O NOSO VINDEIRO RIVAL: Clube Ourense Baloncesto

cob

vs

CB_Breogan

Case cinco meses despois, o CB Breogán volta ao escenario daquel fatídico quinto partido que supuxo á postre o ascenso do clube ourensán e o ficar ás portas do mesmo para os lucenses. Trátase dun partido cun compoñente emocional importante, especialmente para os celestes, cuxa afección sufríu a cara máis dura do deporte. Tamén o é para os ourensáns, malia que xogan esta tempada coa seguridade de quen sabe que faga o que faga, xogará a Liga ACB da vindeira tempada. As facianas duns e outros cambiaron, non así os obxectivos, os lucenses queren acompañar aos seus veciños no derbi do Miño a vindeira tempada na máxima competición, e os ourensáns queren pasar canto antes esta tempada de transición preparando a que será a súa volta á Liga Endesa logo de nada menos que 16 anos de ausencia. Os breoganistas encaran o que será o seu segundo derbi consecutivo a domicilio, logo da inesperada derrota en Riazor ante Coruña Basquet nun partido malo dos celestes no que contaron co desprazamento masivo da marea celeste. Semella que a afección breoganista voltará desprazarse ao Paco Paz en cifras similares ás do pasado domingo para conquistar un feudo, o ourensán, no que o ano pasado venceron en dúas ocasións (unha en liga regular e outra en playoff) caendo noutras dúas (no primeiro e quinto partido do playoff final). O Breo colidera a clasificación logo da derrota en Coruña empatado con Melilla, Palencia e os sorprendentes recén ascendidos Cáceres e Castelló. Os ourensáns amosan un inicio dubitativo, con victorias na casa ante Coruña e en Logroño ante Cocinas.com e derrotas ante Melilla no Paco Paz e en Pumarín ante o Oviedo. O Breo pola súa parte sumou tres victorias consecutivas ante Lleida, Palencia e Melilla, caendo en Coruña ante no derbi café con leite cunha controvertida actuación arbitral. Gonzalo García de Vitoria, que continúa coma adestrador, tentará facer un xogo alegre baseado no traballo e sacrificio para correr o contraataque en canto se poida. Así pois, e logo do playoff final disputado a cinco partidos e que tanta expectación levantou en toda Galicia, semella que este derbi non vai ser un derbi máis, e que moita xente estará pendente do Paco Paz, uns para revivir as sensacións e outros para quitar ese mal sabor de boca que deixa o perder tódalas opcións xusto no chanzo final. Rejón e Pedro Rivero polos locais, e Dani López, Álex López, Matulionis e Samb polos lucenses, así coma os dous adestradores dun e doutro bando, seguro que non teñen problemas en lembrar aqueles partidos e todo o vivido durante esas semanas do playoff final polo ascenso.


¿Obxectivo?

Sen dúbida o obxectivo ourensán pasa por ter unha tempada tranquila, sen sobresaltos na que ir preparando o asalto á liga ACB que xa teñen conquerido deportivamente. Así pois, e sen obxectivos deportivos reais a longo prazo, a tranquilidade e o loitar partido a partido por conquerir a mellor clasificación posible, pode ser un aliciente para os ourensáns, sen perder de vista que facer unha boa tempada co conxunto termal, poida significar unha renovación para a campaña próxima na que o COB dispute a Liga Endesa. O plantel, completado a última hora presenta moita xuventude e semella un pouco difícil saber cal será a resposta dos da cidade das burgas, sobre todo nun inicio de tempada no que a desmotivación do afeccionado pode facer difíciles de afrontar os duelos no Paco Paz, aínda que este derbi… Sen dúbida será un partido distinto polas connotacións que ten para uns e os outros.


PLANTEL

Só continúan dous xogadores do cadro que acadou o ascenso a tempada pasada, á espera de se finalmente se dá a desexada volta  de Salva Arco ou non, Pedro Rivero e o “alcalde” Guillermo Rejón. Completan o plantel do cadro ourensán Juan Ballesta, Diego Kapelan, Ánder Martínez, Tomás Fernández, o coruñés Jonathan Barreiro, Jhornan Zamora, Maksim Salash,  Danny Agbelese e o que fora mellor xogador de Basquet Coruña a pasada tempada, o pívot Kyle Rowley.

BASES

55 Juan Ballesta: 22 anos. Zurdo e con bo manexo de balón e moita velocidade, o que supón que é un xogador verdadeiramente difícil de defender, sen embargo destaca sobre todo en faceta defensiva e por ter mans rápidas capaces de conseguir moitos roubos. Formouse nas categorías inferiores do UCAM Murcia, chegando mesmo a debutar co primeiro equipo hai dúas tempadas. O ano pasado, militou no Óbila onde promediou 5,6 puntos, 3,8 rebotes, 3,4 asistencias e 2 roubos para un total de 9,6 de valoración en máis de 25 minutos. Na presente campaña promedia 0,8 puntos, 0,3 rebotes e 0,5 roubos para unha valoración negativa de 2, en máis de 10 minutos por partido.

14 Pedro Rivero: 36 anos, un dos grandes veteranos deste COB e valuarte no pasado ascenso conquerido ante os breoganistas. Chegou a xogar na ACB en dúas etapas, en Sevilla e Murcia, é un clásico das ligas FEB, onde xogou en Complutense, Gandía, Cantabria, Cáceres, León, Tenerife, Los Barrios, Zaragoza e Lucentum Alacante. Cumpre xa a súa terceira tempada co cadro das Burgas, co seu escudeiro de luxo Guillermo Rejón ao seu carón. As virtudes deste segoviano son por todos de sobra coñecidas, a súa lectura de xogo, destacando sobre todo nas xogadas de bloqueo directo, aportando a súa veteranía e experiencia mesmo cando se teña que enfrontar contra bases con mellor físico ca el. A tempada pasada promediou 11 puntos, 2,6 rebotes e 3 asistencias para un total de 13 de valoración. No que levamos de tempada acredita uns interesantes 15 puntos, 2,8 rebotes e 3,3 asistencias para 17 de valoración nos 28 minutos xogados por partido.

ESCOLTAS

13 Diego Kapelan: 28 anos, ocupa unha das prazas de extracomunitario, malia o seu pasaporte bosníaco. Trátase dun xogador versátil, que pode axudar no posto de base en momentos puntuais. Ten moi bo acerto nos tiros exteriores, sobre todo na saída e o tiro tras bloqueo, aínda que tamén é quen de xerar os seus propios tiros. É interesante tamén un demoledor primeiro paso que lle permite anotar en penetracións con facilidade. Conta con ampla experiencia en europa, onde xogou en equipos de Bosnia, Chipre, Grecia, Alemaña ou Austria, chegando mesmo a desputar o Eurochallenge. O ano pasado, no Raiffesen Wels austríaco acreditou 14 puntos, 3 rebotes e 2,3 asistencias. No que levamos de tempada, promedia 14,5 puntos, 2 rebotes e 14 de valoración, rozando o 50% no tiro exterior.

23 Johrnan Zamora: 26 anos, trátase dun xogador que pode xogar en case que tódalas posicións exteriores, gracias á súa habilidade no manexo do balón e ás súas excelentes condicións atléticas que lle permiten defender tanto a bases coma a escoltas ou aleiros. Este venezolano con pasaporte español formouse nas categorías inferiores do extinto C.B. Valladolid, fichando despois polo Unicaja, e xogando cedido por este no Clínicas Rincón. Ano e medio despois, recuperouno Valladolid para xogar a Liga ACB e agora volta á liga LEB logo de dous anos no Trotamundos de Carabobo venezolano (subcampión de liga). Ademáis, foi preseleccionado coa súa selección, aínda que nunca conseguíu entrar nos 12 seleccionados para desputa-los diferentes torneos. O ano pasado promediou 13,9 puntos, 3 rebotes e 2,4 asistencias. No que levamos de tempada suma 3,8 puntos, 0,8 rebotes e 0,5 asistencias para 0,8 de valoración.

ALEIROS

15 Ánder Martínez: 20 anos, é un xogador polivalente, con capacidade para xogar tanto de aleiro coma escolta. Destaca fundamentalmente pola súa habilidade para xerar lanzamentos, tanto en estático tras bote coma pola súa lectura de xogo e salida tras bloqueos indirectos. Defensivamente, grazas á súa altura pode defender a aleiros e escoltas e é un dos xogadores máis prometedores da canteira de Estudiantes e do básquet español, co que vén de proclamarse subcampión do europeo sub 20. Coñecido coma o “serbio do Ramiro”, o ano pasado co equipo EBA de Estudiantes protagonizou 15,8 puntos, 5,8 rebotes e 1 asistencia para 12,7 de valoración. No que levamos de tempada promedia 4,5 puntos, 1,8 rebotes e 2,3 de valoración nos 19 minutos que xoga por partido.

5 Jonathan Barreiro: 18 anos. Un dos aleiros máis prometedores de todo o panorama nacional. Está cedido polo Real Madrid. Trátase dun aleiro polivalente, cun gran pulso, pero que ten nas lesións de xeonllo o seu talón de aquiles, xa que lle lastra unha e outra vez. Foi pretendido o pasado verán por clubes coma Bilbao Basket, Manresa, ou UCAM Murcia de ACB, o estar preto da casa, de medrar pouco a pouco nun clube que ten segura a súa participación na máxima categoría a tempada que vén, fixeron decidir á gran perla da canteira madridista polo proxecto ourensán. Vén de desputar o Eurobasket sub18 con España, onde promediou 6,9 puntos, 3,7 rebotes e 1,3 asistencias. Haberá que ver como se adapta ao seu primeiro ano en senior, no que levamos até o momento promedia 5 puntos, 2,3 rebotes e 4,5 de valoración nos case 20 minutos que disputa por partido.

ALA-PÍVOT

10 Tomás Fernández: 23 anos. É un 4 que pode xogar de cara ao aro. É hábil cos pés, ten boa man e é moi traballador. Ten marxe de mellora física pola súa xuventude. Conta con experiencia en prata (estivo hai 3 campañas no CEBA Guadalaxara) e na EBA, nos equipos de canteira de ASEFA Estudiantes e UCAM Murcia. O ano pasado, co equipo murciano fixo 12,2 puntos, 6,7 rebotes e 0,6 asistencias para 9,7 de valoración. No que levamos de tempada promedia 3,7 puntos, 1 rebote e 2,7 de valoración nos pouco máis de 11 minutos que xoga por partido.

7 Maksim Salash: Bielorruso de 19 anos, ocupa praza de estranxeiro, pode desenvolverse con capacidade en tódalas posicións interiores, desde onde pode facer vale-la súa calidade para anotar de distintos xeitos. Nas cercanías do aro con cortes e bos movementos, ten bo lanzamento de media distancia e xoga sen problemas tras bote. Rebotea ben nos dous aros. Canteirán do Sevilla Baloncesto, está cedido por unha tempada, aínda que non se descarta que poidera continuar en Ourense se ámbalas dúas partes así o quixesen. O ano pasado foi cedido no Peñas Huesca, onde promediou 7 puntos e 4,1 rebotes para 7,3 de valoración. Na presente campaña leva 5,3 puntos, 3,8 rebotes e 5,8 de valoración nos pouco máis de 20 minutos disputados.

99 Danny Agbelese: 25 anos. Xogador moi intenso e explosivo. Capaz de corre-lo campo á velocidade dun aleiro, destaca por ser un xogador moi atlético e pola súa capacidade de salto, finalizando sen problemas por riba do aro e xogando ben o bloqueo directo. Ten problemas, sen embargo, co lanzamento de tiro libre e coa media distancia. Chega procedente da primeira división grega, onde compartía vestiario co ex-breoganista Roeland Schaftenaar. Nas ligas FEB ten a experiencia do ano pasado, que militou no CEBA Guadalaxara onde fixo 9,9 puntos, 8,4 rebotes e 0,8 asistencias para 15,1 de valoración. Esta tempada promedia 10,5 puntos, 5,5 rebotes e 14,5 de valoración. Coma anécdota dicir que nos catro partidos non fallou un só tiro de campo (8/8 en tiros de 2 e 1/1 en tiros de 3) pero que presenta un 2/7 en Tiros Libres que supoñen un pobre 28,6%.

PÍVOT

8 Kyle Rowley: 25 anos, o trinitense destaca pola súa enerxía na posición de pívot, o que fai que amose a súa capacidade reboteadora e de finalización nas inmediacións do aro contrario. Gran xogador de situacións de pick&roll. Destaca tamén no eido defensivo, posto que grazas á súa envergadura e os seus 2,12 metros de altura válese da súa intimidación para parar aos pívots rivais. O ano pasado no Básquet Coruña convertíuse nun dos pívots máis dominantes da categoría, grazas en parte á mestura entre carácter e intensidade. Alí promediou uns nada despreciables 9,4 puntos e 9,1 rebotes para 13,7 de valoración. Esta campaña en Ourense leva 5,3 puntos e 6 rebotes para 6.5 de valoración.

16 Guillermo Rejón: 39 anos para o auténtico veterán do clube termal. Trátase dun auténtico clásico do baloncesto nacional, catro ascensos contemplan ao madrileño desde que debutara coma profesional hai máis de 20 anos. Tamén xogou na ACB en diferentes etapas, no Estudiantes, Fórum Valladolid, Lucentum Alacante e Murcia. A súa intensidade e veteranía fan que sexa un dos xogadores máis queridos pola afección ourensá, tendo tamén en conta que é un dos heroes do ascenso que se mantén no plantel. A verdadeira homenaxe para o xogador madrileño sería poder disputa-la próxima edición da liga ACB co cadro cobista. O ano pasado, malia á súa veteranía converteuse nun xogador absolutamente vital para os ourensáns, promediando 8,1 puntos, 6,1 rebotes e 2,8 asistencias para 12,3 de valoración. Na presente campaña promedia 8,3 puntos, 4 rebotes e 2,5 asistencias para 8,3 de valoración.


¿Como chegan?

Se cadra, o momento de forma dos dous equipos é similar por canto ás dúbidas. Se ben en Lugo a situación clasificatoria é boa, a esperable a estas alturas de tempada, ou mesmo mellor tendo en conta o duro calendario de inicio que tiveron os de Lisardo. En Ourense hai tamén as dúbidas dun equipo que se ben individualemente ten calidade contrastada, a xuventude e como se vai acoplando o equipo, son preguntas que o afeccionado ourensán se debe estar facendo a estas alturas. A mellor situación clasificatoria dos lucenses contrasta co aspecto emotivo deste partido. Hai menos de cinco meses que os ollos dos breoganistas, dos mil breoganistas que enchían até a bandeira a bancada habilitada para eles e maila Policía Nacional se encheron de bágoas mentres toda a afección ourensana celebraba o ascenso á máxima categoría. Quizais ese factor, moi presente para os afeccionados e para algúns dos xogadores que estiveron presentes naquel partido, así como para os dous adestradores, poidan cargar de maneira definitiva o ambiente deste partido. Non tanto con ánimo de revancha senón coma lembranza polas emocións vividas hai tan pouco tempo. No tocante á actual tempada, os breoganistas chegan lastrados coas lesións de Dani López, Sergio Llorente e a recuperación express de Osvaldas Matulionis. Tampouco foi unha boa semana neste sentido, pois Dani foi entrando nos adestramentos a partir do xoves, Llorente pouco a pouco e Travis Nelson será dúbida até última hora logo de toda a semana sen adestrar. No plantel ourensán, moitas gañas de facer unha boa tempada que poida significar unha renovación para o ano da volta á ACB, e especialmente, polo significativo que é este derbi para a afección, facer un bo partido contra os de Lugo. O balance polo de agora é favorable aos de Lugo nesta tempada, que suman unha vitoria máis cós das Burgas.


¿Quen é favorito?

Partido moi incerto no seu prognóstico. A historia parece empecinarse en que, por terceira campaña consecutiva os de Lisardo perderan no derbi ante Coruña o seu primeiro partido. Por toda a carga emotiva que antes explicabamos, o partido non parece ter un claro favorito. Analizando os planteis, o favoritismo parece para os celestes, pero tendo en conta que o partido se desputa na cidade das Burgas, é ben difícil saber se este prognóstico é bo ou non. E coma dixo en rolda de prensa Lisardo, o que pense que o COB vai ser unha comparsa polo feito de teren asegurado o ascenso á ACB para a próxima campaña, están moi trabucados. COB ten un plantel novo e sobre todo, longo (11 xogadores) e a motivación neste partido está asegurada.

 En toda a historia dos derbis entre Breogán e Ourense, con moitas anécdotas polo camiño, pareceron revivirse todas neste último playoff. No total de enfrontamentos até o momento, o balance é favorable para o cadro das murallas por 20-14, pero isto só son números que haberá que poñer sobre o parqué do Pazo Paco Paz o vindeiro sábado a partires das 19 da tarde. A xuventude do plantel cobista contra a veteranía dos breoganistas. O Paco Pazo voltará ter nutrida presencia de afeccionados que xa viaxaron a semana pasada a Coruña para animar aos homes de Lisardo. Nós apostamos a celeste. Acertaremos? Saberémolo cando o balón comece a rodar… E esta vez, sen as cámaras da TVG, que non quere apostar polo básquet galego. FORZA BREO!!!

Advertisements

Posted on 30 Outubro 2015, in Xeral. Bookmark the permalink. Comentarios desactivados en O NOSO VINDEIRO RIVAL: Clube Ourense Baloncesto.

Os comentarios están pechados.

Baloncesto con P, de Palencia claro

todo por Palencia Baloncesto

@KIAenZona

Información sobre o Club Baloncesto Breogán S.A.D.

Blogoncesto

Información sobre o Club Baloncesto Breogán S.A.D.

ZonaOCB

Información sobre o Club Baloncesto Breogán S.A.D.