O noso vindeiro rival…

O NOSO VINDEIRO RIVAL:

Club Baloncesto Bahía San Agustín

 

Breo

vs       mallorca

 

      

Visita o Palma Air Europa o Pazo co plantel máis ambicioso que un clube balear teña tido desde a desaparición de Menorca Basquet hai 3 anos. Sempre se traballara na illa co obxectivo de ter un clube competitivo que puidese aspirar por estar arriba, e varios intentos houbo nese sentido, sobre todo tentando dotar dunha estructura profesionalizada ao tamén extinto Basquet Inca, que foi despois o Basquet Mallorca (tamén desaparecido) ou o intento tamén fallido do Palma Aqua Mágica. O Clube Baloncesto Bahía San Agustín ten detrás unha historia curiosa, pois fúndase hai 33 anos, logo dun partido do mundial de fútbol que a selección de España disputa na súa casa. Así, vendo que a localidade de S’Arenal, na illa de Mallorca non tiña ningún clube para xogar a baloncesto, ponse mans á obra. De xeito paralelo, o clube do colexio San Agustín levaba anos traballando nese mesmo senso. Anos despois, prodúcese o primeiro contacto que leva despois á fusión dos dous clubes, pola que saen os dous beneficiados logo de que San Agustín tivese problemas de instalacións e CB Imprenta Bahía para reclutar xogadores e xogadoras. Estiveron un tempo mantendo a súa autonomía coma clubes (cada clube coas súas cores) até que finalmente decidiron sacar un proxecto común en senior. E velaquí a historia deste CB Bahía San Agustín que este sábado nos visita. Un clube nacido desde abaixo e que cumpre a súa segunda campaña consecutiva na LEB Ouro, logo de conseguir o ascenso hai catro anos sen praza e de non conseguir o ascenso hai tres, pero si a praza. Cousas da LEB. Trátase dun clube cunha estructura profesionalizada e que tenta medrar para ilusionar a unha afección demasiado acostumada a non loitar por grandes metas. Este ano si, un plantel ilusionante, un dos equipos que a priori van estar máis arriba na clasificación. Polo momento suman unha vitoria menos cós lucenses, que comparten con Barcelona B e Palencia o coliderato na clasificación. Os lucenses voltan, 3 semanas despois, a xogar diante do seu público, nun horario distinto ao habitual (18.00 non vos despistedes) unha xornada máis cun rival complicado, xa que este inicio de liga xa lles deu aos celestes por xogar (e gañar) ante rivais coma Palencia e Ourense a domicilio, Melilla e Lleida na casa, chegando a súa única derrota, coma case sempre, en Coruña. No banco mallorquín senta Ángel Cepeda, un técnico que cumpre na illa a súa segunda campaña consecutiva, e que se caracteriza por unha forte visión de grupo, na que prima o colectivo sobre o individual, e por apostar polo proxecto de canteira cando sexa mester, tanto para completar adestramentos como para darlle aos xogadores máis novos, a posibilidade de debutar na máxima categoría FEB, a LEB Ouro. O ano pasado, co hoxe breoganista Sergio Llorente aos mandos, o Mallorca puxo moi complicadas as cousas aos lucenses, obrigando a xogar unha prórroga para gañar in extremis en Lugo, e caendo de xeito estrepitoso en Mallorca non tanto polo resultado senon polas sensacións, na antepenúltima xornada da liga regular por 83-70, nun partido que tivo consecuencias, pois con esa derrota e a da xornada seguinte en Valladolid, o Breogán perdeu a segunda praza que tiña case amarrada en favor de Ourense… E á postre foi fatídico a desvantaxe de campo nesa final do playoff. Partido duro seguro, e que o Breo tentará facerse forte na casa para seguir remando cabo o obxectivo final.

¿Obxectivo?

O obxectivo do cadro mallorquín pasa por estar nos postos máis altos da liga por plantel e aspiracións. Cecais anden un chanzo por debaixo das grandes plantillas coma poidan ser Palencia, Melilla ou Breogán, pero nun segundo grupo de aspirantes a estar nos postos máis altos do playoff e facer bo o factor cancha para pelexar por chegar o máis lonxe posible nuns eventuais playoffs polo ascenso, deben ser obxectivos acadables pola entidade balear. Se o obxectivo pasa por superar a tempada pasada, con razón pois o plantel é superior, chegar até a penúltima ou última rolda dese playoff (o ano pasado caeron en cuartos ante Lleida nunha eliminatoria moi aberta) é bastante posible. A ambición é máxima nun clube acostumado a gañar estea na categoría que estea. Para conseguilo cambiouse totalmente a fisonomía do plantel, e só continúa un xogador da campaña pasada. Enganchar a afección a Son Moix xa non parece algo difícil de conseguir, logo que en algúns partidos o ano pasado se chegaran a ver preto de 3000 persoas no recinto balear. Faltará saber como se van ensamblar esas pezas novas no que pide Ángel Cepeda e como suplir a baixa dun emblema do clube coma o neoiorquino Di Bartolomeo. Se todo vai como debera, estarán arriba, seguro.

 PLANTEL

Só continúa un xogador desde a pasada tempada, o murciano Adrián Méndez. O plantel complétano 9 xogadores profesionais máis, a dupla de bases do extinto Mywigo Valladolid Óscar Alvarado e Mikel Uriz, Edu Durán, Khalid Mutakabbir, Miquel Feliu, Javi Lucas, Tautvydas Sabonis, Ryan Nicholas e o veteranísimo Ricardo Guillén.

leb(1)

BASES

19 Óscar Alvarado: 24 anos. Un auténtico veterano malia súa idade. O canteirán de Herbalife Gran Canaria, xa xogou no seu primeiro equipo en ACB aínda que sen ter a continuidade necesaria. Tamén probou a principios do ano pasado no Brose Basket Bamberg alemán. Anteriormente, só con 19 anos debutara na LEB Ouro co UB La Palma. Trátase dun base con boa visión de xogo e intelixencia, que se complementa ás mil marabillas con Mikel Uriz, co que coincidíu durante 14 partidos o ano pasado no Mywigo Valladolid. O ano pasado promediou 2,3 puntos, 1,4 rebotes e 3 asistencias nos 15 minutos que disputou para uns 4,1 de valoración. No que levamos de tempada protagoniza 1,8 puntos, 1,4 rebotes e 1,4 asistencias para 1,4 de valoración nos 15 minutos e medio que xoga por partido.

24 Mikel Uriz: 26 anos. Vén de ser nomeado a pasada campaña mellor base da liga LEB logo da súa boa campaña en MyWigo Valladolid. O xogador navarro, con pasado no Estudiantes Lugo e que chegou mesmo a debutar nalgunha ocasión coa camiseta celeste, trátase dun xogador intenso en defensa e con gran capacidade para saír ao contraataque. Trátase da súa quinta campaña consecutiva en LEB Ouro, logo de ter xogado con Alcázar, Navarra, Clavijo e na pasada campaña, no conxunto do Mywigo Valladolid. O ano pasado promediou uns nada desdeñables 10,8 puntos, 3,1 rebotes e 4.8 asistencias para 14,1 de valoración nos 28 minutos que disputaba cada partido. No que levamos de tempada asina unha tarxeta de 11,8 puntos, 2,8 rebotes e 4,6 asistencias con 14,8 de valoración. Destacable ademais que está por riba do 50% en lanzamentos de 3.

ESCOLTAS

6 Edu Durán: 24 anos. Escolta dotado dun bo pulso e un voraz instinto anotador, que entende moi ben o xogo. Aproveita o seu bo manexo de balón para as penetracións e o seu rápido armado de brazo para os tiros a unha man preto do aro. O xogador madrileño foi formado nas categorías inferiores do Real Canoe e levaba catro tempadas en Guadalaxara, dúas en EBA e outras dúas (as últimas) en Prata co CEBA Guadalaxara. Na última tempada deu un paso adiante e converteuse no xogador revelación da categoría, sumando 17,1 puntos, 2,2 rebotes e 2,1 asistencias para 13,3 de valoración. No que levamos de tempada 10,4 puntos, 1,6 rebotes e 2,4 asistencias para 10,4 de valoración. Está por riba do 40% en triples e en tiros de campo.

7 Khalid Mutakabbir: 24 anos. O ex de Basquet Coruña pasa por ser un dos cotonous exteriores máis interesantes da competición. Trátase dun xogador moi talentoso, con boa man desde a liña de tres puntos e capacidade de desbordar no 1×1 grazas á súa velocidade e ao seu dominio de balón. Formado na NCAA, concretamente na Universidade de Presbyterian, o seu debut profesional fíxoo nas filas do Aries Trikala, no básquet grego. Sen embargo non tivo demasiada sorte e foi o ano pasado cando explotou coma profesional facendo unha boa campaña da man de Tito Díaz en Coruña, no que promediou 9,9 puntos, 1,7 rebotes, 1,6 asistencias e 6,7 de valoración nos 22 minutos disputados. No que levamos de tempada suma uns interesantes 10,6 puntos, 2,6 rebotes e 8,8 de valoración en máis de 24 minutos.

ALEIROS

10 Miquel Feliu: 30 anos. Trátase dun aleiro alto moi poderoso físicamente, o que fai que poida levar aos seus pares ao poste e anotar con certa facilidade. Aporta en tódalas facetas do xogo, especialmente en defensa e rebote, pero tamén en ataque. Un auténtico trotamundos LEB que chegou tamén a xogar en ACB internacional en tódalas categorías inferiores. Xogou en Manresa, L’Hospitalet, Palma Aqua Mágica, Vic, Xirona, CB Xacobeo Monbus, Lleida, Palencia e Burgos. O xogador está actualmente recuperando unha lesión, unha escordadura de nocello grado 2 que se producíu nun amigable a finais de setembro con rotura de ligamento peroneo calcaño e astragalino. Non debutou no que levamos de tempada  e en principio é baixa segura para Lugo.

 

40 Adrián Méndez: 22 anos. Xogador cun físico brutal, moi completo. Trátase dun aleiro rápido que é quen de defender con intensidade. Xoga sen presión e tira con acerto. Ademáis é un xogador con boa capacidade para a penetración pola súa explosividade e as súas magníficas condicións físicas. Amosa ademais, moita capacidade para defender con intensidade.  Formado nas categorías inferiores do CB Murcia, chegou a debutar na ACB co seu clube con só 19 anos. Marchou despois ao Obila de LEB Prata para fichar a pasada tempada polo Bahía San Agustín de LEB Ouro, onde cumpre a súa segunda tempada, sendo o xogador que máis tempo leva no plantel. O ano pasado promediou 2,8 puntos, 2,2 rebotes para 2,1 de valoración en 16 minutos por partido. Este ano suma 5,6 puntos, 3,6 rebotes e 4,6 de valoración.

ALA-PÍVOT

13 Javi Lucas: 28 anos. Trátase dun xogador que vén de facer unha boa campaña co Valladolid e ademais atópase en época de madurez. Aporta centímetros, rebote e traballo duro nas posicións de 4 e 5, e mesmo tiro exterior, faceta esta na que mellorou e moito nas últimas tempadas. Conta con ampla experiencia nas ligas FEB, pois antes estivo 3 tempadas en prata (unha en Óbila e dúas en Básquet Coruña) e tres máis en Ouro (dúas en Coruña e unha en Valladolid). Co conxunto castelán chegou ademais a disputa-las semifinais do playoff polo ascenso, perdéndoas contra do conxunto celeste. O CB Breogán. O ano pasado Lucas sumou 8 puntos, 6 rebotes e 11,7 de valoración. Na presente campaña, o alacantino leva 3,4 puntos, 3,4 rebotes e 7,8 de valoración.

22 Tautvydas Sabonis: 23 anos. Levar o apelido Sabonis é unha auténtica responsabilidade para este ala-pívot de orixe lituana pero que leva toda a súa carreira deportiva vinculado a Málaga. Primeiro nas categorías inferiores do conxunto de Unicaja e, unha vez cumprida a idade senior, no clube vinculado, o Clínicas Rincón, no que levaba xa 4 campañas consecutivas, sempre baixo a tutela de Ricardo Guillén, co que tamén coincidirá nesta ocasión. Así coma o seu irmán Domantas está probando nunha universidade americana, “Tutty” vai probar a súa primeira experiencia fóra de Málaga en Palma. O ano pasado promediou 8,4 puntos, 5,1 rebotes e 1,4 asistencias para 8,8 de valoración. Este ano estase a mover en gorismos semellantes con 7,4 puntos, 3,4 rebotes e 2,2 asistencias para 8,2 de valoración.

32 Ryan Nicholas: 24 anos. Xogador moi duro e traballador, con boa capacidade para o rebote e os grandes movementos na pintura aos que se lle engaden a súa habilidade para o lanzamento desde media e longa distancia. Formado na Universidade de Portland, na NCAA, xogou a última campaña en Europa, máis concretamente en Lituania, no Dzukja no que promediou 5,1 puntos e 2,9 rebotes para un equipo que acabou 6º na táboa. No que levamos de tempada suma 13 puntos, 4 rebotes para 14 de valoración total.

 

PÍVOT

44 Ricardo Guillén: 39 anos. Falar de Richi Guillén é falar de MVP. O ano pasado, xogador máis valorado da liga. Desde hai 11 anos suma 2 MVP’s de final de tempada regular e dos segundos postos no ranking dos xogadores máis valorados da liga. Comezou esta tempada nunha forma espectacular, gañando 2 dos 5 MVP’s que levamos até o de agora. É o máximo anotador da competición e o xogador máis valorado a estas alturas. Trátase dunha auténtica lenda na historia das competicións FEB. Xogou en ACB en Granada, Gran Canaria, Tenerife, no C.B. Canarias e no C.B. Monbús. Na categoría de prata no Alxeciras, Os Barrios, Cantabria, C.B. Canarias, Clínicas Rincón e agora no Palma. A tempada pasada, na que como diciamos gañou o MVP, promediou 16,4 puntos, 6,4 rebotes e 4,8 faltas recibidas para un total de 20,4 de valoración. No que levamos de tempada suma 22,6 puntos, 6 rebotes, 1,8 asistencias, 5,2 faltas recibidas e 27,4 de valoración. Está por riba do 60% en tiros de campo e do 50% en tiros de 3.

¿Como chegan?

O momento co que os dous equipos afrontan o partido é similar, polas dúbidas que os baleares poidan ter de cara a medirse aos grandes equipos (perderon con estrépito contra Melilla e Palencia) e as dúbidas dos lucenses polo curto que está o plantel coas baixas de longa duración, xa que Howard, que nunca chegou a convencer de todo é baixa para 6 semanas e semella que se lle busca substituto, e Travis Nelson é baixa indefinida por un neumotórax. Así as cousas, dous xogadores importantes para os de Lugo baixas que se unen á de Miquel Feliu nos baleares. Os lucenses veñen aínda de recuperar a Sergio Llorente, a Dani López e a Matulionis, polo que están a ser moi lastrados polas lesións. Os baleares teñen a importante de Miquel Feliu, un xogador chamado a ser moi importante para o cadro balear pero que aínda non puido debutar pola lesión que se producíu nun partido de pretempada e que, se vén non parecía revestir moita gravidade, requeríu a operación do aleiro catalán e a súa baixa para un período de 6 semanas. A situación clasificatoria dos de Lugo é mellor cá dos baleares, se ben de gañar os visitantes empatarían a vitorias cos celestes. A historia até o de agora reflicte igualdade, nas dúas ocasións que lucenses e baleares se atoparon nunha cancha, o factor campo foi decisivo, impoñéndose os lucenses no Pazo e os baleares en Son Moix.

¿Quen é favorito?

10390446_10153406932743747_2248582004810273881_n

O aspecto anímico pode ser importante para o desenrolo do partido. O Breo leva toda esta tempada con dificultade pero sacando os partidos adiante, agás o xa clásico tropezo no derbi en Coruña. Dous partidos emotivamente difíciles, fóra da casa e con todo en contra e dúas vitorias de moitísimo mérito para os de Lisardo, que semellan medrar na adversidade. E de adversidades saben moito os celestes, que levan desde a primeira xornada sen poder contar co plantel ao completo, primeiro pola lesión de Matulionis, despois polas de Dani López e Travis Nelson e actualmente polas de Travis Nelson e Juwan Howard. As expectativas incumpridas respecto ás fichaxes, e a preocupación de Lisardo pola non evolución de cara ao futuro do equipo, contrastan coa boa semana de adestramentos, completada cos rapaces de Estudiantes e Chantada. As baixas e o ritmo competitivo dalgúns xogadores que veñen de lesión, poden ser un handicap importante nos celestes, que só contarán, por segundo partido consecutivo, con oito xogadores. Non obstante, as boas vibracións e o bo xogo dos de Lisardo, semellan encender a unha afección que acudirá en bo número ao Pazo, ante un dos rivais chamados a estar arriba na táboa. Pola súa banda, os de Ángel Cepeda tentarán dar a badalada nunha das canchas máis difíciles de gañar da categoría, o Pazo dos Deportes de Lugo. Ese factor, o famoso Efecto Pazo, xunto co bo facer dos de Lisardo, semellan inclina-la balanza do lado local, e tinguir o partido de certo favoritismo celeste, se ben neste tipo de partidos o prognóstico é sempre máis ben incerto. Lembrar a tódolos que se teñan pensado achegar ao Pazo que o partido troca a súa hora habitual, e hase disputar ás 18 da tarde. O Pazo non vai fallar, agardemos que os nosos xogadores tampouco. Acertaremos? Saberémolo cando o balón comece a rodar… FORZA BREO!!!

Advertisements

Posted on 6 Novembro 2015, in Xeral and tagged , , . Bookmark the permalink. Deixar un comentario.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

Baloncesto con P, de Palencia claro

todo por Palencia Baloncesto

@KIAenZona

Información sobre o Club Baloncesto Breogán S.A.D.

Blogoncesto

Información sobre o Club Baloncesto Breogán S.A.D.

ZonaOCB

Información sobre o Club Baloncesto Breogán S.A.D.