Días compricados para o breoganismo

breoganismoenloita

Xa é coñecido dende hai moito tempo que a Deputación ía saír do accionariado do C.B. Breogán SAD. Esta nova causou gran inquedanza dende un primeiro momento, xa que se vía perigar a subsistencia dun club que semellaba só poder sosterse economicamente baixo o goberno de ente provincial. Hoxe aparecen outras vías, que debemos valorar con cautela.

Coido que non me engano ao dicir que os cidadáns de Lugo e os accionistas, socios e afeccionados en xeral, entendemos que esta é unha situación anómala e que ten que ser arranxada. Pese a esta saída, dende un primeiro momento Antonio Veiga manifestou que a Deputación sempre estaría apoiando ao Breogán, compromiso que agardamos sexa firme.

Cabe dicir tamén que ao longo de todo este proceso, que durou varios meses, a Deputación deu varios xiros en canto ao proceso de venda. Entre outras cousas pensouse que podían regalar as accións (xa por aquel entonces contactamos co que se erixiría en protagonista da actualidade, Luis Castro), doalas, autocarteira… métodos que para nada nos convencían. Este foi o primeiro erro: anunciar que saes e ir cambiando o criterio co paso do tempo. Como imos confiar en que este é o único proceso de venda, cando tiveron varios escenarios presentes? De que este é o mellor proceso dende o punto de vista legal, neste intre non temos dúbida. Pero que pasou cos outros? Foron erros ou movementos improvisados sen consultar aos servizos xurídicos da Deputación?

Serían posibles outras solucións menos “arriscadas” ou máis controladas? É posible. Pero como manifestaron onte, agora xa é tarde para elo.

Tamén minou a credibilidade de Antonio Veiga a perda do principal patrocinador a nivel privado. Todos coñecemos ao dono da empresa e sabemos que a súa estabilidade non é a óptima, pero coméntase que o acordo era presentarlle un proxecto no verán e tamén que o empresario soamente quería recibir a Antonio Veiga. Aínda que despois Veiga o desmentiu na xunta de accionistas. Quen di a verdade? Iso si, isto remata ingresando 200.000 euros das arcas públicas no Breogán en forma de patrocinio da Ribeira Sacra. Sendo claros, a este home caeulle nas mans unha bomba e non un caramelo co que facer política.

Ben, todo se desataría nos últimos días cunha serie de acontecementos que farían que o breoganismo que se mantiña expectante se puxese en pé de guerra.

O día 26 celebrouse a xunta de accionistas. Uns minutos antes, a Deputación preséntalle á parte non política do consello unha proposta que nada ten que ver co agardado e cas últimas intencións da Deputación: unha poxa a sobre pechado e a reserva dos dereitos sobre o 48% do canon depositado (segundo eles) no CSD. Señores, se non saben que esa cota non é reintegrable e que está depositada na ACB, non teñen nin a máis remota idea do que teñen entre mans. O consello fíxolles ver todos os erros existentes, e quedaron en modificalo.

Pasado este momento previo, comezou a asemblea cunha participación máis alta do habitual, ca presenza de moitos coñecidos. Aprobáronse contas e presupostos, así como a entrada no consello de Manuel Botana en cuestión de vinte minutos. E logo, a quenda dos rogos e preguntas. Durante case que dúas horas falouse longo e tendido de diferentes aspectos do club, pero sobre todo da saída do accionariado onde se fixo ver reiteradamente que queriamos garantir a supervivencia do club e a súa permanencia na cidade. As sensacións na saída eran máis ou menos boas: Veiga escoitaranos e tomaba nota de todas as nosas propostas, mentres que Álvaro Santos se comprometía a xestionar que o máximo responsable da Deputación recibira aos accionistas fundadores para escoitalos. Días despois a pregunta é: porqué non tiveron arrestos a dicilo na xunta? A desculpa: “non estaba na orde do día”. E o resto do consello calou naquel momento, supoñemos que pensando que habería boa vontade.

Todo isto foi en balde: ao día seguinte publicase no BOP a saída da Deputación e o comezo do proceso de venta. Filtrouse o prego de condicións onde houbo modificacións (segundo me aseguran) e onde se mantiña o sistema de poxa a sobre pechado e a teima do canon no CSD. E si, leen ben, seguían reclamando ao CSD. O texto foi modificado e non foron capaces de corrixir o erro máis garrafal. Quen é o que se mantén no erro de atribuír o canon ao CSD?

Amparase a Deputación (e isto sería explicado no pleno do día 31) en que os asesores xurídicos din que é a única vía legal para facelo, pero a nosa desconfianza é moita neste momento. Pola contra outros manifestan que si había alternativas (como manifestou Julio González na Cadena Ser: http://radiolugo.info/julio-gonzalez-comenta-su-reunion-con-el-presidente-de-la-diputacion/ ). Todo isto motivou que o breoganismo se mobilice inmediatamente, xa que consideramos todo un perigo o método. Houbo diferentes persoas que impulsaron este movemento, particulares con certo peso, peñas, etc. Todos (ou iso cremos) sen ningunha connotación política, esquézanse de querer facer política con isto señores.

Ben, e agora explicamos o porqué o consideramos tan perigoso. E tamén hai que recoñecelo: ninguén dixo que isto fose a ser fácil. Primeira razón e xa case descartada, porque puidera haber xente interesada en levarse a SAD de aquí. Difícil, moi difícil, pero non imposible. Se nalgún momento se acada o 75% de participación da sociedade por as razóns que sexa, puidera darse, pero ao non ser de forma inmediata agardemos que afaste a posibles interesados. Segunda: qué seguridade nos da unha poxa a sobre pechado? E se aparece un grupo de xente ?. Agardemos que sexa como debe: 100% limpa. Terceira: a prioridade para fundadores, accionistas e socios consiste en pagar o mesmo que os outros. Por prioridade entendiamos vantaxes a hora de adquirilas. E unha última, con este sistema afastas aos pequenos compradores.

Aquí o manifesto lido na concentración pacífica celebrada o día 28 de decembro ás portas da Deputación: http://somosbreogan.org/2013/12/29/comunicado-dos-afeccionados/

A prensa insiste en que pedimos unha mellor saída do club e que nos desvinculamos de todo movemento político. Aínda así, fomos acusados de estar manipulados polo PP. Argumentos de mal político atacarnos aos afeccionados, tentando vincularnos á súa oposición política para librarse da súa responsabilidade. Señores, non nos interesa para nada o seu xogo de asentos na Deputación. Traballen por todos os cidadáns e problemas da provincia de Lugo.

Xa dimitiron os catro conselleiros non políticos, razón non lle faltaba: foron enganados durante todo o proceso, ou se o prefiren doutra forma ocultáronselles as intencións para coas accións. E hai cuestións polas que non se pode pasar. A este respecto, Antonio Veiga manifestou no pleno do día 31 que el os puxera aí e que poñería a outros. Expectantes estamos ante este movemento.

Luis CastroNamentras isto ocorría, entraba en acción Luis Castro, quen asegura ter detrás un grupo de xente (entre eles Braulio González) que estarían dispostos a mercar todas as accións directamente e desvincularse totalmente da Deputación, pedindo a paralización do proceso e ser escoitados. Do seu proxecto, pouco ou nada se sabe. Tamén se di que existen máis grupos de xente interesados en mercar.

Decidiuse volver a actuar, desta vez no pleno da Deputación do día 31. Queriamos estar presentes para ser escoitados,que parasen o proceso e escoiten á xente. 3 horas estivemos alí presentes en semellante, e lamento cualificalo así, esperpento. Actitudes desafiantes, hipocrisía e o WhatsApp ao día. Fomos escoitados á forza, e coido que quedou claro que lles damos as costas a todos.

Dende o propio PSOE hai preocupación polo proceso. Xente vinculada a formación política de Besteiro como Pablo Núñez apoiou publicamente os intereses do Breogán, ou Vázquez Tallón (coordinador provincial das xuventudes socialistas) que se comunicou con nós. Besteiro comprometeuse ca afección a reunirse cos accionistas e escoitalos. Así o fixeron el e os asesores xurídicos da Deputación, e expuxeron as súas razóns aos accionistas de que isto tería que seguir adiante tal como está agora mesmo, que non hai lugar para o cambio.

E é que nesta ansia de chegar a entendementos conflúen moitos intereses, de prensa, simples afeccionados, accionistas, etc. A única cor é a celeste do Breogán.

Unha última nota: estamos moi agradecidos ao apoio económico ao Breo nos momentos máis críticos, como cando estivo en causa de disolución, ben explicou isto Antonio Veiga. Pero é que a propia Deputación foi a que nos fixo chegar a esta situación (en época de outros gobernantes, certo é). Pero isto merece un capítulo aparte.

Se a afección fose escoitada de verdade dende un principio, posiblemente nada disto tivese pasado e non habería centos de afeccionados cabreados co tema: as cousas se as explican, gustarán máis ou menos pero chegan a entenderse.

Agora toca esperar acontecementos. Pararase isto nos xulgados? Quén comprará as accións? Deben os particulares comprar ou non? Onde meterían o diñeiro? Un club saneado ao 100% e viable? Por riba, semella que xa houbo poxas por accións. Moi arriscado dicir se deben mercar ou non accións, certamente. Debemos pechar os ollos e ver como queda todo despois da “gran explosión final”? Mentres, nas RRSS e na rúa hai silencio, desconcerto, desconfianza, preocupación e expectación.

Advertisements

About Vinicius

Breoganista de hélice. Baloncesto e ciclismo. Chairego, lucense, galego. HBO fan. Namorado da miña terra.

Posted on 9 Xaneiro 2014, in Xeral. Bookmark the permalink. 2 Comentarios.

  1. Artigo perfecto. 0 politicación do clube,0 politización dos afeccionados que pasamos por riba dun ou doutro partido,só nos interesan a entidade e as cores,e moita,demasiada preocupación pola situación do clube e da poxa. Non faltarán ganas de mercar accións…pero que gañamos mercando 10 ou 20 insignificantes accións cando no monto total serían insignificantes? iríamos á xunta de accionistas 1000 afeccionados a votar? Como xa comentou algún de vós, isto en principio só achega á inestabilidade e ingobernabilidade do clube. Agardamos acontecementos espectantes,e preocupados. Gracias coma sempre por ser a voz da afección. E pase o que pase, 0 manipulación política dos nosos intereses,100% breoganismo!! FORZA BREO!!

  2. Muy bien explicada toda esta “telenovela” (por llamarle de alguna manera). Como siempre, muchas gracias

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

Baloncesto con P, de Palencia claro

todo por Palencia Baloncesto

@KIAenZona

Información sobre o Club Baloncesto Breogán S.A.D.

Blogoncesto

Información sobre o Club Baloncesto Breogán S.A.D.

ZonaOCB

Información sobre o Club Baloncesto Breogán S.A.D.