Javier Gómez: primeira parte

Recentemente saíu do Breogán o seu director xeral, Javier Gómez. Esta entrevista comezou a elaborarse tras o encontro de Burgos da primeira volta, cando xa se intuía a súa saída. A dilatación no tempo da saída e o cambio de acontecementos fixeron que esta se reescribise varias veces. Agora xa é o momento de ir pouco a pouco sacandoa á luz, en varias partes, onde se tocarán practicamente que todos os apartados posibles.

Agardamos que a desfrutedes e que a vaiades dixerindo pouco a pouco.

javi

Estamos a falar dun cese ou un despido?

Ningunha das dúas cousas.

Foi de mutuo acordo?

Si, de mutuo acordo, esencialmente motivada polo interese das dúas partes. Se ben, o meu obxectivo non era marchar do Breogán. E moito menos durante a temporada, de producirse eu quería que se producise durante o verán, en setembro concretamente. Non obstante, a situación que se produciu durante o verán, ca perda do patrocinador o que non implica culpar a ninguén, se non sinalar o mero feito de que se perde; o desgaste das discusións en moitos sentidos que ten a confección do equipo, e o feito de que unha vez que se nomea vicepresidente a Manuel Botana, e que a presidencia xa recaeu en Antonio Veiga…

Vexamos: o meu posto é un posto directivo, pero de confianza. De confianza con Julio González. A non continuidade de Julio creba unha parte desa confianza que é básica á hora de portavocía, transmitir informacións (que é un tema básico). Sempre me guiei pola transparencia. Eu non tiña a mesma seguridade para desenvolver o meu traballo. E tiña a responsabilidade que corresponde a un cargo que non se especificou moi ben que é, que eu vexo de unha maneira…

Pódesnos detallar as funcións que tiñas?

Un director xeral é un empregado de alta dirección. Non é un megacomercial como se puido transmitir por algúns. Pode que teña contactos no tecido empresarial, e sería desexable que fose así, pero non é un comercial que ten que andar pegando nas portas para xerar recursos. Tampouco é un director deportivo despreocupado dos temas económicos: eu non fichei a ningún xogador directamente. Esa é unha tarefa reservada ao adestrador e nunha parte ao secretario técnico na condución das negociacións, aínda que eu non estiven de acordo con que o secretario técnico levara as negociacións, quería levalas eu, o cal non foi entendido nin compartido por unha parte do consello de administración.

Entón o recorte de facetas anunciado en setembro consistiu en atribuírme unhas funcións que, falando estrictamente, non tiña; e en realidade o que se me retira son os controis sobre o tema deportivo. E aquí é onde non estou de acordo. Vou facer un símil que non ten que ver co baloncesto: Se eu che digo, “teño aquí as chaves do coche, vouno coller agora e segundo chegue aí á Ronda vou xirar á esquerda a toda hostia a ver que pasa”. Ti tes dúas opcións, collerme as chaves do coche e tirarmas á alcantarilla e ver se me pasa a tontería, ou dicir, vale é a túa decisión, é o que hai.

Por qué é importante este exemplo? Porque a min, no meu xuízo impresionista (que puidera convertir con moitos argumentos nun xuízo técnico e económico) as propostas que me chegan sobre a confección do equipo paréceme que son arriscadas para o futuro do club. Iniciativas como a que citou Pepe Rodríguez na súa despedida, como o famoso 7 + 5 cunha participación moi importante de xogadores de canteira que ata este momento militan na EBA… Eu non vou dicir terminantemente que si ou que non, pero si digo que non me parece ben, que non é unha política que leven outros clubs en ningures e que non é beneficiosa para o Breogán. Eso é considerado por algúns unha inxerencia no tema deportivo.

Pero é que tal como vexo eu a dirección xeral dun club, o modelo é como o que está levando agora mesmo o Obradoiro: unha dirección xeral e deportiva, que coordina unha serie de asuntos económicos e por outra banda tamén ten unha función de tipo deportivo baseada en criterios que ao final acaban mesturando a faceta económica e deportiva. E non é cousa miña: o outro día lía na prensa estadounidense que hai dúbidas sobre a capacidade Phil Jackson para facer as tarefas de GM. E de cales se fala? Entre outros, de prospección do talento (nonato e profesional), xestión de masa salarial e análise de estatística avanzada.

Todo o mundo é consciente de que a miña saída se ía producir, xa que a relación laboral estaba visiblemente deteriorada, non é un tema persoal.

Durante todo este tempo, estiveches apartado á espera dunha resolución, entendo?

Si. Ben, a situación é que cando se plantexou o ERE, ou unha negociación das condicións laborais dos traballadores por parte da empresa, pola miña parte xa houbo vontade de chegar a ese mutuo acordo. A miña situación quedou en stand by agardando os documentos que certificaban esa resolución. Esta pregunta debería facérselle aos responsables da empresa porque eu so obedecín as normas, e dito doutra maneira, sabendo da miña posición, se se pode dicir así quiteime do medio porque non teño complexo de estorbo.

Esta saída prodúcese dun xeito gravoso para o club?

Ao contrario. Chegouse a un acordo. Eu tiña unha cláusula de saída durante a tempada que se podía executar, pero os cartos que custaba eran os mesmos en febreiro que en marzo, abril… En lugar de cobrar esa cláusula de saída, acordamos aceptar o pago dun salario ata final de temporada de forma que non sexa gravoso para min. Esta cantidade é inferior á cláusula. Tamén considero que é xusto, e desta forma faise un pequeno favor ao club.

Respecto a situación actual dos traballadores, despois de falar de EREs que non tiveron lugar, do despido de Rosa, etc… Pódesnos dicir algo?

A renegociación das condicións dos traballadores propúxose e retirouse, segundo me comentaron. Son cuestións internas da empresa. Non vou ser politicamente correcto: para min deberíase ter feito unha renegociación. A situación está complicada e hai que reducir en todas as partidas: xogadores, corpo técnico, canteira, estrutura. Isto non tiña por qué facerse de xeito que un traballador demande a súa propia saída, segundo se publicou. É un erro grave.

Sobre a saída de Rosa Castro laméntoo porque é unha empregada de gran valía, con moita experiencia e que podía facer moitas máis cousas das que facía pola súa intelixencia e capacidade, pero é a súa decisión e do club. Agardo que chegaran a un acordo satisfactorio para as dúas partes.

Ter que pagar unha indemnización que se supón elevada, pon nunha situación delicada ao club non?

Descoñezo eses extremos. Non podo opinar.

Como queda a túa relación co consello?

Neste consello hai persoas cas que tiven un trato moi técnico e cordial, sen máis, como o señor Cillero ou Rosa Fernández. Penso que son dúas persoas que polo posto que ocupan na Deputación de Lugo quizais non deberían ocupar postos de tanta relevancia no consello do Breogán pero é unha decisión do presidente e como tal hai que respectala.

A miña relación con Veiga é moi boa. Simplemente ten o problema de que o Breogán é unha carga que se suma ao seu traballo ordinario, carga que me atrevo a dicir que non é quen de sobrelevar (a nivel de xestión diaria, me refiro). Para min, xestionar calquera empresa a nivel de presidente sen ter un coñecemento específico do sector e as súas particularidades, nin as da propia empresa, é imposible.

Entón non delegaba todo noutras figuras?

Claro, pero agora mesmo en quén delega? Porque antes delegaba no seu consello (Julio, Suso, Botana e Rodolfo). Agora pasa a delegar en dúas persoas: Alfonso Orol e Alberte Fernández. Súmalle a iso estrutura do club tamén adelgazou.

Respecto a Alfonso Orol, que é socio de toda a vida, so lle podo reprochar os trompazos que pegaba cando xogaba nas zonais e provinciais, aínda que ao mellor el non se acorda de algunha que nos demos por aí ou lle deu aos meus xogadores. Téñolle aprecio persoal e agardo que teña sorte.

Con Alberte Fernández tiven trato na súa época do Azkar, unha persoa que ven do sector do deporte. Pero en calquera dos dous casos está claro que polas súas obrigas laborais non poden dedicar todo o tempo a Breogán e Breogán consume tempo, require. Por outro lado na miña opinión pecan tamén dese descoñecemento no sector, ou máis ben no seu caso non de descoñecemento senón de falla de coñecemento profundo.

No verán perdeuse unha das principais fontes de ingresos de capital privado, que se substituíu por un patrocinador institucional. Ao final acabase metendo máis diñeiro público no club. Qué opina Javi Gómez deste tema?

Paréceme mal como cidadán. Penso que o Breogán non debería recibir eses cartos que fan depender da aportación pública vindo a substituír xustamente o que precisamos, a aportación privada.

Por outra banda lamento ser impopular, pero sendo a Ribeira Sacra unha zona dunha preciosidade enorme, e agardo equivocarme, coido que para patrimonio da humanidade non da. Patrimonio da Humanidade da UNESCO normalmente dáse a lugares ou máis monumentais ou de tipo máis especial a nivel de fauna ou flora. Ten un magnífico viño e entorno natural como os canóns, historia como a do conde de Lemos ou Ribadavia, pero aínda así penso que non lle da para elo.

E a Deputación de Lugo, que sempre fai fincapé no tema social, non debería nin dar os cartos nomeadamente ao Breogán (que polo menos presta un servizo de ocio) nin á Ribeira Sacra para Patrimonio da Humanidade, que por certo xa fracasou unha vez a finais dos 90 se non lembro mal. Non hai nada que indique un cambio espectacular. Agardo que haxa sorte pero semella difícil. Pero eu aposto por unha caída progresiva dos ingresos públicos no Breo sen que isto poña en perigo ao club porque a miña conciencia social está aí.

Por qué non se acadaron outras fontes de ingresos?

Ben, a Leb non funciona, non ten un modelo contemporáneo de deporte profesional baseado en media, merchandising, comercio global, etc. Funciona co que se chama en termos empresariais de deporte SSSL: tickets, subvencións públicas, sponsor e outras vías de ingreso. Pero sempre de ámbito local. E aquí a conxuntura da cidade é especialmente complicada dende o punto de vista de que non hai grandes mecenas que invirtan, con tecidos comerciais e agrícola que son dous dos máis afectados pola crise económica. Hai un dato que é que a meirande parte das aportacións empresariais que desapareceron do Breo nos últimos anos son precisamente as máis pequenas. As publicidades que desaparecen son as máis pequenas. Cando a xente me di “é que hai que vender pequenos carteis”. Xa o intentamos, pero por desgraza a xente non está para eses gastos.

Retomouse estes días o tema accionarial, qué opinión che merece?

Pois o outro reflexionaba sobre elo. Este tema amosa o gran problema que lastrou ao Breo no último ano. No mes de maio pasado andamos ás carreiras para a enaxenación de accións do club, que en teoría tiña que rematar en setembro, xa, rápido, XA. En setembro.

Todas as queixas sobre improvisación se foron confirmando unha tras outra. Eu non creo que se trate de mala fe, penso que se trata de precipitación. A vicepresidencia ten unha idea, que é a saída. O consello dimisionario nunca se opuxo á saída, aínda que non gustase. O que dicía o consello era de facer isto mesmo cumprindo unhas etapas. Despois de toda esta historia o resultado é que os prazos que propoñía Julio e o prazo efectivo que se vai a facer, van a ser máis ou menos o mesmo. E podería ter sido aínda maior se se tivesen cumprido as ameazas de recurso ou impugnación.

Dados os prazos, non sería máis lóxico ter feito un anuncio ordenado en setembro, comezar en abril e rematar en outubro do ano seguinte sen que o equipo estivese en competición? Os tempos son importantes, para a adxudicación e tamén para a comunicación. Porque ao final xeraron unha situación de alarmismo, tendo unha administración a capacidade para comunicalo ben. Pero sobre todo trátase de cando anunciar cada cousa e que mensaxe das. Moléstame porque unha parte da anterior xunta directiva tiña unha idea clara de cómo facelo.

E ata aquí chegou esta primeira parte. En breve, máis.

Advertisements

About Vinicius

Breoganista de hélice. Baloncesto e ciclismo. Chairego, lucense, galego. HBO fan. Namorado da miña terra.

Posted on 29 Marzo 2014, in Entrevistas. Bookmark the permalink. Deixar un comentario.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

Baloncesto con P, de Palencia claro

todo por Palencia Baloncesto

@KIAenZona

Información sobre o Club Baloncesto Breogán S.A.D.

Blogoncesto

Información sobre o Club Baloncesto Breogán S.A.D.

ZonaOCB

Información sobre o Club Baloncesto Breogán S.A.D.