O NOSO VINDEIRO RIVAL…

O NOSO VINDEIRO RIVAL:

Club Deportivo Maristas Palencia Quesos Cerrato

 Breo           VS      Faymasa_Palencia

 

Partidazo. Así se pode definir cada vez que estes dous equipos se enfrontan cara a cara. O Breogán foi o único durante moitas xornadas que conseguira gañar ao conxunto morado nesta tempada. Melilla conseguiuno tamén e así igualou o rexistro dos lucenses. O Breogán, ademais foi o equipo que logrou eliminar aos palentinos a tempada pasada nun vibrante playoff con prórroga incluída no partido decisivo no Pazo. O Palencia chega como líder ao Pazo, só tendo concedido dúas derrotas, as dúas na súa pista do Marta Domínguez, unha ante os celestes na segunda xornada da liga, e a outra hai só dúas xornadas, na derradeira xornada da primeira volta, no que será a Final da Copa Princesa, ante Melilla. O Breogán chega con problemas, coma durante toda a tempada, coa dúbida de Mamadou Samb, que se lesionara no partido de Cáceres cunha escordadura de nocello que resultou máis complicada do agardado e a de Nikola Rakocevic, máximo anotador do equipo nas últimas xornadas, que estivo malo con vómitos e malestar xeral nas últimas horas. Por contra, chega con Pep Ortega, a grande fichaxe breoganista xunto con, cando menos dúas máis que veñen apuntala-lo equipo de xeito definitivo (ou iso agardamos). Os celestes agardan coller o vento a prol que supón este 2016 e comezar a ter boas sensacións de cara ao playoff. Para iso, que mellor rival que o líder intratable da competición e que até o de agora nunca conseguíu vencer no Pazo dos Deportes. O Breogán quere, e a súa afección vai estar con el, amosar do que é capaz. Pola súa banda, o conxunto morado quere petar un golpe na mesa, conseguindo o que nunca até o de agora conseguíu, unha vitoria no Pazo dos Deportes de Lugo. Quere gañar ao único rival ao que até o de agora non conseguíu gañar ademais do xa mencionado Melilla co que terá outra oportunidade en pouco tempo no Marta Domínguez na Copa Princesa. E quere dar ese puño na mesa ante un rival dos chamados a estar arriba na clasificación e así alonxalo definitivamente de calquera posibilidade de chegar máis arriba, e de paso, asestarlle un golpe moral na súa casa a un dos favoritos, aínda que en horas baixas. A afección celeste recibíu a noticia por confirmar do grupo encabezado por Jesús Lence, que pode converterse no novo máximo accionista do conxunto celeste, e con aspiracións de verdade de impulsar ao clube celeste ao lugar que nunca debeu abandoar. Os morados teñen marcado este partido en vermello desde principios da tempada. E debut dun dos mellores xogadores da categoría, Pep Ortega. Non se pode pedir moito máis. Domingo, 18.00.

¿Obxectivo?

Falar dun obxectivo para o clube morado ten que ser pelexar polo máximo. Claro que falar do máximo nun clube que non ten o ascenso coma obxectivo, que di renunciar a el no caso de conseguilo, é bastante discutible. Polo tanto, falamos do plantel máis completo da categoría, que quere quedar campión para renunciar posteriormente ao ascenso, privando así a outros equipos que si poderían conseguilo pero que non poden chegar ás cifras que se lles ofrecen aos xogadores que forman parte deste plantillón de Palencia Basket. Campións de LEB e campións da Copa Princesa debera ser o obxectivo polo que pelexar para os de Marta Domínguez, sen lugar a dúbidas.

 PLANTEL

Só continúan tres xogadores da pasada campaña para o conxunto que comezou adestrando Porfirio Fisac e cuxa filosofía continúa Sergio García Martín. Urko Otegui, Dani Rodríguez e Romà Bas. Destacable a presencia de xogadores con pasado en grandes ligas tales coma Lamont Barnes, Dani Pérez e Marc Blanch ou con experiencia LEB coma Toni Vicens, Joan Tomás ou Michael Fakuade. De Australia chega Mitch McCarron. Esta semana incorporan ao xogador Ike Oyoke que non poderá participar no Pazo.  

plantilla2016

BASES

9 Dani Rodríguez: 31 anos. Trátase dun dos mellores bases en fase ofensiva da categoría. Bo na dirección e líder anotador, baixa ás veces a súa aportación defensivamente. O ex breoganista vén de facer a pasada tempada 10,3 puntos por partido e 1,4 rebotes con 2,5 asistencias. No que levamos de tempada suma 9,8 puntos, 1,8 asistencias e 5,6 de valoración nos 20 minutos e medio que disputa cada partido.

5 Dani Pérez: 25 anos. Logo dunha tempada na que prácticamente estivo inédito logo da lesión sufrida en novembro, o xogador catalán volta á LEB logo de dúas tempadas no Fuenlabrada na ACB. O internacional coas categorías inferiores de España, tivo diversos problemas no seu pé esquerdo. A tempada pasada, nos 17 partidos que disputou promediou 2 puntos e 2 rebotes. Promedia esta tempada 5,5 puntos, 1,9 rebotes, 2,9 asistencias e 6,8 de valoración.

ESCOLTAS

7 Romà Bas: 32 anos. Un dos que continúa este ano no equipo, o escolta catalán sempre se moveu por equipos da parte alta da táboa na categoría, tales coma o propio Palencia, Burgos, Menorca ou Lucentum. Trátase dunha importante amenaza desde o perímetro e moi sólido en defensa. A tempada pasada estivo inédito logo de se lesionar do cruzado antes de comezar. Leva nesta tempada 3,6 puntos, 1,1 rebotes e 1,7 de valoración nos pouco máis de 13 minutos e medio que xoga por partido.

8 Mitch McCarron: 23 anos. Chega o australiano da universidade de Metro State sendo unha das fichaxes máis destacables do conxunto colexial. Trátase dun excelente tirador, atlético e coa capacidade de finalizar con ámbalas dúas mans. É explosivo e rápido o que o fai un moi bo defensor. Falta saber como se vai adaptar a unha esixente categoría coma a LEB ouro. O ano pasado promediou 20,2 puntos, 6 rebotes cunhas porcentaxes que chegaban até o 49% en tiros de campo. Leva na presente campaña 7,4 puntos, 2,9 rebotes, 1,1 asistencias e 6,8 de valoración.

ALEIROS

13 Joan Tomás: 23 anos. Unha das apostas de futuro de Palencia, suma a súa terceira campaña na categoría, logo de que o canteirán da Penya estivera dous anos en Logroño e outro máis (o pasado) en Melilla. Foi no conxunto norteafricano onde xogou 23 minutos por partido, chegando a anotar 5 puntos e 4,2 rebotes por partido. Na presente tempada leva 8,8 puntos, 3,8 rebotes e 8,8 de valoración en 21 minutos xogados por partido.

31 Marc Blanch: 33 anos. Trátase dun dos exteriores máis contrastados da categoría. Volve á LEB logo dun ano no que disputou a Liga Endesa co conxunto co que conseguira o ascenso co Morabanc Andorra na campaña 2013/14 na que foi protagonista. A campaña pasada, xa en ACB o seu protagonismo co equipo de Peñarroya víuse reducido e aportou 4,1 puntos e 1,4 rebotes nos pouco máis de 11 minutos que estivo en pista. No que levamos de tempada leva acumulados 12,2 puntos, 3,4 rebotes e 1,8 asistencias para 13,8 de valoración. Leva acumulado máis dun 60% en tiros de 2 e máis dun 50% en total en tiros de campo nos 16 partidos que leva xogados.

ALA-PÍVOTS

17 Michael Fakuade: 26 anos. Pasaporte cotonou para este ala-pivot que a pasada campaña debutou na categoría da man do Força Lleida. Xogador moi intenso e con gran capacidade para defender e intimidar. Destaca pola súa explosividade e as súas decentes porcentaxes de tiro desde media distancia. O pasada campaña sumou 7,2 puntos e 5,2 rebotes co conxunto da Terra Ferma. Promedia 8,6 puntos, 6,8 rebotes, 1,1 asistencias e 11,4 de valoración.

10 Urko Otegui: 34 anos. O xogador donostiarra suma a súa cuarta campaña consecutiva capitaneando a nave castelá. Trátase dun dos clásicos da categoría con pasado en clubes coma Baloncesto León, Cantabria ou Menorca. Destaca pola súa intensidade no xogo, a súa defensa e o seu lanzamento da curta-media distancia. É un dos xogadores máis respetados polos árbitros LEB. O ano pasado promediou 11,2 puntos, 7,3 rebotes e 15 de valoración. Na presente tempada leva acumulados 8,6 puntos, 5,9 rebotes e 1,6 asistencias para 11,3 de valoración.

PÍVOTS

19 Lamont Barnes: 37 anos. Estrela dun plantel con tanta calidade coma o de Palencia, o xogador con pasaporte español xa estivo ás ordes de Porfirio Fisac no Blancos de Rueda Valladolid en ACB, categoría que tamén disputou con Fuenlabrada, León, Murcia, Lucentum e Estudiantes. Se o físico o respecta, debe de ser un dos interiores que marquen as diferencias na categoría de prata do basquet español. Vén de pasar distintas tempadas en equipos sudamericanos, a última xogou no CA Goes uruguaio, onde promediou 12,5 puntos e 7,4 rebotes. Promedia 12,4 puntos, 8,1 rebotes e 17,5 de valoración.

12 Toni Vicens: 25 anos. O interior balear, que pode xogar aberto ten boa capacidade ofensiva cun bo tiro de media e longa distancia. É quen de xogar o 1×1 con facilidade con bos fundamentos, pero pode mellorar defensivamente. O ano pasado promediou 8,4 puntos e 4,1 rebotes co clube da súa cidade natal, o Mallorca Basket. Na presente tempada leva 4,9 puntos, 2,2 rebotes e 5,2 de valoración en menos de 10 minutos de xogo.

Ike Oyoke: 29 anos. Xogador estadounidense con nacionalidade nixeriana, fixo a súa etapa universitaria na Universidade de Wyoming, durante dúas tempadas, e logo dun ano en branco, dúas máis cos Bois State Broncos. Romanía, Holanda, Alemaña, Estonia e mesmo a LEB Prata, foi a súa vagaxe europea. Trátase dun xogador físico, considerado un 4 convertible nun 3, mais o seu escaso rango de tiro, fixo que os seus adestradores se decantasen por utilizalo en posicións interiores, co que vai aportar intimidación, rebote e rotación para Lamont Barnes e Urko Otegui. A tempada pasada, no CD Castro de Chile fixo 19 puntos e 13,2 rebotes en 19 partidos. Non chegará para debutar en Lugo.

Palencia Mamadou

¿Como chegan?

Chegar chegan os dous despois de senllas vitorias, o problema é que o Breogán viña de tres derrotas consecutivas, e o Palencia dunha derrota ante Melilla que secundou á que foi, até o de agora, a mellor xeira de vitorias consecutivas, cun total de 12 vitorias de xeito consecutivo. Así, o conxunto morado pasa por ser o gran dominador da competición, con 14 vitorias e 2 derrotas, e a 2 vitorias do seu principal perseguidor, o Melilla que é outro dos grandes planteis da categoría. O Breogán, por contra, moi lonxe do que se lle presupón en principio, de feito, e coa salvedade da vitoria de mediados de semana ante o colista Lleida, levaba unha ferida de tres derrotas consecutivas, dun total de 8 derrotas, cun balance de vitorias-derrotas igualado e que lle leva a ocupar postos de play-out nestes momentos, con tódolos problemas deportivos e extradeportivos posibles. Así pois, chega en mellor momento o clube palentino, ao que se lle soe atragantar o Pazo dos Deportes, e iso, tanto a afección coma os celestes quéreno aproveitar para sumar a que sería a novena vitoria da tempada, e comezar esa escalada que lle leve a estar o mellor situado posible de cara ao final da liga.

 Inferno celeste II

¿Quen é favorito?

Pazo dos Deportes. Iso é dabondo para outorgar certo favoritismo ao conxunto celeste.  A análise do plantel outorga aos morados bastantes posibilidades, e máis tendo en conta a súa intachable traxectoria no que levamos de tempada, con só dúas derrotas e invicto a domicilio. Sen embargo, en Lugo, as últimas novas fan pensar no renacer do fénix, as novas esperanzadoras sobre o futuro da entidade celeste, a chegada de Pep Ortega e a de máis fichaxes que non deberían tardar en pecharse, unido á lixeira melloría experimentada no derradeiro partido en Lleida esta mesma semana, son dabondo para que a afección crea. Ademais, o público ha respostar en boa medida, tendo en conta que o partido enfronta aos lucenses a un dos máis encarnizados rivais deportivos nos últimos anos, xa que Palencia leva xa uns anos pelexando polo mesmo obxectivo deportivo que o clube lucense, quen xa demostrou, contra todo prognóstico, ser quen de gañar aos palentinos na súa propia cancha, e cos efectivos contados, coma durante toda a tempada. Se a data é importante para os siareiros, non o é menos para o conxunto castelán, que chega ao partido despois de vencer no Marta Domínguez ao Básquet Coruña, e que buscará enfilar a recta final da tempada coa mesma regularidade coa que se paseou na primeira volta. E ben saben en Palencia que o Pazo vai vender cara a súa derrota, polo que teñen este partido marcado no seu calendario. Os lucenses, co obxectivo de ir escalando posicións na táboa, teñen que empezar a gañar canto antes, non sexa que a tempada se lles vaia quedar curta. E non cabe dúbida que para os de Lisardo, despois de toda unha tempada de infortunio, estar a dúas vitorias do cuarto posto, ou mesmo a 4 do segundo, sería para ser optimistas ante o panorama que os lucenses terían por diante. A historia xa sabemos que nos dí que o Palencia nunca venceu no Pazo en partido de Liga, (si o fixeron este mesmo pasado mes de agosto no Torneo Lugo é Basket). Nos oito partidos disputados até o de agora polos morados no Pazo dos Deportes, caeron en todos e cada un deles. No Marta Domínguez a cousa cambia e é o Palencia o que máis vitorias leva, 6 castelás por só tres galegas, contando liga regular, playoff e mais a extinta Copa Príncipe. Así pois, dos 17 enfrontamentos oficiais entre Breogán e Palencia, os lucenses impuxéronse até o de agora en 11, por 6 vitorias palentinas. Nós apostamos á que a historia se repita, a que a maldición do Pazo continúe para os de Sergio García. Apostamos a celeste. Será o domingo a partires das 18.00 da tarde. A marea celeste quererá estar para facerse oír. Nós tampouco o imos perder. E tí? FORZA BREO!!!

desperta do teu sono

Advertisements

Posted on 10 Xaneiro 2016, in Encontros, O equipo, Ouro, Xeral and tagged , , , , , . Bookmark the permalink. Deixar un comentario.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

Baloncesto con P, de Palencia claro

todo por Palencia Baloncesto

@KIAenZona

Información sobre o Club Baloncesto Breogán S.A.D.

Blogoncesto

Información sobre o Club Baloncesto Breogán S.A.D.

ZonaOCB

Información sobre o Club Baloncesto Breogán S.A.D.