Cafés Candelas Breogán – Melilla Baloncesto / Sábado ás 19:15

CB_Breogan

vs

melilla

O NOSO VINDEIRO RIVAL:

CLUB MELILLA BALONCESTO 

Volve o Breo ao Pazo con ilusións renovadas ante un dos equipos chamados a ser importantes nesta tempada. Sen dúbida, pola inversión realizada, e polas fichaxes de renome para o conxunto norteafricano, semella ser o ano do “todo ou nada”. Fai falla saber, e iso darao en principio o paso dos partidos, como se van acoplar as distintas pezas ao equipo, pero a priori, e tendo en conta os nomes, Melilla pasa por ser un dos mellores planteis da liga. A campaña pasada, na que tamén tiñan os norteafricanos un equipo destacable, tocou a enésima decepción do cadro de Alejandro Alcoba, que só conseguíu clasificar na última xornada da fase regular para os playoffs, quedando eliminados na primeira rolda de cuartos de final ao perder por 2-0 plantando batalla nos dous partidos contra o posteriormente campión do playoff, o Clube Ourense Baloncesto. Alejandro Alcoba cumple a súa terceira tempada consecutiva coma primeiro adestrador do clube melillense, no que anteriormente tamén estivera coma delegado, preparador físico e segundo adestrador. Precisamente neste posto, o de segundo adestrador, está un lucense que tradicionalmente soe estar bastante motivado por xogar contra os celestes, o ex entrenador entre outros do Ensino, Javi Muñoz. Gañar no polideportivo Javier Imbroda vai ser algo máis ca difícil pola dureza do rival e porque os melillenses non están dispostos a deixar escapar moitos puntos. O seu rendemento fóra poida que baixe un chanzo, pero a calidade do plantel leva á obriga de competir en tódolos partidos. O decano da LEB quere conseguir estar esta vez si arriba e iso pasa por saír a gañar en tódalas canchas.

¿Obxectivo?

É, por plantel, o equipo máis completo de toda a categoría. Tódolos xogadores e adestradores o sinalan coma o máximo favorito. Falta saber como se vai acoplar un equipo con moita calidade e que só mantén tres pezas da tempada pasada. A dúbida pode estar nesa necesidade de acoplamento e como vai reaccionar ante a presión se as cousas se poñen feas e os resultados non chegan pola propia calidade do plantel. A priori, e se todo vai como debera, é un dos equipos chamados a estar máis arriba, cecais con Palencia, Palma ou o propio Breogán.


PLANTEL

Só continúan tres xogadores da pasada campaña, Pelayo Larraona, Eduard Gatell e Eloy Almazán. Destacable a volta ao clube norteafricano de xogadores con pasado melillense, tales coma Héctor Manzano ou Marcos Suka-Umu e a incorporación a última hora do base procedente de ACB Josep Franch. Polo demáis, equipo completísimo con xogadores con percorrido na categoría coma Zengotitabengoa, os ex-breo Pablo Almazán e Brandon “Megatron” Edwards ou a super-estrela do equipo, o ex-internacional con España, Eduardo Hernández-Sonseca.

BASES

Josep Franch: A capacidade de reacción que tivo Melilla trala fichaxe frustrada de Albert Sàbat, que marchou ao recibir oferta do Joventut de ACB. Incorporan a un base procedente de Guipuzkoa Basket, con 24 anos e con percorrido pola propia máxima categoría. Trátase dun xogador internacional con España en categorías inferiores e que mesmo chegou a sonar para a absoluta. Ten un excepcional manexo de balón e moi boa visión de xogo. Físico privilexiado e moi boa saída do 1×1. Busca en Melilla recuperar sensacións e protagonismo no xogo. O ano pasado únicamente promediou 4,2 puntos e 1,5 rebotes para 3,8 de valoración nos 33 partidos xogados. No que levamos de tempada, Franch leva 7 puntos e 2,5 rebotes en 26 minutos por partido.

Pelayo Larraona: Destaca pola súa rapidez á hora de lanza-lo contraataque ou a transición defensa-ataque. Bo manexo de balón e defensivamente intenso e rápido de mans. Está bastante por debaixo do seu compañeiro Josep Franch se ben a súa renovación supuxo unha proba de confianza por parte do adestrador Alcoba. O ano pasado promediou 1,1 puntos e 0,3 rebotes nos pouco máis de 4 minutos disputados por partido. Este ano promediando uns 10 minutos en cada partido, non anotou, asistiu, nin capturou ningún rebote promediando un punto negativo de valoración.

ESCOLTAS

Marcos Suka-Umu: O verdugo breoganista no fatídico quinto partido da final da LEB fronte a Clube Ourense Baloncesto, afronta a súa segunda etapa no cadro norteafricano. Trátase dun xogador que pode actuar na posición de base en certos momentos do partido, xoga ben no bloqueo directo e fai xogar ao equipo. Ademais, se colle a racha anotadora é moi difícil de parar, o que convirte ao madrileño nun dos mellores escoltas da competición. O ano pasado promediou 9,1 puntos e 2,4 rebotes con case 2 asistencias por partido e unha valoración media de 6. Esta tempada promedia 14 puntos e 5,5 rebotes para 18,5 de valoración.

ALEIROS

Asier Zengotitabengoa: Conta cun bo manexo de balón e 1×1, polo que tamén pode actuar na posición de 2, pero polo que máis destaca é polo tiro exterior. Ten gran percorrido pola categoría, e conseguíu o ascenso co Iberostar Canarias e Morabanc Andorra, últimos ascensos consumados á ACB, e tamén o ano pasado en Burgos, onde non o puido consumar finalmente, xunto cun ano tamén excepcional cos nosos veciños de Coruña Basquet. O ano pasado iniciou o curso en Andorra en ACB, pero unha lesión no xeonllo non lle deixou debutar, polo que voltou a Burgos para ser protagonista co cadro de Andreu Casadevall e promediou 5,7 puntos e 1,6 rebotes. Nos dous partidos que levamos até o momento, Zengotita promedia 10,5 puntos e 3 rebotes para 12,5 de valoración.

Pablo Almazán: Un dos dous ex breoganistas cos que conta o cadro de Alejandro Alcoba, trátase do que foi nomeado mellor 3 da pasada liga Adecco Ouro, explotou xusto á tempada seguinte da súa saída do Pazo, o que resultou unha verdadeira sorpresa para tódolos afeccionados lucenses. Trátase dun xogador cun gran físico, que aproveita para superar ao seu defensor, ben cunha penetración ou no poste baixo. Xogador moi intenso e con gran capacidade reboteadora, foi mellorando na faceta ofensiva co paso dos anos até destaparse o ano pasado cunha gran porcentaxe en lanzamento exterior. O ano pasado en Navarra promediou 12,2 puntos, 4,6 rebotes para 13,8 de valoración, converténdose no gran baluarte do clube navarro trala saída de Hernández-Sonseca. Na presente campaña promedia 7 puntos, 2,5 rebotes e 7 de valoración nos case 23 minutos que xoga por partido.

Eloy Almazán: O capitán do equipo, irmán de Pablo é un dos xogadores máis veteranos do equipo. Quinto ano consecutivo cos norteafricanos, trátase dun deses xogadores que aporta tanto fóra coma dentro da cancha a base de traballo e máis traballo. Cecais non excesivamente brillante para as estadísticas, é chamado a ser peza clave para que ensamblen axeitadamente as estrelas do equipo cos roles correspondentes. Con respecto ao seu rendemento na cancha, o ano pasado promediou 5,2 puntos, 3 rebotes e 5,4 de valoración nos 19 minutos desputados. No presente curso, Eloy promedia 10,5 puntos, 2 rebotes e 10 de valoración en menos de 18 minutos xogados.

ALA-PÍVOT

Héctor Manzano: Xogador intelixente, capaz de abrirse para tirar exterior e xogar situacións de 1×1 aberto ou ao poste baixo con xogadores de características similares a el. O xogador catalán con crianza deportiva en Granada, ten un amplo percorrido pola categoría, e mesmo pola ACB co seu paso polo CB Monbús e o CB Granada. Afronta agora a súa segunda etapa no cadro norteafricano tras un breve paso por Francia o ano pasado, onde fixo 10,6 puntos e 5,2 rebotes para 10,5 de valoración. Na presente tempada o catalán promedia 2 puntos e 3,5 rebotes para 0,5 de valoración en apenas 16 minutos de xogo.

Brandon Edwards: O outro xogador con pasado breoganista, pero este moito máis recente, xa que só hai uns meses que o xogador americano abandonou o Pazo. En Melilla parece claro que se vai adicar a xogar coma 4, ao contrario que en Lugo, onde tivo que reinventarse coma aleiro. Xogador con gran potencia física e gran capacidade para rebotear ou taponar, o ano pasado destapouse en algún partido coma gran anotador, chegando mesmo a ser MVP da xornada 29 facendo asemade unha moi boa actuación na final da Copa Príncipe en Palencia. A tempada pasada deu a sensación de que podía dar máis, e finalmente promediou 5,5 puntos e 2,8 puntos para 5,6 de valoración. Na presente tempada mellora o seu rendemento con 9 puntos e 5,5 rebotes para 12,5 de valoración.

PÍVOT

Eduard Gatell: Outro dos xogadores renovados para a presente campaña, trátase dun xogador intenso defensivamente, con gran capacidade para xogar o bloqueo e continuación e o xogo entre pívots, é capaz tamén de xogar por riba do aro. Na pasada tempada mellorou o seu rendemento nos lanzamentos de media distancia. Queda ver como se adapta ao novo rol que terá no equipo. O ano pasado promediou 6,3 puntos e 4,8 rebotes en 19 minutos de xogo. No que levamos de campaña, Gatell promedia 5,5 puntos, 1 rebote e 1,5 de valoración.

Eduardo Hernández-Sonseca: A grande estrela dun plantel de estrelas coma o norteafricano. Logo de dá-la espantada a metade de tempada en Navarra o curso pasado e de deixar na estacada ao Breogán cando xa estaba todo preparado, o ex-internacional absoluto español pasa por ser o gran dominador da competición se mantén o nivel amosado en Navarra no inicio da pasada tempada. Na ACB xogou no Real Madrid, DKV Joventut, Bilbao Basket, Blancos de Rueda Valladolid e Laboral Kutxa Baskonia, disputou tamén aventuras en países exóticos tales coma Irán ou Guinea Ecuatorial ou a menos exótica Bélxica. O ano pasado tralo paso por Navarra, tamén xogou en Venezuela, malia que unha lesión lle impedíu brillar coma si fixera no cadro navarro. Así pois, a tempada pasada promediou 15 puntos, 9,4 rebotes e 24,5 de valoración nos pouco máis de 33 minutos xogados nos 13 partidos disputados antes de marchar aos Bucaneros de la Guaira venezolanos. Na presente campaña promedia 15 puntos, 3,5 rebotes e 16 de valoración.


¿Como chegan?

Dous dos principais candidatos a estar na parte alta da táboa ao final da tempada, comezaron a liga regular obtendo dúas vitorias e encaramándose ao alto da clasificación logo das dúas primeiras xornadas. Especialmente salientable as dúas vitorias conqueridas polo Café Candelas Breogán, tanto pola dificultade dos seus rivais (Lleida no Pazo e Palencia no Marta Domínguez) coma polas dúbidas coas que os de Lisardo chegaban a estes primeiros partidos da tempada. Pola súa banda, os de Alejandro Alcoba e Javi Muñoz, chegan a esta cita liderando a clasificación logo de gañar na primeira xornada aos veciños de Clube Ourense Baloncesto a domicilio no Paco Paz por 20 puntos, vingándose así da derrota por 2-0 no playoff da tempada pasada e gañando no Javier Imbroda ao outro equipo veciño, o Leyma Basquet Coruña por 86-72. Agora tócalle medirse de maneira consecutiva ao outro equipo galego da categoría, o Café Candelas Breogán. Semella que os dous equipos chegan pletóricos de moral e confianza, no caso dos norteafricanos por confirmar as boas sensacións que xa se apuntaban na pretempada e que se lle supoñían sobre o papel pola gran calidade do plantel, e no dos lucenses pola espectacular e inesperada vitoria nunha das canchas máis difíciles da categoría coma o Marta Domínguez palentina, polas baixas e a mala semana de adestramentos previa a dito partido. Pero por espectacular e inesperada, o certo é que foi moi merecida e amosou unha faciana dos de Lisardo bastante recoñecible e que o levou a tempada pasada e situarse moi preto do ascenso á ACB.

¿Quen é favorito?

Dúas das principais escuadras da LEB fronte a fronte. Os norteafricanos conforman, sen lugar a dúbidas o mellor plantel, home por home da liga. Os de Lisardo, pola súa banda conforman un equipo experimentado e coas ideas moi claras. Coa baixa de Matulionis (aínda ten para tres semanas máis) o protagonismo defensivo do resto de xogadores ten que redoblar esforzos. A ilusión renaceu en Lugo logo da vitoria en Palencia e é posible que o Pazo amose unha moi boa entrada. Precisamente, o bo rendemento dos lucenses ante o seu público, unido ao “Efecto Pazo”, pode ser o factor decisivo e determinante para superar a presumible diferencia de calidade entre os dous planteis e desequilibralo en favor dos de Lisardo. Os celestes teñen coma un dos principais obxectivos da tempada deixar escapar moi poucos partidos no Pazo e este, malia ser só a terceira xornada, amósase coma clave. Partido moi igualado na que calquera dos dous equipos pode gañar, se ben lixeiro favoritismo celestes polo factor cancha. Agardamos, esta vez si, acertar o nos prognóstico. Saberémolo no horario habitual dos partidos de Lugo. Sábado, 19.15. Nós non nolo imos perder, e vós?

Advertisements

Posted on 15 Outubro 2015, in Encontros, Xeral. Bookmark the permalink. Comentarios desactivados en Cafés Candelas Breogán – Melilla Baloncesto / Sábado ás 19:15.

Os comentarios están pechados.

Baloncesto con P, de Palencia claro

todo por Palencia Baloncesto

@KIAenZona

Información sobre o Club Baloncesto Breogán S.A.D.

Blogoncesto

Información sobre o Club Baloncesto Breogán S.A.D.

ZonaOCB

Información sobre o Club Baloncesto Breogán S.A.D.