Cafés Candelas Breogán – Actel Força Lleida / 2 de outubro – 20:45

ACTEL FORÇA LLEIDA

Chega Lleida ao Pazo co obxectivo de seguir medrando esta tempada. Tras unha tempada na que foi o equipo revelación, mesmo chegando a unhas inesperadas semifinais do playoff nas que caera de maneira clara co COB, a meta é seguir a disfrutar do básquet de nivel e buscar eses playoffs que poidan ilusionar á afección do Barris Nord como xa fixeran hai un ano. Para iso, aos mandos da nave ilerdense volverá estar Joaquín Prado, un clásico do baloncesto de Lleida, pois cumpre a súa cuarta campaña á fronte do Força Lleida, pero xa estivera anos atrás vencellado ao antigo Lleida Basquetbol, coma segundo adestrador e director técnico do clube que chegara a xogar na ACB. Polo tanto, semella que intensidade defensiva será novamente unha das claves por non dicir o principal signo recoñecible do clube leridano, especialmente no Barris Nord, que promete, como xa ocorrera o ano pasado ser unha das canchas máis difíciles de conquerir da categoría.

CB_Breogan

VS.

Lleida

¿Obxectivo?

Parece bastante claro que o obxectivo do Lleida débese medir no día a día, en ir medrando coma equipo e ver como se van acoplando as novas pezas. Desde a filosofía de xogo do técnico asturiano Joaquín Prado, os fundamentos defensivos e a intensidade coma bloque, se acada bos resultados na casa, entrar en playoffs de xeito cómodo e non moi lonxe da zona nobre da liga debera ser unha meta acadable a longo prazo.


PLANTEL

Mantén a metade do plantel do ano pasado; José Simeón, Gerard Sevillano, Alfons Alzamora, Marc Rubín de Celis e Juan Pablo Sutina e se incorporan ao plantel Josep Pérez, Emmy Andújar, Jorge García, Khyle Marshall, Alex Greven e Tomas Hampl.

BASE

José Simeón: Boa dirección de xogo, intensidade e lecturas axeitadas, o valenciano chegou a debutar na ACB co equipo do Valencia Basket, está na súa plenitude coma xogador. O ano pasado, chegou a promediar 5,7 puntos e 2,8 rebotes nos case 30 minutos xogados por partido.

Josep Pérez: Un dos xogadores a seguir con lupa. Chegou a debutar en Liga Endesa e Euroliga co FC Barcelona, logo dun ano de lesión a tempada pasada xogou no Peñas Huesca. Trátase dun xogador intenso en defensa e con capacidade para desbordar no 1×1. Ven de asinar o ano pasado 8,2 puntos e 2,1 rebotes por partido en 20 minutos de xogo.

Marc Rubin de Celis: O canteirán de Lleida está lesionado logo do playoff contra Mallorca en maio no que se rompeu o ligamento do xeonllo. Vai pouco a pouco pero é baixa para o partido do venres.

 ESCOLTA

Alexander Greven: Pode xogar no 1 ou no 2. É unha das fichaxes deste ano procedente de Plasencia de EBA a onde chegou da EBL Div1 inglesa. Cabe a dúbida da súa adaptación tralo salto de categoría. O ano pasado promediou uns interesantes 22 puntos con porcentaxes do 46,3% en tiros de campo e 4,7 rebotes por partido en case 35 minutos xogados.

Juan Pablo Sutina: Un dos veteranos do clube ilerdense, sumará a súa cuarta tempada co clube da Terra Ferma. O hispano-arxentino, que tamén pode xogar coma aleiro, destaca polo seu bo tiro, con boas porcentaxes nos tiros de campo, nos que superou o ano pasado o 45%. 7,1 puntos por partido e 2,3 rebotes en menos de 20 minutos de xogo, falan da perigosidade deste xogador.

ALEIRO

Gerard Sevillano: Gran físico e vontade, o canteirán do Joventut pode xogar tanto no 2 coma no 3. Destaca pola súa defensa das liñas de pase e pola súa mobilidade, así como pola súa lectura do xogo. A tempada pasada, xa no Força Lleida asinou 4,2 puntos por partido en algo máis de 15 minutos.

Emmy Andújar: Procedente da Universidade de Manhattan, estivo neste pasado verán na órbita do Monbús Obradoiro, está chamado a ser a gran estela do conxunto da Terra Ferma nesta tempada. Trátase dun aleiro con fortaleza baixo os taboleiros, polo que pode xogar tamén no 4, destaca pola súa versatilidade. Foi nomeado mellor xogador da súa conferencia logo de promediar 16,3 puntos e 7,6 rebotes en 31 minutos de xogo.

ALA-PÍVOT

Jorge García: O cordobés é unha das pezas importantes do equipo pola súa veteranía, polo que exerce de referencia para os seus compañeiros. Ampla traxectoria en LEB e ACB, destaca polos seus movementos coma xogador interior e pola súa boa man no tiro exterior, tendo unhas boas porcentaxes de triple. Na tempada pasada, en Burgos fixo case un 43,1% en tiros de campo, destacando pola súa boa porcentaxe no tiro de tres sendo interior (39,8%). A tempada pasada promediou 7,4 puntos e 3,7 rebotes nos 19 minutos que xogou.

Kyle Marshall: Xogador cotonou con pasaporte de Santa Lucía. A tempada pasada comezou en Xapón, para voltar aos Estados Unidos e rematar xogando na República Dominicana. Nos 8 partidos que xogou no seu último equipo (Huracanes del Atlántico) promediou 17 puntos e 7,8 rebotes. Se cadra é algo baixo para ser interior (1,98m) destaca co seu físico privilexiado. Zurdo pechado, especialízase en rematar con gancho coa esquerda.

PÍVOT

Tomas Hampl: Trátase do xogador máis alto da liga (2,15m) o checo é un xogador que destaca polo seu bo traballo para o equipo, non excesivamente duro e que non sempre loce nas estadísticas. Chegou a xogar ACB e Euroliga da man de Bilbao Basket, se ben estivo case sempre vinculado a Santurtzi. No 2014 ascendeu á ACB da man de Andorra e na tempada pasada estivo en Palencia, onde promediou 4 puntos por partido e 3,1 rebotes nos pouco máis de 13 minutos que estivo na cancha.

Alfons Alzamora: Cos seus 36 anos o ex-breoganista é un dos veteranos do equipo. Peza clave no vestiario e axuda para a progresión dos seus compañeiros. Un auténtico trotamundos, xogou en FC Barcelona, Joventut, Menorca, Manresa en Lleida e Lugo e foi internacional en categorías inferiores. O ano pasado, cun aporte menor no Força Lleida promediou 3,3 puntos por partido e 3,3 rebotes en pouco menos de 15 minutos xogados.


¿Como chegan?

Força Lleida chega logo dunha pretempada na que foi gañando tódolos partidos coa excepción do tropezo co UCAM Murcia de ACB. Sen embargo, inesperada derrota da final da Lliga Catalana de LEB no último partido de pretempada ante o Prat, os de Joaquín Prado chegan logo de xogar 6 partidos e gañar 4 ante Prat, Tarragona (2) e Navarra. Pola súa banda o Breo chega logo de gañar dous partidos a Basquet Coruña e perder ante Palencia, Marín Peixegalego (LEB prata) e de xeito estrepitoso con Oviedo en Pumarín no que foi o último partido da pretempada. Así pois, os dous equipos chegan con dúbidas a este inicio da tempada regular.

¿Quen é favorito?

Mirando o plantel dun e outro equipo, o Café Candelas Breogán semella ter mellor home a home. A forza do clube catalán está sobre todo no colectivo. É un equipo que vai ser rocoso e difícil de gañar, cun estilo de xogo semellante ao dos de Lisardo. Força Lleida perde este ano pezas importantes e falta saber como vai ser a adaptación á categoría deses xogadores. O Breogán chega aínda con máis dúbidas logo de encadear tres derrotas consecutivas nos tres últimos partidos da pretempada, sobre todo a derrota con Marín ou a avultada en Oviedo. A baixa de Llorca foi un golpe difícil de dixerir e Howard non semella estar a convencer demasiado. Aínda así e todo, xogando nun ilusionado Pazo dos Deportes, do que o Breogán non quere deixar escapar nin un só partido, os de Lisardo parecen lixeiramente favoritos para este partido. Cumplirase o prognóstico? Teremos que agardar a que o balón bote ao aire para sabelo.

Advertisements

Posted on 30 Setembro 2015, in Encontros, Xeral. Bookmark the permalink. Comentarios desactivados en Cafés Candelas Breogán – Actel Força Lleida / 2 de outubro – 20:45.

Os comentarios están pechados.

Baloncesto con P, de Palencia claro

todo por Palencia Baloncesto

@KIAenZona

Información sobre o Club Baloncesto Breogán S.A.D.

Blogoncesto

Información sobre o Club Baloncesto Breogán S.A.D.

ZonaOCB

Información sobre o Club Baloncesto Breogán S.A.D.