O NOSO VINDEIRO RIVAL

Cáceres Ciudad del Baloncesto Patrimonio de la Humanidad

 

  logo-caceres-2016-basket       VS          Breo 

 Vén o Breogán de sumar a súa terceira vitoria consecutiva, que lle sitúa na cuarta posición, encabezando unha caravana con outros tres equipos cos que está empatado a 7 vitorias, Burgos, BarcelonaB, Castelló e Oviedo. Pode que o Breo chegue algo tarde para tentar o asalto á Copa Princesa, para o que tería que tentar acadar o segundo posto, e ao que tamén aspiran Palma, Melilla e os outros equipos antes comentados. Para elo chega o Breogán a Cáceres nun bo momento anímico e tentando recuperar a un Gerardo Suero que parece que ten problemas de adaptación. Non obstante, o escolta dominicano fixo bos partidos, especialmente o pasado sábado no Pazo ante Oviedo, cando sumou 18 puntos en pouco máis de 23 minutos, pero semella que hai problemas neste sentido. Aparte diso, Lisardo conseguíu completar adestramentos con todo o plantel ao completo, cousa que non conseguira no que levamos de tempada, e o partido ante Oviedo foi o primeiro no que os breoganistas dispuxeron de tódolos seus efectivos, cousa que non ocorría desde a primeira xornada ante Lleida. Todo isto, e contando co nivel crecente no xogo dos celestes, que farán a súa próxima parada en Cáceres, unha desas prazas importantes para calquera lucense, e non só pola conidición de cidade histórica do baloncesto (o clube é o herdeiro do mítico Cáceres C. B. que xogara na ACB nos 90 e primeiros 2000) senon por aquela final four, a marea celeste, e a dura derrota contra aquel Bruesa de Pablo Laso e Andy Panko. Con respecto ao clube verdinegro, xurdíu no 2007 pola fusión de dúas das canteiras máis importantes da cidade estremeña. Así, coa fusión da canteira de Cáceres C.B. (cuxo equipo senior, ex-ACB, desaparecera dous anos antes por dificultades económicas) e o colexio San Antonio. O conxunto cacereño voltaba así o básquet profesional á cidade, xa que mercaran a praza en LEB Prata do Club Básquet Llíria, e contando co apoio incondicional da fiel afección cacereña. O clube tiña uns 1500 socios ao bonito pavillón Multiusos Ciudad de Cáceres na súa primeira tempada. Desde entón sempre alternaron a LEB Ouro e a Prata en función dos vaivéns económicos da entidade estremeña. O ano pasado, nun fantástico fin de tempada, conquerían o ascenso no último partido da liga ante CEBA Guadalaxara. Esta tempada o comezo prometía grandes sensacións, pero unha xeira de 6 derrotas consecutivas, fixo aos cacereños mirar con medo aos postos de descenso. Foi quen de cortala cunha importante e inesperada vitoria na casa ante Melilla, hai dúas xornadas, no último partido en casa ante o seu público. Tres das catro vitorias que leva o conxunto estremeño foron no Multiusos Ciudad de Cáceres. Fica claro que gañar alí non ha ser fácil.

¿Obxectivo?

Semella que o obxectivo pasa por tentar ser competitivos, por tentar facer un verdadeiro fortín do Multiusos e que gañar alí sexa un auténtico tormento. Con iso, e mantendo grande parte do equipo que conqueríu de maneira brillante o ascenso a campaña pasada, debera chegar para conquerir unha permanencia que parece un obxectivo menor. A verdadeira meta é conseguir esa permanencia, ese número de vitorias mínimas canto antes para poder ter un final de tempada tranquilo, e se é posible, loitar por obxectivos máis nobres, tales coma pelexar uns playoffs que semellan difíciles de acadar, visto o gran número de equipos que poden estar nesa tesitura. Por iso, e seguindo o dictado da pizarra de Ñete Bohigas, o ir partido a partido e tentando conseguir a vitoria en cada unha das xornadas, semella unha meta máis ca coherente, pero sobre todo, disfrutar e facer disfrutar á fiel afección verdinegra.

 PLANTEL

O adestrador da casa Ñete Bohigas (49 anos), cumpre a súa terceira tempada consecutiva ao fronte do clube. Colleu ao clube logo do descenso administrativo á LEB Prata, e devolveuno agora a Ouro. A frase de “aquelo que funciona é mellor non cambialo” parece ser a filosofía do clube cacereño para a confección do plantel nesta tempada. Así, coa capitanía de Luís Parejo (terceira tempada) tamén continúan da tempada pasada José Antonio Marco, Guillermo Corrales, Añaterve Cruz, Rolandas Jakstas e Mansour Kasse. Ademais, un dos rivais da campaña pasada coma Álvaro Frutos, procedente de CEBA Guadalaxara, Ben Mockford procedente de Plymouth, Sergio Pérez desde Pornic (Francia), Tautvydas Slezas desde Furnstelfeld e Víctor Serrano, desde C.B. Prat.

cacerespatrimoniodelahumanidad1516_plantilla

BASES

5 José Antonio Marco: 26 anos. Cumpre a súa terceira tempada no clube estremeño. Nomeado a pasada campaña mellor base da LEB Prata, o xogador murciano pasa por ser un base que destaca pola súa facilidade para asistir aos seus compañeiros, de feito foi o máximo asistente a tempada pasada duplicando ao segundo clasificado nesta estatística. Xa xogou na LEB Ouro hai tres tempadas, nas filas do Melilla, onde fichou polo Cáceres, sendo desde entón a prolongación de Bohigas na cancha. A tempada pasada promediou 9,4 puntos, 2,9 rebotes e 7,1 asistencias para 16,2 de valoración. No que levamos de tempada leva 5,5 puntos, 2 rebotes e 2,3 asistencias para 6,6 de valoración

11 Álvaro Frutos: 28 anos. Formado nas categorías inferiores do Real Canoe de Madrid, o xogador madrileño mesmo chegou a debutar na liga ACB co Baloncesto Fuenlabrada. A súa experiencia na categoría co Alcázar, Melilla, Navarra e Clube Ourense Baloncesto, pero non chegou a ter o rendemento agardado. O ano pasado recuperou sensacións co CEBA Guadalaxara na LEB Prata, onde sumou 11,1 puntos, 3,9 rebotes, 3,9 asistencias e 12,7 de valoración. No que levamos da presente tempada leva 6,1 puntos, 2,3 rebotes, 2,3 asistencias e 6,8 de valoración.

12 Guillermo Corrales: 20 anos. Trátase dun base de 1,80 metros, desenrolou a parte final da súa etapa formativa no Baloncesto Sevilla, no seu equipo junior e no filial na EBA. Mesmo chegou a debutar co primeiro equipo na Liga Endesa en catro partidos e tres máis na Eurocup. A campaña pasada, xa nas filas do conxunto estremeño promediou 3,3 puntos, 1,4 rebotes, 1,6 asistencias e 3,3 de valoración. No que levamos de tempada leva 1,6 puntos, 1 asistencia e 0,9 de valoración nos apenas 8 minutos que disputa por partido.

ESCOLTAS

3 Ben Mockford: 26 anos. Escolta de 1,86 zurdo, moi explosivo e excelente tirador, formado na NCAA en St. Francis, está convocado coa selección de Gran Bretaña. O xogador, logo da tempada pasada marchar tras só 8 partidos do conxunto estremeño por unha inoportuna depresión, volve para voltarlle ao conxunto verdinegro a “débeda pendente” ca afección cacereña. A campaña pasada, antes da súa saída sumou 13 puntos, 1,4 rebotes e 1,3 asistencias para 7,6 de valoración, mentres que este ano leva 9,6 puntos e 2,6 de valoración.

33 Luís María Parejo: 26 anos. Trátase do capitán do equipo estremeño. Cumpre a súa terceira tempada consecutiva no conxunto cacereño. Este almeriense foi formado nas categorías inferiores do Real Madrid, leva case toda a súa traxectoria na liga LEB Prata, en equipos coma Tíjola, Óbila, Castellón e Cáceres nas últimas dúas tempadas. Debutara na LEB Ouro en Alcázar no 2011. A pasada tempada promediou 9,9 puntos, 3,2 rebotes e 1,4 asistencias para 10,6 de valoración, pero esta tempada leva 9,1 puntos, 2,9 rebotes, 1,8 asistencias e 9,3 de valoración.

ALEIROS

7 Sergio Pérez: 36 anos. Aleiro que pode actuar coma pívot aberto. Trátase dun tirador caracterizado por exercer de todoterreo cando as circunstancias o requiren. Comezou nas categorías inferiores de Estudiantes de Madrid, para pasar ao Pozuelo e máis tarde ao Fuenlabrada da LEB Ouro, co que conseguíu un ascenso de infausta lembranza para os breoganistas, pois derrotou en Lugo ao Breogán nos últimos segundos do cuarto partido da final do playoff. Posteriormente xogou en ACB no propio Fuenlabrada, CAI Zaragoza e Murcia. A tempada pasada, foise á cuarta división francesa, de onde foi rescatado polo conxunto estremeño. Leva nesta tempada 6,4 puntos, 2,6 rebotes e 1,1 asistencias para 6,8 de valoración.

13 Añaterve Cruz: 29 anos. Conta cunha ampla experiencia na LEB Prata, en equipos importantes tales coma Plasencia, Coruña, Óbila, Gran Canaria, Palma ou o propio Cáceres. O ano pasado, o aleiro canario foi o máximo anotador do seu equipo na liga e unha das claras referencias ofensivas do equipo. O aleiro canario sumou 12,4 puntos, 3,4 rebotes e 1,2 asistencias para 10,9 de valoración. E no que levamos de tempada leva 8,4 puntos, 1,8 de valoración.

ALA-PÍVOTS

14 Rolandas Jakstas: 24 anos. Trátase dun xogador moi traballador, intenso, forte e moi dotado de técnica individual, seguirá medrando e adaptándose ao baloncesto español un chanzo máis arriba para ocupar posicións de ala-pívot. Chegou a tempada pasada ao cadro verdinegro coma unha aposta no xogo interior para conseguir o obxectivo do ascenso. Alternando as posicións de 4 e de 5, foi de menos a máis, promediando 9,3 puntos, 4,8 rebotes e 1 asistencia para unha valoración de 10,2.

34 Mansour Kasse: Mansour Kasse: 23 anos. Formado nas categorías inferiores de Tenerife e Real Madrid, cumpre a súa terceira tempada consecutiva co clube estremeño. Trátase dun dos xogadores preferidos pola afección pola súa loita e a súa implicación na cancha, coa bancada e coa cidade, conqueríu o ano pasado o ascenso co clube cacereño, voltando así á categoría na que debutara hai dúas tempadas da man de Planasa Navarra, aínda que tendo unha aportación máis ben testimonial. O teito cacereño a pasada tempada sumou 5,6 puntos, 5,6 rebotes e unha valoración media de 7,5 minutos nos 17 minutos que xogou. No que levamos de tempada aporta 2 puntos, 2,5 rebotes e 1,6 de valoración nos apenas 10 minutos que xoga en cada partido.

PÍVOTS

9 Tautvydas Slezas: 25 anos. Trátase dun pívot nado en Kaunas que cos 2,07 de estatura e 25 anos, internacional con tódalas categorías do país báltico. Interior intenso, bo reboteador en ámbolos dous aros que, ademais de poñer o balón no chan, destaca pola súa capacidade para xerar o pase e ser un bo finalizador preto do aro. Slezas xa pasou por varios equipos do seu país antes de xogar en Austria, país do que procede, e onde promediou na última tempada 11 puntos, 9,3 rebotes e 2,4 asistencias. No que levamos da presente tempada, o xogador lituano suma 6,5 puntos, 7,3 rebotes e 1,6 asistencias para unha valoración media do 9,8.

21 Víctor Serrano: 26 anos. Chega o pívot madrileño procedente do Prat Joventut, de formación na canteira do Estudiantes, con quen mesmo chegou a formar parte do plantel ACB na tempada 11/12 logo do seu primeiro paso pola categoría da LEB Ouro da man de Canarias, as seguintes tempadas alternou Prata e Ouro con Lan Mobel e COB Ourense, e o filial do Joventut nas dúas últimas tempadas. O ano pasado, nas filas do filial da Penya sumou 7,8 puntos, 5,4 rebotes para unha valoración de 10,1. No que levamos de tempada, aporta 8,6 puntos, 7 rebotes e 11,5 de valoración nos case 22 minutos que xoga.

¿Como chegan?

Anímicamente o Breogán vén dunha xeira de 3 vitorias consecutivas, case para igualar a súa mala xeira anterior de catro derrotas consecutivas. O conxunto celeste semella medrar a cada partido, pouco a pouco e escalando posicións, no que vai recuperando xogadores. Destacar o partidazo de Sergio Llorente na xornada pasada, na que cos seus 27 de valoración, conseguíu o MVP da xornada, compartido iso si con Beka Burjanadze. E non é casual, pois a volta de Dani López trala súa lesión, fai que o xogador breoganista teña a obriga de xogar menos minutos, está máis fresco e liberado para a anotación. O Breo chega coa única preocupación de recuperar anímicamente a Gerardo Suero, e proseguir a escalada, toda vez Fede Ucles superou os seus problemas físicos. Avisou Lisardo da perigosidade do Cáceres, e dos problemas no rebote do Breo, polo que pode ser unha boa pedra de toque. Palencia está moi lonxe, pero Palma non tanto. Cáceres, pola súa banda, chega ao partido logo da derrota da pasada xornada, deixando nun espellismo a vitoria da xornada anterior ante Melilla. Así, os de Ñete Bohigas levan 7 derrotas nos últimos 8 partidos e ocupan posto de descenso, na penúltima praza da clasificación. Iso si, ha de terse en conta que das catro vitorias que leva Cáceres, só unha foi fóra da casa. O Cáceres é un equipo temible ante o seu público, que apreta moito e que, a bo seguro vai tentar que os seus poidan sumar outra vitoria que corte a boa xeira dos de Lisardo.

728780_1

Último Breogán-Cáceres disputado en cancha estremeña. Playoffs 2013

¿Quen é favorito?

En principio o factor cancha favorece ao clube estremeño, pois o partido hase disputar en Cáceres. Ademais, o feito de estar nunha xornada con tres partidos fai que o conxunto lucense vexa esta semana coma fundamental para esprimi-las súas derradeiras posibilidades de xogar a copa. Logo das vitorias ante Prat, Cocinas e Oviedo, o Breogán volve mirar cara arriba e xa ocupa a cuarta praza de clasificación. Iso si, algo a ter en conta é a posibilidade de que o factor cancha poida transformarse en presión se as cousas non van como deberan. En canto á calidade do plantel, a do Breogán parece ser superior, pois home por home a traxectoria dos celestes parece máis importante que o plantel cacereño, moito máis humilde e cunha aspiración tamén máis modesta. O Breogán debería ser quen de conquerir a vitoria se é capaz de impoñer o seu xogo, e seguir así medrando no xogo, coma equipo e tamén na clasificación. Falando de historia, Breogán e Cáceres medíronse en bastantes ocasións, coma cidades históricas de básquet que son, co clube actual e co extinto C.B. Cáceres, medíronse anteriormente en 29 ocasións, e a igualdade é a tónica xeral. Así, coa actual denominación (Cáceres Ciudad del Baloncesto) o Breogán visitou Cáceres en 7 ocasións, con cinco vitorias para os locais e dúas para os lucenses. Anteriormente, o Breogán visitara ao Cáceres C.B. tamén en 7 ocasións, e o balance é exactamente o mesmo, 5 vitorias locais e 2 para os lucenses. Así pois, en total, o Breogán visitou Cáceres en 14 ocasións, todas en liga regular menos un playoff de infausta lembranza hai ben pouco gañando en 4 delas e perdendo noutras 10. En Lugo, por contra, xogaron 15 partidos, gañando o Breo en 9 ocasións e o Cáceres nas outras 6. O Breogán chega ao partido con gañas de seguir a súa escalada, é o favorito e ten que demostralo na cancha, unha cancha que non lle vai resultar fácil, porque Cáceres quere tamén recuperar as sensacións. A cita, no Multiusos Ciudad de Cáceres o vindeiro mércores ás 20.45. FORZA BREO!!!

Advertisements

Posted on 15 Decembro 2015, in Encontros, Ouro, Xeral and tagged , , , , , . Bookmark the permalink. Deixar un comentario.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

Baloncesto con P, de Palencia claro

todo por Palencia Baloncesto

@KIAenZona

Información sobre o Club Baloncesto Breogán S.A.D.

Blogoncesto

Información sobre o Club Baloncesto Breogán S.A.D.

ZonaOCB

Información sobre o Club Baloncesto Breogán S.A.D.