Julio González fala sobre o futuro do Breogán

Desta volta tivemos ocasión de reunirnos con Julio González, ex presidente do Breogán e actual secretario do club para falar de algún dos asuntos máis candentes da actualidade breoganista.BREOGAN

A primeira cuestión, obrigada ademais, cómo ves o futuro a longo prazo? Cres sinceramente que o Breogán estará de novo na ACB como manifestabas o ano pasado? Ves posible atopar fontes de ingreso que dean estabilidade a un proxecto de futuro?

Agora mesmo, tal como está a ACB, a Leb, tal como está o baloncesto a día de hoxe, non me atrevo a dicir nada. Porque agora mesmo case che diría que ningún equipo é viable en ACB, salvo dous ou tres. Para min o baloncesto de elite ten que cambiar, e coido que está a piques de facelo. Non houbo ascensos nin descensos. Por un lado, os clubs que soben non teñen diñeiro para pagar o canon, e por outro á ACB vénlle moi ben que non descenda ninguén porque non ten que pagar o fondo de ascensos e descensos. Por tanto hai unha situación complicada.

Entón, nesta ACB? Non. Nesta ACB o Breogán non pode competir. Pero é que nesta ACB non pode competir ninguén. Neste sentido coido que é tempo de ver como se reorganiza todo, e non creo que se reorganice nada ata que pase o Mundial 2014, no que está centrada a Federación.

E cres entón que vai a haber modificacións?

Eu penso que si. Pero non porqué o saiba eu, se non que por sentido común. Ten que habelas.

Coido que niso está todo o mundo de acordo, e de feito que as protestas son claras, pero non vemos ningún cambio…

Non, pero por qué? Porque a Federación está ao seu, e xusto coincide a peor época dos clubs ca mellor da selección, que é un escaparate tremendo.

E non pensas que entón este debería ser o momento no que coidaras os teus produtos?

Tería que ser. Este ano, houbo un descalabro, sendo 14, non pasou nada… E na ACB… A ACB naceu con vocación de pechar nun momento determinado. Non sei tampouco que pasará. Os clubs de metade para abaixo non poden competir, e compiten cun nivel que xa ves… Ata o Obradoiro competiu moi ben. É o nivel da Leb de fai cinco anos. Tamén falta ver que fan ca liga europea. Por todo iso estou seguro de que vai haber modificacións.

Sen un patrocinador claro vai ser difícil. Eu non sei de ningún patrocinador que nos permitira competir agora nesta ACB. Nun futuro, cando baixe un pouco a ACB, agardo que si. Temer polo Breogán? Pola SAD teño certas dúbidas. Polo club? En absoluto. Se morre o Breogán hoxe, mañá está resucitado, porque se ve que hai moito breoganismo latente, que en momentos de crise aparece aí.

Sobre o tema do momento, qué opinas da posibilidade que se falaba da doazón de accións por parte da Deputación a particulares? Sería este proceso legal? Hai moitas dúbidas, e a lexislación non está nada clara.

Como dis a lexislación non é clara, pero coido que en todo caso sería impugnable e impugnado polos accionistas. A min paréceme mellor, e coido que os tiros agora van por aí (aínda saíu estes días na prensa) que se vai encargar unha auditoría externa para darlle valor ás accións. Por tanto están considerando a opción de vendelas, darlles un valor patrimonial. Paréceme moi lóxico e axustado o dito por Lence: ofrecerllas primeiro aos accionistas. Así poderíase rentabilizar a inversión inicial, non nos esquezamos que está o canon detrás. En definitiva, legal, pode ser que sexa, pero que ía ser impugnado, seguro.

E unha vez que marche a Deputación, xa que isto parece un feito, qué ten que cambiar no noso club para que sexa máis viable?

Segundo nos din dende a Deputación, o apoio vai seguir. Seguramente cunha rebaixa da nominativa, pero é o que hai… O problema, é que isto é ingobernable sen un accionista maioritario que impoña as súas normas. O club ten unha estrutura en funcionamento, cunha directiva… Ata agora aos presidentes, ca Deputación detrás, as túas decisións seguíanse… A partir de agora será complicado. Eu o que critico deste proceso de enaxenación, é o querer facelo tan rápido. Se o queren facer dando tempo a que a xente se organice, pois ben. Pero dun día para outro isto sería ingobernable.

A ese respecto, comentaba Suso que posiblemente entrara xente nova ao consello, hai algún movemento ao respecto? Está supeditado a como se resolva todo isto?

Todo este follón da enaxenación paralizou un pouco a cousa, que eu saiba non hai ningún movemento.

Como viñamos falando, é moi posible que haxa unha redución da subvención da Deputación. Tendo en conta por exemplo o que lle dan a outros clubs, se por exemplo se reducise nun 40%, en que situación nos deixaría?

Hai que ver realmente como queda. Se a redución é moi substancial, pois habería que loitar por non descender. Pero a cuestión é ter as cousas claras, saber que queremos. Se queremos, ata que se aclare o panorama do baloncesto español se queremos seguir sendo SAD e ter aspiracións a xogar na ACB o que debe primar por todos os medios é a conservación da SAD co canon. Se hai que pasar un tempo pelexando por non baixar, ou incluso baixar… A min non me asustaría baixar e logo volver subir…

Tampouco debe haber grande diferenza agora mesmo entre Ouro e Plata, non?

Pero tampouco entre Ouro e a ACB por abaixo. A situación do baloncesto español –a nivel de clubs- é tan lamentable…

Eu o único que querería sería manter a SAD ata que se aclararan as cousas. Imaxina que se fixera unha ACB 1 e ACB 2, eu lembro a época da A1 e A2, que foi a estrutura que máis me gustou. Se moita xente o pensa, se xa pasou, non é descartable que volte outra vez. 12 e 12 equipos, ou 14 e 14. Os de arriba con menos partidos domésticos, e os de abaixo máis para xogar cos de arriba. E que che obriguen a ser membro da ACB, pero cun canon simbólico, adaptado á realidade.

Pero nós xa temos canon. Pareceríame unha pena facer proxectos como tolos para subir non tendo cartos, salvo que apareza alguén con diñeiro que diga é a época máis barata para subir, que abandeire isto e diga “quero chegar á ACB”; eu de cabeza. Se non, pois facer as cousas ben, cun equipo atractivo e tentar pasalo ben e agardar que pare de chover. E ninguén ten nin idea de que vai pasar, porque as decisións ao final nacen de dúas ou tres persoas…

A canto ascenden cada tempada os gastos fixos que ten o Breo para a primeira plantilla?

Os datos poden interpretarse de diferentes maneiras. Suso o outro día dixo unha cantidade…

En torno a un 50%, coido.

É máis. Aparte dos salarios dos xogadores hai coches, pisos… Este ano foron para xogadores máis de 600.000 euros. Sobre os datos que dicía Suso, a administración, que son 4 persoas, é o 10%. A cousa está en como contas ao delegado do equipo, fisio e secretario técnico,  se os metes nun lado ou en outro, se son deportivos ou non. Coido que Suso meteu a estes últimos como administrativos.

De todos xeitos, ocorre que o presuposto baixa e a estrutura permanece. Entón algunha decisión ai haber que tomar, como en calquera empresa. Respectando os dereitos dos traballadores e vendo qué se pode facer. Con tres millóns de euros a cousa funcionaría distinto, pero ca redución de presuposto tanto, nótase máis. Hai fórmulas suficientes para adaptar o gasto en estrutura ao presuposto, e os traballadores sábeno e coido que están pola labor.

A este respecto… Plantexouse algunha vez un ERE?

É o instrumento que hai aí a día de hoxe. Pero todo dependerá do proxecto de continuidade en canto a subvención que teña a Deputación. Pero é un tema complicado. A propietaria terá que falar con eles e dentro das opcións que hai ofrecerlles solucións. E este é un tema que nos pon moi nerviosos, porque coñeces á xente, tes un bo grado de amizade, e ademais eles pásano mal. Pero por outra banda, a empresa é a empresa.

E concurso de acreedores?

Nunca. Date conta de que o único acredor importante é Raúl López, e algunha cousiña que apareceu por aí.

Refírome máis ben a épocas pasadas, nas que o club estivo en situación de quebra.

Antes non sei. Cando estaba Bao estivemos en quebra absoluta. Podes estar de acordo ou non ca súa xestión, pero se non fora por el, hoxe non habería Breogán. Non sei se chegaron a plantexalo ou non.

Acerca agora da fundación; por qué motivo se asumiron varias nóminas da Fundación Balogal? Desvincular a eses traballadores vai a ter algún custo para o club? Qué traballadores son?

Foi porque dende a Deputación quixeron separar Fundación e Breogán. E había traballadores que prestaban servizos principalmente a Breogán, pero tamén a través de fundación para outras actividades, e que querían deixalos nada máis en Breogán. Hai algún, hai un orden de antigüidade, tanto ten que sexa un coma outro, porque cando asumes un traballador por sucesión de empresa asúmelo con antigüidade da outra empresa. E incluso hai algún que estivo primeiro en Breogán, logo pasou a Fundación e volveu a Breogán, co cal sería inxusto devengar antigüidade de un ano nada máis. Por tanto son traballadores con todos os seus dereitos consolidados a cargo de Breogán. E a orde foi directa da Deputación.

Cómo se xerou a débeda da Funcación Balogal co Breo? Hai posibilidades de cobro desa cantidade adebedada duns 250000? Cómo figura esa cantidade nos balances da empresa? Está dotada algunha provisión no balance?

A verdade é que eu desa cantidade entereime vendo as contas. Esa cantidade está provisionada, co que non se conta con cobrala. Non sei de onde ven a débeda, pero sendo a fonte de financiación a mesma, non é tan raro. Sendo a Deputación a que da o 80% do presuposto do Breogán, e o 100% da Fundación, pois non sei. Imaxino que sería un déficit, pero non sei a que se puido deber.

Acerca de Raúl López, cales son os conceptos polos que se lle recoñeceu a débeda? A canto ascendeu  a cifra de negocios de Raúl López co Breo dende que foi presidente do clube?

Non che podo dicir nada. Non teño nin idea. A débeda estaba recoñecida, pero non tiven acceso ao detalle do porqué. Nese documento non había nada que o indicara. Todo o que sei son faladurías.

Coido que a meirande parte dos afeccionados te consideramos un dos mellores presidentes que tivemos no club. Estarías disposto, trala previsible saída da Deputación a volver coller a presidencia do club?

Moitas grazas por esa opinión. Agora non. É moi difícil. Agora mesmo non, non podo dicir nada de que pasará máis adiante, pero éme imposible compaxinar o meu despacho ca presidencia. Cheguei a presidencia nunhas circunstancias especiais e ca vontade de facelo o mellor posible, pero penso que o presidente do Breogán debe representar correctamente ao club. Debe estar en todas partes, debe ter voz en Madrid, en Santiago, na Federación. Porque é o club máis importante de Lugo…

E de Galiza!

E de Galiza, aínda que aí pódennos dicir algo o Celta e o Deportivo. Pero de baloncesto, de Galiza, desde logo. E en clubs de Lugo tamén. Todo isto que houbo foi unha voráxine e hoxe por hoxe sei que non podería.

Pero outros presidentes tampouco representaron moito ao Breogán… Salvo que entre alguén novo. Non vexo a Veiga por exemplo.

Con Veiga teño moito trato. Cando marcha Bao ía entrar el, e viu o ceo aberto, porque non lles apetecía nada que a vicepresidencia da Deputación viñera acompañada da presidencia do Breogán. É lóxico tamén, xa que Veiga ven da costa, que a todos os efectos é provincia de Mondoñedo. Cando vin que non podía, e aparte que era o mellor para o Breogán que nas circunstancias nas que estaba que me marchara. Díxenlle: “mira, sabes que vas ser ti presidente, mira de buscar xente”. Que pasa, que ata que non estea claro como vai quedar o club, ninguén se vai atrever a dar o paso, xa que é unha empresa cunha redución de presuposto clara e hai moita incertidume.

Pero si quero dicir que Veiga penso que non quere ser presidente, éo obrigado polos estatutos; pero tamén darlle as grazas, xa que tiña que aínda que tiña que aceptar a presidencia tamén podía marchar. Sei que para el isto estalle sendo moi penoso, xa que é algo que lle ven aparellado polo posto, é un marrón. Os problemas ata que non estás ti en primeira persoa e os sofres, vanse deixando pasar. Cousa que tamén entendo, xa que os políticos están a mil cousas. E na política hoxe en día o que conta e que aparezas nos sitios. Non é unha crítica cara a Veiga se non cara a sociedade en xeral. Por iso tamén quero agradecerllo aquí, aínda que xa o fixen con el.

Agardo que agora vendo como é isto, se clarifique todo, que se chegue a acordos salariais ou do tipo que sexa cos traballadores. Que digan claramente se van seguir colaborando cunha subvención que permita que o club sexa viable, e despois terá que entrar xente. E aquí nos metemos no tema dos dous Breogáns. O máis próximo á canteira ou o Breogán máis próximo á profesionalización e a tentar subir a ACB. A min, se che digo a verdade, entendo as dúas posturas. Sei que o Breogán nunca foi un club de canteira, sempre estivo para estar na máxima categoría, e tamén os clubs con canteira, que haxa rapaces detrás.

Dependendo de quen se presente, así será o Breogán do futuro. Se o colle xente máis próxima a unha idea, o Breo irá por aí. E se non aparecerá quen apareza e iso será o que se poida ser. É unha situación de incertidume total. Pero se houbera as dúas opcións, tería que falar a afección: qué Breogán se quere? Porque tampouco ven a nada estar con tensións, aínda que dentro do consello penso que son boas, un consello diverso é bo. Pero de cara a fora non é bo, á xente non lle interesa que haxa problemas, á xente interésanlle as fichaxes, de se xogamos ben ou non, o bonito do basket. A época de Moncho López non era divertida, e había moita tensión, todo isto non é bo para o Breo.  A min gustaríame que falara o accionista, nunha xunta de verdade, que non importara tanto o número de accións que ten cada un se non o accionista individual e se falara. E coido que ese momento pode estar a chegar. O que decida a xente é o menos malo..

Sobre Jesús Lence, sabemos que as últimas xestións as estiveches levando ti, e queriamos preguntarche cal é a situación con el. Incluso hai quen di que está interesado en mercar máis accións.

Iso último descoñézoo. Falei varias veces con el. Foi a primeira persoa que fun ver cando entrei á presidencia. E foi a última. Non sei dos seus plans, ten a súa empresa, está perfectamente ao tanto do Breogán. A min transmitiume estar moi contento este ano co patrocinio, que era bo para a súa empresa, que dábamos boa imaxe para a súa empresa. Pero non lle gustou ao final chegaramos con estes problemas de se os xogadores ían ao aval ou non, xa que di que iso si da mala imaxe e lle podía prexudicar.

Ben, pero este tema de denunciar é máis habitual do que parece, non?

Si, faise sobre todo por cautela. Pero a el non lle gustou. Non é o mesmo que pase en Coruña –que non pasou- ou outro sitio que aquí, xa que o Breogán ten un eco impresionante. O Breogán é o que é, un xigante, en terra de pequenos pero un xigante ao fin e ao cabo. Está expectante por ver o que pasa. Si me dixo que se o equipo tiña unha viabilidade, e non ía haber problemas de non cobrar que dan mala imaxe que está disposto a patrocinar, porque é bo para a súa empresa e para o Breogán.

Paréceme un punto moi importante este, oxalá todos os empresarios viran isto como unha inversión e non un gasto. Incluso penso que a Deputación non ve isto como unha inversión, se non un gasto.

En Leb non, non o viron así. Vírono como un estorbo que tiñan aí do que se tiñan que facer cargo. E non quero falar só da Vicepresidencia primeira, compete a toda a Deputación.

Cambiando de temática, terá algún día Breogán categorías inferiores?

Actualmente o Breogán é un club con canteira, pero non de canteira. Por dicilo de algún modo, tena subcontratada con Estudiantes. É un esquema dentro dos que hai, non sei dicir se é mellor ou peor, pero é o que hai. A min o que si me gustaría é que os rapaces que xoguen a baloncesto, non que cheguen ao primeiro equipo porque é moi complicado, pero se chegan mellor! Se non o importante é o efecto espello que fai un equipo de elite cos rapaces de abaixo. Que poidan xogar en competicións alevíns, infantís, cadetes porque é bo que fagan deporte.

Despois EBA, pois é unha categoría interesante, ao mellor aquí si había que ter máis vinculación dende o primeiro equipo, hai un salto importante.

Ao mellor en EBA en lugar de Estudiantes sería mellor que nos representara un filial directo do Breo?

Pois non che sei dicir. Aquí temos un problema. Ti es adestrador do EBA e queres gañar, es xogador e queres gañar. Aquí todo o mundo quere gañar. Eu sobre todo defendo a canteira social, moito. Ter un equipo arriba… Cántos nenos afeccionou ao baloncesto Charlie Bell? Ou no fútbol Cristiano Ronaldo e Messi? Se tes posibilidade de ter algo así na túa cidade e que os nenos xoguen a isto, xa me dou por satisfeito.

Despois, formación de xogadores de competición de categorías inferiores, gústame que haxa para que poidan seguir facendo deporte cando son adolescentes.

A EBA xa é unha categoría semiprofesional. Non sei dicirche se sería mellor que o filial dependera directamente do Breogán ou siga dependendo do Estudiantes. De verdade.

Eu penso que ao mellor si era mellor un filial que dependa directamente do Breogán, xa que estaría exclusivamente ao servizo do primeiro equipo para formar, pero imaxina que Estudiantes está pelexando por algo e podes ir na contra dos obxectivos polos que pelexe, podendo xerar tensións.

De todas formas, a min cónstame que en todos os equipos hai tensión entre a canteira e os profesionais. Porque todo o mundo, aínda sendo o mesmo equipo quere gañar. O mundo do deporte profesional é moi competitivo. En resumo hai varias formulas.

A relación Breogán – Estudiantes é complexa. É renovable anualmente, co cal tamén da certa flexibilidade, pero esa certa flexibilidade igual tamén da lugar a certas tiranteces. É bastante complexo.

Tamén coincide o peor momento histórico deportivo do Breogán coincide co mellor momento do Estudiantes, co cal chega o momento no que non sabes moi ben por onde tirar. Pero penso que o tempo soluciona os problemas.

Plantexouse nalgún momento a fusión do Estudiantes e do Breogán?

Non, Breogán ten un obxectivo claro, que é competir en liga profesional e aguantar e dar o salto á máxima categoría cando sexa posible, e Estudiantes ten un obxectivo claro que é formar e tamén competir.

Existe planificación deportiva coordinada entre os dous clubes?

Eu so che podo falar da miña experiencia neste ano e medio. Comecei con Pepe Rodríguez, e nesta época coido sinceramente que non. Agora supostamente ten que haber mais. Pero hai temas aos que non puiden estar a fondo como che dicía, pero de habela seguramente haxa máis agora que antes.

Da túa etapa na presidencia, cal é o mellor recordo que gardas?

Téñoo moi claro. O día que colocamos as pegatinas de Río Natura no pavillón e na camiseta.

Para finalizar, algunha cousa que queiras transmitir a afección?

Que estean tranquilos. Non podo garantir nin que o baloncesto español se vaia racionalizar, nin que o proceso das acción se faga de forma idílica. O que si teño clarísimo, é que se o Breogán se desfixera hoxe, mañá as 9.01 da mañá está refundado.

Advertisements

About Vinicius

Breoganista de hélice. Baloncesto e ciclismo. Chairego, lucense, galego. HBO fan. Namorado da miña terra.

Posted on 2 Xullo 2013, in Entrevistas, Xeral. Bookmark the permalink. 1 comentario.

  1. Como siempre, muy buena entrevista

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

Baloncesto con P, de Palencia claro

todo por Palencia Baloncesto

@KIAenZona

Información sobre o Club Baloncesto Breogán S.A.D.

Blogoncesto

Información sobre o Club Baloncesto Breogán S.A.D.

ZonaOCB

Información sobre o Club Baloncesto Breogán S.A.D.