Análise estatístico do plantel do Breo

Aproveitando as estatísticas dos xogadores do Breo da tempada regular publicadas neste blog, imos comentar como foi a tempada dos nosos guerreiros dende o punto de vista meramente numérico e tomándoas coa importancia relativa que se lles debe dar ás estatísticas. Porque como xa dixo o gran Maljkovic, “as estatísticas son coma os bikinis; amósannos moitas cousas, pero tapan o máis importante”.

stats

– Dani López: Tempada de menos a máis. Números decentes mellorados no tramo final de tempada que tiveron a súa continuidade nos PlayOffs. Se o comezo de tempada estivese ao mesmo nivel, os seus números destacarían moito máis e estarían entre os mellores en moitos apartados. O máis destacado, os ratios do equipo víronse moi mellorados coa súa presenza en pista, tanto ofensiva (+8,2%) como defensivamente (+6,8%); pero o punto negro está na súa porcentaxe de tiro efectivo, 47%, que entre os bases titulares é un dos máis baixos.

– Sergio Sánchez: Bo aporte aos ratios ofensivos, sen desmellorar os ataques do equipo. Especialmente interesantes as súas estatísticas de asistencias. Quizais a parte negativa estivo nos ratios defensivos do equipo coa súa presenza en pista, probablemente derivado dos seus problemas físicos.

– Adrián Chapela: Quizais o contrapunto a Sergio Sánchez, non desmellorou ao equipo en defensa (mantivo ao equipo por debaixo de 100 puntos recibidos por posesión), pero as estatísticas ofensivas do equipo si que se resentiron, tanto no referido a estatísticas individuais, (baixo porcentaxe de tiro efectivo, ou a súa falta de aportación en ratio USG), como en estatísticas de equipo (ratio ofensivo do equipo). Neste caso a súa falta de minutos creo que deriva nunha falta de fluidez no aspecto ofensivo, pero se consegue adquirir experiencia neste aspecto seguro que pode medrar como xogador.

– Alex Llorca: Tempada comezada a un gran nivel, liderando estatística de valoración PER durante moitas xornadas e con presenza en mellores quintetos. Posteriormente foi baixando algún postos nos rankings de valoración, quizais influido pola lesión a metade de tempada e a chegada de McGhee ao equipo que o liberou de responsabilidade. Tempada de moita carga para el, sendo o xogador de máis minutos por partido no Breo (case 31 min/partido) e segundo con máis minutos totais (803, só 7 menos que Matulionis a pesar da lesión), que puido solventar con números moi salientables en case tódalas estatísticas (59% en porcentaxe de tiro efectiva, boa relación asistencias/perdas, aporte ao rebote defensivo, mellora de ratio ofensivo de equipo).

– Alex López: Como algún outro xogador tempada de menos a máis, que tivo o seu punto álxido nos PlayOffs, polo que as estatísticas de liga regular poden resultar algo inxustas co seu aporte final. De todas formas coa súa presenza en pista o equipo case non se resentiu nin ofensiva nin defensivamente. Unha das súas facetas máis febles, o porcentaxe de tiro efectivo foi moi mellorado no tempo de PlayOffs.

– Osvaldas Matulionis: Xogador sen recambio natural no equipo, o que provocou que tivese unha gran carga de minutos (xunto con AlexLo e Mortellaro non se perdeu ningún partido e a diferenza destes, todos os partidos foron de moitos minutos). Os seus momentos de descanso repercutiron nunha caída do rendemento do equipo (en 26 partidos con datos, o basket average (+/-) do Breo foi de +131 nos 810 minutos que xogou, e de -59 nos 235 min que descansou). A nivel individual, a pesar de ter moi bos números en moitos aspectos, a súa valoración quizais non reflicta de todo a súa importancia no equipo.

– Brandon Edwards: Tempada difícil para Brandon, de moita adaptación a unha nova liga e a un novo equipo onde a súa posición natural estaba máis que cuberta o que por riba lle supuxo ter que adaptarse a unha nova posición durante gran parte da tempada. A pesar diso, conseguiu uns números individuais máis que interesantes: 57% de tiro efectivo, 14,6% de posibles rebotes ofensivos (líder gran parte da tempada), 19.86 de valoración PER (3º do equipo). Pero a eses bos número individuais faltoulles o reflexo no rendemento do equipo, que se viu afectado negativamente ca súa presenza en pista. A súa falta de adaptación foi o seu maior problema, pero os seus números individuais dan a entender que se consegue adaptarse aos sistemas ten un gran potencial.

– Mamadou Samb: tempada irregular con molestias recorrentes que se reflectiu nos seus números. A pesar diso conseguiu destacar en moitos aspectos: 63% en porcentaxe de tiro efectivo, 23.05 en valoración PER (o mellor do Breo), e unha notable mellora dos ratios do equipo (+11,5% ofensivamente, e +5% defensivamente sen ser un especialista). Se pode manter eses números con máis carga de minutos e partidos pode ser determinante nesta liga.

– Kevin Van Wijk: tempada moi seria, o que se pode esperar dun xogador de gran implicación que tamén se viu mermado por problemas físicos. Inda así foi capaz de repoñerse a eles e manter o rendemento do equipo (especialmente no plano defensivo), así como destacar por unha moi boa porcentaxe de tiro efectivo (62%). Ten potencial de mellora nalgúns aspectos coma perdas ou rebotes ofensivos que seguramente axudarán a mellorar o ratio ofensivo do equipo, un dos seus puntos febles.

– Gary McGhee: a súa chegada marca un antes e un despois no equipo. O seu poderío no rebote (defensivo 19,7% dos posibles rebotes; e ofensivo 16,1%), a súa porcentaxe de tiro efectivo: 54% a pesar dos problemas nos tiros libres, e valoración PER de 21,08 falan ás claras do seu nivel. Pero o seu xogo non só tivo reflexos a nivel individual, senón tamén a nivel de equipo. En tan só 16 partidos (sen máis que 25 min/partido) conseguiu un +/- de +116 para o Breo (tendo en conta que como calquera xogador chegado a metade de tempada a unha nova liga precisou dun período de adaptación).

– Chris Mortellaro: quizais o seus números non reflictan a seu xogo, como pasa con outros xogadores, pero nos PlayOffs conseguiu amosar a súa importancia. Moi prexudicado pola comparativa cun xogador do nivel de McGhee, sen embargo conseguiu non desentoar defensivamente e un moi bo aporte ao rebote (17,9% defensivo e 14,5% ofensivamente), quizais o que se lle pide a un xogador do seu rol. Se puidese mellorar o seu aporte ofensivo seguro que inda deixa minutos de calidade nesta liga.

Aquí as estatísticas: http://somosbreogan.org/2015/06/07/estatistias-liga-regular-20142015/

Advertisements

Posted on 11 Xuño 2015, in Estatísticas, Xeral. Bookmark the permalink. Deixar un comentario.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

Baloncesto con P, de Palencia claro

todo por Palencia Baloncesto

@KIAenZona

Información sobre o Club Baloncesto Breogán S.A.D.

Blogoncesto

Información sobre o Club Baloncesto Breogán S.A.D.

ZonaOCB

Información sobre o Club Baloncesto Breogán S.A.D.