O NOSO VINDEIRO RIVAL…

Actel Força Lleida

 

Rs2w87I3         VS      Breo     

 

Partido que semella difícil para os de Lisardo, que volven afrontar o encontro con oito xogadores. As fichaxes semellan a piques de chegar pero non se dan concretado, con Pep Ortega xa pechado e que probablemente poderá coñecer in situ aos seus novos compañeiros no partido do mércores e a situación de standby das outras fichaxes por chegar, semella terse estancado na entidade celeste. Os de Joaquín Prado, coa peor xeira aberta da liga, non están moito mellor, de feito, agora mesmo ocupan a derradeira praza da clasificación mesmo por debaixo de Prat. Polo que as urxencias parecen ir máis para o equipo da ribeira do Segre que para os lucenses. Sen embargo, lonxe de ser así, os celestes teñen a obriga de gañar, de gañar para revertir a mala xeira e de facelo para recuperar a confianza do grupo, mermada por todo tipo de situacións que se levan dado no que levamos de tempada, e que parece que non rematan de mellorar. Ademais, o Breogán ten que comezar unha boa xeira canto antes, que lle leve a recuperar o terreo perdido, que é moito, se é que quere chegar aos playoffs nunha posición medianamente cómoda, e máis aínda tendo en conta que o calendario se complica, co partido en Lugo do case imbatible Palencia esta mesma semana, e coa viaxe a Melilla xusto na xornada seguinte. Así pois, por todas esas razóns, o partido deste mércores semella vital para os de Lisardo. Ademais do feito psicolóxico indubidable de comezar vencendo no 2016 e deixar as malas sensacións atrás. Por todo isto, o partido do Barris Nord do mércores semella un partido verdadeiramente difícil. Co baleiro de poder desde os despachos da nave celeste até que se constitúa o novo consello de administración, cecais dentro de dous meses, semella que os únicos quen de tirar pola situación do clube e do equipo son os xogadores capitaneados polo seu corpo técnico. E dada a situación, desde logo non parece un partido nin moito menos fácil. A chegada dunha nova fichaxe parece inminente, mentres as horas dalgún dos interiores parecen contadas… Haberá que agardar os acontecementos das vindeiras horas para saber se hai novidades. Pero a boa afección celeste está desexosa de poder recibir boas novas ás que se agarrar para crer no seu equipo, para crer que existen posibilidades nesta tempada, a do cincuenta aniversario, que debera ser unha campaña ilusionante e que, lonxe diso, até o momento, está a ser francamente decepcionante desde o punto de vista deportivo, por non falar do institucional.

¿Obxectivo?

Parece bastante claro que o obxectivo do Lleida débese medir no día a día, en ir medrando coma equipo e ver como se van acoplando as novas pezas. Desde a filosofía de xogo do técnico asturiano Joaquín Prado, os fundamentos defensivos e a intensidade coma bloque, se acada bos resultados na casa, entrar en playoffs de xeito cómodo e non moi lonxe da zona nobre da liga debera ser unha meta acadable a longo prazo.

PLANTEL

Mantén a metade do plantel do ano pasado; José Simeón, Gerard Sevillano, Alfons Alzamora, e Juan Pablo Sutina e se incorporan ao plantel Josep Pérez, Emmy Andújar, Jorge García, Khyle Marshall, Alex Greven e Tomas Hampl. Coa última incorporación do ucraíno Volodymyr Gerun, semella que poden dar un salto de calidade.

LLEIDA

BASES

11 José Simeón: 24 anos. Boa dirección de xogo, intensidade e lecturas axeitadas, o valenciano chegou a debutar na ACB co equipo do Valencia Basket, está na súa plenitude coma xogador. O ano pasado, chegou a promediar 5,7 puntos e 2,8 rebotes nos case 30 minutos xogados por partido. No que levamos de tempada leva 3,8 puntos, 2,4 rebotes e 2 asistencias para 4,9 de valoración.

13 Josep Pérez: 21 anos. Un dos xogadores a seguir con lupa. Chegou a debutar en Liga Endesa e Euroliga co FC Barcelona, logo dun ano de lesión a tempada pasada xogou no Peñas Huesca. Trátase dun xogador intenso en defensa e con capacidade para desbordar no 1×1. Ven de asinar o ano pasado 8,2 puntos e 2,1 rebotes por partido en 20 minutos de xogo. Na presente tempada leva 8,2 puntos, 1,8 rebotes, 2,6 asistencias e 7 de valoración.

ESCOLTAS

66 Alexander Greven: 25 anos. Pode xogar no 1 ou no 2. É unha das fichaxes deste ano procedente de Plasencia de EBA a onde chegou da EBL Div1 inglesa. Cabe a dúbida da súa adaptación tralo salto de categoría. O ano pasado promediou uns interesantes 22 puntos con porcentaxes do 46,3% en tiros de campo e 4,7 rebotes por partido en case 35 minutos xogados. Na presente tempada leva 4,8 puntos, 1,2 rebotes e 2,2 de valoración.

54 Juan Pablo Sutina: 25 anos. Un dos veteranos do clube ilerdense, sumará a súa cuarta tempada co clube da Terra Ferma. O hispano-arxentino, que tamén pode xogar coma aleiro, destaca polo seu bo tiro, con boas porcentaxes nos tiros de campo, nos que superou o ano pasado o 45%. 7,1 puntos por partido e 2,3 rebotes en menos de 20 minutos de xogo, falan da perigosidade deste xogador. Leva nesta tempada 8,9 puntos, 2,7 rebotes e 7,3 de valoración.

ALEIROS

7 Gerard Sevillano: 21 anos. Gran físico e vontade, o canteirán do Joventut pode xogar tanto no 2 coma no 3. Destaca pola súa defensa das liñas de pase e pola súa mobilidade, así como pola súa lectura do xogo. A tempada pasada, xa no Força Lleida asinou 4,2 puntos por partido en algo máis de 15 minutos. Nesta promedia 3,4 puntos, 2,5 rebotes para 2,6 de valoración.

22 Emmy Andújar: 23 anos. Procedente da Universidade de Manhattan, estivo neste pasado verán na órbita do Monbús Obradoiro, está chamado a ser a gran estela do conxunto da Terra Ferma nesta tempada. Trátase dun aleiro con fortaleza baixo os taboleiros, polo que pode xogar tamén no 4, destaca pola súa versatilidade. Foi nomeado mellor xogador da súa conferencia logo de promediar 16,3 puntos e 7,6 rebotes en 31 minutos de xogo. Na primeira volta foi MVP no partido contra o Breogán. Promedia 12,9 puntos, 6,9 rebotes, 2,3 asistencias e 16,1 de valoración.

ALA-PÍVOTS

12 Jorge García: 38 anos. O cordobés é unha das pezas importantes do equipo pola súa veteranía, polo que exerce de referencia para os seus compañeiros. Ampla traxectoria en LEB e ACB, destaca polos seus movementos coma xogador interior e pola súa boa man no tiro exterior, tendo unhas boas porcentaxes de triple. Na tempada pasada, en Burgos fixo case un 43,1% en tiros de campo, destacando pola súa boa porcentaxe no tiro de tres sendo interior (39,8%). A tempada pasada promediou 7,4 puntos e 3,7 rebotes nos 19 minutos que xogou. Nesta tempada leva 11,5 puntos, 3,9 rebotes para 8,9 de valoración.

23 Kyle Marshall: 23 anos. Xogador cotonou con pasaporte de Santa Lucía. A tempada pasada comezou en Xapón, para voltar aos Estados Unidos e rematar xogando na República Dominicana. Nos 8 partidos que xogou no seu último equipo (Huracanes del Atlántico) promediou 17 puntos e 7,8 rebotes. Se cadra é algo baixo para ser interior (1,98m) destaca co seu físico privilexiado. Zurdo pechado, especialízase en rematar con gancho coa esquerda. Na presente tempada promedia 11,6 puntos, 4,9 rebotes e 1,1 asistencias para 8,4 de valoración.

PÍVOTS

10 Tomas Hampl: 27 anos. Trátase do xogador máis alto da liga (2,15m) o checo é un xogador que destaca polo seu bo traballo para o equipo, non excesivamente duro e que non sempre loce nas estadísticas. Chegou a xogar ACB e Euroliga da man de Bilbao Basket, se ben estivo case sempre vinculado a Santurtzi. No 2014 ascendeu á ACB da man de Andorra e na tempada pasada estivo en Palencia, onde promediou 4 puntos por partido e 3,1 rebotes nos pouco máis de 13 minutos que estivo na cancha. No que levamos de tempada suma só 3,7 puntos, 2,4 rebotes e 1,3 de valoración nos case 13 minutos que xoga por partido.

14 Alfons Alzamora: Cos seus 36 anos o ex-breoganista é un dos veteranos do equipo. Peza clave no vestiario e axuda para a progresión dos seus compañeiros. Un auténtico trotamundos, xogou en FC Barcelona, Joventut, Menorca, Manresa en Lleida e Lugo e foi internacional en categorías inferiores. O ano pasado, cun aporte menor no Força Lleida promediou 3,3 puntos por partido e 3,3 rebotes en pouco menos de 15 minutos xogados. No que levamos de tempada, promedia 4,6 puntos, 4,3 rebotes e 1,5 asistencias para 5,7 de valoración.

52 Volodymyr Gerun: 21 anos. Chegou a metade da tempada procedente do Xetafe, onde en só dous partidos deixou moi boas sensacións, anotando 11 puntos, collendo 8 rebotes e valorando 15,5 por partido. As pasadas dúas tempadas xogara na Universidade de Portland con 8 puntos e 6 rebotes por partido de media. Só xogou un partido en Lleida, e fixo 17 puntos e 6 rebotes para 19 de valoración.

¿Como chegan?

Dúas das peores xeiras negativas da liga fronte a fronte. O CB Breogán rematou por terceira vez no seu periplo en LEB (décima consecutiva) a primeira volta cun balance negativo de vitorias-derrotas. Dáse a circunstancia de que os celestes se miden por cuarto partido á peor xeira negativa aberta da liga, tendo caído en dúas ocasións anteriores, contra Cáceres e contra Navarra a xornada pasada, e gañando a Prat. O Barris Nord non ve gañar ao seu equipo coma local desde hai máis dun mes, concretamente o 28 de novembro, última vitoria dos da terra farma na súa propia casa. Uns e outros teñen que buscar a reacción. O Breogán, na campaña do seu 50 aniversario e logo dunha tempada na que rozou cos dedos o ansiado ascenso á ACB, e o Lleida, que quere fuxir canto antes dos postos baixos da clasificación, que por potencial de plantel, non lle corresponden en absoluto.

Danilo vs lleida

¿Quen é favorito?

Partido moi moi difícil no seu prognóstico. Lleida leva catro derrotas consecutivas e, en total, catro vitorias en liga, das que só dúas se produciron no Barris Nord, nos derbis cataláns ante CB Prat e FC Barcelona B. A tempada dos de Joaquín Prado ten, até o de agora máis sombras ca luces e están, de momento lonxe do seu obxectivo de principios de tempada, que non é outro que tentar mellorar o que xa se conseguíu o ano pasado, chegar aos playoffs e tentar dar un susto aos equipos de maior potencial. Diante o Breogán, con mellor balance pero que remata unha decepcionante primeira volta con máis derrotas ca vitorias. Os de Lisardo tamén están lonxe do seu obxectivo, moi lonxe se se considera que o obxectivo dos celestes tería que ser pelexar o ascenso directo, nembargantes, as últimas noticias en formas de incorporacións, que ademais da de Pep Ortega, poderían concretarse nos vindeiros días fan rexurdir novamente a ilusión no breoganismo. Os de Lisardo queren gañar por non perder a comba cos de arriba e, en verbas do propio adestrador lucense, comezar a se converter nese equipo “temible” de cara aos playoffs e que ningún outro equipo quere enfrontarse a el. O conxunto celeste, para o que non sería unha debacle unha nova derrota, si sería especialmente grave, porque se convertiría no equipo coa peor xeira aberta da liga, e cun calendario complicado. Agora máis ca nunca, toca confiar no traballo, bo durante a semana e malia ás dificultades que ten non poder completar adestramentos con todo o plantel dispoñible e ao completo. Cousas do deporte. O factor cancha pode ser un arma de dobre filo se as cousas non van ben no partido do mércores, o ambiente podería voltarselle en contra ao conxunto da terra ferma. As necesidades apretan a un e afogan aos outros, o Breogán quere encaramarse aos postos de arriba e o Lleida fuxir da lea na que se meteu e canto antes. O plantel… Semella que favorece ao Breogán, sen embargo o Lleida ten homes determinantes coma Emmy Andújar, que foi MVP a última vez que se medíu cos nosos, e ao que só puidemos dobregar na prórroga. A historia non nos di gran cousa cabo deste Força Lleida, fundado no 2012 e que veu substituír ao CE Lleida que xogara ACB e contra os que si xogamos noutras ocasións. Así, o Breogán no Barris Nord xogou un total de 12 partidos, cun balance equilibrado para os dous equipos, xa que se reparten 6 vitorias para os locais, e 6 para os celestes. Máis desequilibrada está a cousa nos duelos en Lugo, onde en 13 partidos, o Breogán venceu en 12, só perdendo nunha ocasión. En total, dos 25 partidos que se levan disputados entre o equipo lleidatan e o breoganista, o Breogán venceu en 18 e os cataláns en 7. En principio semella que, por esta vez a historia está da parte breoganista, pero o mércores será outra historia diferente, cos cataláns volcados para non sumar a que sería a súa segunda xeira de cinco derrotas consecutivas na tempada, e cun Breogán disposto a agradar á que vai ser a súa próxima incorporación, o ala-pívot catalán Pep Ortega. Nós apostamos a un 2016 celeste. E que mellor que comezar co primeiro partido do ano. O mellor regalo de Reis. FORZA BREO!!!

Advertisements

Posted on 5 Xaneiro 2016, in Encontros, Ouro, Xeral and tagged , , , , , . Bookmark the permalink. Deixar un comentario.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

Baloncesto con P, de Palencia claro

todo por Palencia Baloncesto

@KIAenZona

Información sobre o Club Baloncesto Breogán S.A.D.

Blogoncesto

Información sobre o Club Baloncesto Breogán S.A.D.

ZonaOCB

Información sobre o Club Baloncesto Breogán S.A.D.