O NOSO VINDEIRO RIVAL

Club Peñas de Huesca

 

         CB_Peñas_Huesca  VS  b

 

Logo da terceira derrota consecutiva que deixa aos celestes na parte media-baixa da táboa e coa moral algo tocada, chega a visita a un histórico da liga, o Clube Peñas de Huesca. O conxunto aragonés, que afronta a súa sexta campaña consecutiva na liga LEB Ouro, chega cunha estructura ben parecida á das últimas tempadas, só repetindo un xogador da campaña pasada e apostando pola xuventude e por xogadores que chegan cedidos de equipos ACB con busca de minutos. A derrota ante Castelló sentou mal aos de Lisardo porque o Breo, malia os bos minutos de xogo, nunca conseguiron doblegar aos levantinos, perxudicados en grande medida polas decisións arbitrais. O Breo recuperou durante esta semana as sensacións, logo de poder por primeira vez desde que comezar a liga, completar adestramentos con nove xogadores, trala agardada incorporación de Gerardo Suero e as altas de Travis Nelson e Mamadou Samb, semella que esta semana tranquila, e só centrados en preparar o partido de Huesca, supón o “renacer” para os de Lisardo. Segue de baixa Dani López, toda vez que se confirmou que o golpe sufrido en Burgos provocou unha pequena rotura que lle ha ter de baixa entre dous e tres partidos. Se ben contan coa desvantaxe de sumar xa 4 derrotas en 8 partidos, a boa xeira de resultados debera chegar xa, Lisardo xa non fala de finales, logo da derrota con Castellón, senon de ir partido a partido, que isto é moi longo e apenas vén de comezar. Porque o xogo non está a ser malo, pero as circunstancias non axudan aos celestes. Enfronte o Peñas de Huesca, que se ben non está a ter un destacable inicio de liga, só contan cunha vitoria menos cós de Lisardo, e veñen ademais de sumar a súa terceira vitoria na para o Breo inexpugnable cancha de Riazor. Un CB Breogán que desde que comezou esta mala xeira coas lesións leva 1 vitoria (en Ourense) e 4 derrotas, e que, unha vez recuperados físicamente os lesionados e con tódalas rotacións volverá ser un equipo temible. Pola parte oscense, segue no banco o criticado Quim Costa, logo de que o ano pasado tivera algún roce con algún xogador, e que significou que de todo o plantel do ano pasado, só siga o capitán. Queren volta-la ilusión á cidade aragonesa e que o Palacio de los Deportes, un dos máis xeitosos de toda a categoría, volte amosar o aspecto que hai pouco amosaba, non coas 1000-1200 persoas que soían visitalo na campaña pasada.

¿Obxectivo?

O obxectivo dos aragoneses pasa claramente por non pasar apuros esta tempada, e se se chega a tempo, pelexar por un presumible posto nos playoffs. Para elo, a boa man de Quim Costa cos xogadores xoves, e ten un plantel plagado deles. Ademáis, coma xesto á afección, a volta dun xogador verdadeiramente querido en terras oscenses coma Lluis Costa nesta tempada de transición xa que ten contrato xa asinado con Manresa de ACB para a vindeira tempada. O obxectivo do equipo é ese, ter unha tempada tranquila, e os obxectivos individuais de cada un dos xogadores pasan por facer unha boa tempada, de aprendizaxe en moitos casos nunha liga profesional, coma formación para aprender e dar o salto á ACB canto antes.

PLANTEL

Só continúa da tempada pasada o capitán, o oscense Jorge Lafuente, con fichaxes verdadeiramente importantes coma Guillem Colom, Goran Huskic ou Tadas Sedekerskis procedentes da Liga Endesa, ou o xa mencionado retorno de Lluís Costa desde Burgos recén ascendido, igual ca Christian Díaz desde COB. Completan tamén o plantel a dupla chegada de Navarra Marcos Portález e Daniel Bordignon, Joan Pardina desde Lucentum Alacante e os americanos procedentes da NCAA Kris Davis e Gabas Maldunas.

peñas-15-1024x769

BASES

8 Lluís Costa: Con 22 anos, o base catalán volta ao Huesca logo dunha campaña no Burgos-Tizona, co que conqueríu un ascenso posteriormente frustrado á liga ACB. Despois de ser formado nas categorías inferiores do FC Barcelona, saíu para xogar en Huesca, despois en Burgos e agora novamente no clube oscense. É un xogador con moito futuro, que ten xa asegurado un contrato na ACB na vindeira tempada con Manresa, e que esta mesma tempada foi seguido por equipos punteiros da categoría coma Melilla. O ano pasado en Burgos promediou 5,3 puntos, 2,1 rebotes e 3 asistencias, para 7,1 de valoración en apenas 18 minutos. Nesta tempada, as súas prestacións subiron e suma 10,4 puntos, 2,4 rebotes e 4 asistencias nos máis de 24 minutos de xogo, para 11,4 de valoración.

14 Christian Díaz: 23 anos. Destaca polo seu talento e desparpaxo, ten calidade e recursos ofensivos para anotar desde varias posicións e é intenso en defensa, malia que ten bastante marxe de mellora na dirección de xogo. Vén formado nas categorías inferiores de Gran Canaria, con participación no defunto UB La Palma vinculado tamén ao clube canario de ACB, tamén xogou en Navarra na LEB Ouro e a pasada campaña en Ourense, onde sumou 4,6 puntos, 1,4 rebotes e 3,8 de valoración. No que levamos de campaña, aporta 10,3 puntos, 1,3 puntos e 2,1 asistencias con máis dun 40% en tiros de campo e 8,4 de valoración.

ESCOLTAS

4 Kris Davis: 22 anos. Trátase dun xogador que vén de termina-lo periplo colexial logo de catro tempadas nos SIEU Cougars de Edwardsville (Illinois). Ocupa a posición de escolta, pero pode xogar de base. Xogador moi eléctrico, bo anotador, destaca pola súa boa man desde a liña de tres. É moi atlético e perigoso co balón nas mans e moi difícil de parar xa que é un gran finalizador en bote, cun primeior paso no que encara a canasta con facilidade conseguindo accións espectaculares. O ano pasado, en 31 minutos sumou unha media 14,3 puntos e 10,4 de valoración convertíndose no máximo anotador e MVP do seu equipo, tendo porcentaxes do 46% en tiros de campo e do 50% en tiros de dous. No que levamos de tempada, suma 6,6 puntos, 1,8 rebotes e 1,5 de valoración nos case 24 minutos que xoga por partido.

5 Guillem Colom: 24 anos. O irmán de Quino Colom, internacional andorrano, disputou 6 partidos con primeiro equipo ACB, o Morabanc Andorra, xogando máis ben co filial que xoga a EBA, no que promediaba case 29 minutos por partido e sumaba 15,8 puntos, 6,3 rebotes e 1,9 asistencias, que fan 15,6 de valoración en 22 partidos. No que levamos desta campaña, o xogador andorrano suma 2 puntos, 1 rebote e 0,9 asistencias para 1,7 de valoración nos 11 minutos e medio que está a xogar por partido.

ALEIROS

7 Jorge Lafuente: Con só 24 anos, é o referente, o capitán e a referencia absoluta do equipo para tódolos recén chegados. Trátase dun canteirán que leva toda a súa carreira no conxunto oscense, co que empezou en cadetes e agora, dez anos despois, continúa no primeiro equipo xogando a LEB Ouro, estando presente e sendo protagonista dos ascensos do clube a LEB Prata primeiro, e LEB Ouro máis adiante. É unha peza clave na formación do equipo e foi, o primeiro (e único) en renovar antes de buscar outras pezas no mercado. O ano pasado promediou 3,7 puntos, 3,1 rebotes e 1,7 asistencias para 6,5 de valoración. Na presente campaña 5 puntos, 2,6 rebotes e 8,8 de valoración.

11 Joan Pardina: 22 anos. Aleiro barcelonés que a tempada pasada disputou a LEB Prata no Lucentum Alacante, e foi un dos destacados. Antes, xa debutara en ACB con Manresa na tempada 12/13. Trátase dun xogador con boa capacidade para coller rebotes tanto defensivos coma ofensivos, con bo tiro e pode adaptarse ás necesidades do seu equipo en cada momento. Ten, non obstante, marxe de mellora no físico, no 1×1 e no bote. A tempada pasada promediou 8,3 puntos, 6 rebotes e 11,1 de valoración nos pouco máis de 27 minutos xogados por partido. Nesta campaña promedia 1,5 puntos, 2,5 rebotes e 1 de valoración nos 17 minutos xogados.

13 Tadas Sedekerskis: 17 anos. Internacional lituano sub 18, conqueriu o pasado mes o bronce no campionato de Europa da categoría, na que o xogador foi peza clave. A pasada campaña, sendo xa xogador do Laboral Kutxa da Liga Endesa, estivo cedido no Araberri de LEB Prata, chegando a ser convocado en certas ocasións polo conxunto baskonista. A campaña pasada promediou 12,6 puntos, 7 rebotes e 2,3 asistencias por partido. Este ano promedia 6,4 puntos, 2,3 rebotes e 0,7 asistencias chegando a formar parte do quinteto ideal da xornada 3.

ALA-PÍVOT

10 Daniel Bordignon: 19 anos para este ala-pivot brasileiro con pasaporte italiano, vivíu a súa primeira experiencia senior o ano pasado, sendo cedido ao Planasa Navarra da LEB Ouro. Disputou tamén a Universiada de Corea, afronta esta segunda tempada consecutiva na LEB Ouro coma unha posibilidade de crecemento e de aprendizaxe, para dar o salto ao que é o seu equipo, xa que está cedido polo Laboral Kutxa da Liga Endesa. O ano pasado promediou 4,8 puntos, 2,2 rebotes e 2,5 de valoración, este ano leva 9,5 puntos, 5,5 rebotes e 6,9 de valoración.

PÍVOTS

9 Marcos Portález: 20 anos. Trátase dun pívot con moita intelixencia capaz de capturar rebotes nos dous lados da canasta. Moi agresivo á hora de ir á canasta e cun físico e intensidade que lle permiten loitar contra pívots máis grandes. Así é como, malia á súa xuventude, xa se gañou o mote de “Gladiator”. Destaca por correr moi ben a pista, e é un bo xogador de equipo, capaz de axudar ao seu equipo en moitas facetas do xogo, xogando o balón ou sen el en situacións de pick and roll pola súa mobilidade ou en situacións de bloqueo indirecto. A tempada pasada promediou 3 puntos, 1,6 rebotes e 3,4 de valoración en algo máis de 8 minutos de media. Este ano promedia 1 punto, 2,2 rebotes e -0,4 de valoración.

12  Goran Huskic: 23 anos. Chega tamén cedido, neste caso doutro equipo vasco, do Gipuzkoa Basket, onde levaba dúas tempadas, pero a realidade é que disfrutou máis ben de poucos minutos, polo que vén agora a probar sorte á categoría de prata. Anteriormente xogara no Radnicki OB e na NCJAA no Howard College. Da súa etapa ACB, nos apenas 6 minutos disputados de promedio suma 1,5 puntos e 1,4 rebotes. No que levamos de campaña, o serbio leva 8,8 puntos, 5,6 rebotes, 1 asistencia e 6,4 de valoración nos case 23 minutos xogados por partido

15 Gabas Maldunas: 22 anos. Ten coma principal virtude a intensidade, xa que se trata dun pívot bregador debaixo dos taboleiros, o que fai que teña unha gran capacidade reboteadora, en ámbolos dous lados do campo e ademais, cun alto grao de intimidación para os rivais. Caracterízase tamén por ter unha boa lectura de xogo, o que lle leva a repartir asistencias. Espírito de sacrificio e loita, e que ten claro o xogo en ataque. Chega procedente da Universidade de Dartmouth coa que disputou a NCAA as últimas 4 tempadas, promediando 11,2 puntos, 7 rebotes e 2 tapóns con boas porcentaxes de tiro. Esta tempada leva 11 puntos, 6,8 rebotes e 1,1 asistencias para 13 de valoración.

¿Como chegan?

O Peñas de Huesca chega dunha vitoria, a conquerida o pasado domingo en Coruña, na que foi a súa primeira vitoria fóra da casa en bastantes meses e a primeira na actual tempada. Pola súa banda o Breogán, sen facer malos partidos, chega dunha semana nefasta no deportivo, na que sumou tres derrotas (dúas delas na casa) e co compoñente emocional tocado xa que todo lle vai de costas. Desde a plaga de lesións que sufren os de Lisardo, con Dani López lesionado, Samb, Travis Nelson renqueantes e o recén incorporado Gerardo Suero aínda en pleno proceso de adaptación. Aínda así, o Breogán mantense na oitava praza con igual número de vitorias e de derrotas. Hai que baixar algo máis para atopar ao cadro peñista, con 3 vitorias, a última delas conquerida en Riazor. Esta semana foi clave para os de Lisardo para recuperar sensacións adestrando a tope. Agardemos que o xogo, que non está a ser malo de todo, se vexa acompañado nesta ocasión dunha vitoria, que os de Lisardo precisan canto antes.

¿Quen é favorito?

Home por home, Breogán non debera ter ningún tipo de dúbida da súa superioridade con respecto ao plantel peñista. Os oscenses, cun plantel cheo de xuventude, son claramente inferiores no aspecto técnico se ben a xuventude da que fai gala o cadro aragonés, podería ser un arma de dobre filo. Por outra banda, o partido hase disputar en Huesca, o que supón unha viaxe compricada para os de Lisardo, e sempre é un factor a ter en conta, porque os de Quim Costa non queren deixar escapar moitos puntos do Palacio de los Deportes. Tratándose de dous clubes históricos, véronse por primeira vez as caras alá polo ano 1986, e desde entón acumulan 33 partidos xogados, nos que o Breogán leva unha pequena vantaxe, xa que gañou en 18 deles, vencendo os oscenses noutros 15. Iso si, a historia cambia e de que maneira se analizamos os choques disputados en terreo aragonés, onde o Breogán só foi quen de se impoñer en 4 ocasións, caendo derrotado en 12, tanto en ACB coma en LEB Ouro. O sábado 21 ás 19.00, teremos outra nova edición deste “clásico” entre dúas das escadras máis veteranas non xa só da LEB, senon do básquet nacional. É certo que o partido se disputa no Palacio de los Deportes de Huesca, e que alí nunca nos foi doado gañar, pero non é menos certo que por potencial do plantel, por obxectivo ao final da tempada e polas gañas que temos, o Breogán non debera escapar esta vitoria para comezar a escalada na clasificación. Nós apostamos á celeste. FORZA BREO!!!

Advertisements

Posted on 20 Novembro 2015, in Encontros, Ouro, Xeral and tagged , , . Bookmark the permalink. Deixar un comentario.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

Baloncesto con P, de Palencia claro

todo por Palencia Baloncesto

@KIAenZona

Información sobre o Club Baloncesto Breogán S.A.D.

Blogoncesto

Información sobre o Club Baloncesto Breogán S.A.D.

ZonaOCB

Información sobre o Club Baloncesto Breogán S.A.D.