición francamente compricada, e da que quererán fuxir canto antes. Enfronte, o C.B. Breogán, a terceira peor xeira negativa da categoría, logo do propio Prat e do Cáceres, que leva 5 derrotas consecutivas. Os de Lisardo, logo dunhas semanas convulsas ao redor do equipo, con dificultades para completa-los adestramentos, semella que están a estabilizarse e segundo o propio adestrador breoganista veñen de face-la mellor semana de adestramentos de toda a tempada e teñen que retoma-lo rumbo canto antes se non queren que se lles bote o tempo enriba. Aínda hai tempo, pero non ha ser fácil.

¿Quen é favorito?

Por plantel, home por home, por entidade, por xogar na casa, porque o rival está mesmo peor ca el, o Breogán debería, sen ningún xénero de dúbidas, sacar este partido adiante. Os lucenses, logo dunha semana tranquila respecto ao que adoitaban ser as semanas precedentes, puideron preparar un partido ante un equipo, o catalán, que ten moitísimos problemas e que, até o de agora só coñecen unha vitoria nos 9 partidos até o de agora desputados. Ademais, o partido disputarase no Pazo, onde a afección local non ve gañar aos seus desde a terceira xornada, hai máis de un mes, e os celestes están na obriga de reverter esa tendencia. Os cataláns tamén están na obriga de lle dar a volta á situación, pero un partido en Lugo, ante un dos teóricos aspirantes ao ascenso, supón un partido sen presión, no que os xogadores xa saben que de antemán a derrota sería un resultado lóxico, o que fai que se tomen o partido sen presión algunha. Ollo con ese detalle, pode ser máis importante do que parece para dous equipos en mala dinámica. Históricamente non temos grandes referencias, pois os dous equipos só se enfrontaron nos dous partidos da campaña 2014/15,e neses dous partidos, o Breogán foi quen de impoñerse, aínda que non con demasiada marxe. Agardemos que os lucenses poidan voltar a amosar un xogo acorde coas súas aspiracións e a calidade que ten o plantel, para canto antes comezar a escalar posicións. Seguro que a marea celeste tornará a preocupación e o bulir nas redes sociais desta semana en aplausos en canto os nosos pisen a cancha. Será o vindeiro sábado 28 á hora habitual. As 19.15 no Pazo. Malia todo, nós seguimos a apostar á celeste. FORZA BREO!!!

Advertisements
Baloncesto con P, de Palencia claro

todo por Palencia Baloncesto

@KIAenZona

Información sobre o Club Baloncesto Breogán S.A.D.

Blogoncesto

Información sobre o Club Baloncesto Breogán S.A.D.

ZonaOCB

Información sobre o Club Baloncesto Breogán S.A.D.