Antón Bao: “O Breogán está vivo e ten boa saúde”

Bao 10_09_2013 (1)

Ampla entrevista ao ex-presidente e afeccionado breoganista Antón Bao, que repasa para Somos Breogán o seu paso polo clube, así como a actualidade máis recente da entidade celeste:

A Deputación, máxima accionista do Breogán, decidiu recentemente abandonar o accionariado da sociedade. A meirande parte da afección pensa que isto pode levar á desaparición da SAD ¿Cal é a súa opinión ao respecto?

En primeiro lugar, felicitarvos encarecidamente como afeccionado por este proxecto que abre unha ventá informativa e participativa sobre o Breogán.

Non hai ningunha doutrina que indique que a existencia do Breogán como SAD dependa de que a Deputación sexa máxima accionista do Breogán. Dende que a Deputación gobernada polo PP con Cacharro á fronte e aquel Consello de Administración do Breogán decidiron realizar unha ampliación de capital, a Deputación converteuse en máxima accionista e, polo tanto, responsable da SAD. Dende aquela oíronse voces de todas as cores e opinións sobre esa situación: que si era excesivo o poder da Deputación no Breogán, que si non tiña que ser así. Agora toca o contrario. É parte do debate, e eu creo moi interesante que se dea esa discusión.

O que non entendo é como cando a Deputación e aquel Consello de Administración realizan esa operación que supón a devaluación do capital da SAD e das accións, os accionistas non clamaron.

A miña opinión é que é antinatural que unha administración pública goberne unha entidade deportiva. Isto limita e provoca a relaxación absoluta en quen debe residir o impulso do Breogán: a sociedade lucense, afeccionados e accionistas. Nos últimos tempos demostrouse que a xente cre que estando a Deputación “xa se encargará ela” e nada máis. Intentamos por todos os medios naqueles meses do 2010 que se incorporara xente ao Consello de administración e á dirección e non houbo maneira.

Por iso valoro e agradezo tanto a implicación naquel intre tan difícil de Caneda, Ramiro e Cristino e, despois, de Julio González.

Creo, e xa o manifestei moitas veces, mesmo cando os tres grupos políticos asumimos aquel xuño de 2010 a dirección con esas outras persoas, que isto ten que cambiar. No Breogán tense que implicar a sociedade lucense, ten que ter participación e asumir responsabilidades. Isto non significa que a Deputación deixe ao Breogán tirado. Non. Debe seguir apoiándoo como o equipo máis representativo na historia do deporte da provincia. Eu entendo que aínda deixando de ser a máxima accionista, a Deputación vai seguir apoiando economicamente ao Breogán. Unha cousa non debe quitar a outra.

Un equipo deportivo ten que ser o que a súa afección, a sociedade na que vive quere que sexa. Creo na participación da sociedade na vida pública e tamén neste caso. E agora non vai haber escusa. O Breogán está nunha situación económica envexable, e se se traballa con tino e acerto, ten un futuro tranquilo, na “paz económica” que eu dixen que ía estar cando asumimos a dirección.

Por outro lado, está a posición política de defender que as administracións non deben ser accionistas nin estar nos Consellos de administración dos clubes, posición que defende o BNG e coa que está de acordo moita xente, como o demostrou o recente episodio da conversión en SAD do CD Lugo.

Considera viable a largo prazo o Breogán como SAD unha vez se vaia a Deputación do accionariado ou cre que terían que cambiar cousas para que o fose? ¿E en ACB?

O deporte de elite, profesional ou como se lle queira chamar, vive nunha burbulla económica que algún día estoupará. Unha situación creada polas direccións das Ligas Profesionais e as Federacións que actúan como Consellos de Administración de grandes empresas e non como xestores do deporte. Isto provoca que obriguen aos clubes a tensións económicas e organizativas que non teñen máis explicación que encher os petos desas Ligas e Federacións e os seus dirixentes. A obrigada conversión en Sociedades Anónimas, os límites orzamentarios a que obrigan, as animaladas en materia salarial e de fichaxes, son unha barbaridade sen sentido, que non beneficia máis que a uns poucos e que pon contra as cordas aos máis pequenos. Algún día debería de producirse unha rebelión contra este sistema.

Que interese ten que os clubes sexan obrigados a ser SAD para estar nas ligas profesionais? Por qué hai clubes que están nesas ligas profesionais e non son SAD por diferentes cuestión e sen embargo, aí están e non pasa nada? Por qué hai deportes (por exemplo o fútbol sala) onde nas ligas superiores non hai SAD e viven igual? Por qué e quén marca eses límites orzamentarios desorbitados para poder entrar na ACB? Por qué se converte o deporte nun negocio tipo Caixas ou Pescanova?

Isto todo é un residuo máis dese capitalismo atroz instalado no deporte e que se leva por diante aos que menos teñen, aínda que o proxecto deportivo e social sexa o máis interesante de todos.

Dito isto, imos á pregunta.

Primeiro: insisto en que non creo que a existencia do Breogán como SAD dependa de se a Deputación é ou non a máximo accionista. O que necesita o Breogán é o apoio da sociedade lucense en todos os sentidos, incluíndo tamén as institucións e entre elas a Deputación, como parte que son da sociedade. Pero tamén hai que ter en conta que as administracións públicas neste contexto económico e social teñen outras responsabilidades coa xente, responsabilidades inminentes (emprego, atención social…) que son prioritarias e deben cumprir. Nesa medida da situación, si ten futuro o Breogán SAD.

Segundo: ser unha SAD ten pros e contras. Se o poñemos nunha balanza neste intre creo que máis contras. Pero volvendo ao principio, é de “obrigado cumprimento”, aínda que creo que innecesario.

Entón como ser SAD é case un patrimonio do Breo, ha de seguir sendo, pero tamén creo que coas adaptacións que a realidade actual obriga. Iso, se o consideran, terano que organizar os que lles corresponda.

E coa ACB, practicamente o mesmo. Hai que conseguir o ascenso deportivo e logo, Lugo ten que enfrontar esas inconmensurables barreiras económicas ás que obriga a Liga Profesional.

Os clubes e todos deberían loitar por cambiar o sistema e que isto sexa verdadeiro deporte e non o negocio duns poucos. Aí o Breogán, por historia e proxecto, sería dos mellores.

Pero como isto non é así, no contexto económico de Lugo, ¿é factible sen que resida todo única e exclusivamente nas administracións públicas? Esta é a pregunta que está sen despexar e para a que ninguén en solitario pode ter a resposta.

A ACB é importante, pero tamén creo que non se valora o suficiente a calidade da Leb Ouro. Cando descendemos, en Valladolid, Ricardo González díxome que esta estaba entre as tres mellores ligas de Europa. Eu creo que é así, e así se debe valorar tamén por parte da afección lucense.

Tras a auditoría realizada nestes días, concluiuse que o Breogán a día de hoxe xa non ten patrimonio negativo, pero que as accións sufriron unha importante caída no seu valor. Todo isto sen ter en conta o canon de 3 millóns depositados na ACB (activo do clube). ¿Que valoración fai dos resultados desta auditoría? ¿Ve correcto non considerar o canon a hora de valorar as accións?

Esta é a segunda auditoría no Breogán nos últimos tres anos, sen contar as que fai a Federación ao remate de cada tempada. O Breogán é, seguro, o clube máis auditado e, polo tanto, coas contas máis claras do mundo.

A parte disto, aledoume que esta última auditoría veu refrendar a análise que fixéramos no 2010 tras a outra auditoría que nós pediramos. Ratificou que o Breogán naquel intre estaba en quebra técnica e que aquel Consello de Administración traballou até conseguir, nunha soa tempada, reverter esa situación que levaba á desaparición do clube.

Sobre as accións insisto: a verdadeira devaluación produciuse cando a Deputación de Cacharro e o Consello de Administración do Breo realizaron aquela operación de ampliación de capital. Nese intre ninguén rachou as vestiduras e agora hai voces clamando por todas as esquinas.

Sobre o tema de incluír ou non o canon non sei o porqué. É unha cuestión supoño que técnica que saberán na Deputación.

Vaia por diante que creo que houbo precipitación á hora de anunciar e explicar como se ía facer por parte dos responsables da Deputación. Pasado o tempo, coa auditoría feita e o proceso explicado, quedou mellor clarificado e creo que foi máis tranquilizante.

O fundamental é que o proceso permita abrir a participación a todos os que adquiramos accións, que aos accionistas chamados “fundadores” lles preserve dereitos e, sobre todo, que se evite a deslocalización do equipo.

Cando eu teña accións do Breogán non as vou ter para xogar con elas na bolsa, no meu obxectivo non está facer negocio, senón contribuír modestamente como un afeccionado máis ao futuro do Breo. Así o entendo, outras cuestións oídas nestes últimos tempos non as comprendo.

Xa que lle tocou vivir dentro do clube unha das etapas máis delicadas do mesmo, ¿Cómo nos resumiría o seu paso polo Breogán?

Cantas noites sen durmir coa preocupación! Cantas reunións, debates, discusións, idas e voltas, desgustos, decepcións, carraxe polas inxustizas, polas críticas inxustificadas, pola falta de axuda de moitos que podían ter botado unha man! Pero tamén, canta ILUSIÓN, GANAS de sacar adiante o proxecto, LEDICIA pola axuda, compromiso das persoas que estiveron sempre no labor: Caneda, Ramiro, Cristino, os traballadores do clube deportivos e non deportivos, encabezados por Juan Carlos Castro. Grazas a un intenso traballo colectivo saíu adiante, con erros e acertos, pero sobre todo salvando o k.o. técnico no que estaba o Breo.

O máis complexo foi a parte económica e de solvencia do clube. O Breo estaba en quebra técnica, ou dito doutra maneira máis clara, estaba en “causa de disolución”. As perdas acumuladas superaban as dúas terceiras partes dos fondos propios. E isto viña sucedendo dende moitas tempadas atrás. Dende moitas tempadas atrás sen que ninguén se preocupase de controlar a situación. Sobre todo dende a Deputación, que poñía ano tras ano máis dun millón de euros para a SAD pero non facía ningún seguimento do que pasaba con todos eses fondos públicos. Fondos públicos que se administraban dende os distintos Consellos de Administración, nos que a Deputación, aínda sendo máxima accionista, non quixo ter representación para exercer un mínimo control, nin facer como nós fixemos despois, unha auditoría para coñecer a situación.

Pois ben, esa situación de “causa de disolución”, corroborada pola auditoría externa que pedimos, houbo que enfrontala para vencela. E decidimos facelo sen concurso de acredores e sen ampliación de capital. E lográmolo. Na seguinte pregunta explicarei máis polo miúdo este tema.

Agora vou describir tres dos momentos que persoalmente marcan o periplo desa tempada completa e poucos meses da seguinte e que, para min, definen ese tempo, convulso pero emocionante:

1. A canastra de Feldeine contra León no play-off que nos metía en semifinais contra o Obradoiro. Foi unha éxtase colectiva que me provocou unha das maiores alegrías e emocións. A afección entregada vibrando, como fixera en todo aquel final de liga. (Oxalá pronto algún día volvamos sentir o mesmo). O equipo comprometido, loitando a tope. Dígoo sen rubor e desculpade a inmodestia: foi o último logro deportivo emocionante até o de agora, por iso o levo gravado. A ilusión e alegría da xente pagou todos os malos momentos.

2. Despedir a Rubén Domínguez, un trago duro. Unha magnífica persoa, cun cariño especial polo Breo pero que non atopou o tino para levar o equipo. Lembro aquel sábado pola noite que o chamamos para comunicarllo, e lémbroo porque o aceptou con absoluta elegancia e comprensión. Estou seguro que, como daquela, segue querendo o mellor para o Breogán.

3. A desputa con Arteaga. Algo do que vou contar se sabe pero non todo. Co equipo xa salvado, quedaban poucos partidos para loitar para entrar no play-off. Arteaga recibe unha oferta dun equipo ACB e formula a súa intención de que lle permitamos marchar. Chamámolo a capítulo unha tarde. Senta enfronte miña. Dime que o equipo xa está salvado e que agora pode irse porque, segundo él, o obxectivo está logrado. Dígolle que de ningunha maneira. O Breogán é un equipo cunha historia e unha afección que non se rende nunca, que non abandona, que segue loitando até o final. Dígolle que non lle imos permitir marchar, que o Breo vai seguir pelexando e que non renunciamos a nada. Pregúntolle se é consciente de en que clube está e que se quere irse será con preito e acolléndose, se así o decide, á 1006.

Nese intre bótase a chorar. Chorou perante a nosa sorpresa. Pero decidiu quedar. E o Breo clasificouse para os play-offs e foi semifinalista. Cada vez que gañabamos un partido recordeille aquela conversa. Creo que a el tampouco se lle esquecerá nunca que significa o Breogán…

Habería moitos máis detalles, pero son tres que definen a intensidade daqueles meses.

Trala súa marcha e a entrada de Julio González na presidencia, falouse de que o Breogán quedaría saneado e con débeda 0. Agora a Deputación marcha e todo apunta a que non será así. Parece que aínda quedan uns flecos con Raúl e coa Xunta…

Para empezar e, sen estar dentro da cuestión, eu non entendín que “a Deputación marcha” así de tallante. A Deputación, segundo entendo, deixa de ser máxima accionista e, polo tanto, como se di coloquialmente deixa de ser “propietaria do clube”.

Sobre a pregunta. Vou comezar facendo un pouco de historia.

O goberno da Deputación anterior ao 2007 poñía para Breogán cada ano 1 millón de euros (a partir de 2008 esa aportación reduciuse á metade e seguiuse baixando progresivamente). A Deputación era máxima accionista, pero nin tiña representación no Consello de Administración, nin, o que é peor, exercía ningún control sobre a xestión desas inxentes cantidades de cartos públicos.

Resultado disto a situación que atopamos: o Breo en causa de disolución derivado das perdas acumuladas durante os 10 ou 11 anos anteriores a pesar dos millón de euros que a Deputación aportara.

Nun último arrebato o Presidente do PP na Deputación ofrece aos grupos entrar no Consello de Administración. Aceptamos porque era o que viñamos demandando. Ah! Pero no último segundo e a traizón, o PP na Deputación decide non poñer a ninguén no Consello e o goberno da Deputación volve a estar sen representación e déixanos aos grupos da oposición en minoría no Consello e sen marxe de manobra, xa que quen tiña que exercer o control renuncia a facelo.

Cando Raúl López decide marchar poñémonos en marcha para compoñer un novo Consello de Administración coa premura de tempo que había. Non froitificaron as xestións para que alguén asumise a presidencia e formase Consello. Perante a situación inestable na que estaba o clube, reunímonos os tres grupos e por consenso decidimos poñernos á fronte.

Quero salientar isto. Aquela decisión e as seguintes tomáronse por consenso das tres forzas políticas: PP, PSOE e BNG. E as tres asumiron responsabilidades no Consello: decidiuse que eu fora presidente, que J.M. Barcia do PP (actual alcalde de Burela) fose o Tesoureiro e C. Garrido do PSOE (actual concelleiro en Sarria) Vicepresidente económico. Ningún estamos agora na Deputación.

Destaco o consenso político daquela, fronte á utilización política que o PP está facendo agora do Breo, cando naquel intre asumiu o compromiso colectivo, algo que é de agradecer e que agora, desgrazadamente, rompeu. Unha lástima para a imaxe do clube.

Lembro sobre isto unha frase do deputado do PP José María G. Barcia naquela xunta de accionistas na que asumimos a dirección. Frase que subscribín daquela e tamén agora. Dixo: “A Deputación non debería estar en primeira liña e ostentar a presidencia do clube porque este pertence aos socios”. Pero así e todo, pola responsabilidade adquirida e por compromiso, todos aceptamos o envite.

Como xa comentei, decídese encargar unha auditoría externa que determina a situación de quebra técnica do Breo. A partir de aí toca decidir. Desbotamos ir a concurso de acredores e a unha ampliación de capital e poñémonos a traballar para solventar a situación.

Traballo que realizamos, quero salientalo, coa máxima colaboración da Intervención da Deputación que asesorou, fixo o oportuno seguimento de todo o proceso e propuxo solucións.

Resultado, palíase a perda patrimonial (un desfase de case 4 millóns de euros) e a débeda de preto de 1.500.000 de euros acumuladas durante anos cunha aportación extraordinaria da Deputación dun millón e coa negociación cos acredores, pequenos e maiores que de todo había. Con Raúl chégase a un acordo e a través de convenios aprobados polo Consello, a débeda queda reducida de máis dun millón a 200.000 euros, que tamén a través dun convenio aprobado polo Consello, se podería efectivizar nun ano.

Dos pequenos acredores había de todo: alugueres de pisos, flecos de axentes… que se foron solventando.

Con todo iso conseguimos reducir drasticamente a situación de quebra, reflotar a situación patrimonial do clube, e deixar a débeda reducida a unha cantidade moito menor. En definitiva na “paz económica” que queriamos e no camiño de débeda 0.

Lembro ademais, que a tempada 2010/2011 rematamos con superávit de 181.000 euros.

Así se explicou, con pelos e sinais, na última Xunta de Accionistas que presidín o 21 de decembro de 2011. Así se aprobou nesa Xunta de Accionistas por unanimidade. Así rematou con aplausos esa Xunta de Accionistas o 21 de decembro de 2011. Aplausos para todos os que arriscando o seu patrimonio, deixando o seu tempo, sufrindo pero ilusionados, tomaron o barco nun intre tan difícil.

Seguro que se puido facer mellor, seguro que houbo erros, pero o que si aseguro é que se fixo con compromiso, honestidade e dedicación.

A partir de aí, un novo Consello de Administración toma as rendas. Agradecerlles tamén, xa como afeccionado, decidirse a estar aí, empezando por Julio González e seguindo co resto.

Pouco antes de deixarmos a dirección apareceu o asunto da Xunta. A reclamación de 90000 euros dunha subvención concedida aló polo 2004 ou 2005 e que fora mal xustificada. Creo lembrar que se xustificara un evento cultural relacionado co Camiño de Santiago, coa fichaxe dun xogador. A partir de aí, o novo Consello de Administración tivo que lidar cun asunto que nin nós, nin eles tiñamos previsto.

Segundo comentaba días atrás un periodista lucense, e segundo nos reiterou neste medio un dos accionistas fundadores, Luís Castro, a Deputación mercou as accións que agora pretende vender, cos cartos procedentes do fondo de descensos que recibira o clube tras o penúltimo descenso (disimulado a través dun contrato de aluguer de instalacións a favor da Deputación). Parece que este é un punto que o Organismo provincial “esquece”, ao repetir considerables veces que perdeu cartos sendo accionista do Breogán. Pero se resulta que as accións as mercara con diñeiro do propio clube, ¿Non debería ser un feito a ter en conta agora de cara ao resto de accionistas?

Eu confío nese periodista lucense porque coñece ben a historia do Breo. Teño oído algo sobre ese asunto. Pero nunca vin ningún documento sobre o tema. Nin na auditoría, nin en ningún sitio hai documentación sobre a cuestión. Polo tanto, non podo opinar, nin sei se a última o detectou ou non, e en que pode influír.

En todo caso, se iso ocorreu, por qué non pasou nada daquela?, quen foi cómplice diso? Por que se permitiu? Por qué non se impugnou o acordo de exisitir?

De todos os xeitos, ese é un tema do que nin a anterior nin a actual Deputación teñen ningunha responsabilidade.

Teño ganas de poder comprar accións do Breo, igual que merquei accións do CD Lugo. Gústame axudar no que poida. E co Breo con maior motivo.

E vaime importar pouco se as accións do Lugo se devalúan, se as do Breo tamén, ou se outras que merquei para outro proxecto de país lles pasa o mesmo. Non o fago para obter beneficios, fágoo por que son breoganista dende os 17 anos, porque viña todos os fins de semana a Lugo a velo cando xogaban Manel, Tito Díaz, Tito Real, Benito Mayor, Tomás Jiménez… Po que cando estiven traballando fóra, facía dúas horas de coche para ver os partidos que se xogaban pola semana. Porque lle transmitín aos meus fillos a afección xa de pequeniños. Por iso o fago. No xogo capitalista das plusvalías non vou entrar, e menos a facerlle dano á imaxe do Breo cunha polémica que ten o percorrido xusto

Coméntase polas redes sociais nestes días, que dende a Deputación non preocuparía en exceso unha caída do Breogán, xa que políticos do BNG considerarían que a repercusión política que ese feito suporía, sería excasa. Por outra banda, dende o PSOE na Deputación, tampouco preocuparía en exceso xa que din que a maioría da xente que lle interesa o Breo é do Partido Popular. Son palabras que presuntamente saíron de políticos da Deputación…¿Qué opina ao respecto?

Como dixen antes son breoganista dende os 17 e son do Bloque; case ao meu lado se sentan no Pazo outras persoas do BNG, diante coñezo a varias do PP, hainas do PSOE. No Breo hai xente de todas as cores políticas. É o Breo, como non pode ser doutro xeito, é o equipo dos LUCENSES e punto.

Eu nunca oín nada diso e, polo tanto, en toda esa rumoroloxía non vou entrar. É máis, digo eu que se fose tan do PP a xente do Breo, a Xunta axudaría algo, cousa que non ocorre. Canta coraxe me deu que Feijoo recibise ao Obradoiro cando gañou a Copa Príncipe e que, antes, cando a gañou o Breo nin se acordase…

Pero daquela había consenso político e non fixemos causa de nada, máis que de sacar o Breo adiante.

¿Cree que os diferentes organismos públicos son realmente conscientes da publicidade que supón para Lugo un clube dos máis importantes do baloncesto español?

Creo que as axudas que recibe o Breogán do Concello e Deputación son máis que aceptables.

Devolvo a pregunta: É consciente o tecido empresarial, comercial, económico de Lugo da publicidade que supón para Lugo un clube dos máis importantes do baloncesto?

¿Qué opina da recente perda do patrocinador histórico, Leite Río, segundo di Lence, por deixadez á hora de presentarlle un proxecto? ¿Ve posible que o Breogán atope outro dentro do escaso tecido empresarial lucense e dada a situación de crise xeral?

Isto enlázoo coa resposta anterior. É precisa a implicación do tecido social e económico para sustentar proxectos deste tipo. O resto é vivir nas nubes.

Leite Río é unha empresa, e entendo que se move por criterios empresariais. Daquela nós tamén sufrimos unha ventolada e pasamos a tempada sen ese patrocinio, quedándonos pouco tempo de manobra tras a decisión de que non seguía.

O expresidente Raúl López marchouse presidir un proxecto baloncestístico a Santiago porque en Lugo non había o suficiente apoio, segundo el mesmo dixo. Resulta paradóxico que agora ese proxecto en Santiago se sustente grazas a dúas empresas de Lugo…

Resulta paradóxico, si. Pero creo que xa contestei a isto na anterior pregunta. Son empresarios. Cada quen ten o corazón onde o ten.

No aspecto deportivo, ¿Cómo ve ao Breogán de cara a vindeira tempada?

Ilusionado. Primeiro, porque é un equipo moi novo de idade, creo que dos máis novos dos últimos tempos. Isto creo que dá un plus de enerxía.

Segundo, porque tamén hai certa continuidade na estrutura do equipo (Manu, Diouf, Schaftenar, Chapela…) que farán máis doada a adaptación dos novos.

Terceiro, porque van ter moito protagonismo xogadores de Lugo e xogadores feitos na canteira de Lugo.

E cuarto, porque o equipo técnico con Lisardo á cabeza vai estar máis asentado, con máis experiencia e iso vai ser moi positivo.

Existe tamén na actualidade entre a afección un debate en torno á relación Breogán-Estudiantes. Persoalmente, ¿que vería máis viable en Lugo, un Breogán con canteira ou un Breogán de canteira?

Eu creo que é un debate en certa parte da contorna do Breo. Á afección gústalle e demanda poder ver xogadores de Lugo ou feitos na canteira de Lugo. O demais forma parte dun asunto de filias e fobias case que persoais que aflora de cando en vez. Cando, ademais, esa relación Breo-Estudiantes xa vén de tempo atrás.

Se temos un Breogán de canteira é por que hai un Breogán con canteira.

¿Qué mensaxe lle lanzaría aos afeccionados breoganistas nestes momentos de intranquilidade?

O Breogán está vivo e ten boa saúde. A gozar no Pazo, a animar a morte, a ser o sexto xogador coma sempre. Esa é verdadeira loita do breoganismo.

Todos xuntos vibrando con cada punto, con cada canastra do noso equipo. Todos tirando do equipo. Unha afección orgullosa do seu.

Advertisements

Posted on 10 Setembro 2013, in Entrevistas, Xeral and tagged , , , , , , . Bookmark the permalink. 2 Comentarios.

  1. Moi bó traballo, boa entrevista, sobretodo porque as palabras lévaas o vento pero os escritos non.

    Forza Breo!!

  2. Como siempre daros la enhorabuena. La entrevista es cojonuda, buenisima. Aun estoy en sock con lo de Arteaga

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

Baloncesto con P, de Palencia claro

todo por Palencia Baloncesto

@KIAenZona

Información sobre o Club Baloncesto Breogán S.A.D.

Blogoncesto

Información sobre o Club Baloncesto Breogán S.A.D.

ZonaOCB

Información sobre o Club Baloncesto Breogán S.A.D.