Arquivo do blog

O NOSO VINDEIRO RIVAL

Unión Financiera Oviedo Club Baloncesto

 

 Breo          VS             Noticias_26585_2

 

Bo partido o que se vai vivir no Pazo o vindeiro venres. Os dous chegan en racha positiva, os dous logo de deixar atrás senllas malas xeiras e os dous chegan separados de só unha vitoria e un posto na clasificación. Así, os asturianos, logo de vencer en Pumarín a Leyma Básquet Coruña son sextos e pechan a caravana de equipos empatados con 7 vitorias, coas que están empatados a Melilla, Barça B e Amics Castelló. Un chanzo por debaixo e empatado con Burgos, pero mirando cara arriba están os de Lisardo Gómez, logo de dous bos partidos ante Prat e sobre todo en Logroño, nunha daquelas pistas que non se lles dan ben aos breoganistas, e que, unha vez despertaron, conseguiron enxugar a vantaxe que chegara a ser de 11 puntos favorable aos rioxanos. Cun Gerardo Suero cada vez máis en dinámica, (estalle a custar mesmo máis do que el mesmo recoñecía crer), Matulionis adquirindo a importancia da tempada pasada, coa crecente aportación de Travis Nelson e xa co capitán Dani López adestrando, está esta a ser a primeira semana que os de Lisardo contan con tódolos seus efectivos para adestrar. Ademais, e segundo confirmaba Paco Basanta na Cadena Ser hai uns días, o Breogán ten dispoñible un diñeiro co que está a rastrexa-lo mercado para conseguir un pivot que chegara, previsiblemente, para a semana do Nadal. O partido no Pazo desexoso de ver ao seu equipo e dunha afección que quere enche-lo peito outra vez orgulloso do xogo dos de Lisardo, algo do que, até o de agora, só puideron ver a pinceladas… Que foron abondas para derrotar por única vez no que levamos de tempada ao até o de agora intratable Palencia na súa casa. Os de Lisardo queren empezar canto antes unha boa xeira de resultados coa que facer de decembro o mes da remontada, e para que iso sexa posible, todo camiño por longo que sexa comeza por un primeiro paso. Ese primeiro paso chega para os de Lisardo o vindeiro venres día 11, ás 20.45 no Pazo dos Deportes.

¿Obxectivo?

Seguir co progresivo crecemento do clube. Unha vez xa establecidos na categoría de prata do básquet nacional, e tendo en conta a dificultade de xogar nunha cancha coma Pumarín (data sempre a marcar en vermello polos rivais), os dirixentes do equipo astur queren facer que o equipo dirixido este ano por Carles Marco poida seguir medrando e acade este ano a permanencia de xeito solvente, o que lle permita conseguir tempo para chegar a pelexar por esas derradeiras prazas de playoff de ascenso. Para o que tentarán que poucos partidos se escapen de Pumarín, e tentar competir ao máximo a domicilio para arañar cantas máis vitorias lles sexan posibles lonxe de terras asturianas.

 PLANTEL

A grande sorpresa foi a elección de Carles Marco coma técnico, o ex xogador internacional con España, que xa estivera varios anos de axudante en ACB en Manresa, pero que evidentemente a súa experiencia vai moito máis aló. Coma xogador coincidíu cun novísimo Diego Sánchez en Xixón, ao que agora ten ás súas ordes no cadro azulón. Conseguíu renovar a un dos bases máis cotizados do mercado LEB, Ferrán Bassas, pero perdeu ao que fora o seu mellor xogador a campaña pasada, o abulense Álvaro Muñoz. A volta de Kevin Van Wijk desde o Breogán, a chegada de Jordan Swing e Justin Grosgile xunto co australiano Dan Trist e o asturiano Fernando Fernández e maila continuidade de xogadores importantes a campaña pasada tales coma Agustín Prieto, o propio Diego Sánchez, Víctor Pérez completan o plantel astur.

oviedo1_0

BASES

10 Ferrán Bassas: 23 anos. Trátase sen dúbida da renovación estrela do conxunto do Principado. Durante o ano pasado experimentou unha mellora considerable até consolidarse coma un dos mellores bases da liga. Rápido, bo defensor e cun máis ca aceptable tiro exterior, gústalle levar o tempo do partido. Cumpre a súa terceira campaña consecutiva no clube. O ano pasado promediou 9,9 puntos, 2,9 rebotes e 4,8 asistencias para 13,6 de valoración. Este ano, con porcentaxes de tiro que roldan o 40% leva 9,5 puntos, 3,8 rebotes e 7,1 asistencias para 14,7 de valoración.

11 Christopher Hearst: 23 anos. É un xogador que pode desenvolverse sen problemas nas posicións de base e escolta. Chegou na sexta xornada trala rescisión do contrato do xamaicano Crosgile, xogou na mesma universidade que Feldeine, nos Quinnipac Bobcats. Hearst é un rookie en Europa que ten coma característica principal ser un xogador competitivo e versátil, cun tiro en suspensión difícil de parar. O ano pasado, último na universidade, promediou 18 puntos, 6 rebotes e 2,5 asistencias. No que levamos da presente tempada, nos 6 partidos que leva disputados leva 7,8 puntos, 4,3 rebotes e 7,3 de valoración.

17 Andrés Miso: 32 anos. Xogador con contrato temporal. Logo de 12 campañas consecutivas na liga ACB en equipos coma Estudiantes, Cajasol, Murcia ou Montakit Fuenlabrada, chegou Miso hai 3 partidos ao conxunto ovetense para reforzar as posicións exteriores. Miso, que estivo a realizar a pretempada ás ordes de Zeljko Obradovic co Fenerbahçe de Estambul, no que coincidíu con Salva Arco, é un dos xogadores con maior experiencia na máxima categoría do clube asturiano. O ano pasado en Fuenlabrada promediou 4,3 puntos, 1,2 rebotes e 1,7 asistencias. No que levamos de tempada leva 6,7 puntos, 2,3 rebotes e 8 de valoración.

ESCOLTAS

7 Javier Marín: 21 anos. Pode alternar as posicións de base e escolta. Formado nas categorías inferiores do CAI Zaragoza, a campaña pasada disputou a gran nivel a LEB Prata nas filas do Lucentum Alacante, converténdose de feito, nun dos xogadores máis relevantes da categoría. O ano pasado no conxunto alacantino, Marín sumou 10,4 puntos, 3,8 rebotes, 3,3 asistencias e 14,3 de valoración. No que levamos de tempada, apenas tivo presenza, pois só diputou 4 minutos en dous partidos, polo que a súa participación non pode ser calificada senón de testimonial.

8 Agustín Prieto: 30 anos. Novena campaña consecutiva para o capitán do equipo, que o veu medrar desde a EBA agora á LEB Ouro, onde se atopa o clube máis ca consolidado. O xogador, de orixe arxentina, aporta máis polo traballo que ofrece tanto dentro coma fóra da cancha, que polos números que ofrece. Pódeselle definir en tres verbas, compromiso, sacrificio e mais esforzo. O feito de contar con el supón unha liña continuista para o cadro asturiano. O ano pasado apenas aportou 1,6 puntos e 1,2 rebotes. Este ano a súa presenza é aínda máis testimonial, pois nos apenas 8 minutos que disputa por partido, apenas acada os 0,3 puntos e os 0,8 de valoración negativa.

9 Víctor Pérez: 33 anos. Outra das pezas claves do proxecto continuísta do OCB, o sevillano asinou o pasado verán a que foi a súa renovación por dúas campañas máis co cadro do Principado. Sumará así a súa cuarta campaña consecutiva no clube astur, que serán cinco se cumpre o contrato que ten asinado até o ano que vén. A chegada do escolta sevillano coincidíu coa suba do Oviedo, e así foi peza clave para o ascenso do OCB á LEB Ouro. O ano pasado, Pérez sumou 9,4 puntos, 1,6 rebotes e 1,2 asistencias para 5,1 de valoración. Este ano leva 8,1 puntos, 1,8 rebotes e 1,5 asistencias para 4,4 de valoración media.

ALEIROS

5 Diego Sánchez: 39 anos. O veteranísimo xogador asturiano chega á plenitude da súa carreira realmente disfrutando do básquet coa mesma ilusión que sempre. Aporta estabilidade, continuidade e experiencia. A súa renovación é especialmente importante nunha campaña na que moitos trocos se produciron no plantel azul, onde sumou e pasada tempada 3,6 puntos, 2,4 rebotes e 3,7 de valoración. Este ano leva 2,8 puntos, e 0,8 de valoración en pouco máis de 13 minutos de xogo.

12 Jordan Swing: 24 anos. Vén de anotar nin máis nin menos que 42 puntos a xornada pasada ante Coruña, o que dá a idea do potencial que ten a desenrolar. Móvese xeralmente no posto de 3. Ten boa man desde a liña de 3 puntos e que ademais pode sumar e axudar no rebote. O ano pasado, na súa primeira experiencia profesional lonxe do eido universitario, estivo nos Lakeside Lightnings da segunda división aussie, onde promediou 27 puntos, 8,1 rebotes e 4,8 asistencias para unha valoración media de 26,2. No que levamos de tempada, ademais do MVP da pasada xornada, Swing leva 18,5 puntos, 4,6 rebotes e 2,5 asistencias para 19,5 de valoración.

ALA-PÍVOTS

4 Fernando Fernández Noval: 26 anos. Ala-pívot xixonés da prolífica canteira da Inmaculada. Ten moi bo físico e a súa mobilidade que lle axuda a aportar e axudar en ocasións no posto de aleiro. Boa man e instinto no rebote, ten ampla experiencia en ligas FEB, xa que estivo en Palencia, Araberri, na EBA na Universidade de Oviedo e no filial do UCAM Murcia, xogou en Prata en Óbila e na última campaña axudando no ascenso do Cáceres, onde sumou 9,7 puntos, 5,8 rebotes, 1,2 asistencias e unha valoración de 10,8. Esta campaña leva de momento 6,1 puntos, 2,8 rebotes e 5,2 de valoración.

15 Kevin Van Wijk: 26 anos para este holandés que o ano pasado vestíu a celeste. Era a estrela do conxunto ovetense cando fichou polo ambicioso proxecto dos lucenses, cos que arañou a gloria chegando a xogar (e perder) dúas finais, a da Copa Príncipe e mais a final do playoff. No cadro de Lisardo perdeu algo de protagonismo, o que fixo que a súa aportación, malia ser titular en grande parte da tempada, diminuise con respecto á do ano anterior precisamente en Oviedo. Así pois en Lugo a campaña pasada sumou 5,9 puntos, 3,5 rebotes e 1,5 asistencias. Na presente campaña, leva 11,3 puntos, 5,1 rebotes e 11,5 de valoración.

PÍVOTS

6 Mario Cabanas: 30 anos para este coruñés que será, por certo, o único galego na pista o venres. Trátase dun xogador que coñece perfectamente a categoría, aínda que tamén chegou a xogar en divisións superiores, tal como ocorreu no Baloncesto Sevilla ou no C.B. Monbus. É unha das referencias interiores do equipo, aporta puntos, rebotes e defensa con calidade para xerarse as súas propias opcións, e xerar vantaxes para os seus compañeiros. O ano pasado promediou 6,6 puntos, 4,9 rebotes e 10,3 de valoración. Este ano leva 4,7 puntos, 4,7 rebotes e 2,7 de valoración.

13 Dan Trist: 23 anos. Pívot que ten o seu radio de acción preto do aro, pero que é quen de ameazar de cara grazas ao seu bo tiro de media distancia. O seu forte é o seu xogo de pés de costas e o contacto corpo a corpo, onde ten un bo control do seu poderío físico. Destaca a súa boa man nos tiros libres, e xogador moi fiable preto do aro. Non fai malos tiros nin arrisca máis da conta. Ten bo físico, forte, loita tódolos rebotes e é especialmente perigoso no ofensivo. O ano pasado, sendo aínda universitario promediou 17,3 puntos, 6,7 rebotes e 1,3 asistencias. No que levamos de campaña leva 12,2 puntos e 4,3 rebotes para 10,1 de valoración.

¿Como chegan?

Os dous equipos en dinámica positiva, e os dous logo de recuperar dunha mala dinámica. O Breo chegou a sumar catro derrotas consecutivas antes das dúas últimas vitorias, mentres que o conxunto carballón, antes de gañar a Coruña en Pumarín, encadeara dúas derrotas consecutivas, logo de perder ante Melilla por trinta puntos, ante Palencia na casa, pero é que xusto antes encadeara cinco vitorias consecutivas. Así pois, semella que unha das dúas xeiras hase de truncar o venres no Pazo. O Breogán chega pleno de moral logo de ir recuperando xogadores, (esta foi a primeira semana que Lisardo puido dispoñer do plantel ao completo para os adestramentos) e pode ser, o primeiro partido desde a xornada 1 que conte co plantel ao completo para un partido. Desde aquela, partidos con 8 xogadores, mesmo con 7 e algún tocado foi o día a día dos lucenses. Así pois, a relativa calma nos adestramentos, xunto cos rumores de que un xogador podería chegar para completar o equipo, e o crecente do xogo dos de Lisardo, fan un clima de optimismo celeste. Pola parte astur, chegan ben, sen apuros e sen urxencias, co obxectivo de dá-la badalada nun Pazo que pasa por ser, a priori, unha das canchas onde máis difícil é gañar na categoría.

LNE OVIEDO

¿Quen é favorito?

O CB Breogán, por plantel e por xogar na casa, debera ser favorito para o partido do vindeiro venres. O Oviedo é un bo rival, que está a practicar un bo basquet e que chega nun bo momento, só interrumpido polas derrotas ante os dous trasatlánticos da nosa liga, o Melilla e o Palencia que frearon a xeira de cinco vitorias consecutivas dos carballóns. Doutra banda e tendo en conta que o partido se disputa en Lugo, o Breogán chega tamén nun bo momento, recuperando xogadores e sensacións, e o que é máis importante, enganchando á xente ao seu carón. Unha afección breoganista que creceu neste verán logo do revés que supuxo o durísimo playoff e sobre todo a cara máis cruel do deporte, coa derrota no último partido logo de estar pelexando unha tempada enteira. A afección do Pazo que semella estarse a recuperar no mellor momento para pelexar esa escalada de posicións logo dun inicio que máis ca irregular poderíase calificar coma malo, pero tendo en conta as dificultades polas que pasou o cadro de Lisardo, o certo é que aínda hai tempo para buscar ese obxectivo final. O obxectivo de media tempada, a clasificación para a Copa Princesa, semella lonxe de máis (agora mesmo Palma sitúase a tres vitorias dos lucenses) polo que os de Lisardo collen o tan manido “partido a partido” coma lema para ir escalando na táboa. Por parte dos asturianos, cun inicio dubitativo, tiveron unha xeira de cinco vitorias de xeito consecutivo que lles encheu de moral e que lles fixo crer capaces de todo. Os ovetenses pasan por ser un equipo duro e moi difícil de batir, se ben teñen en Pumarín o seu fortín, como xa demostraron en pretempada ante os lucenses. Haberá reencontros, pois Kevin Van Wijk voltará á que fora a súa casa o ano pasado, coa que estivo a piques de conquerir o tan ansiado ascenso. Daquel plantel houbo trocos, pois Justin Crosgile xa non pertence ao cadro asturiano, e no seu canto chegou o nixeriano cotonou Christopher Hearst, chegado da mesma universidade que o añorado James Feldeine. Históricamente non hai moito que sinalar. O cadro astur aterrizaba na LEB Ouro alá polo ano 2013. Trátase dun clube moi novo, pois foi fundado no ano 2004 co obxectivo de se converter nun referente na capital de Asturias e no Principado. Así pois, só levamos xogadas dúas tempadas nas que o Breogán conseguíu tres vitorias (dúas na casa e unha en Pumarín) e o conxunto carballón só unha vitoria, a conquerida no primeiro partido que os celestes disputaron en Pumarín, alá polo 3 de xaneiro do pasado 2014. Por plantel, home por home, por entidade, por xogar na casa, porque agora mesmo é un rival a superar, o Breogán debería, sen ningún xénero de dúbidas, sacar este partido adiante. Agardemos que os lucenses poidan voltar a amosar un xogo acorde coas súas aspiracións e a calidade que ten o plantel, para canto antes continuar coa escalada de posicións. As apostas tinguen o ceo de celeste. Será fóra do horario habitual dos partidos en Lugo, pois o partido vaise ao venres ás 20.45. Seguro que a marea celeste vai estar. E tí, valo perder? FORZA BREO!!!

Advertisements
Baloncesto con P, de Palencia claro

todo por Palencia Baloncesto

@KIAenZona

Información sobre o Club Baloncesto Breogán S.A.D.

Blogoncesto

Información sobre o Club Baloncesto Breogán S.A.D.

ZonaOCB

Información sobre o Club Baloncesto Breogán S.A.D.