Lesións, por Javier Gómez

Nas últimas semanas o breoganismo viuse convulsionado, unha tempada máis, polos problemas físicos da plantilla. Tras a derrota na Coruña coa ausencia de Dani López (lumbalxia) e as presenzas de mente, que non de corpo, de Sergio Llorente e Osvaldas Matulionis chegaron dúas novas aínda peores: a baixa sine die (non menos de tres semanas) de Travis Nelson por un neumotorax e a de longa duración de Juwan Howard Jr. por unha fractura no pé. Lamentos, invocacións a meigas e allos, discusións sobre se se trata de excusas ou boas razóns… Non é a primeira vez que sucede isto, como diciamos ao principio, polo que en Somos Breogán nos puxemos a buscar respostas: lesiónanse máis ou peor os xogadores do Breo? Hai unha conexión cos resultados? Existe unha tipoloxía distinta nas mancaduras breoganistas? E por último, pódese identificar unha causa subxacente no asunto?

javi

Antes de presentar os datos e extraer conclusións debemos limitar o obxecto de estudo e explicar a metodoloxía, cuestións ambas problemáticas. O dicionario da RAE define lesión como “1. f. Daño o detrimento corporal causado por una herida, un golpe o una enfermedad”.Para ser máis concretos e circunscribirnos ao eido deportivo poderiamos dicir que unha lesión é un “dano que impide ou molesta a práctica deportiva”. Mais con esta segunda (e necesaria) definición entramos en terreo pantanoso. O baloncesto é un deporte de contacto e golpes, escordaduras, etc forman parte inherente da súa práctica. Por outra banda, é máis que cuestionábel que o deporte de alto nivel (caso do baloncesto LEB) sexa compatíbel cunha boa saúde xeral.

Isto supón que teñamos que nos deter nunha verdade de Perogrullo. Con frecuencia escoitamos a adestradores de equipos con poucos problemas físicos aquilo de “Bueno, a ellos les faltaban dos o tres jugadores pero en mi equipo A y B también han tenido molestias”. A verdade perogrullesca é que non hai xogador que se manteña san toda a tempada, polo que para facer unha análise do impacto das lesións nun equipo ou liga será preciso usar un parámetro obxectivo e distinguir os percances que non impiden participar ao xogador dos que non.Como toda decisión deste tipo, esta xera en certo modo unha inxustiza. No Breogán tivemos por exemplo o caso de Carlos de Cobos. Na tempada 12-13 disputou unha grande cantidade de partidos seriamente mermado por problemas de nocello… pero non faltou en ningún. É evidente que esa situación perxudicou ao seu equipo, pero entrar a valorar as molestias que non impiden xogar a un profesional suporía entrar na casuística concreta e en elementos subxectivos como o limiar da dor ou os tratamentos ad hocde medicina e fisioterapia. E sería obxecto dunha investigación máis fonda, dende logo.

Establecidos eses obxectivos e explicado este criterio, podemos pasar á nosa metodoloxía. Para responder ás preguntas que encabezan o artigo analizamos as plantillas LEB dos últimos cinco anos coa fin de ver:

– A cantidade de lesións que tiveron

– O tipo de lesión que se produciu

– Se puideron fichar para paliar baixas de longa duración ou especial importancia

Para explicar os números que xorden desta investigación temos que ter en conta, á súa vez, varios factores:

– Obtivemos a información sobre lesións de lembranzas persoais (en poucos casos), webs de clubes, webs especializadas e xornais das cidades que acollen equipos LEB. Como é lóxico isto ten as súas limitacións: poden existir informacións sesgadas ou incorrectas, co paso do tempo é difícil obter información sobre certos percances e equipos e por sistema é case que imposíbel averiguar o que sucede con baixas que se limitan a un só partido, normalmente asociadas a microrroturas musculares, escordaduras de nocello e procesos víricos.

– Limitámonos a analizar en primeira instancia a liga regular polo número fixo de partidos. Malia iso temos que sinalar a importancia dos problemas físicos no playoff: equipos coma Burgos ou o mesmo Breo sufriron moito nestas últimas tempadas nese aspecto.

– Un compoñente fundamental para a análise é o económico. A lonxitude dos plantéis e a capacidade para entrar no mercado e atopar sustitutos de garantías son importantes para lidiar cos problemas físicos. Resulta de grande importancia a distinción entre lesións “en bruto” e lesións que o club de turno foi quen de cubrir cun substituto.

– Non se pode esquecer que durante todos estes anos a normativa impediu fichar a partires de finais de febreiro, o que tivo efectos en planificación e fichaxes. Algúns equipos potentes optaron de saída por plantéis longos para evitar continxencias, outros preferiron xogar ao límite.

AS LESIÓNS NA LEB 2010-2015

Nas últimas cinco tempadas de LEB Ouro producíronse arredor de 1.500 baixas de xogadores atribuibeis a problemas de saúde. A duración media foi de arredor de 4 partidos e, como é lóxico, a meirande parte delas implicaron poucos partidos. Máis en concreto, o 38% das lesións deixan fóra aos xogadores durante un só encontro, o 17% dous e o 10% tres envites. Entre as mancaduras das que temos datos destacan os problemas musculares (arredor dun 20% do total) e os problemas de nocello por torceduras ou escordaduras (arredor dun 10%). Non temos datos dos coñecidos como “procesos víricos” pero atrevémonos a dicir que poden acadar unha incidencia similar á dos problemas de nocello.

Cada equipo tivo un promedio de 19 baixas por tempada e cubriu 11 delas. O patrón de sustitución é bastante sinxelo neste caso: dado que analizamos unha etapa de crise, os clubes só optan por reemplazar aqueles xogadores que sofren lesións que exceden o mes de duración (normalmente 4 partidos dende que a LEB deixou de ter 18 equipos). En ocasións, nin iso: como xa dixemos, os equipos máis fortes teñen optado en ocasións por planteis con once ou doce xogadores para evitar acudir ao mercado de xeito imprevisto e con présas; e noutras ocasións os equipos recorren a xogadores de equipos filiais, vinculados, etc. Este caso é particularmente evidente en conxuntos relacionados cos grandes do baloncesto español. Malia que é evidente que, por exemplo, Clínicas Rincón sufriu problemas todos estes anos, os seus obxectivos nunca se viron especialmente magoados polas lesións, dado que o equipo xunior de Unicaja Málaga proporcionou sempre homes de reemplazo… e de calidade, por suposto.

Non semella haber unha relación de ningún tipo –nin causalidade nin correlación– sistemática entre as lesións e a posición clasificatoria, aínda que para confirmar isto habería que facer un cruzamento de datos co rendemento esperado de cada equipo denantes de comezar as diferentes tempadas. Tampouco, en ningún caso, semella haber un club especialmente tendente ás lesións. Ao sumo, e como veremos, poderiamos cuestionarnos se o Decano da LEB, o Melilla Baloncesto, pode estar a facer algo mal… ou acumulando unha incríbel mala sorte.

Antes de pasar a analizar brevemente cada tempada, o que nos permitirá ver o contexto xeral e asemade o que ocorreu co Breo, querería facer unha última anotación: as ligas de catorce conxuntos, con semanas de recuperación e paróns, tiveron un efecto notoriamente saudábel para os xogadores. A 10-11 e a 11-12 presentaron promedios de baixa de 20 e 23 partidos por equipo; esa media descendeu en picado nas dúas seguintes (12-13, 13-14), sobre todo na primeira delas (12 baixas por equipo) e repuntou ata 21 na pasada campaña. Nesta 15-16 poderemos contrastar a tendencia.

TEMPADA 2010-2011

O equipo máis perxudicado en termos brutos foi o terceiro clasificado na Regular, o Burgos, con 54 ausencias, aínda que a cifra quedou inchada dende o mesmo inicio pola lesión de ligamento cruzado de Edu Sánchez, que doi substituído xa en pretempada. Murcia e Obradoiro, que acadaron o ascenso, situáronse na zona morna en términos “netos” (baixas non substituídas), malia que os murcianos pasaron unha praga de lesións de homes importantes, polo que tiveron que entrar en mercado. Alcázar, que descendeu, tivo as mesmas baixas que Murcia. O equipo máis perxudicado foi un Baloncesto León que, con serios atrancos económicos, xogou en inferioridade practicamente todos os encontros da liga… e malia todo conseguiu entrar nos playoffs con vantaxe de campo.

Foi precisamente o conxunto leonés o rival en playoff dun Breogán que tivo a súa mellor tempada no eido físico. Os de Rubén Domínguez (primeiro) e Pepe Rodríguez (despois) só perderon cinco partidos, os que menos na liga. Non obstante iniciouse o que sería unha constante (ou maldición, se queredes chamalo así): a lesión dun home chave para os partidos decisivos. Naquel glorioso alley-oop ante Lleida Betinho sufriu unha rotura de fibras e despois, no playoff contra o León, recaeu e quedou fóra de combate ata fin de liga. Por outra banda Michael Mokongo xogou seriamente mermado por unha forte escordadura de nocello. Obradoiro foi netamente superior nas semifinais e as baixas non terían suposto demasiada diferencia, probablemente.

TEMPADA 2011-2012

Comezou nesta LEB a maldición do Melilla Baloncesto, un dos equipos máis castigados estes anos polos problemas físicos… pero co paradoxo de que o equipo de Gonzalo García conseguiu refacerse e alcanzar a final da LEB a pesares de perder a Frutos na Regular e McKeither no playoff por rotura do ligamento cruzado anterior (e á súa estrela, TroyDeVries, camiño de Unicaja). Peor lle foi a outros equipos que sumaron atrancos económicos e físicos, como o caso de Granada, León e Girona, que non puideron asinar xogadores en todo o ano. Cáceres e un Mallorca cunha das peores defensas da historia da LEB tiveron saúde e no caso dos extremeños iso foi un factor chave para a súa sorpresa de cuartos de final, ao eliminar a un Burgos mermado.

Para o Breogán foi unha campaña dura en termos xerais, aínda que coa posibilidade de recorrer ao mercado para resolver os contratempos. Estraña foi a lesión que deixou fóra de combate a Chema González durante 22 partidos (unha trombose nun brazo) e máis frecuente pero grave tamén a que afectou a Joe Krabbenhoft. O primeiro foi substituído por Carlos de Cobos mais o segundo deixou ao equipo inferioridade durante máis dun tercio de liga. Os celestes tiveron saúde no playoff pero caeron 3-1 contra Menorca. En termos netos o Breo ocupou a décima posición en canto a lesións se refire.

TEMPADA 2012-2013

Durante o verán produciuse o grande terremoto da historia da LEB: sete equipos desapareceron dunha liga que quedou limitada a 14 conxuntos. A redución de partidos amosouse moi beneficiosa dende o punto de vista físico ou houbo unha sorte moito maior. O caso é que o equipo con máis baixas, Navarra, tería sido sétimo o ano anterior. De novo entre os equipos máis prexudicados aparecen nomes comúns: Burgos, Melilla… e Breogán. Ata catro equipos non xogaron ningún encontro en inferioridade (incluído un Palencia que tivo 26 baixas por lesións pero puido recorrer ao mercado). Por primeira vez atopamos, quizais, unha influencia clasificatoria do factor físico: se o ascendido Andorra non tivese xogado todos os encontros ao completo, quizais non tería podido competir o ascenso ata o derradeiro partido contra conxuntos a priori superiores.

O Breogán, por primeira vez en anos, non entrou ao mercado durante a competición, algo favorecido pola ausencia de lesións graves. Non obstante, perdeu algún partido á fin chave por unha clara inferioridade física (visita a Ourense sen Diouf nin Leonavicius). E, como xa dixemos anteriormente, a mala sorte visitou aos celestes no playoff: lesións de nocello de EduMartínez e Leonavicius, lesión de nariz de Schaftenaar e, sobre todo, lesión de xeonllo de Manu Gómez. Cáceres, con só 5 ausencias e un equipo longo e traballado, roubou un quinto en Lugo nos cuartos de final.

TEMPADA 2013-2014

Dende o punto de vista das lesións, a peor campaña para o Breogán, que liderou a liga en baixas totais e foi cuarto en baixas netas. Curiosamente houbo un equipo máis danado: o Burgos de Casadevall. As lesións do conxunto do Plantío tiveron lugar a principio de tempada e deixárono sen opcións de ascenso directo. No polo oposto estiveron o Palencia Baloncesto, con só 8 partidos en inferioridade, e Huesca, un dos equipos revelación con só 3.

Nin sequera os que por entón estábamos no club podíamos imaxinar que o quinto partido contra Cáceres fora o derradeiro da carreira de Manu Gómez, pero os tratamentos non funcionaron e tivo que se operar. Ao cabo de varios partidos chegou Adrián Laso, pero a configuración da equipa celeste fixo que a baixa tivese consecuencias desastrosas todo o ano, concentradas no playoff. Un MichelDiouf con demasiados minutos sufriu unha grave lesión muscular e a penas participou nas eliminatorias, RoelandSchaftenaar volveu sufrir unha fractura nasal, Adrián Laso estivo severamente limitado por unha fractura de coxis e Dani Rodríguez xogou coxo por un golpe no derradeiro encontro da Liga Regular. O Breo pasou a primeira eliminatoria con atrancos e foi esmagado sen contemplacións polo Burgos en semifinais.

TEMPADA 2014-2015

Se esta tempada é digna de anotarse nos libros de historia é pola maldición do Palencia Baloncesto e a sorte do Club Ourense Baloncesto. O conxunto palentino, líder da liga na primeira volta e campión da Copa Príncipe, sufriu tal praga de lesións que caeu ata o oitavo posto: ata 62 ausencias, incluíndo a rotura de ligamento cruzado de Bas, moitas delas concentradas nos meses finais de tempada, o que impediu que recorresen ao mercado. Tampouco convén esquecer ao Cocinas.com, que sufriu ata 43 ausencias e foi lastrado por un inicio demoledor. O polo oposto estivo nas Burgas: por primeira vez en cinco anos un equipo xogou ao completo (fisicamente falando) todos os encontros da Regular da LEB. A chavella de Rejón racharía a xeira na serie ante Melilla. Burgos atopou a saúde por fin e paseou pola liga e Valladolid, cun equipo moi curto, tivo a sorte de ter só 6 baixas e poder competir.

En canto ao Breogán, volveu a sufrir coas lesións: ata 18 partidos en inferioridade, con lesións de homes chave e sen recorrer ao mercado por esta razón dende a chegada de Mortellaro: foi o cuarto equipo máis danado en termos netos. E no playoff… a rutina de costume: lesión muscular de Sergio Sánchez e lesións de Llorca, Álex López e Chapela na durísima eliminatoria contra o Valladolid. A catro minutos do final do cuarto partido o Breogán era ACB… pero apareceu Salva Arco e, no quinto partido, o COB non deu unha soa opción.


CONCLUSIÓN

Estamos na xornada 7 da LEB e escribo estas liñas a horas de que o Breogán salte á pista do Plantío. Esta noite o Breo sumará ás ausencias 8 e 9 e quizais a 10, se MamadouSamb non se pode vestir a causa dunha escordadura de nocello. Se non chega esta noitiña, será no serán do domingo fronte a AmicsCastelló. A realidade incontestábel é que os lucenses suman xa máis baixas que o 46% de equipos que disputaron a LEB nos últimos cinco anos, o que non é precisamente a situación ideal para conseguir os obxectivos máis ambiciosos.

Se recapitulamos, hai datos contrapostos. Se collemos o tramo completo de cinco anos, os xogadores do Breo lesiónanse só lixeiramente máis cós do resto de equipos LEB (promedio de baixas de 20’2 fronte a 19’4). Pero o certo é que se o Breo sumase 30 ausencias esta tempada (unha cifra nada descartábel visto o visto) chegaría a unha media de 27’3 nos últimos tres anos, moito máis rechamante. Se pensamos na primeira hipótese, non é preciso buscar unha causalidade: o Breogán ten un número de lesións similar ao doutros equipos, un chisco de mala sorte na concentración de lesións e unha percepción histérica (se se me permite a licencia esaxerada) da situación.

Pero se escollemos a segunda si semella necesario buscar alomenos unha explicación, xa que non unha causalidade, malia que esteamos no terreo da conxetura. A miña hipótese nace de moitos debates co agora estelar comentarista de baloncesto da TVG, Edgar Paz, e con BenjamínLongarela, expreparador físico e adestrador do Ensino. A modo de maldizer gústame chamala a “Teoría Russ”, en homenaxe a RussellWestbrook, un dos mellores e máis controvertidos xogadores da nosa época. Westbrook é un xogador «uberfísico» –tirando de neoloxismo– e é mói posíbel que o seu xogo teña contribuído ao feito de que xogara os 82 partidos da Regular NBA en só unhas das últimas catro tempadas. A pregunta que quero deixar no aire é a seguinte: ¿paga o Breogán unha peaxe en lesións por xogar por riba das súas posibilidades? Como di a coñecida presentadora de televisión Ana Pastor, aquí teñen os datos: súas son as conclusións.

Advertisements

About Vinicius

Breoganista de hélice. Baloncesto e ciclismo. Chairego, lucense, galego. HBO fan. Namorado da miña terra.

Posted on 14 Novembro 2015, in Xeral. Bookmark the permalink. Deixar un comentario.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

Baloncesto con P, de Palencia claro

todo por Palencia Baloncesto

@KIAenZona

Información sobre o Club Baloncesto Breogán S.A.D.

Blogoncesto

Información sobre o Club Baloncesto Breogán S.A.D.

ZonaOCB

Información sobre o Club Baloncesto Breogán S.A.D.