Lisardo Gómez: “Pelexaremos cos de arriba, seguro”

lisardo

Entrevista a Lisardo Gómez, técnico celeste, que fai un repaso á actualidade do conxunto breoganista para Somos Breogán:

Recentemente saíu calendario desta tempada, qué valoración fas do mesmo?

Nós tiñamos claro que queriamos dúas cousas. Unha comezar  na casa, que o temos; e outra xogar dous encontros seguidos na casa na segunda volta. Temos as dúas cousas. Pero como non sabemos aínda as plantillas non podemos valorar moito. Pero si temos marcadas as xornadas 4ª e 5ª contra Andorra e Burgos, que veñen seguidos, que se supón que serán dous equipos potentes. E miramos con moito recelo o primeiro encontro, porque historicamente os equipos recén ascendidos comezan moi ben e logo baixan o pistón, salvo o ano pasado Andorra que estivo moi ben todo o ano. E Oviedo vai manter o bloque, estarán máis rodados e se coñecen. Logo ven Barcelona que tamén está facendo un bo equipo. E outra cousa que tamén queriamos era rematar na casa, e tamén o temos.

Entón saíu a pedir de boca…

Si, pero ben, nesto dos sorteos co tema da bola, cada equipo elixe un pouco o que quere. Por exemplo nós xa sabiamos que na xornada 5 iamos xogar contra Burgos pola elección de Burgos e pola nosa. E sabiamos tamén que rematariamos con Palencia, Lleida e Clínicas, antes do sorteo.

E comezamos en pleno San Froilán…

A min gustaríame comezar unha semana máis tarde, porque poderiamos comezar a adestrar a 1 de setembro, e non suporía o gasto extra deses 5 días de agosto nos que se adoita comezar. Por exemplo sen parar en Semana Santa podería comezarse un pouco máis tarde… pero iso xa son temas de Federación.

Comezariamos entón a finais de agosto ou comezos de setembro…

Si, son as dúas opcións que se manexan.

Un dos primeiros compromisos que se nos presentará será a Copa Galicia, que semella que será en Santiago a mediados ou na terceira semana de setembro. Cómo se afronta?

Pode que haxa algunha previa cos equipos de Plata, con Marín e Cambados. Afrontámola como un trofeo que todo o mundo quere gañar, todos queremos gañar ao Obradoiro, queremos facelo ben para a captación de socios… Pero cambio todos os partidos de pretempada polo primeiro contra Oviedo. Firmo agora mesmo perder a Copa Galicia e gañar na primeira xornada. É importante captar a afección, que se ilusione, pero o máis importante é gañar na liga.

Hai algo máis pechado para a pretempada?

Xogaremos moito contra equipos da zona por razóns económicas, pero en principio nada pechado. Oviedo acaba de renovar adestrador, en Coruña e Ourense aínda non se sabe quen será, Marín creo que tamén renovou adestrador, haberá que falar con Cambados tamén… cando se confirmen haberá que falar. Pero temos sorte de que haxa moitos equipos no Norte e haxa onde elixir. Pero si estámolo planificando.

Certamente é curioso o reparto na xeografía, con 12 equipos do Norte na Leb Ouro e tan só dous do Sur. Ata podemos dicir que temos algo de sorte…

Si, é significativo. A verdade é que exceptuando os desprazamentos a Catalunya e Andorra, que son longos, non nos podemos queixar de desprazamentos.

Acerca da composición da liga, situacións variadas: clubs que non soben, equipos que voltan sen ascender, equipos que desaparecen ou baixan por vontade propia…

Temos que cambiar, hai que pensar máis nos clubs. Está claro que algo se fai mal. A economía é mala, pero non é normal o que está a pasar. O de Alicante xa o tiña máis ou menos claro a principio de tempada. Respecto o que fixeron, pero non o entendo.

Nós podiamos estar fichando e superando as ofertas de outros equipos. E chegariamos a decembro xerando débedas e sen poder pagar. Hai que ser prudentes e valorar o que temos. Que non teremos o mellor equipo da liga? Seguramente non. Que pelexaremos cos de arriba? Seguro.

Cal é noso sitio? O 4º ou 5º posto?

Está claro que Burgos, Palencia e Melilla van ter boas plantillas. Andorra andará parecido a nós, pero haberá que ver que xogadores teñen ao final. Polas novas que teño perden a Dani Pérez e Flis. Burgos manterá o bloque.

Falando xa de plantilla, creo que todo o mundo está moi contento ca chegada de Dani Rodríguez. Agora que parece que Dani Pérez sae de Leb, pode que nos fixeramos co mellor base dispoñible na categoría. Como valoras a fichaxe?

Estou moi contento. Primeiro porque era unha fichaxe prioritaria. O posto de base era clave. Tanto Javier como Juan Carlos saben que era o que me quitaba o sono, porque todo o demais pódese replantexar. Si Roeland por exemplo di que non, pois teriamos mercado. Pero o base eu tiña un grupiño dos que quería: un base nacional, da liga e de primeiro nivel. Saíanme cinco nomes, aínda que algún non era do meu total agrado. Dani Rodríguez, Dani López, Dani Pérez, Mikel Uriz e Pedro Rivero. Deses nomes por circunstancias económicas a algún non podiamos chegar, outro tiña contrato… e a principal opción era Dani Rodríguez. Ademais de que é un dos que máis me gusta. O ano pasado un dos nosos principais problemas era no xogo do pick&roll, e paréceme que Dani Rodríguez domina tanto o pick & roll central como o lateral. Ten outra virtude, e é que fai mellores aos seus compañeiros.

É unha moi boa fichaxe. E cónstame que tiña ofertas mellores. Falei con el e gustoulle o proxecto, decantándose por nós. Pero aínda é mellor fichaxe cando ves que deses cinco nomes un se vai a ACB, e ao mellor non é o único… co cal mellora a fichaxe.

É un xogador que dende hai dous ou tres anos sempre puxen sobre a mesa cando me preguntaban. Por unhas cousas ou por outras non se puido ou non se quixo fichar, pero sempre me gustou.

E na posición de 3 incorporamos a Pablo Almazán, xogador con pasado ACB. Qué vos fai decidirvos por este xogador?

Tíñamos claro que para nós a opción do tres alto era importante e mais que fora un xogador nacional. Tendo en conta que ás outras opcións da competición que tiñamos non chegábamos económicamente e moitos irán ao extranxeiro ou a equipos que lles dean mellores ofertas económicas coma o caso de Feliu, a de Pablo encaixaba perfectamente. É un xogador, a pesar da súa xuventude, con experiencia na liga e con minutos na ACB; non hai que olvidarse que xoga alí dous anos e con minutos importantes (vaia, que non foi de comparsa). A nivel defensivo é un xogador moi polivalente que pode defender tanto a escoltas como aleiros ou catros, e eso dalle unha riqueza táctica importante; xogador moi duro, dos que gustan no pazo. A nivel ofensivo, é un xogador con capacidade para subir balón tras rebote e que , a pesar da súa altura, ten facilidade para xogar 1×1 aberto, cualidades para poder postear e máis sendo un xogador que entende ben o xogo. Sen ser un tirador, ano tras ano vai mellorando nesa faceta. En xeral un xogador de equipo, moi completo e polivalente.

Houbo interese claro por Miki Feliú, qué nos podes dicir dél?

Podería ser unha estrela, aínda que ata agora non tivo ese rol. Cando falei con él díxenlle que no Breogán sería un dos xogadores importantes, non de equipo. Non entendo como non está xogando na ACB. É un xogador moi completo. 

Incorporamos a Chapela e Charles, Bortolussi contamos con el? Xogará máis de 3 ou 4?

Bortolussi ten contrato, co cal é xogador noso. Falei con el, quere seguir, está convencido de que vai saír adiante e que o seu rendemento vai ser bo. Expliqueille a situación do equipo e dinlle a opción de que se quere marchar pode. Pero a día de hoxe contamos con el. É un xogador que ten calidade e así o fixo ver nalgún partido, pero ten que gañar nalgúns aspectos: ten que mellorar no tema físico e sobre todo na súa capacidade mental que lle dea unha regularidade no xogo. É un xogador versátil que pode xogar no 4 ou no 3, danos opcións.

Agora mesmo supoño que a prioridade será a renovación de Schaftenaar, ou tedes algún obxectivo por diante?

A día de hoxe o equipo está encauzado. Tamén é certo que se pode caer todo. Temos cousas nas que estamos co típico tira e afrouxa, e temos todo máis ou menos encauzado, ou mellor dito, pensado. Pero está condicionado aos movementos que veñan. Se queda Roeland xa temos o compañeiro perfecto para él, pero se ao final non queda, teremos que buscar xogadores diferentes que encaixen mellor.

Entendo que imos a unha plantilla de dez xogadores na que estarían con ficha Chapela e Charles non?

Si, economicamente, tal como están as cousas, non podemos ir a máis.

Supoño que o reforzo dos vinculados tamén será importante cunha plantilla tan curta?

Si, sobre todo de cara aos adestramentos. Pero tamén hai que ter en conta que buscamos xogadores polivalentes. Por exemplo Roeland pode facer de 4 ou de 5. O escolta pode ir dirixido ao 1. Iso si, o escolta titular temos pensado que sexa un tirador. O outro xogador, non descartamos que sexa dun perfil máis de base.

Si, é unha opinión que gusta moito. Ademais protexerías a Chapela en caso dunha posible (oxalá que non) lesión de Dani.

Si, protexeriámolo. E ademais como imos xogar bastante ao pick & roll, ou polo menos eu doulle moita importancia, xogar con dous bases pode ser bo. Loxicamente non pode ser un base calquera, ten que ser físico, que poida defender aos 2 da liga, non sería de moito nivel no aspecto ofensivo. De esta forma ábrese o abanico, e non me importaría contar con tres bases e un escolta, non é algo que me quite o sono. Por poñer un exemplo (xa que firmou), Iñaki Sanz podería xogar perfectamente con Dani ou Chapela no campo, e que xa o fixo en Navarra con Mikel, podendo defender a escoltas.

É posible que veña algún rookie? Comentouse esta posibilidade nalgún momento.

Si. A min encantaríame ter a Feliú, Forcada, Otegui, Samuels, Roeland… Pero temos que priorizar, e dentro dos problemas que temos economicamente e sendo SAD temos que apostar. Pero no rookie temos visto moitos vídeos de moitos xogadores. Loxicamente quedámonos con dous ou tres. Dalgún americano temos visto uns 15 partidos, e non dos que envía o representante; queremos velo todo. E temos cousas que son apostas pero que cremos sinceramente que van axudar. Logo son un pouco incógnita. Feldeine cando veu, tiña dúbidas, e mira. E o ano pasado igual con Winchester. E ao final sae ben. Oxalá este ano acertemos tamén.

Incluso ata nesta liga pode compensar reservar algo de diñeiro (aínda que non abunde) para chegada a metade da temporada ao mellor reforzarse ou retocar algo?

Dende o club vaise intentar xerar diñeiro, que nos viría ben en caso de que haxa algunha lesión ou algún problema cas apostas que imos facer. Pero a miña idea é ir co equipo que teñamos a morte. Teremos un moi bo quinteto, e no banquiño haberá apostas. Chapela complementa ben a Dani, Dani é máis ofensivo, de pick & roll e Chapela é máis táctico, de lectura de xogo. No posto de 2 precisaremos un xogador máis defensivo. Temos que axustar un pouco todo. Charles é unha aposta, fixo bos números e hai que darlle un voto de confianza, ten bo tiro. E tentar recuperar ao mellor Manu, estou convencido de que se o respectan as lesións será o de fai dous anos.

Finalmente vouche preguntar por un xogador que me gusta persoalmente e queda libre en Cáceres, Álex López…

Un xogador moi interesante. Pode facer de 2 e de 1. Xera dende o pick & roll, moi bo defensor. O que non sei é cales son as súas pretensións económicas. Está por explotar, pero é destes xogadores que todo adestrador quere no seu equipo. Mellorou moito o tiro e é moi sólido.

Advertisements

Posted on 2 Agosto 2013, in Entrevistas, Xeral. Bookmark the permalink. 2 Comentarios.

  1. O ir a unha plantilla curta temos que acertar en todas as fichaxes, é arriscado pero é o que hai.

  2. Buena entrevista, despejando dudas con respecto a la plantilla. Enhorabuena por el trabajo

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

Baloncesto con P, de Palencia claro

todo por Palencia Baloncesto

@KIAenZona

Información sobre o Club Baloncesto Breogán S.A.D.

Blogoncesto

Información sobre o Club Baloncesto Breogán S.A.D.

ZonaOCB

Información sobre o Club Baloncesto Breogán S.A.D.