Jaime Castiñeira: “buscan a desaparición do Breogán”

Jaime CastiñeiraTurno para conversar con Jaime Castiñeira, portavoz do Partido Popular no Concello de Lugo e Deputado Autonómico, pero sobre todo breoganista confeso, ao que nos gusta escoitar na súa condición de personaxe público e afeccionado celeste, a quen queremos, como sempre, agradecer que se prestara a falar con nós nun horario un tanto complicado.

Para comezar, gustaríame preguntarche, Jaime, pola túa relación co Breogán.

Vén dende hai moito tempo. Foi aos poucos anos de chegar a Lugo, xa que son de Sisoi, unha aldea pequena de Cospeito, e vin estudar a Lugo sobre os 14 anos. Ao pouco comecei a ir aos partidos do Breogán, e logo xa cando empecei a saír coa miña muller (eramos uns rapaces moi novos, 17 ou 18 anos); ela era socia e afeccionada do Breogán de sempre, e iso loxicamente vinculoume máis aínda. E dende aquela época somos socios. Hai moitos anos.

Por tanto tes unha longa traxectoria como breoganista.

Pois si, bastante longa.

Falando da actualidade deportiva, non sei se estás ao tanto da confección do equipo e que impresións che merece.

Non teño unha visión en gran profundidade aínda, pero preocúpame. Preocúpame que non se faga un equipo competitivo. Si creo que temos un gran adestrador de Lugo, gran persoa e gran técnico, e penso que hai que darlle unha boa plantilla. Pero polas novas que teño, coido que o imos ter complicado, por desgracia.

Eu coido que está máis ou menos satisfeito, ao mellor o equipo algo curto ou con pouco fondo de armario…

Na situación económica do club, ás veces un adestrador ten difícil queixarse. E Lisardo é unha persoa de bo contentar, pero os afeccionados temos que ser conscientes de que posiblemente dende algunha entidade que en lugar de apoiar decididamente ao Breogán o que está a facer é intentar escapar del, por iso pon todo o seu interese en que o club non vaia todo o ben que debera para despois poder desfacerse del máis facilmente.

Centrándonos na nosa preocupación principal de cara ao futuro, non sei se tiveches ocasión de ler as palabras de Luis Castro, sobre o proceso de compra das accións por parte da Deputación no seu momento e a forma en que intentan desfacerse das accións agora. ¿Cómo ves este proceso dende a túa óptica?

Díxeno moi claro, e nesa liña levamos unha proposición ao pleno do Concello: pareceume unha auténtica barbaridade aquel anuncio de intentar regalar as accións. Primeiro que é ilegal, porque unha administración non pode regalar parte do patrimonio, así sen máis. Segundo, o dano que se fixo e se lle causa a unha sociedade é importantísimo, porque o que non podes é anunciar ti mesmo que queres regalar as accións, porque o que estás facendo é devaluando o seu valor.

Todo está encamiñado á intención da Deputación Provincial de desfacerse dunha sociedade e, como o quere facer a toda costa, non lle importa o custe, xa que os cartos dos demais son moi fáciles de administrar. Por iso o que queren facer é devaluala totalmente, que a empresa vaia a pique e a partir de aí xa é moito máis sinxelo desfacerse dela. Posiblemente isto sexa o que se pretende dende a Deputación.

A este respecto qué che parece que a auditoría non contase o canon ACB á hora de valorar o prezo das accións?

Hai un interese político claro por parte do BNG, e o PSOE colabora neste interese, xa que non Concello votaron en contra de que se fixera un plan de viabilidade para o club, que era o que nós propoñiamos nesa moción da que falabamos antes. O club é unha empresa da administración, por tanto é unha empresa de todos e o primeiro que temos que ter é un plan de viabilidade de futuro, porque o Breogán é unha marca de Lugo (agora que se fala tanto da Marca España…). Dentro de Lugo temos ao Breogán e é algo que hai que manter.

Cinguíndome á pregunta, se metes o canon, loxicamente as accións valen máis. É un diñeiro, un valor que tés aí, pero loxicamente de cara á sociedade a mensaxe que PSOE e BNG quixeron trasladar é a de que o Breogán non vale nada, ou moi pouco, porque “total non perdemos nada, gastamos moito en algo que vale pouco”.

E máis alá de iso, tamén consideramos ao club como unha oferta máis de ocio para os lucenses, un espello onde mirarse para os rapaces. E non en tódalas cidades teñen un club a estes niveis ou que poida estar en ACB. Un club que arrastra a afección nos viaxes, etc. Valoramos todo isto como unha publicidade importante para a cidade e a provincia por a península adiante.

Isto vai por rachas, e o Breogán levou sempre o nome de Lugo por España adiante, e incluso o levou por Europa. Serve para moitas cousas: o tema da publicidade, trae xente a Lugo, a efectos de publicidade trae turismo, isto é turismo. Lembremos que en España hai moita afección ao baloncesto, e en Lugo tamén; logo o que diciades, como non temos moita oferta de ocio no inverno, que é longo, o Breogán é unha oferta para moita xente, e onde van moitas familias, ollo, que o Breogán é un sitio a onde van as familias completas: o matrimonio, os rapaces, ás veces ata os avós. Por isto debe manterse. E serve tamén a esa afección e a moitos equipos pequenos que hai, e non só o Estudiantes: hai que pensar tamén nos equipos dos colexios, e en calquera colexio hai un equipo, en Lugo, na comarca e en toda a provincia. A existencia do Breogán contribúe a isto, aínda que non dunha forma tanxible, ou polo menos difícil de cuantificar, pero existe. E como diciades, os rapaces van alí e vense no Breogán e ao mellor empezan a adestrar e xogar por algún xogador do Breogán.

Si, como o caso de Charlie Bell, cantos nenos arrastrou a xogar ao baloncesto? E canta xente que ía solo por velo xogar!

E eu que son máis veterano tamén engadiría a Perasovic, Manel Sánchez, Tito Díaz, Alfredo Pérez, Aguado, Suso Fernández, Esteban Gómez…  xente de Lugo ou de fóra, pero todos tiñan algo especial. Todo iso suma. E por aquí pasaron Navarro, Gasol… Hai figuras da NBA que pasaron por aquí e tivemos a sorte de velos en Lugo.

Outro tema preocupante é a perda do patrocinador histórico. Non están moi claras as circunstancias e moitos xa coñecemos ao empresario e o seu carácter, pero parece que a principal causa puido ser a non presentación perante el por parte da Deputación dun proxecto.

Non coñezo exactamente cales son os motivos, pero coñecendo ao patrocinador, é unha persoa (e empresa) que se caracteriza por estar alí onde hai deporte, pois estou convencido de que Lence non nos cambiaba así como así por outro. O problema é que ao mellor o botaron, e se os de Lugo botamos aos de Lugo, malo… Dende a Deputación deberían reflexionar moito tamén sobre este tema porque dá a sensación de que non fixeron o que estaba nas súas mans para conservar a un patrocinador que sempre amosou o seu compromiso co Breogán e co deporte lucense.

Parece que isto obedece ao fin que busca o BNG, co beneplácito do presidente da Deputación (PSOE), que non é outro que a desaparición do Breogán. Son pactos, e os que vivimos onde hai pactos, sabemos que son dous gobernos, nos que un non se mete na área do outro nin ao contrario. Temos un goberno a cachos.

Por exemplo nós demos apoio ao Lugo, e pensamos que é bo que estea onde está para a cidade. Pero non se pode estar con uns si e outros non, como fixo o PSOE, que si apoiou ao Lugo no Concello e na Deputación pero non ao Breogán en ningunha das dúas institucións. Temos moitos clubs que levan o noso nome: Breogán, Azkar, Lugo, Ensino… incluso outros non maioritarios en canto a afección e que tamén hai que apoiar.  E en Lugo hai unha afección enorme ao baloncesto, e de feito hai que ver a cantidade de socios que segue habendo na liga onde está. Coido que hai que tomar medidas e apoiar máis.

Qué medidas pensas que se deberían adoptar? Vós tedes algunha proposta?

Para nós é complicado no sentido de que estamos na oposición tanto na Deputación como no Concello. Pero tanto na Deputación como Concello, todo o que estea nas nosas mans en canto a apoio a calquera iniciativa polo Breogán (ou a calquera outro equipo chegado o caso, por suposto) estaremos aí. Pero cando un non goberna unha institución… O que si poden estar seguros todos os afeccionados do Breogán, e eu como un socio máis que son, que apoiaremos en todo o que estea nas nosas mans e vixiando que os que teñen a responsabilidade de manter ao Breogán no seu sitio o fagan e denunciar aquilo que consideremos que non se debe facer.

Por último, acerca no consello de administración do club está collendo cada vez máis poder a xente provinte de Estudiantes, qué opinas desta situación?

Sempre foron dous clubes independentes, e falo con coñecemento de causa porque formei parte da directiva do Estudiantes. É bo que exista unha coordinación entre ambos, como con outros clubes da cidade e da provincia, pero en ningún caso debe estar o Breogán supeditado ás decisións do Estudiantes. O Breogán debe manter a súa identidade propia e a súa independencia.

Advertisements

About Vinicius

Breoganista de hélice. Baloncesto e ciclismo. Chairego, lucense, galego. HBO fan. Namorado da miña terra.

Posted on 16 Setembro 2013, in Entrevistas, Xeral. Bookmark the permalink. 1 comentario.

  1. Látima non haberlle preguntado a este pájaro pola compra de acción con fondos do clube.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

Baloncesto con P, de Palencia claro

todo por Palencia Baloncesto

@KIAenZona

Información sobre o Club Baloncesto Breogán S.A.D.

Blogoncesto

Información sobre o Club Baloncesto Breogán S.A.D.

ZonaOCB

Información sobre o Club Baloncesto Breogán S.A.D.