O NOSO VINDEIRO RIVAL

Club Baloncesto Clavijo

 

clavijo         VS           Breo

 

Despois da balsámica vitoria ante Prat, que cortaba a mala xeira de resultados logo de catro derrotas consecutivas, e despois dunha semana de adestramentos na que os problemas se foron esquecendo e case só houbo que pensar no seguinte rival, o Breogán afronta a súa visita a Logroño só pendente da recuperación de Dani López, ao que xa poderiamos ver adestrar a partires da vindeira semana, e mesmo vai viaxar co equipo, se ben parece compricado que vaia desfrutar de minutos. Pola parte rioxana, comezaban a tempada coa ilusión da súa quinta campaña consecutiva na LEB Ouro, con certa ilusión e obxectivos máis ca interesantes, que de momento, vense freados polo pobre rendemento do equipo no que levamos de tempada, no que atinxe aos resultados, xa que os rioxanos só gañaron 3 partidos e perderon 7, cando xa vai o primeiro tercio da tempada acadada, lonxe do que, en principio segundo cabía agardar, podería ser o obxectivo dos rioxanos a priori, acada-los postos de playoffs. Actualmente, os do ferrolán Antonio Pérez, ocupan a 12ª posición co mesmo balance de vitorias/derrotas có penúltimo clasificado, o Cáceres, e a dúas vitorias dos postos de playoff, cuxa fronteira marca agora mesmo Navarra con 5 vitorias e 5 derrotas, as mesmas que ten un Breogán situado dous postos máis arriba e a esas mesmas dúas vitorias do segundo posto que é, agora mesmo e tendo en conta o rendemento do Palencia, o obxectivo a loitar polos de Lisardo. Por parte dos rioxanos, arrincaron a tempada con moita forza (vencendo por 27 en Prat) e conquerindo dúas vitorias máis na súa casa, ante Oviedo na terceira xornada e ante Lleida na sétima. Curiosamente, entrámbalas dúas últimas vitorias do cadro rioxano, pasaron tres derrotas consecutivas, as mesmas que levan neste momento. Segundo esa tendencia, e tendo en conta que o partido hase disputar na súa casa, este partido tócalles vitoria pero… Enfronte terán aos celestes de Lisardo Gómez. Parece claro que para conseguir o obxectivo de ter certa continuidade que lle achegue a loitar polos playoffs, teñen que gañar partidos na casa que fagan achegar máis xente ao Palacio de los Deportes… E que mellor xeito que facelo ante o equipo con máis e mellor historia da liga, o CB Breogán.

breo-clavijo

¿Obxectivo?

O obxectivo pasa por seguir medrando coma clube, para poder ir paseniño loitando por cotas maiores. Así as cousas, o obxectivo deste Clavijo é mante-la espiña dorsal do equipo do ano pasado, facendo retoques importantes e de calidade, que lle dean ese pequeno chimpo que lle sirva para competir aínda máis arriba. Ese chanzo que separa a loita por evitar o descenso da loita por entrar nos playoffs de ascenso. Para iso, confiouse no adestrador que xa estivera aos mandos da nave o ano pasado, co obxectivo principal de non comete-los mesmos erros que levaron a Clavijo a loitar por evita-lo descenso. Coma segundo obxectivo aínda que non menos importante, facerse forte na casa, para consolidar unha masa social máis forte, pouco acostumada ao baloncesto, pois Logroño caracterízase por ser máis cidade doutros deportes. Así pois, facer do Palacio un fortín e convocar máis afeccionados no habitualmente frío Palacio de los Deportes para conquerir esa loita polos playoffs. E o clube anda convencido de que se pode acadar, e de aí unha fortísima campaña levada a cabo nas redes sociais para celebra-lo que é o seu quinto ano consecutivo na LEB Ouro. Os #5enoro téñense que celebrar como é debido… Os cincuenta anos de historia… tamén o merecen.

 PLANTEL

clavijo

O adestrador ferrolán Antonio Pérez, aos seus 41 anos, conta coa continuidade da maioría do plantel, e con catro retoques, dous que chegan do Melilla e que coñecen perfectamente a liga coma Carles Bravo e Adrián Laso e outros dous chegados de sudamérica pero coa vitola de xogadores americanos, Babatunde Olumuyiwa e Jermel Kennedy. Continúan desde a tempada pasada no equipo Mike Carlson, Alberto Ruiz de Galarreta, Alejandro Reyes, Jakub Kudlacek, Borja Arévalo e o emblema do clube, Alfredo Ott.

BASES

16 Jakub Kudlacek: 25 anos. Internacional pola República Checa, co que mesmo chegou disputa-lo Eurobasket de Eslovenia no 2013. Director de xogo e bo asistente que tamén pode exhibir capacidade de anotación e man fiable para o lanzamento exterior ou para o tiro libre. O seu carácter intenso e traballador na pista xunto coa súa notable presenza física, fai que sexa tamén importante na defensa e en carga-lo peche do rebote. Chegou o ano pasado a Logroño coma recambio temporal de Oguirri e finalmente ficou no equipo. O ano pasado promediou 11,4 puntos, 2 rebotes e 4,8 asistencias, para un total de valoración de 14,6 nos 21 partidos disputados. Este ano leva 8,6 puntos, 1 rebote e 3,6 asistencias para 10,3 de valoración. O xogador é finalmente baixa para o partido.

17 Borja Arévalo: 24 anos. Sendo da casa, é un dos referentes do conxunto rioxano. Internacional sub20, é un dos xogadores con maior proxección do básquet rioxano. Foi nomeado mellor base do pasado mes de outubro na liga. É un base polivalente, moi completo, pode mesmo exercer de escolta, e que aporta en tódalas facetas do xogo, empezando pola defensa. Sempre é dos mellores xogadores da liga na ratio minutos/valoración, converténdose xa no base titular do conxunto rioxano. A campaña pasada promediou 2,3 puntos, 4 rebotes e 2,7 asistencias para 8,4 de valoración. Este ano suma uns números espectaculares con 7,1 puntos, 6,4 rebotes, 4 asistencias e 17,4 de valoración con porcentaxes en tiros de campo do 72,2%.

ESCOLTAS

8 Carles Bravo: 36 anos. Trátase dun gran anotador, especialista no 1×1 e moi fiable desde a longa distancia. É un actor habitual nos desenlaces    de partidos axustados e posúe unha gran intelixencia na pista. Vén para aportar experiencia, profesionalidade, exemplo, enerxía positiva e talento ofensivo. Como dato, nas seis tempadas consecutivas que leva en Ouro (esta será a sétima) leva máis de 10 puntos anotados de media en todas elas. Xogou e Palencia e Melilla, anteriormente en Prata tamén xogou en Cornellà, Ourense, Tarragona e o propio Palencia, onde foi protagonista do ascenso dos do Marta Domínguez. A pasada campaña sumou 12,1 puntos, 2,3 rebotes e 2,6 asistencias para 12,1 de valoración. No que levamos de campaña até o de agora, promedia 14,1 puntos, 2,3 rebotes, 3,4 asistencias e 13,1 de valoración.

21 Alfredo Ott: 32 anos. Escolta estadounidense que suma a súa terceira campaña consecutiva (quinta en total) no cadro rioxano. Ten capacidade anotadora, cun máis ca notable tiro exterior, e unha potencia física que lle permite ser un excelente defensor. É un xogador de equipo que destaca pola intensidade que imprime ás súas accións. Gran recuperador de balóns, soe brillar máis no eido defensivo, pero tampouco se enruga ao asumi-los tiros importantes nos momentos máis quentes dos partidos. A campaña pasada sumou 9,5 puntos, 2,8 rebotes e 2 asistencias para 7,9 de valoración, mesmo ampliando este ano a súa aportación con 10,9 rebotes, 2,8 rebotes e 2 asistencias para 10,7 de valoración cunha porcentaxe en tiros de campo que se achega ao 50%.

ALEIROS

11 Alberto Ruiz de Galarreta: 31 anos. Trátase dun aleiro con amplísima traxectoria nas ligas FEB, nas que conqueríu un ascenso á ACB co Menorca e dous títulos da extinta Copa Príncipe. Ten o curioso récord de ser o único xogador actual que xogou no Breogán e no Obradoiro na ACB, pois recén saído do Século XXI, fichou polo Sarria, clube co que o Breogán tiña convenio, e chegou a debutar cos celestes na ACB. Posteriormente, e logo dun bo ano nun desastroso Cidade de Vigo, chegou a disputar dous partidos co Obradoiro na ACB. Ademais tamén xogou en Menorca, Inca, COB e no propio Clavijo, co que suma a súa sexta campaña consecutiva. Aleiro con capacidade de anotación e que destaca polas súas capacidades defensivas, o ano pasado promediou 8,4 puntos, 2,6 rebotes e 1 asistencia para 5,9 de valoración. No que levamos de campaña leva 11,3 puntos, 3,4 rebotes e 7,5 de valoración nos case 23 minutos que disputa en cada encontro.

15 Alejandro Reyes: 21 anos. Produto da canteira de Estudiantes Lugo, xunto con Brais Gago, ámbolos dous fichados a campaña pasada e que alternan partidos co conxunto de LEB e co EBA. Trátase dun gran anotador e tirador exterior. Consolidouse nestes pasados anos coma un aleiro alto que sobresae pola súa extraordinaria capacidade de anotación, ademáis de destacar noutras facetas coma o rebote. O ano pasado promediaba 2,6 puntos, 1,9 rebotes e 2,8 de valoración nos apenas 11 minutos disputados. Esta campaña leva 2,6 puntos e 1,7 de valoración nos pouco máis de 6 minutos xogados por encontro.

ALA-PÍVOTS

5 Mike Carlson: 24 anos. Trátase dun xogador con moitos puntos nas súas mans, sobre todo grazas á súa versatilidade e mobilidade. É un moi bo xogador de 3 puntos, e especialmente nas xogadas de pick&pop. Ten bo corpo para xogar de costas preto do aro e móvese ben nese rango. Destaca tamén na súa lectura do xogo. Cumpre a súa segunda campaña no Clavijo, logo de fichar procedente do Truman State da NCAA II. A campaña pasada promediou 10,7 puntos, 3,3 rebotes e 8,7 de valoración, ampliando lixeiramente eses rexistros con 9,8 puntos, 3,7 rebotes e 1,5 asistencias para 10,6 de valoración.

30 Jermel Kennedy: 26 anos. Polivalente ala-pivot que pode mesmo xogar coma 3 alto. Soe aportar forza e físico á pintura, ademais de boas porcentaxes no tiro exterior. Pode cubrir dúas posicións e defender con efectividade tanto a aleiros coma a ala-pivots. Coma profesional xogou no TV Langen da Pro B alemana, no Porvoon Tarmo finés e no verán no Marne Montevideo uruguaio, cuns números verdadeiramente interesantes. Sumou 18 puntos, 9,3 rebotes e 2,7 asistencias. Na presente campaña leva 5,6 puntos, 2,9 rebotes e 4,6 de valoración.

PÍVOTS

7 Babatunde Olumuyiwa: 23 anos. É o especialista defensivo do equipo. Reboteador, trátase dun xogador novo, cun só ano de experiencia profesional e moita fame por amosarse e medrar. Solidez, intensidade e agresividade poden ser tres verbas que poidan definir ao pivot americano con pasaporte de Serra Leona. O ano pasado promediaba 4,9 puntos, 3,5 rebotes e 1,2 tapóns. No que levamos de tempada leva 7,4 puntos, 5,5 rebotes, 1 tapón e 7,6 de valoración.

31 Adrián Laso: 25 anos. Ala-pívot palentino que pode xogar de pívot. Procede do Melilla, do que chegou procedente do CB Breogán, onde xogaba cedido polo CB Fuenlabrada. Malia súa xuventude, ten ampla experiencia, tanto nas ligas FEB coma na ACB, onde xogou e mesmo chegou a disputa-la Eurochallenge co conxunto do Fuenlabrada. O ano pasado, no conxunto norteafricano sumou 8,2 puntos, 4,9 rebotes, 1,4 asistencias e 7,9 de valoración. No que levamos de tempada leva 10 puntos, 4,1 rebotes e 9,6 de valoración. Precisamente no choque contra o seu ex equipo, o Melilla, o xogador palentino lesionábase de gravidade, e ten roto o cruzado anterior, polo que é baixa entre seis e sete meses e polo tanto, o partido do vindeiro venres. Desde aquí, todo o ánimo do mundo a un xogador que no seu curto periplo polo Pazo, soubo gañarse o agarimo da afección lucense. Pronta recuperación para el e moito ánimo desde Somos Breogán.

¿Como chegan?

Chega anímicamente nun mellor momento Breogán, coa sensación de ter deixado atrás a mala xeira de resultados que chegou a ser de catro derrotas consecutivas ante Palma, Burgos, Castelló e Peñas Huesca, cun mal momento de forma alarmante. Sen embargo, o bo momento de Travis Nelson e a progresiva adaptación do dominicano Suero, xunto coa recuperación progresiva do capitán Dani López, fai que o Breogán poida completar dúas semanas de adestramentos bastante boas e centrados únicamente no vindeiro partido. Pola parte rioxana, a sensación é parecida á que mantiña Breogán durante a mala xeira. Esta é a segunda ocasión de maneira consecutiva á que Clavijo chega logo de tres derrotas consecutivas. A anterior solventouna cun bo triunfo ante un irregular Lleida. Desta volta terá enfronte ao que, por plantel é cecais un dos mellores da categoría. Precisamente Clavijo ten o handicap das baixas, co base Kudlacek mancado no partido contra Melilla, (xogará Brais Gago?) e a desgraciada lesión do ex-breoganista Adrián Laso, que fai que a directiva do Cocinas.com estea a buscar con urxencia un recambio interior para rotar a Olumuyiwa. Na derrota en Coruña, xogou Brais Gago para dar descanso a un espectacular Borja Arévalo. Haberá que ver se a minutada non pasa factura a homes importantes do equipo rioxano. Clasificatoriamente ámbolos dous equipos chegan por debaixo das súas respectivas aspiracións, os breoganistas na sétima posición e os rioxanos na duodécima, dous triunfos retrasados dos seus respectivos obxectivos, sen embargo Breogán semella asumir o futuro con máis optimismo… Será a balsámica vitoria ante Prat.

¿Quen é favorito?

Tal coma comentabamos, o Breo recibíu un espaldarazo anímico importante de autoestima logo da vitoria ante Prat, non só pola vitoria en si, senon pola contundencia da mesma logo de catro derrotas consecutivas. Pola súa banda, o conxunto rioxano chega bastante presionado polos resultados que se deron nas últimas datas, se ben afrontou un calendario complicado, a ilusión na cidade disparárase logo da boa pretempada realizada e a boa laboura despregada desde o clube para a promoción do clube nas redes sociais. Os rioxanos non deben permitirse unha cuarta derrota consecutiva que os comece a alonxar do obxectivo principal marcado para a presente campaña. Iso e o sempre importante factor cancha, fai iguala-las cousas. Se nos referimos á calidade do plantel, o Breogán sae gañando en tódalas liñas e os lucenses deberían tratar de se impoñer no seu xogo. Históricamente a cousa non pode estar máis igualada, pois estes dous equipos se enfrontaron en 8 ocasións, con catro vitorias para cada equipo. Cada un dos equipos acadou unha vitoria no feudo contrario e caeu derrotado tres veces. Así, a última vitoria do Breo en Logroño data da tempada 2011/12, na que os breoganistas se impoñían por 79-86. Aos breoganistas se lles soe atragantar Logroño, pero desta volta, co equipo en plena recuperación, agardamos que poida ser diferente. Pola calidade do plantel, e por volver a recuperar boas sensacións, nós apostamos á celeste. Atinaremos??? Saberémolo este venres a partires das 20.30 FORZA BREO!!!

Advertisements

Posted on 4 Decembro 2015, in O equipo, Ouro, Xeral and tagged , , , , , , , . Bookmark the permalink. Deixar un comentario.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

Baloncesto con P, de Palencia claro

todo por Palencia Baloncesto

@KIAenZona

Información sobre o Club Baloncesto Breogán S.A.D.

Blogoncesto

Información sobre o Club Baloncesto Breogán S.A.D.

ZonaOCB

Información sobre o Club Baloncesto Breogán S.A.D.