Lisardo Gómez : o xogador que falta será un interior intenso e duro

image

Xa pasado o ecuador da primeira volta, qué valoración global do comezo de tempada?

A nivel de resultados está ben, porque imos segundos, empatados con Valladolid. Satisfeito sobre todo por todos os problemas que tivemos cas lesións, con dous xogadores que non se adaptaron e lles custou moito. A nivel de xogo tamén estamos contentos pola evolución dende aquel famoso torneo do Sagrado Corazón onde se viron moitos problemas e lagoas. Aínda non estamos ao nivel desexado, pero os xogadores fixeron un esforzo moi grande para mellorar e seguimos mellorando. Imos suplindo as carencias con moito traballo táctico. Pero aínda queda moito e quedannos partidos importantes, sen ir máis lonxe este venres en Palencia. Isto da moitas voltas e mañá tanto podemos estar arriba ou abaixo nesta liga tan igualada.

Qué ocorreu con Tamulis e Lawson, problemas de adaptación principalmente? 

Tamulis é moi novo, era a súa primeira saída, non acabou de estar contento. Xa na xornada 3 pediu irse. Falamos con el, que o tentase, porque podía ir para adiante ca súa calidade. El tiña unha idea diferente da dureza desta liga. Lawson tentouno, ambos traballaron e tiveron actitude. A proba desa actitude é que Lawson sabendo que tiña firmado noutro equipo contra Clínicas esforzouse e fíxoo ben. Penso que non tiveron sorte co estilo de xogo do equipo e ca súa dureza. So podo desexarlles o mellor.

Aclarar que ao pedir eles a saída ao club non lle repercute economicamente. Xa temos a Sergio pero buscamos un xogador que substitua a Kenny, e sabendo como funciona o equipo será máis doado acertar.

Qué ocorre co rendemento de Dani López? Contra Burgos fixo un partidazo pero dende aquela semella que lle custa.

Dani é un xogador que normalmente sempre vai a máis nas tempadas, custalle arrincar, pero despois alcanza o nivel óptimo co avance da tempada. Eu diría que está sendo irregular, alterna momentos bos con outros non tan bos. Necesita ter acerto de cara ao aro, pero o seu traballo está aí e cando aperta en defensa notase moito. Obviamente é un dos artifices de que o equipo vaia así. Teño confianza nel, penso que vai ir a máis.

Outro que ao mellor está tendo un comezo irregular é Samb. Ao mellor lle fai dano que o comparemos con Diouf?

É un xogador diferente a Diouf. A súa lesión non lle axudou pero tamén vai a máis. Temos que atoparlle o oco no plano ofensivo e no defensivo hai que corrixir detalles. É un xogador co que somos inxustos, eu tamén, xa que fai moitas cousas, tapa moitos ocos, e tacticamente é moi disciplinado. El mesmo a semana pasada sae con malas sensacións porque fallou varios tiros, pero é que de metelos sería o xogador máis valorado do encontro. Ten que ser máis frío, comete faltas por exceso de motivación ou ansiedade. Cando controle iso será o Mamadou que todos queremos. Iso si, prefiro que cometa erros por isto que por deixado ou desidia.

Pola contra, sorprendente o rendemento Chapela, quen está dando ese paso adiante que dicías que agardabas del.

Si , sen dúbida. O paso que lle pedimos estao cumprindo sobradamente. O seu caso é o máis claro de que aquí xoga quen o merece, sexas de Lugo, Madrid, ou China Está traballando moi ben, non so nos partidos se non tamén no día a día, tanto no ofensivo como no defensivo. E iso que está tendo algo de mala sorte no tiro. Esta melloría é froito do seu traballo.

Qué me dis de Llorca, todo carácter e xa un ídolo para a afección…

Si, tivémolo claro cando saíu a opción. Cando falei con el, viñamos da tendencia de ter escoltas americanos e díxenlle que el ía ser o noso escolta americano. A súa evolución era evidente, tiñamos claro que nos ía aportar moito no ofensivo e no defensivo, cousa que non sempre pasaba cos americanos. Centrado será un xogador ACB sen dúbida. E adaptouse moi ben ao noso xogo, a cidade e encaixa ca afección.

E o tema do día, a fichaxe Sergio Sánchez, como chega?

Obviamente vaille custar arrincar, non virá na mellor forma pero coidouse. Ten calidade. Agora mesmo agardamos del que axude nos adestramentos e puntualmente nos encontros, pero será importante a medio prazo, nun mes ou mes e medio. Vainos dar tiro exterior e calidade xogando ao pick&roll. Vai xerar espazos para os interiores e para as penetracións dos exteriores. Terá que adaptarse ao traballo defensivo do equipo, e cos seus anos ACB a nivel de experiencia pouco hai que dicir. Con el teremos que xogar con dous bases en pista. Tamén temos dous escoltas fisicamente fortes como Llorca e Álex López que poden xogar ao 3 ou o propio Brandon Edwards, o que nos deixa ben cubertas todas as posicións.

Para cando a undécima fichaxe? Algún nome enriba da mesa?

Hai xogadores en mente, pero non queremos correr riscos. Ten que ser un interior interior, intenso, duro. Que intimide. Non temos tanta presa, con 10 xogadores dos cales 4 son interiores. O xogador ideal e desexado. Se xurde nunha semana ben, pero se hai que esperar non imos fichar por fichar.

Advertisements

About Vinicius

Breoganista de hélice. Baloncesto e ciclismo. Chairego, lucense, galego. HBO fan. Namorado da miña terra.

Posted on 26 Novembro 2014, in Entrevistas, Xeral. Bookmark the permalink. Deixar un comentario.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

Baloncesto con P, de Palencia claro

todo por Palencia Baloncesto

@KIAenZona

Información sobre o Club Baloncesto Breogán S.A.D.

Blogoncesto

Información sobre o Club Baloncesto Breogán S.A.D.

ZonaOCB

Información sobre o Club Baloncesto Breogán S.A.D.