O noso vindeiro rival…

Leyma Básquet Coruña

 

  Breo      VS   341                

 

Negras nubes acechan o Pazo nun dos peores momentos da tempada para o C.B. Breogán, que afronta esta 19ª xornada coa necesidade imperiosa de vencer se non quere verse sumido nunha loita para a que non está preparado. De momento o balance é negativo, con 8 vitorias e 10 derrotas, pero sobre todo pola sensación de que o conxunto celeste, que dá pequenas mostras de recuperación en aspectos do xogo que son clave para o seu desempeño, sobre todo a intensidade defensiva, pero que non termina de arrincar a máquina. No peor dos momentos chegou o enfrontamento cos dous primeiros clasificados da táboa, e que serve para sumir ao breoganismo nunha depresión da que veremos se lle é doado saír. De principio, o conxunto de Lisardo xa se sitúa a unha vitoria do playoff, tendo por diante unha morea de equipos. A boa nova? Que o terceiro chanzo da clasificación “só” está a tres vitorias e quedan aínda 12 partidos por diante nos que o Breogán ten que dar o golpe na mesa. Para comezar con esa boa xeira que os de Lisardo necesitan, o peor rival posible. Os de Tito Díaz soen atragantárselles aos celestes… E de que maneira. Os dous últimos anos foron os que acabaron coa imbatibilidade dos celestes en liga, tanto nesta tempada coma a tempada pasada. Os laranxas caracterízanse por ter moi marcadas as características das que tanto gusta o técnico lucense. A zona de Díaz, unha tea de araña na que os lucenses poucas veces son capaces de atacar con claridade, e que, malia á superioridade dos seus planteis, na meirande parte das ocasións, son partidos igualados nas que os de Lisardo teñen moitísimos problemas para levar o gato á auga. O Breogán, logo da confirmación da chegada de Jeff Xavier, está pendente da chegada de outro reforzo máis que non remata de concretarse, e pechar así a que se supón será un dos planteis de referencia na liga. A iso hai que unir a complicada situación clasificatoria que fixo que voces do Pazo xa se erguesen para protestar contra a laboura do adestrador. Un adestrador que até o de agora sempre deu a cara e cuxo traballo intachable se ve agora arrastrado pola mala clasificación e o xogo dubitativo. O Breo vese na obriga de arrincar xa, se non quere ver como as posibilidades de xogar o playoff e, polo tanto, ascender no ano do seu 50 aniversario, se diluen coma o azucre nun pocillo de café. Iso si, de conseguir a clasificación, seguro que ningún equipo vai quedar contento que lle toque en sorte o conxunto lucense nos cruces. Todo ao seu tempo. Empezando co partido deste sábado unha hora máis tarde do habitual. As 20.15 no Pazo.

¿Obxectivo?

Semella que mellorar a posición acadada na tempada pasada é un obxectivo alcanzable para o conxunto laranxa. Os coruñeses saben que o mellor xeito de achegar xente a Riazor é avanzar cada vez máis deportivamente, e para iso semella imprescindible xogar os playoffs. A calidade do seu plantel xunto coa veteranía do adestrador semella que poden facer ese obxectivo posible a pouco que se vaian dando os resultados de xeito favorable. Dificultar a tarea aos rivais no aspecto ofensivo “atascando” os ataques especialmente en Riazor, parece que pode ser o camiño para a consecución deste obxectivo.

PLANTEL

Seguen catro xogadores da campaña pasada, Larry Abia, Jesús Castro, Ángel Hernández e o que fora o máximo anotador dos coruñeses na pasada tempada, o xeorxiano Beka Burjanadze. Completan o plantel Ben Stelzer, Zach Monaghan, Joan Creus, Gediminas Zyle e Sergio Olmos. Con contrato temporal logo da lesión de Chus Castro está Sergio Vidal, que se mantén no equipo unha vez recuperado o escolta eibarrés. Para substituír a Volodymyr Orlov chegou hai dúas semanas o checo Tomas Hampl procedente de Lleida, onde non tivo a continuidade agardada. Á fronte, o lucense Tito Díaz, un adestrador con experiencia e que sempre soe complicar as cousas e de que xeito aos lucenses.

basquet coruña7

BASES

6 Zach Monaghan: 23 anos. Xogador versátil especialista en penetracións. Ten certa dificultade para anotar desde a longa distancia. Moi boa visión de xogo e capacidade de anotación en transición. Chega desde a NCAA (d-II) onde xogou nos Minnesota State Mavericks, onde foi un dos xogadores máis destacados non só no equipo senon tamén na liga. No seu College conseguíu conseguirse no segundo xogador con máis asistencias e máis roubos. A tempada pasada promediou 15,6 puntos e 8,1 asistencias por partido que lle levaron a ser o mellor asistente da competición. Nos tres partidos que levamos ata o de agora nesta campaña promedia uns 7,6 puntos, 1,8 rebotes, 4,5 asistencias e 8,7 de valoración. No partido de ida fixo 2 puntos, 4 rebotes, 7 asistencias e 6 de valoración en 23 minutos xogados.

10 Joan Creus: 24 anos. Trátase dun xogador disciplinado e táctico. Ten unha gran capacidade para 1×1 en carreira, con boa finalización en penetración, gran velocidade e defensa agresiva. Ten un tiro máis que aceptable. Canteirán do FC Barcelona Regal, o fillo do histórico Joan “Chichi” Creus, que mesmo chegara a gañar unha liga ACB co mítico TDK Manresa, ten coma obxectivo seguir medrando no seu básquet logo dun ano, o pasado que comezou xogando no Unión Financiera Oviedo da LEB Ouro e que fichou a metade da tempada polo Movistar Estudiantes onde chegou a debutar na Liga Endesa. O ano pasado no Oviedo promediou 4,3 puntos, 1,8 rebotes e 2,4 asistencias para 6,5 de valoración. Este ano leva uns números semellantes con 5,9 puntos, 2,9 rebotes e 2,6 asistencias para 7,6 de valoración. No partido da ida xogou 17 minutos nos que anotou 5 puntos (sen fallo en tiros de campo), capturou 5 rebotes e repartíu 6 asistencias, valorando 11.

ESCOLTAS

5 Ben Stelzer: 23 anos. Francotirador. É un xogador eminentemente anotador, con gran capacidade para anotar desde fóra da liña de triple. Ademais é quen de fabricar os seus propios tiros tralo bote, cambio de man ou dribbling, movéndose ben sen balón e con velocidade para arma-lo tiro. En defensa é activo e rápido de mans, polo que ten facilidade para roubar balóns. O ano pasado, na d-II da NCAA, no Michigan Tech promediou un 45,7% en triples anotando case 4 por partido, facendo 22,1 puntos, 3 rebotes 2,9 asistencias nos case 35 minutos que xogaba. Polo que respecta a esta tempada 11,5 puntos, 1,6 rebotes e 1,7 asistencias para 8,1 de valoración, case un 50% tanto en tiros de campo coma en tiros de 3. No partido da ida fixo 16 puntos (sendo o máximo anotador do partido, galardón compartido co seu compañeiro Burjanadze e cos breoganistas Mamadou Samb e Álex López) con 4/5 en triples. Capturou 2 rebotes e repartíu 1 asistencia, con valoración de 12.

8 Ángel Hernández: 24 anos. Cuarta tempada consecutiva no clube coruñés. Trátase dun escolta que tamén pode actuar de base. Moi atlético e en constante evolución, fai boas lecturas do xogo e ten nas penetracións a súa mellor arma, ben sexa finalizando ou cun tiro desde curta distancia. É un xogador novo (24 anos) que xa chegou a xogar na ACB en Granada, cidade na que se formou hai 5 tempadas, e que presenciou a transformación do basquet laranxa desde a súa presencia en EBA, até este terceiro ano consecutivo na LEB ouro. A campaña pasada, nos pouco máis de 23 minutos que xogou conseguíu 5,1 puntos, 3 rebotes e 2,2 asistencias para unha valoración de 4,8. Este ano pola súa banda, leva 7,3 puntos, 3,4 rebotes e 2,6 asistencias nos 25 minutos que leva disputados cada partido para un total de 8,1 de valoración. No partido de ida en Riazor fixo 6 puntos, 3 rebotes e 6 de valoración nos 16 minutos disputados.

22 Jesús Castro: 32 anos. Un verdadeiro clásico das ligas FEB. O xogador basco de orixe ferrolana, cumpre a súa terceira campaña consecutiva cos coruñeses. É o capitán e o auténtico referente para os coruñeses, foi baixa no partido de ida en Lugo por unha lesión no menisco. Nesta tempada perdeu certo protagonismo en beneficio dos seus compañeiros. A pasada campaña promediaba 10,5 puntos, 2,8 rebotes e 2,3 asistencias para 9,1 de valoración xogando case 26 minutos. No que levamos de tempada, a súa baixa fixo que só puidera disputar 12 partidos, nos que, promediando menos de 15 minutos sumou 3,8 puntos, 1,6 rebotes e 1,3 asistencias para 1,8 de valoración.

ALEIROS

24 Larry Abia: 22 anos. Gran físico que en ocasións supón espectacularidade nas súas accións. Moi boa capacidade defensiva e de xerar nos 1×1 en ataque. Trátase dun xogador de formación de só 21 anos de idade e que o ano pasado, malia ser unha das promesas do conxunto coruñés, non fixo unha boa tempada. Sen embargo esa capacidade atlética e a súa marxe de mellora, convertírono nunha das pezas importantes de cara a construír este Coruña 15-16. Cumpre pois, a súa segunda campaña en Coruña, onde chegou procedente do filial do Valencia Basquet, co que chegou a debutar na Eurocup e na Liga Endesa. O ano pasado promediou 2,8 puntos, 1,6 rebotes para 2,4 de valoración en 25 partidos nos que apenas disputou 13 minutos e medio. Este ano leva promediados 3,4 puntos, 1,7 rebotes e 4 de valoración nos 16 minutos e medio que disputa cada partido. No partido de ida en Riazor sumou 3 puntos e 2 rebotes para 4 de valoración en 23 minutos.

33 Sergio Vidal: 27 anos. Especialista no tiro exterior, chegou a ser máximo anotador do grupo B da EBA hai 3 tempadas. Leva dúas campañas en LEB prata, primeiro en CEBA Guadalaxara e a pasada tempada no Lucentum Alacante. Chegou con contrato temporal pola lesión de Chus Castro, pero ficou no equipo, unha vez recuperado este. É rápido e bo na definición, ten capacidade tamén para a velocidade nos contraataques. O ano pasado en LEB prata promediou 5,2 puntos, 1,8 rebotes e 3,4 de valoración. No que levamos de tempada, promedia 0,9 puntos e 0,8 rebotes con valoración de 0,1 nos escasos 4 minutos xogados nos 8 partidos disputados até o de agora. No seu partido de debut en Riazor ante o conxunto celeste fixo 1 rebote, fallou 1 tiro e cometeu unha falta, polo que sumou unha valoración negativa de -1.

ALA-PÍVOTS

7 Beka Burjanadze: 22 anos. Xogador que destaca pola súa versatilidade, o que lle leva a xogar tanto na posición de 4, coma de 3 alto, cos seus 2,03 cm. Ten unha grande fortaleza física e gran capacidade reboteadora e defensiva, destacando especialmente o seu acerto no tiro. É internacional absoluto coa selección xeorxiana, coa que disputou o pasado Eurobasket, iso si, sen demasiado protagonismo. É un xogador de formación, logo de pasar a súa etapa junior en Sevilla, nas categorías inferiores do entón chamado Cajasol, co que chegou a debutar na Liga Endesa. O ano pasado demostrou o que é quen de facer e promediou 12,7 puntos, 4,8 rebotes e 10,6 de valoración. Nesta campaña leva até o momento 18,1 puntos, 7 rebotes e 1,4 asistencias para 19.3 de valoración nos 29 minutos e medio que promedia por partido. Leva 4 galardóns de mellor xogador da xornada. No partido de ida fronte ao Breogán fixo 16 puntos, capturou 9 rebotes e repartíu 1 asistencia para unha valoración global de 16.

23 Gediminas Zyle: 27 anos. Trátase dun xogador áxil e rápido malia á súa envergadura. Pode rematar os contraataques polo carril central. Grazas á súa altura é tamén un gran intimidador na pintura, o que obriga aos seus rivais a rectifica-lo tiro. Non ten mal tiro de media e longa distancia. Ten experiencia na LEB prata, que disputou co Azpeitia Azkoitia hai dúas tempadas. O ano pasado disputou a máxima división do básquet romanés co Atlassib Sibiu onde promediou 5,1 puntos e 1,9 rebotes por partido. Nesta tempada leva promediados 8,4 puntos, 3,8 rebotes e 6,1 de valoración nos 20 minutos e medio que disputa en cada partido. No partido de ida fronte ao Breogán fixo 6 puntos, capturou 6 rebotes e deu 2 asistencias para unha valoración de 3 nos 19 minutos que disputou o lituano.

 PÍVOTS

41 Sergio Olmos: 29 anos. Un dos grandes protagonistas dos tres “ascensos” consecutivos do Atapuerca/Tizona, trátase dun xogador que destaca pola súa altura e a súa envergadura, cos seus 2,13. Pivot habilidoso, cun gran rigor táctico e bo xogo de 1×1 tanto de costas coma cara ao aro, sonou este verán coma posible fichaxe do Breo, que rematou por desbotar a dirección deportiva. O ano pasado promediou 6,3 puntos, 4,2 rebotes para 8,9 de valoración, na presente campaña, o xogador alacantino promedia 13,7 puntos, 7,6 rebotes e 17,8 de valoración. No partido de ida xogou 25 minutos nos que anotou 14 puntos, capturou 6 rebotes e fixo 1 mate, recibindo ademais 6 faltas, polo que valorou 18.

35 Tomas Hampl: 27 anos. Recente fichaxe. Trátase do xogador máis alto da liga (2,15m) o checo é un xogador que destaca polo seu bo traballo para o equipo, non excesivamente duro e que non sempre loce nas estadísticas. Cando está preto do aro caracterízase polo seu bo xogo de pés, así como pola posibilidade de finalizar con mate e de facer gancho con ámbalas dúas mans. Boa continuación do pick & roll e xogo sen balón. Ademais, suma na súa alta capacidade intimidadora e o seu bo rebote tanto en ataque coma en defensa, e a velocidade das súas transicións. Chegou a xogar ACB e Euroliga da man de Bilbao Basket, se ben estivo case sempre vinculado a Santurtzi. No 2014 ascendeu á ACB da man de Andorra e na tempada pasada estivo en Palencia, onde promediou 4 puntos por partido e 3,1 rebotes nos pouco máis de 13 minutos que estivo na cancha. En Lleida, onde estivo até hai dúas semanas sumou só 3,7 puntos, 2,4 rebotes e 1,3 de valoración nos case 13 minutos que xoga por partido. A pasada xornada, no derbi ante COB, fixo 0 puntos, 3 rebotes e 1 asistencia para 4 de valoración nos só 4 minutos que disputou. Nos partidos que Hampl disputou contra o Breogán este ano, os dous con Lleida xogou unha media de 10 minutos, nos que anotou 3 puntos, colleu 1,5 rebotes e valorou 3.

¿Como chegan?

O Breogán chega despois de dúas derrotas consecutivas, nas que, paradóxicamente, a imaxe foi mellor ca nas anteriores. Semella que a chegada de Pep Ortega e a posibilidade de incorporar en breves datas un ou dous xogadores máis, fan que deportivamente o Breogán pense en remontar posicións. Iso, e que a pesar de tódolos pesares que leva o conxunto lucense este ano, só 3 vitorias separan aos lucenses da terceira praza da clasificación, que ocupa un Palma Air Europa que non semella rematar de afirmar a súa solideza. Sen embargo, xa son varias as voces que se erguen contra do adestrador Lisardo Gómez. O balance é de 8 vitorias e 10 derrotas e semella que o intachable traballo do técnico lucense, e cecais precisamente por esa condición de lucense, vese cuestionado por certo sector do breoganismo, polo que as augas baixan revoltas a carón do Miño. Coruña chega tamén dunha derrota, no derbi ante COB na casa, e antecede aos breoganistas na clasificación aínda que igualados a vitorias. O clima, nembargantes, na entidade laranxa, é moito máis calmo.

417

¿Quen é favorito?

O CB Breogán xogando a favor de ambiente, con un dos planteis máis completos da liga, sempre é favorito para calquera partido que poidan ter por diante pero… moito ollo… O clube celeste vive unha tensa calma que pode estourar en calquera momento. O breoganismo dubida. Dubida da ineficacia da directiva, que semella estar a deixar pasar o tempo até que cheguen os novos xestores do conxunto celeste. Dubida do adestrador, quen xa demostrou a súa valía e agora nos momentos máis baixos, semella máis cuestionado que nunca… Claro que ningún outro adestrador semella coñecer tan ben a casa, o plantel e os problemas polos que atravesa o clube celeste coma o propio Lisardo. Enfronte aparece Coruña Basquet… Un equipo cuxa aspiración é quedar o máis arriba posible, complicar os partidos que xogue contra equipos grandes e tentar, se é posible, dar o salto aos playoffs a finais da tempada regular. Neste momento, o conxunto de Tito Díaz está por diante dos lucenses, e semella difícil que poidan sorprender novamente aos de Lisardo, como xa fixeran na ida, rematando coa imbatibilidade dos lucenses. Moitas cousas cambiaron desde aquel partido en Riazor… O Breogán xa cambiou dúas veces de xogador exterior de referencia, e segue a agardar a chegada de algún xogador franquía. A ilusión voltou nesta semana coa chegada do escolta Jeff Xavier. E mentres, a fiel afección lucense que se toma o enfrontamento coma a posiblidade do inicio da escalada na que os celestes teñen moi pouco ou nula marxe de erro. Partido a partido, vitoria a vitoria, quere copiar Lisardo o lema do arxentino Simeone no que resta de fase regular, para tentar acadar os postos de playoff e quedar o mellor clasificado posible nos cruces. Respecto á historia, pouco nos di deste partido en concreto, xa que este clube, fundado no 1996, e que cumpre a súa cuarta campaña consecutiva na categoría de prata do básquet nacional. O que vén substituír ao C.A.B. Coruña e ao histórico C. Bosco La Coruña, xogou co Breogán un total de 7 partidos, dos que saíu victorioso en 4. Ollo porque ao conxunto coruñés non lle resulta difícil en absoluto conseguir a vitoria no Pazo, xa que das tres veces que xogou, conseguíu a vitoria en dúas. Ademais, as dúas últimas visitas dos coruñeses en partido oficial a Lugo, remataron con vitoria para os de Tito Díaz, nas tempadas 14/15 e 13/14, polo que ao partido incómodo, se lle suma o rival máis incómodo que os celestes poidan ter. Con todo, o momento de pegar o golpe na mesa, o partido de reafirmarse coma un dos equipos que queren aproveitar a segunda volta do campionato para reafirmarse coma candidatos, pode ser este, precisamente ante o rival ante o que o Breogán comezou, na primeira volta, o calvario que leva desde entón vivindo. Que mellor momento que comezar unha boa xeira precisamente ante este rival, que sempre se lle atasca aos de Lisardo. Nós apostamos á celeste. FORZA BREO!!!

Advertisements

Posted on 22 Xaneiro 2016, in Encontros, O equipo, Ouro, Xeral and tagged , , , , , , , , , . Bookmark the permalink. Deixar un comentario.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

Baloncesto con P, de Palencia claro

todo por Palencia Baloncesto

@KIAenZona

Información sobre o Club Baloncesto Breogán S.A.D.

Blogoncesto

Información sobre o Club Baloncesto Breogán S.A.D.

ZonaOCB

Información sobre o Club Baloncesto Breogán S.A.D.