O noso vindeiro rival…

O NOSO VINDEIRO RIVAL:

Club Amics del Básquet Castelló

 

Breo          VS     blRJp3zP

 

Logo da derrota en Burgos, segunda consecutiva dos de Lisardo, chega ao Pazo o Club Amics Castelló, un equipo novo (fundouse no 1994) e que só fai que medrar e dar alegrías aos seus afeccionados. Coma case tódolos clubes xurdíu da iniciativa dun par de adestradores que tomaron a decisión de ofrecer baloncesto masculino na súa cidade. Pouco máis de vinte anos despois, debutan en LEB Ouro. Os celestes pola súa banda chegan prácticamente arrasados pola situación. O parte de baixas é verdadeiramente desolador. Con Howard fóra do clube e Gerardo Suero aínda sen chegar por problemas burocráticos, Travis Nelson non vai xogar e Samb e Dani López non adestraron hoxe nin onte e serán dúbida até a proba final antes do partido. Así as cousas, o Breogán conta seguro con 6 xogadores para o que Lisardo calificou coma unha final, polas circunstancias dadas, porque é o terceiro partido nunha semana, porque se perderon os dous anteriores, porque o equipo sempre deu a cara, porque en todo o que levamos de liga aínda non se puido adestrar co equipo ao completo (só houbo dez cando chamaron a xogadores de Chantada e de Estudiantes), e porque o partido é en Lugo e do Pazo xa non se poden escapar máis partidos como o da semana pasada ante Palma. Por todo iso, Lisardo fixo un chamamento á fiel afección celeste que, a bo seguro ha respostar ante Castelló para tentar que na cancha a inferioridade do plantel celeste se vexa mitigada polo apoio das gorxas da marea celeste, para o que o clube sacou unha promoción na que cada aboado do clube poderá retirar unha invitación por 5 euros. É unha final porque de cara á seguinte semana, Lisardo conta con poder ter a todo o plantel á súa disposición e preparar con calma o partido de Huesca. E todo isto cos problemas institucionais das subvencións que non chegan e os xogadores con retrasos nos pagos… Por todo iso é un partido no que o Breo necesita dar o do de peito, necesita amosarse coma ese equipo que medra ante a adversidade (e moita adversidade hai agora mesmo) e que cre nas súas posibilidades e sae fortalecido de cada envite. Enfronte un gran rival nun gran momento de xogo, ao que lle vai o vento de cara, o Amics Castelló do noso bo amigo Alex Bortolussi.

¿Obxectivo?

O obxectivo de cara a esta campaña para os castellonenses ten que ser seguir medrando, seguir facendo as cousas paseniño, para repetir os éxitos dos últimos anos. Esta é a primeira vez que un clube da provincia de Castellón xoga nesta categoría, polo que a ilusión é máxima. O conxunto patrocinado polo Villarreal C.F. ten como obxectivo aprender e conseguir unha clasificación o máis desfogada posible, non pasar atrancos para salva-la categoría e dar algún que outro susto aos “galos” da categoría, sobre todo na súa cancha no Ciutat de Castelló. E disfrutar de cada partido deixándose levar polas boas sensacións. Para iso, os levantinos contan cun adestrador que cumpre nesta tempada unha década dirixindo ao clube castellonense, Toni Ten gusta dun baloncesto rápido e versátil, que enganche á xente. Por ese crecemento paseniño, sen dar un paso atrás nin descontrolar a economía do clube, os castellonenses contan coa base do plantel que lles levou ao ascenso a tempada pasada (até 7 xogadores repiten) reforzando as posicións necesarias e indo sempre cara diante. Semella que é un obxectivo ben pensado e acadable para os da Plana.

PLANTEL

Con Toni Ten aos mandos desde hai unha década, coñece perfectamente o funcionamento interno do clube, e contará este ano con sete xogadores que repiten da tempada pasada, Juan Cabot, Joan Faner, Alberto Fernández, Manu Rodríguez, Víctor Hidalgo, Chema García e o ex-breoganista e que seguro vai ter unha motivación especial, Alejandro Bortolussi. Ademais das incorporacións de Garfield Blair, Brandon Garrett, Zimmy Nwogbo e Eric Sánchez.

genericaportada

BASES

8 Joan Faner: 24 anos. Base rápido con gran lectura de xogo. Destaca na faceta defensiva, onde a súa intensidade convérteo nun gran recuperador de balóns. A pasada tempada asinou 5,3 puntos, 1,8 rebotes, 3,5 asistencias e 2,2 balóns recuperados para un total de 6,9 de valoración. No que levamos de tempada suma 5,5 puntos, 2,7 rebotes, 5 asistencias e 2,2 balóns recuperados para 10 de valoración nos 27 minutos que xoga en cada partido.

33 Eric Sánchez: 32 anos. Con gran capacidade de adaptación para o que lle poida pedir o corpo técnico, trátase dun base que, sen destacar nos seus números sempre cumpre na súa constancia en ataque e morde en defensa. Leva doce tempadas consecutivas nas categorías LEB tanto Ouro coma Prata, polo que coñece perfectamente a categoría e pon ao servizo dun novato na categoría a súa experiencia, xa que anteriormente xogou no Círculo Badaxoz, Huelva, Gandía, Os Barrios, Tenerife, Monbús, Peñas, Andorra e Melilla. No pasado ano promediou 4,5 puntos, 1,4 rebotes e 1.9 asistencias para 3,3 de valoración en 15 minutos xogados nos 24 partidos disputados. Este ano promedia 5 puntos, 0,8 rebotes, 2,3 asistencias para 4,5 de valoración nos 11 minutos que xoga por partido.

ESCOLTAS

1 Garfield Blair: 28 anos. Xogador moi rápido e cunha gran potencia de salto que lle permite coller moitos rebotes. Procede de LEB Prata, onde xogou no Marín PeixeGalego, sendo o líder do equipo e un dos mellores aleiros da competición, destaca sobre todo pola súa facilidade para arma-lo tiro. O ano pasado conseguíu 14,2 puntos, 3,9 rebotes e 13,2 de valoración. No que levamos de tempada asina 10,7 puntos, 4,2 rebotes, 1,3 asistencias e 11 de valoración, cun porcentaxe superior ao 40% en tiros de campo.

9 Alberto Fernández: 24 anos. Trátase dun home da casa, de Castellón e que cumpre no clube a súa quinta tempada consecutiva, tendo pasado antes por canteiras importantes tales coma a de Lucentum Alacante ou o F.C. Barcelona. O castellonense destaca sobre todo pola súa faceta defensiva, aínda que tamén aporta en ataque. O ano pasado sumou 3,5 puntos, 1,3 rebotes e 1,2 asistencias para 2,1 de valoración. Neste ano promedia 1,3 puntos e 0,3 rebotes nos menos de 5 minutos de xogo que leva disputados nos 3 partidos que xogou.

14 Chema García: 28 anos. Outro xogador de clube, cumpre esta a súa séptima campaña consecutiva co clube castellonense. Dáse a circunstancia de que este xogador debutara xa na LEB Ouro hai 8 tempadas co C.B. Breogán, co que chegou a xogar 1’34” en dous partidos, xa que estaba xogando no Chantada e no Estudiantes, por entón clubes vinculados ao Breo. O ano pasado promediou 10,1 puntos, 1,6 rebotes, 4 asistencias e 10,1 de valoración. No que levamos de tempada suma 6,8 puntos, 1,8 rebotes e 2,5 asistencias para 6,5 de valoración. Suma un 50% en tiros de campo, sendo superior ao seu porcentaxe en tiros libres (42,9%).

ALEIROS

5 Juan Cabot: 27 anos. Outro dos xogadores importantes o ano pasado no ascenso de categoría co clube da Plana. O xogador mallorquín sumou o ano pasado 10 puntos, 3,8 rebotes e 9,9 de valoración sendo un xogador clave nos esquemas de Toni Ten, co que disputou unha media de 25 minutos por encontro na pasada campaña. No que levamos de tempada, o seu protagonismo segue a ser similar, con 11,7 puntos, 3,5 asistencias e 11,7 de valoración en 24 minutos de xogo.

11 Manu Rodríguez: 24 anos para este granadino ao que o mote “metralleta” venlle coma anel ao dedo. O xogador, que é outro dos que continúa do pasado ano, destaca o ambiente familiar do clube, onde cumpre a súa terceira campaña consecutiva. Trátase dun xogador eminentemente anotador, con facilidade para o tiro desde media ou longa distancia, con boas porcentaxes de tiro. O xogador sumou 11,9 puntos, 2,5 rebotes e 1,4 asistencias para un total de 10,3 de valoración nos 26 minutos disputados con porcentaxes en tiros de campo que se achegan ao 50%

ALA-PÍVOT

7 Alejandro Bortolussi: 26 anos. Xogador moi polivalente, que se move moi ben na pintura e cun gran tiro exterior. Alta fiabilidade nos tiros libres, onde o ano pasado marcou un 83,2%. O ex-breoganista vai estar motivado ante a visita da súa antiga casa, onde non triunfou nin moito menos, sendo denostado as máis das veces pola bancada do Pazo, non tivo nunca a confianza da afección nin dos seus adestradores como demostra o pouco que xogou en Lugo. O ano pasado, o mellor da súa carreira deportiva, promediou 11,9 puntos, 5 rebotes, 1,1 asistencias e 1,1 roubos para 10,8 de valoración nos case 26 minutos xogados por encontro. Por comparar, na tempada anterior, última que xogou en Lugo, fixo 2,3 puntos, 1,2 rebotes e 0,8 de valoración nos pouco máis de 9 minutos que promediaba. Esta tempada leva 10,5 puntos, 3,2 rebotes e 10,7 de valoración cunhas porcentaxes moi interesantes, xa que está por riba do 50% en tiros de 3 e moi preto nos tiros de campo, asegurando máis do 88% dos lanzamentos libres.

32 Zimmy Nwogbo: 24 anos. Destaca por ser un xogador moi atlético e a capacidade de xogar en transición e no un contra un. Malia á súa posición interior, é un xogador moi rápido que corre ben a pista. Trátase dun ala-pivot americano de ascendencia nixeriana, que tivo formación na NCAA-II e que, logo dunha breve experiencia no verán pola liga da República Dominicana, veu xogar á LEB Ouro, ao conxunto do Cocinas.Com, onde promediou 8,8 puntos, 4,2 rebotes e 1 asistencia para 8,1 de valoración. Esta tempada vén aportando moito máis (malia non ter xogado o partido en Melilla por precaución, semella que estará en Lugo sen problemas) 12,4 puntos, 5,6 rebotes, 1,4 asistencias e 1,2 balóns roubados para 17,8 de valoración, estando por riba do 50% en tiros de campo e do 80% en tiros libres.

PÍVOTS

12 Víctor Hidalgo: 29 anos. Formado na canteira de clubes coma Torrent e Pamesa Valencia, pasou logo por equipos coma Teruel, El Olivar, Gandía (onde xogou en Ouro) e Llíria, para logo xogar en Tíjola e Coruña, desde onde marchou a Castellón e leva a súa terceira campaña consecutiva co conxunto da Plana. Sen dúbida é un pívot rocoso e que destaca sobre todo en facetas máis defensivas ca ofensivas. A tempada pasada promediou 7,8 puntos, 4,6 rebotes e 1,5 asistencias para 10,2 de valoración. No que levamos de campionato promedia 6,7 puntos, 3,3 rebotes e 7 de valoración.

15 Brandon Garrett: 25 anos. Trátase dun pívot que pode aportar tanto centímetros coma axilidade e intimidación. É un xogador moi físico que malia non destacar con claridade en ningunha faceta, pode aportar un pouco en cada unha. Logo do seu ano senior na universidade, fichou polo conxunto de LEB Ouro Unión Financiera Baloncesto Oviedo, onde non chegou a triunfar, en parte pola súa dificultade de adaptación. A tempada seguinte (a pasada) fichou polo Sammic ISB de Azpeitia, da LEB Prata, onde mellorou os seus gorismos, chegando aportar 11,2 puntos, 5,9 rebotes e 13,3 de valoración. No que levamos de campaña co Amics Castelló, leva 8,5 puntos, 4,5 rebotes e 9,7 de valoración.

¿Como chegan?

O Amics Castelló chega nun momento inmellorable logo de conquerir a súa quinta vitoria ante Básquet Coruña nun partido que custou aos de Toni Ten máis do que agardaban, e lles situaba terceiros por detrás de Burgos só pola averaxe. Ademais, os levantinos chegan pletóricos de moral non só pola situación clasificatoria, senon pola sensación de que lles está a saír prácticamente todo o que intentan, con momentos de xogo verdadeiramente incribles, o que fala ben da confianza que teñen no que fan. Por parte breoganista, todo parece oscuro e as malas novas parece que son as únicas que saen da enfermería lucense. O Breo afronta o partido en traxectoria descendente (dúas derrotas consecutivas ante Palma e Burgos) e con Dani que levou un golpe en Burgos, sen adestrar venres nin sábado, sendo dúbida, Samb que forzou para xogar no Plantío, sen adestrar nin venres nin sábado e dúbida tamén a última hora, con Travis Nelson aínda en proceso de recuperación e Gerardo Suero aínda sen chegar por asuntos burocráticos. O que máis preocupa a Lisardo é o aspecto psicolóxico do día a día, sendo duro o non poder adestrar en condicións pola falta de efectivos e que iso se convirta nunha lousa para os xogadores. O ano pasado saíron favorecidos dunha situación semellante, o que case leva aos de Lisardo a conquerir o ascenso. Agardemos que este ano a situación tamén fortaleza aos lucenses e poder dar o salto dunha vez. Polo momento, o partido foi calificado coma final, pola situación e porque o Breogán non pode permitir que máis vitorias escapen do feudo lucense. A marea celeste está convocada e a bo seguro respostará á chamada do corpo técnico.

¿Quen é favorito?

Breogán debera ser favorito en calquera partido que disputase contra Castelló, e moito máis tendo en conta que o partido se xoga en Lugo, pero o aspecto anímico é importante. Clasificatoriamente os da Plana chegan cunha vitoria máis cós de Lisardo, e coma o técnico lucense recoñecía, non é por casualidade que o seu balance sexa de 5 2. Os celestes chegan con tódolos problemas do mundo a nivel de lesións e co obxectivo de pechar esta mala semana no deportivo que case lle leva á que tivera sido unha épica vitoria en Burgos pero que se quedou no camiño e deixa ao Breo en media táboa con 4 3. Unha derrota sería moi dura para os lucenses, sobre todo por xogar na casa. É certo que os de Toni Ten veñen de gañarse o mote de “mataxigantes” logo de tumbar ao Melilla na súa propia pista, e de ter gañado anteriormente ao Barça B para poñerse, por primeira vez na historia, segundos da liga e coa ilusión por bandeira, pero fixándonos xogador a xogador, o Breogán é mellor plantel e debera gañar a Castelló, máis tendo en conta que o partido deste domingo hase disputar en Lugo e a afección lucense, moi consciente do momento polo que pasan os de Lisardo, fixo do hashtag #amorteconestestios un lema que a bo seguro, ha achegar moita xente ao Pazo. A historia non nos di nada porque é a primeira vez que os dous equipos se atopan na curta historia do clube da Plana e non tan curta breoganista. O Breogán debe tentar marcar a diferencia co clube levantino no potencial do seu plantel, na historia e nos obxectivos, que por forza teñen que ser diferentes. As sensacións teñen que converterse polo peso da historia, polas gañas e por estar “a morte con estes tíos” E aí os de Lisardo van estar acompañados esta vez si pola marea celeste, á que non ve gañar en Lugo desde hai case un mes. Seguro que desta vai a boa. Domingo 15 ás 18.00. Non volo perdades! FORZA BREO!!!

Advertisements

Posted on 14 Novembro 2015, in Xeral and tagged , . Bookmark the permalink. Deixar un comentario.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

Baloncesto con P, de Palencia claro

todo por Palencia Baloncesto

@KIAenZona

Información sobre o Club Baloncesto Breogán S.A.D.

Blogoncesto

Información sobre o Club Baloncesto Breogán S.A.D.

ZonaOCB

Información sobre o Club Baloncesto Breogán S.A.D.