Arquivo do blog

O Noso Vindeiro Rival

CLUB OURENSE BALONCESTO 

Breo vs    cob

Logo do descanso de dúas semanas, o Breogán afronta o seu segundo derbi consecutivo, logo da xa case tradicional derrota co Coruña de Tito Díaz. Agora, o conxunto celeste, con tódalas luces de alarma acendidas pola situación clasificatoria, e coa baixa de Travis Nelson, ao que se traballa a marchas forzadas por substituír cun xogador contrastado e de garantías. Nos últimos días pasouse de Víctor Arteaga a Uros Slokar coma obxectivo, o que deixa ben ás claras que os directivos celestes, o corpo técnico e os encargados de realizar as fichaxes na nave celeste, apostan de xeito definitivo polo ascenso de categoría coma obxectivo real. Claro que antes diso hai que retomar o rumbo na liga, redirixir o barco celeste cara unha boa xeira que, primeiro lle meta en zona de playoff (agora mesmo 8-11) e situado na 11ª posición e despois crear a atmósfera axeitada para que o equipo recupere a autoestima perdida. O plantel pasa por ser, agora mesmo e á falla de pechar un interior, unha das mellores da categoría, pero sen dúbida as voces que apuntan, de xeito inxustificado e inxusto, cara ao adestrador están a facer un fraco favor ao equipo, que agora mesmo precisa do cariño da marea celeste para saír cara adiante.

Mentres, diante un COB que, sen obxectivos claros esta tempada, quere rememorar o espírito do último partido que xogaron no Pazo, aquel doloroso cuarto partido que supuxo ter que xogar o quinto e definitivo, no que non houbo posibilidade de pelexar. Aquel cuarto partido, con polémica arbitral e con todo aquilo, supuxo un distanciamento nas boas relacións entre ámbalas afeccións, con saídas de tono duns e outros. Así, no quinto partido daquel memorable playoff, o mal trato recibido por parte da directiva de COB e a policía, mancou case tanto coma a mesma derrota, e as reaccións nas redes sociais, fixeron que dúas afeccións, irmanadas até aquel momento, deixaran de estalo.

Así, deuse orixe a unha rivalidade inexistente e inventada que algúns, sobre todo desde a cidade das burgas, tentan alimentar desde o anonimato das redes sociais, deixando á meirande parte das boas afeccións ourensana e lucense sen a festa que un derbi galego debera ser, e que de feito era, até ben entrada a tempada pasada. No eido exclusivamente deportivo, o conxunto ourensán, no seu ano de transición cara á ACB, atópase empatado a victorias/derrotas cos celestes, se ben semella que os das burgas tentarán aproveitar as necesidades dos de Lisardo para voltarlle o triunfo lucense no último derbi, o da primeira volta que xa supuxo bálsamo para a afección lucense.

Precisamente no cadro de Lisardo, debutará por segunda vez o exterior Jeff Xavier. Xogador ben coñecido polos lucenses, que coincidíu na tempada de Coleman e Adrien e que ven para aportar puntos exteriores e defensa, pero sobre todo, unha identificación coa bancada que, nos últimos tempos bótase en falla, trala marcha de Álex Llorca ao Fuenlabrada. Coa rotación exterior xa pechada, queda un fichaxe para pechar a interior, que agora mesmo está algo mancada con Devin Wright lonxe da súa mellor forma, Fede Ucles, Mamadou Samb e o recén chegado Pep Ortega. A chegada dun pivot do nivel do que se está a barallar sería verdadeiramente importante e, cecais, a guinda a un pastel que só lle queda madurar como equipo e comezar a saca-los partidos adiante para ser quen de pelexar polo obxectivo último e primeiro. O ascenso á Liga ACB.

PLANTEL

Só continúan dous xogadores do cadro que acadou o ascenso a tempada pasada, Pedro Rivero e o “alcalde” Guillermo Rejón. Completan o plantel do cadro ourensán Juan Ballesta, Diego Kapelan, Ánder Martínez, Tomás Fernández, o coruñés Jonathan Barreiro, Jhornan Zamora, Maksim Salash,  e o que fora mellor xogador de Basquet Coruña a pasada tempada, o pívot Kyle Rowley. Ademais, chega a proba o base norteamericano Jalen Riley, que podería debutar en Lugo este sábado.

02651

BASES

55 Juan Ballesta: 23 anos. Zurdo e con bo manexo de balón e moita velocidade, o que supón que é un xogador verdadeiramente difícil de defender, sen embargo destaca sobre todo en faceta defensiva e por ter mans rápidas capaces de conseguir moitos roubos. Formouse nas categorías inferiores do UCAM Murcia, chegando mesmo a debutar co primeiro equipo hai dúas tempadas. O ano pasado, militou no Óbila onde promediou 5,6 puntos, 3,8 rebotes, 3,4 asistencias e 2 roubos para un total de 9,6 de valoración en máis de 25 minutos. Na presente campaña promedia 0,8 puntos, 0,3 rebotes e 0,5 roubos para unha valoración negativa de 2, en máis de 10 minutos por partido. Nesta tempada leva 1,2 puntos, 1,2 rebotes e 0,8 de valoración nos pouco máis de 11 minutos xogados por partido.

14 Pedro Rivero: 36 anos, un dos grandes veteranos deste COB e valuarte no pasado ascenso conquerido ante os breoganistas. Chegou a xogar na ACB en dúas etapas, en Sevilla e Murcia, é un clásico das ligas FEB, onde xogou en Complutense, Gandía, Cantabria, Cáceres, León, Tenerife, Los Barrios, Zaragoza e Lucentum Alacante. Cumpre xa a súa terceira tempada co cadro das Burgas, co seu escudeiro de luxo Guillermo Rejón ao seu carón. As virtudes deste segoviano son por todos de sobra coñecidas, a súa lectura de xogo, destacando sobre todo nas xogadas de bloqueo directo, aportando a súa veteranía e experiencia mesmo cando se teña que enfrontar contra bases con mellor físico ca el. A tempada pasada promediou 11 puntos, 2,6 rebotes e 3 asistencias para un total de 13 de valoración. No que levamos de tempada acredita uns interesantes 13,1 puntos, 2,4 rebotes e 2,9 asistencias con 14,9 de valoración. No partido da primeira volta sumou 6 puntos, 2 rebotes e 5 faltas recibidas, polo que valorou 12, sendo o xogador máis valorado do conxunto ourensán.

Jalen Riley: 22 anos. Principalmente actúa como base, pero tamén pode facelo como escolta. Pola súa altura podería sufrir no básquet europeo coma director de xogo. É un xogador con grande capacidade anotadora e talento atacante. Moi veloz, con bo manexo de balón e cun gran primeiro paso e tiro en suspensión tras bote.

ESCOLTAS

13 Diego Kapelan: 28 anos, ocupa unha das prazas de extracomunitario, malia o seu pasaporte bosníaco. Trátase dun xogador versátil, que pode axudar no posto de base en momentos puntuais. Ten moi bo acerto nos tiros exteriores, sobre todo na saída e o tiro tras bloqueo, aínda que tamén é quen de xerar os seus propios tiros. É interesante tamén un demoledor primeiro paso que lle permite anotar en penetracións con facilidade. Conta con ampla experiencia en europa, onde xogou en equipos de Bosnia, Chipre, Grecia, Alemaña ou Austria, chegando mesmo a desputar o Eurochallenge. O ano pasado, no Raiffesen Wels austríaco acreditou 14 puntos, 3 rebotes e 2,3 asistencias. No que levamos de tempada, promedia 14,3 puntos, 2,3 rebotes e 1,8 asistencias con 10,9 de valoración, cun interesante 44% en tiros de campo.

23 Johrnan Zamora: 27 anos, trátase dun xogador que pode xogar en case que tódalas posicións exteriores, gracias á súa habilidade no manexo do balón e ás súas excelentes condicións atléticas que lle permiten defender tanto a bases coma a escoltas ou aleiros. Este venezolano con pasaporte español formouse nas categorías inferiores do extinto C.B. Valladolid, fichando despois polo Unicaja, e xogando cedido por este no Clínicas Rincón. Ano e medio despois, recuperouno Valladolid para xogar a Liga ACB e agora volta á liga LEB logo de dous anos no Trotamundos de Carabobo venezolano (subcampión de liga). Ademáis, foi preseleccionado coa súa selección, aínda que nunca conseguíu entrar nos 12 seleccionados para desputa-los diferentes torneos. O ano pasado promediou 13,9 puntos, 3 rebotes e 2,4 asistencias. No que levamos de tempada suma 7,1 puntos, 1,5 rebotes para 3,5 de valoración. No partido da primeira volta foi o máximo anotador do cadro das burgas con 15 puntos e 10 de valoración.

ALEIROS

15 Ánder Martínez: 20 anos, é un xogador polivalente, con capacidade para xogar tanto de aleiro coma escolta. Destaca fundamentalmente pola súa habilidade para xerar lanzamentos, tanto en estático tras bote coma pola súa lectura de xogo e salida tras bloqueos indirectos. Defensivamente, grazas á súa altura pode defender a aleiros e escoltas e é un dos xogadores máis prometedores da canteira de Estudiantes e do básquet español, co que vén de proclamarse subcampión do europeo sub 20. Coñecido coma o “serbio do Ramiro”, o ano pasado co equipo EBA de Estudiantes protagonizou 15,8 puntos, 5,8 rebotes e 1 asistencia para 12,7 de valoración. No que levamos de tempada promedia 4,9 puntos, 1,4 rebotes e 2,6 de valoración nos 15 minutos que xoga por partido.

5 Jonathan Barreiro: 19 anos. Un dos aleiros máis prometedores de todo o panorama nacional. Está cedido polo Real Madrid. Trátase dun aleiro polivalente, cun gran pulso, pero que ten nas lesións de xeonllo o seu talón de aquiles, xa que lle lastra unha e outra vez. Foi pretendido o pasado verán por clubes coma Bilbao Basket, Manresa, ou UCAM Murcia de ACB, o estar preto da casa, de medrar pouco a pouco nun clube que ten segura a súa participación na máxima categoría a tempada que vén, fixeron decidir á gran perla da canteira madridista polo proxecto ourensán. Vén de desputar o Eurobasket sub18 con España, onde promediou 6,9 puntos, 3,7 rebotes e 1,3 asistencias. No que levamos até o momento promedia 6,3 puntos, 3,8 rebotes e 6 de valoración nos 23 minutos que disputa por partido.

ALA-PÍVOTS

10 Tomás Fernández: 23 anos. É un 4 que pode xogar de cara ao aro. É hábil cos pés, ten boa man e é moi traballador. Ten marxe de mellora física pola súa xuventude. Conta con experiencia en prata (estivo hai 3 campañas no CEBA Guadalaxara) e na EBA, nos equipos de canteira de ASEFA Estudiantes e UCAM Murcia. O ano pasado, co equipo murciano fixo 12,2 puntos, 6,7 rebotes e 0,6 asistencias para 9,7 de valoración. No que levamos de tempada promedia 3,5 puntos, 1,8 rebotes e 2,5 de valoración nos 12 minutos e medio que xoga por partido.

7 Maksim Salash: Bielorruso de 19 anos, ocupa praza de estranxeiro, pode desenvolverse con capacidade en tódalas posicións interiores, desde onde pode facer vale-la súa calidade para anotar de distintos xeitos. Nas cercanías do aro con cortes e bos movementos, ten bo lanzamento de media distancia e xoga sen problemas tras bote. Rebotea ben nos dous aros. Canteirán do Sevilla Baloncesto, está cedido por unha tempada, aínda que non se descarta que poidera continuar en Ourense se ámbalas dúas partes así o quixesen. O ano pasado foi cedido no Peñas Huesca, onde promediou 7 puntos e 4,1 rebotes para 7,3 de valoración. Na presente campaña leva 6,4 puntos, 3,7 rebotes e 5,9 de valoración nos 18 minutos e medio minutos disputados en cada encontro.

PÍVOTS

8 Kyle Rowley: 26 anos, o trinitense destaca pola súa enerxía na posición de pívot, o que fai que amose a súa capacidade reboteadora e de finalización nas inmediacións do aro contrario. Gran xogador de situacións de pick&roll. Destaca tamén no eido defensivo, posto que grazas á súa envergadura e os seus 2,12 metros de altura válese da súa intimidación para parar aos pívots rivais. O ano pasado no Básquet Coruña convertíuse nun dos pívots máis dominantes da categoría, grazas en parte á mestura entre carácter e intensidade. Alí promediou uns nada despreciables 9,4 puntos e 9,1 rebotes para 13,7 de valoración. Esta campaña en Ourense leva 4,8 puntos e 5,7 rebotes para 7,9 de valoración.

16 Guillermo Rejón: 39 anos para o auténtico veterán do clube termal. Trátase dun auténtico clásico do baloncesto nacional, catro ascensos contemplan ao madrileño desde que debutara coma profesional hai máis de 20 anos. Tamén xogou na ACB en diferentes etapas, no Estudiantes, Fórum Valladolid, Lucentum Alacante e Murcia. A súa intensidade e veteranía fan que sexa un dos xogadores máis queridos pola afección ourensá, tendo tamén en conta que é un dos heroes do ascenso que se mantén no plantel. A verdadeira homenaxe para o xogador madrileño sería poder disputa-la próxima edición da liga ACB co cadro cobista. O ano pasado, malia á súa veteranía converteuse nun xogador absolutamente vital para os ourensáns, promediando 8,1 puntos, 6,1 rebotes e 2,8 asistencias para 12,3 de valoración. Na presente campaña promedia 8,6 puntos, 4,5 rebotes e 2,5 asistencias para 8,9 de valoración.

 ¿Como chegan?

Coa irregularidade por bandeira, os dous finalistas da LEB 14/15 chegan ao partido do Pazo en situación diferentes. O Breogán ten, agora mesmo a peor xeira aberta da liga, xunto a Palma e Prat, logo da triple derrota ante Palencia, Melilla e a clásica derrota ante o Coruña de Tito Díaz. Ourense tamén vén de derrota na casa, no seu caso ante Unión Financiera Oviedo que navega cómodamente por posición de playoffs. Breogán e COB ocupan a 11ª e 12ª posición respectivamente, sendo unha posición cómoda para os ourensáns que nada se xogan esta tempada xa que teñen o ascenso á ACB garantido de cara á vindeira tempada, e unha posición moi pero que moi incómoda para un dos mellores planteis da liga, que tivo toda caste de problemas e que non foi quen de acadar regularidade en ningún momento. Así pois, sensacións parecidas, se ben COB pode permitir estar nesa situación, que para os breoganistas transfórmase nun verdadeiro drama, coa necesidade imperiosa de saír da situación canto antes, volver a gañar partidos e comezar unha escalada que lle faga subir enteiros no seu favoritismo… E cecais darlle razóns aos que dubidan se vir ou non ao cadro celeste. Despois de todo… A terceira praza está a só 3 vitorias de distancia. Unha distancia máis ca respetable, pero tendo en conta a situación clasificatoria do cadro celeste, tódalas trabas e problemas que están a convertir a presente campaña nun pequeno calvario e, sobre todo, a cantidade de partidos que restan para finalizar a liga regular, a verdade é que non parece tanto.

COB-Breo

¿Quen é favorito?

Por xogar no Pazo, por plantel e polas gañas que poidan ter os celestes de revancha despois daquel fatídico cuarto partido (lembramos que daquel plantel, polo Breogán aínda seguen no equipo Dani López, Álex López, Matulionis e Mamadou Samb), o favorito debería ser o Clube Baloncesto Breogán. Pero o certo é que as augas baixan bastante máis calmas da outra beira do Miño. O conxunto cobista, tamén con gañas de reafirmarse, ten no partido do Pazo unha oportunidade para darlle unha alegría á boa afección ourensana, que está algo durmida na presente campaña, entre outras cousas pola falta de obxectivos da entidade das burgas. Para os celestes, iso si, trátase dunha auténtica final, como tódolos partidos que restan de aquí á finalización da liga regular (abonde comentar que a vindeira cita do conxunto breoganista é, nin máis nin menos que en Palma ante un dos equipos empatados na terceira posición agora mesmo) e iso, e máis xogando na casa, pode converterse nun arma de dobre filo se os celestes non son capaces de desenrolar o xogo que se lles presupón por plantel e poderío físico. Haberá que ver como afecta a baixa definitiva de Travis Nelson, que tivo que marchar de volta a USA por un asunto persoal grave nas rotacións de Lisardo. O apoio da bancada está garantido, con promoción incluída para que os socios poidan conseguir entradas para acompañantes, e máis tendo en conta a gaña que hai en Lugo de ver de volta a Jeff Xavier vestindo a celeste, pero haberá que ver se os ourensáns non son quen de revoltar o Pazo, e pescar en augas axitadas. Un Pazo dividido entre os que critican a Lisardo coma se fose el o culpable de tódolos males e os que o apoian de xeito incondicional. O perigo para os lucenses, á marxe da propia incontestable calidade do cadro das burgas é precisamente ese… A posible impaciencia da xente se as cousas non van ben para os de Lisardo durante do partido. Respecto á historia… falamos dun dos enfrontamentos con máis historia da liga, xa que Breogán e COB medíronse nin máis nin menos ca en 37 ocasións en liga (tanto en ACB coma en LEB) saíndo o Breogán vencedor en 23 ocasións, polas 14 veces que os ourensanos conqueriron a vitoria. Nos partidos disputados na cidade das murallas, o balance está moito máis equilibrado, xa que se reparten 9 vitorias cada un dos dous equipos. Agardemos que desta volta, o desequilibrio caia do lado lucense, e o conxunto de Lisardo poida sumar unha nova vitoria que lle achegue ao obxectivo número un. Nós desde logo, apostamos á celeste. O partido, no Pazo á hora habitual, sábado ás 19.15. FORZA BREO!!!

Somos Breogán

O deporte, neste caso o baloncesto, nunca entendeu nin de vaticinios nin de supostos teóricos. Vive ao marxe das palabras e básase exclusivamente nunha lei non escrita pero implacable que dicta a súa sentenza na pista. Pero esta é parte da súa grandeza, de ahí esa capacidade única para provocar todo tipo de emocións.

Read the rest of this entry

Baloncesto con P, de Palencia claro

todo por Palencia Baloncesto

@KIAenZona

Información sobre o Club Baloncesto Breogán S.A.D.

Blogoncesto

Información sobre o Club Baloncesto Breogán S.A.D.

ZonaOCB

Información sobre o Club Baloncesto Breogán S.A.D.