Entrevista a Javier Gómez, director xeral do Breogán

Temos a ocasión de falar co director xeral do club, Javier Gómez, quen se prestou a colaborar con nós nunha ampla entrevista onde se fai balance de moitos dos aspectos do club, dende a súa propia labor, os acertos e erros,  ao futuro, as SAD e moito máis. 

Javi Gómez acompañado de Lisardo no Pazo

Javi Gómez acompañado de Lisardo no Pazo

1. A nosa primeira pregunta, é obrigada: cál sería a túa valoración desta primeira tempada completa á fronte da dirección xeral do equipo?

Un mesmo nunca é a persoa máis axeitada para xulgar o propio traballo, e menos cando este ocupa áreas tan diversas. Podes ter bos resultados nalgunhas cuestións e fracasar noutras.

A nivel deportivo a miña tarefa era servir de nexo entre directiva e plantilla deportiva. Como comentaron distintos membros do plantel, o ambiente de grupo foi extraordinario. E isto a pesares dos xa endémicos problemas de liquidez. Penso que o continuo contacto con xogadores e corpo técnico serviu para que a información amortiguase eses problemas. No momento de confección do equipo, o pasado verán, teño que arrepentirme de non ter sido máis firme no desenvolvemento dalgunhas operacións, pero estou contento en xeral. En canto ao peor momento da campaña, a destitución de Pepe Rodríguez, penso que se tomou a decisión acertada. Malia que calquera poda disentir, e de feito hai socios que manifestaron a súa disconformidade, a directiva e máis eu tiñamos enriba da mesa todos os elementos de información. Son moitas horas de adestramentos, partidos e convivencia que axudarían a calquera na nosa pel a tomar a mesma decisión.

As miñas competencias non abarcan as decisións económicas, aínda que manexar o día a día do club supón tomar decisións desa índole. A nosa xestión estivo marcada polas decisións tomadas nos anos anteriores. É moi difícil non xerar débedas e non ter problemas de liquidez cando tes unha diminución de ingresos e uns compromisos contractuais e uns gastos inherentes á participación na LEB que non podes facer desaparecer. O Breogán asumiu ata catro contratos que o ano pasado asumía a Fundación Balogal e non recibiu unha soa axuda nin tivo capacidade de manobra noutro senso. A xeración de recursos é un tema pendente, aínda que por desgracia non debemos agardar milagres: a situación das empresas está moi mediatizada pola crise, en intres puntuais o Breogán perdeu anunciantes que non pode recuperar e a situación deportiva non arrastrou como quixésemos a novos anunciantes. En todo caso, temos que mellorar.

A nivel social e de imaxe, creo que o Breogán está na boa liña, pero hai que seguir traballando. Como di Marcos Fernández, xefe de prensa do club, o día a día remata afogando moitas iniciativas. Non obstante, nos derradeiros dous meses viuse a liña na que traballaremos a vindeira tempada: saír do Pazo e do Campus para entrar nos colexios, nas asociacións, nas ONG, cun calendario completo. O breoganismo que se respira na directiva creo que é contaxioso. Non hai intereses espurios nin obxectivos empresariais por ser todos nós profesionais liberais. Por último, o Breogán é unha voz que se fai escoitar cos demais equipos de LEB, o que custou moitas viaxes, reunións e conversas. Agardemos que todo iso eclosione nunhas condicións máis favorábeis para competir na LEB para a tempada 13/14. Sería un auténtico éxito para todos e Breogán tería contribuído a el.

2. A bo seguro non estás contento co final de temporada que se nos veu enriba. Cáles cres que son as razóns de que o equipo non puidera chegar máis lonxe? Cansazo, lesións, irregularidade no xogo…

Non, efectivamente non estou nada contento co final de tempada. Eu, que son de letras, teño grande interese pola historia en xeral, e tamén pola historia do noso club en particular. Considéroa unha responsabilidade, non un fardo. O equipo ten que pelexar sempre por cotas altas, e isto fíxoo. Pero pelexar sen acadar o cumio… Deixa un sabor amargo. Poderiamos chamalo fracaso ou decepción, cada un que use a verba que mellor defina os seus sentimentos.

Como ti dis na pregunta, non se pode atopar unha soa causa para a eliminación. Obviamente, hai un factor deportivo. O equipo “fíxose curto”, se se pode dicir así. A nosa idea, en pretempada, era construír un equipo longo no que a diferencia entre o xogador 5 e o xogador 11 fose menor do que foi á fin. Penso que esta liña de pensamento é a correcta (como amosou o mesmo Cáceres e están a amosar Alacante ou Andorra) e que o que fallaron foron pezas concretas, a pesares do seu esforzo. Por moito esforzo que haxa no banco e na pista, este xogo remata por consistir en meter unha pelotiña laranxa por un aro, logo o acerto é un compoñente fundamental. A mestura dese desacerto cos problemas físicos conduciron a unhas rotacións curtas e a unha acumulación de minutos que puido non favorecer a toma axeitada de decisións en momentos determinantes.

As lesións son un factor que me gustaría comentar especialmente. Dende a chegada de Lisardo Gómez ao banco, castigaron con dureza ao equipo. Ademais, a meirande parte delas foron debidas a accidentes “traumáticos” nos que a casualidade xoga un importante papel. Ata tres xogadores, Roeland Schaftenaar, Edu Martínez e Manu Gómez, fracturaron o nariz. No derradeiro encontro, a lesión de Gintaras Leonavicius derrubou ao equipo, e non podería ter xogado o seguinte playoff de ningún modo. E qué dicir dos nocellos de Carlos Cobos, que non xogou un só partido este ano sen sentires dor. E isto deixando á marxe as molestias ou pequenos golpes “ordinarios”. Unha lesión non só afecta ao xogador que a sofre. Afecta á dinámica do equipo, sobre todo en adestramentos. E cando son tantas, tamén á moral colectiva.

Sobre o xogo do equipo, eu non estou insatisfeito. O traballo de Lisardo Gómez aumentou o rendemento de todos os xogadores do plantel cun par de excepcións (falo tanto a nivel estatístico coma en aspectos non cuantificábeis con tanta facilidade como a defensa) e, colectivamente, conseguiuse que o equipo fose máis estábel dentro dos mesmos partidos. O Breo competiu nos cinco encontros ante o Cáceres. Aínda que houbo siareiros que me comentaron que eles viran a chave da eliminación no cuarto partido, lamento non coincidir con eles. Penso que o primeiro encontro foi clave: deu folgos morais ao rival, asegurou á postre o cuarto partido en terras extremeñas e, no aspecto máis puramente baloncestístico, foi un encontro “raro”, co Breogán permitindo unha anotación inusual e o Cáceres atinando fóra das súas habituais porcentaxes.

E despois… están os detalles. Un playoff entre quinto e sexto clasificados adoito é igualado e é resolto en pequenos detalles. Unha perda cando un equipo vai arriba ou remontando, unha decisión arbitral discutíbel, unha canastra afortunada dun xogador que non a faga con frecuencia, un rebote mal pechado. E chegados a un quinto partido, pois o factor da presión psicolóxica.

3. Cáles cres que foron as principais carencias do equipo?

Matino que o sentido desta pregunta refírese á planificación de principio de temporada.

Eu non son un profesional técnico do baloncesto senón unha persoa co gusto educado á base de moito traballo e moitas horas de visionado de partidos, en directo e grazas aos vídeos e ás novas tecnoloxías. Así pois, o que eu opino non vai máis lonxe de ser unha aportación que enriqueza o debate que se dea entre os profesionais do club, nomeadamente o adestrador, que sempre marca a meirande parte da política deportiva. O que si me gusta, e teño que recoñecelo, é traballar con estatísticas e series históricas que obxectiven, alomenos de xeito relativo, o rendemento dos xogadores.

A planificación da tempada pasada estivo mediatizada polas discordantes ideas entre Pepe Rodríguez e a secretaría técnica. Ningún tiña a razón de xeito absoluto… porque non creo que ninguén a teña nin neste nin noutros aspectos deste negocio. No seu momento, Pepe Rodríguez declarou que dende a secretaría técnica se propuxo unha estrutura con cinco xogadores de canteira. Isto é certo, eu opúxenme a iso (seguiría opoñéndome a día de hoxe) non porque Juan Carlos Castro non poda defender esas ideas senón porque penso que levar o debate a extremos non prácticos o que fai é enturbialo. De feito, unha das reaccións de Pepe Rodríguez foi a petición de xogadores moi veteráns, coma o caso de Jesús Fernández, que quedaban moi lonxe das nosas posibilidades económicas.

Persoalmente, creo que hai varios perfís de xogadores que normalmente son rendibeis na LEB e que, por unha razón ou por outra, non se atopaban este ano na plantilla. Un deles, moi demandado polos socios, era o dun base de características ofensivas que complementase a Cobos, á postre que puidese tomar un rol protagonista polas lesións. Para min é unha falla que vén de lonxe e que responde a ideas que se detectan en certos ambientes do baloncesto lucense, nos que se minimiza a importancia de certas situacións de xogo. É respectábel toda idea sobre basket, pero dende a óptica do profano, os problemas no bloqueo son case endémicos.

Por outra banda, outros dous perfís, o do 3 alto e o do 4 undersized que xogase por riba do aro, foron rexeitados por Pepe Rodríguez. A experiencia de Melilla, que chegou lonxe o ano pasado xogando con pequenos, animou a Pepe a apostar por Leonavicius, e non creo que fose unha decisión pouco argumentada ou insensata. Máis raro me pareceu a ausencia dun xogador tipo Eric Coleman, pero o club solventouno á perfección culminando a operación de Michel Diouf, que foi un dos mellores xogadores da LEB.

Ata aquí o que se refire ao verán. Coa tempada xa empezada puidemos comprobar os problemas que azoutan a case todos os equipos en maior ou menor medida. En todo equipo, mesmo nos que gañan as ligas, hai pezas que non encaixan, xogadores que individualmente quedan por debaixo das expectativas asinadas para eles. Non me gustaría personalizar. Colectivamente, creo que houbo un certo desaxuste entre as características dos xogadores e o plan desenvolvido polo equipo. Moitos insistíronme en que o equipo debía correr moito máis. En realidade, é unha idea que calquera adestrador quere levar a cabo: defender forte e acadar canastras fáciles en transición. Mais con frecuencia a xente pensa que correr é sinxelo. E correr ben, sen precipitacións, con orde e efectividade, variando as opcións, é moi difícil. Ademais, e isto faleino en particular con Sean Ogirri, un xogador co que é un pracer conversar de basket, a liberdade de correr implica a responsabilidade de ser quen de controlar o caos que se crea cando hai un número de posesións moi alto. A nós, custábanos controlar iso. Pero, por outra banda, non conseguiamos tampouco continuidade en ataque por falta de orde e de explotación de recursos, sobre todo no xogo interior. Isto fixo caer a xogadores importantes nunha crise de confianza que, tendo en conta a experiencia do ano anterior, consideramos que Pepe Rodríguez non podería remontar.

Con Lisardo gañamos en organización e, como se pode demostrar numericamente e en sensacións, moitos xogadores melloraron o seu rendemento. O ambiente dentro do equipo mellorou e as victorias pasaron a ser máis sólidas. Por desgracia, el non foi quen de facer que todos acadasen o seu mellor baloncesto. Tampouco solventou outro problema endémico do Breogán destes anos, a debilidade lonxe de Lugo.

4. Con Lisardo renovado, xa tedes unha boa peza para comezar a tempada que ven, un adestrador da casa. Ademais o presidente xa manifestou que Lisardo se fará cargo da confección do equipo. Podemos considerar entón este como o primeiro ano no que este proxecto parte de cero?

En Breogán, ningún proxecto parte de cero. E creo que iso é bo. Simplemente trátase de valorar as herdanzas. A do ano pasado foi envelanada. Simplemente, eu non puiden traballar en liberdade en ningún momento. E non polas persoas senón polos cartos. A nós entregóusenos un club cun 25% do seu presuposto deportivo comprometido e, como comentei anteriormente, coa necesidade de asumir salarios por valor doutro 5% procedentes da Fundación Balogal. Digo necesidade porque estas persoas fan un traballo exemplar día a día como para pensares en prescindir deles. Se agora mesmo un servidor deixase o club, non estaría comprometido máis que, aproximadamente, un 8% do presuposto deportivo.

Por último, unha matización. Concordo en que Lisardo Gómez e Quique Fraga son dúas boas pezas para comezar un proxecto novo. Pero sono polos seus coñecementos, métodos e compromiso en tempo, non por ser adestradores da casa. Ser da casa axuda para entender o breoganismo e sentilo, pero neste caso non foi nin vai ser un factor á hora de xulgar ao adestrador, nin para o bo nin para o malo. Como tampouco o foi á hora de afrontar a súa renovación, que está permitindo que o traballo na tempada 13/14 se faga dende o día un.

5. Cantos xogadores teñen contrato para a tempada? Apostarase por dar unha certa continuidade, ou vai haber renovación total?

Como xa foi anunciado no seu momento, o capitán Manu Gómez ten contrato en vigor, aínda que hai opción de rachalo. Tamén ten contrato Álex Bortolussi, que foi unha aposta da secretaría técnica. Obviamente, Erik Quintela e Adrián Chapela teñen contrato tamén. Outros xogadores de Estudiantes poden incorporarse.

Por principio, eu aposto pola continuidade nos proxectos. Comezar de cero é sempre máis difícil e máis nun lugar coma Lugo, no que é importante coñecer certas singularidades relacionadas cos siareiros, o tratamento coa prensa, o funcionamento dun club que depende de institucións políticas…

Dito isto, os proxectos de renovación cada día son máis difíciles de levar a cabo. Aínda é moi cedo para dicir que é o que vai suceder durante un longo verán coa máis mínima exactitude, pero hai constantes históricas que dificilmente cambian. Por unha banda, en todos os equipos do mundo conviven xogadores de rendemento moi alto, que son difíciles de manter, e xogadores de rendemento moi baixo, aos que non se desexa manter. No primeiro caso, a dinámica de Breogán nos últimos anos está marcada polas apostas relativamente baratas dentro do que é o mundo do baloncesto internacional. Os xogadores multiplican o seu valor no club e despois convértense en virtualmente inaccesíbeis no plano económico. Existen ademais mercados emerxentes, sobre todo nos países do Leste, que encarecen determinadas operacións.

Lisardo Gómez transmitiume o seu interese en contar con varios xogadores do actual plantel, sempre en función da situación económica. Non hai présa por levar a cabo operacións, obviamente, e os dous vindeiros meses serán dun intenso traballo para definir exactamente cal será esa disponibilidade económica e ata onde podemos satisfacer as peticións do noso adestrador.

6. O club segue sendo viable como SAD en Leb? Canto tempo poderemos resistir así ca grave crise que nos está a afectar a todos os niveis?

Evidentemente, o club é viábel como SAD en LEB nestes momentos. É moi difícil saber durante canto tempo. Na miña opinión, estamos moi preto de acadar un punto no que vai a ser difícil ser competitivos. Tentarei explicar a miña visión de maneira sinxela, aínda que falamos dun tema moi complexo no que ademais temos que facer exercicios de prospectiva que ata afectan ás altas autoridades do Goberno.

As SAD son unha figura societaria que está instaurada soamente en Primeira División, Segunda División e Liga ACB. E isto non se fixo por casualidade senón porque se consideraba que estas competicións acollían aos deportes maioritarios e as estruturas de club deportivo máis potentes de España. Co paso dos anos, demostrouse que eran perniciosas por tres razóns: en primeiro lugar, porque esas competicións non foron pechadas, o que produciu que as SAD puidesen xogar en categorías que contaban con clubs deportivos; en segundo lugar, non se articularon mecanismos (era imposíbel, realmente) para que a inversión en accións fose productiva, caso das saídas a bolsa; en terceiro lugar, e tirando un chisco de explicacións en clave de psicoloxía nacional, ningún organismo superior foi quen de poñer couto aos desmanes das malas direccións nin tampouco de recurtar os privilexios dos clubs deportivos, que agora mesmo están moito menos controlados e teñen condicións económicas favorábeis.

Polo tanto, as SAD non se fixeron para competir na LEB e ser SAD nesta liga é moi perxudicial. Pero, obviamente, a ninguén lle interesa a disolución porque esta implicaría a perda do canon e a imposibilidade de ascender a ACB. Outra cousa sería un cambio nas condicións de ascenso pero, sinceramente, este cambio ten un aire á espera dos bárbaros en Kavafis: sempre van a vir e nunca chegan.

Iso si: se non se actúa de xeito radical sobre a política do club, é posíbel que chegue o momento no que haxa que elixir entre supervivencia e SAD. Mellor un club que ningún club, dito claro.

¿Canto tempo imos resistir? Depende destas intervencións.

O primeiro paso é a renegociación das débedas contraídas polo club nos últimos anos. É un traballo que afrontou esta directiva cando correspondía facelo a outras que viviron momentos moito mellores no económico. En calquera caso, estase procedendo a isto, con negociacións cos acreedores. Nestas negociacións o papel da Deputación é chave: é a máxima accionista e comprometeuse con esta directiva. Hai que ter en conta que o Breogán non solicita cartos para gastos de luxo senón para a imprescindíbel supervivencia. Seguimos a ser unha das principais industrias de ocio da cidade e un dos mellores instrumentos publicitarios para unha cidade que, lamentabelmente, está a ser noticia con frecuencia por outras razóns.

Dende logo, non podemos pedir esforzos á propietaria sen levalos a cabo nós. Isto pasa por axustar o noso presuposto en todas as áreas do club. Ata o momento, estes recurtes centráronse na parcela deportiva: era algo lóxico, xa que o mercado baixaba e nós con el. Pero estamos chegando, na miña opinión, a un punto no que rebaixar moito máis o presuposto de primeira plantilla repercutiría nas opcións mesmo de manterse na LEB. Isto supón que, para min, e remarco que isto é unha opinión persoal e intransferíbel, debería intervirse tanto na estrutura do club como na aportación que, presuntamente para beneficiar a Breogán, se fai no proxecto de canteira. No primeiro caso, os empregados do club teñen un grande valor e experiencia, pero deben adaptarse a un escenario de diminución dos salarios, a ser posíbel sen que isto implique despidos, nin moito menos un ERE levado a cabo pola vía da confrontación. No segundo caso, sobre o que me estenderei despois, non vexo claro que Breogán, por medio de Balogal, teña que contribuír a un proxecto de canteira excesivamente profesionalizado a partires dos 12-13 anos. Non son necesarios catro vinculados e boa parte deses cartos podíanse dedicar, se houbese vontade, a un plan de viabilidade que acabase, nun prazo de tres anos, coa débeda xerada pola necesidade de devolver a subvención correspondente ao exercicio de 2004 á Xunta de Galicia.

Os esforzos non só teñen que vir polos axustes senón pola xeneración de novas vías de ingreso. Pero en calquera caso eu descreo de iniciativas ligadas ao que me parece un modelo de creación de recursos extinto. Refírome a un club que creza a base de aportacións empresariais que endebedan á postre e que o que fan é metelo nunha burbulla que só obriga a saídas cara adiante. En Lugo, ademais, este modelo cada vez se ve máis dificultado pola fortísima crise do empresariado. ¿As alternativas? Ben, o tan falado modelo alemán amosa unha vía: merchandising, altas asistencias aos terreos de xogo, ofrecemento dun espectáculo fóra do baloncesto con comida ou tendas no Pazo… E, loxicamente, un traballo maior en captación de empresas. Pero todo iso require mirada a medio prazo, non cortopracismo. E, usualmente, unha inversión inicial difícil de cumprir neste momento.

Por último, temos todo aquilo que non pode ser controlado de ningún xeito polo club. No capítulo de gastos, por exemplo, sería moi interesante unha reducción dos custos de participación en LEB Ouro e en ACB (se toca). Eu non vexo lóxica a existencia dun cota de inscrición de 40.000 euros que, alomenos en aparencia, non se invirte en mellorar substancialmente a competición. Pero ollo, pedir menos cartos non implica reducir controis: penso que as posibilidades de éxito de Breogán como SAD na LEB medrarían se, como se comentou en moitas ocasións, a FEB aumentase os controis de auditoría aos clubs.

E no capítulo de ingresos, non deixo de pensar na tan prometida e nunca acadada Lei de Mecenazgo. Esta Lei, esquematizando, permitiría que as aportacións a sociedades como a nosa tivesen unha desgravación especial para empresarios ou outro tipo de inversores. Sería un instrumento de grande valía, tanto de xeito efectivo como de bandeira de enganche para decantar a balanza con posíbeis empresarios dubidosos.

7. Por onde pasa o proxecto do Breogán? É a canteira a solución para pasar estes anos de crise, combinándoa con xogadores de primeiro nivel?

Entendo que nesta pregunta faise referencia esencialmente ao proxecto non económico.

En primeiro lugar, o proxecto pasa por incorporar xente á base social. E isto farase á base de traballo na liña que se levou durante o último mes de competición desta temporada: visitas a colexios e a asociacións, presenza na rúa, saír a buscar ao potencial espectador (de agora e de dentro de dez anos) alén do Campus. O Breogán, por ter un acordo cun club que o seu vinculado, non pode ter un comportamento que outros poidan considerar excluínte ou sectario. E se había esa visión nun determinado momento, que a había, fose xusta ou inxustamente, temos que cambiala de inmediato. Cara iso tentaremos ir.

No deportivo, ti citas a canteira. En primeiro lugar, temos que determinar a qué nos referimos cando falamos de canteira. Existen na actividade baloncestista dous tipos de canteira: aquela enfocada ao deporte entendido como fin social (bo para a saúde, transmisor de valores) e a enfocada á competición. Discutir sobre se o futuro está no primeiro tipo é unha parvada: por suposto que si. Sobre o segundo… Xa é outra cousa. Ambas conviven ata unha certa idade dos cativos. A partires de aí, hai que decir para onde tirar. Dende unha perspectiva económica, existen dous tipos de modelo: o primeiro, como unha fonte de ingresos para o primeiro equipo, coas cotas dos pais, a aportación de empresas interesadas na promoción do deporte a idade temperás e as subvencións públicas adicadas a isto; o segundo, como unha fonte de gastos de inversión inicial cuxo rendemento non está en absoluto garantido, pois non é sinxelo formar xogadores de nivel. E o argumento non é meu, que conste: é un argumento que puiden ler, por exemplo, a Tito Díaz, unha persoa á que adoito ler con respecto e atención.

Para min a canteira non é a solución para pasar estes anos. O traballo feito, e ben feito, pode dar uns bos resultados circunstanciais. Pero non é unha panacea. Se o fose, a ACB, a LEB e as demais ligas europeas estarían cheas de proxectos de canteira, e iso non sucede. Para que a canteira fose unha solución, sería necesario que se producisen xogadores a nivel dun Joventut en canto a cantidade. E ademais, da calidade xusta: nin moi bos coma para que durasen aquí catro días ni tan malos coma que o Breo acabe na Prata ou categoría similar. Porque o Breo é un equipo con canteira pero non de canteira. Os Varela Portas fundaron un equipo e en catro anos acadou a Primeira División (aínda sen consumar aquel ascenso, por demasiado precipitado), temos 22 temporadas na máxima categoría e nunca ninguén, a masa social incluída, pensou nun Breogán que se dedicase a dar pulos aos xogadores no canto de gañar partidos. Como obxectivo primario. Temos unha forma de ser, unha cultura e hai que respectala, porque son case que cincuenta anos. E se alguén a quere cambiar, que diga como facelo e que penitencia ten.

En Lugo pacen vacas, non unicornios. Gústanos pensar que somos especiais, pero non somos tanto. O baloncesto ten moita máis implantación ca noutras cidades pero iso só é un punto de partida. Polo demais, non cumprimos os criterios xenéticos, demográficos e estruturais para vivir da canteira. En canto aos culturais, andamos moi ben, pero Lugo non é Belgrado. E en canto os económicos, a boa canteira non é tan barata como adoito se cre. E menos nun deporte no que os traspasos non son millonarios e, de feito, son moi pouco frecuentes. Por último, o peso da historia para os xogadores locais sempre vai a ser un factor a ter en conta. Eu aficioneime ao Breogán e ao baloncesto nos 80 pero creo que tendemos en Lugo a idealizar esa época illándoa completamente do contexto social, económico e deportivo (sobre todo deportivo) no que sucedeu.

Por poñer un exemplo: moita xente demanda, á hora de fichar, dous americanos moi bos. Wright, Orange, Riley, King, Singleton… Pero non se decatan de que eses xogadores viñan a España, a equipos coma o noso, nunha época na que na NBA había 150 xogadores e 10 equipos menos que agora, na que existían a URSS e Iugoslavia e ningún dos dous países permitía a entrada de xogadores estranxeiros ou na que Grecia, Alemaña ou Francia eran destinos impensabeis para calquera xogador dun certo nivel.

8. Sénteste cómodo no posto? Estades a atopar moitos obstáculos tal como están as cousas hoxe en día?

Á primeira parte tería que dar unha resposta moi galega, moi becerrense se se quere. Un “depende” do tamaño da Muralla. En xeral, non me sinto cómodo no posto que ocupo. E é lóxico: a ninguén, creo, lle pode gustar estar sempre pendente do teléfono, perder unha boa parte da vida familiar, vivir situacións de tensión que non pode controlar e nas que non participa pero que inflúen fondamente no seu traballo, ver como se manca unha persoa pola que sintes aprecio ou dar explicacións sobre falla de cartos a persoas, que nun momento determinado, poden ter problemas graves polos atrasos. E, por suposto, non me gusta nada perder: ódioo de xeito case patolóxico.

Claro, que hai unha parte adorábel no traballo: o baloncesto. Para min este deporte é unha paixón. Para poder opinar, aínda que non se sexa un técnico, estás na obriga moral de ver unha cantidade inxente de partidos. E para min iso é marabilloso: a NCAA, da que vou aprendendo cada día máis grazas a persoas que non están no club pero si en Lugo, coma Edgar Paz ou Hugo Álvarez; o baloncesto europeo coas súas diferentes especificidades; o diferente concepto de negocio NBA; o traballo en estatística avanzada. Todo isto, que xa me gustaba de antes, agora forma parte do meu traballo.

Por outra banda, teño que dicir que tamén é unha marabilla traballar todos os días coa xente do club. E en especial co corpo técnico, do que se aprende cada día.

¿Obstáculos? Todos e máis, pero non é algo exclusivo do Breogán. Por desgracia, case que todos os clubs están pasando as mesmas. As institucións priorizan, como é lóxico, o gasto en servizos fundamentais; malia todo, séguese apostando polo deporte en moitos lugares ou subvencionando actividades que serían igualmente cuestionabeis en termos de rendibilidade, no que a ocio ou economía se refire. As empresas carecen de crédito e, cando teñen, dirixen as súas inversións ao seu desenvolvemento ou supervivencia, non a actividades publicitarias en certo modo suntuarias. E poucas teñen un marxe de beneficios para facer unha aposta forte polo deporte. E desas, aínda menos polo baloncesto.

E despois están os obstáculos dos intereses creados, pero creo que sobre iso vai a seguinte pregunta…

9. Semella que faga o que faga o Breogán, sempre haberá algún sector da cidade que criticará a decisión tomada. Dende dentro, a qué cres que pode responder esta actitude?

Ben, en primeiro lugar gustaríame dicir que a crítica é un dereito lexítimo e ata sano. Eu non son ninguén para ir polo mundo dando carnets de breoganismo. Hai unha tendencia preocupante no deporte (e na sociedade en xeral) a demonizar ao adversario. O que critica pasa a ser axiña un “anti-”. Isto ademais provoca que o que está dentro desenvolva unha certa tendencia mesiánica: “se eu non estou, o diluvio”. Gustaríame poñer un exemplo concreto e esclarecedor: quen demo son eu para dicirlle a Ricardo Hevia que el non é breoganista ou que quere destruír ao Breogán? Das súas columnas non me sobra ningunha idea: só me sobran insultos e menosprezos, porque non son necesarios. Realmente fan dano a persoas que, con acerto ou sin el, traballan para o club. E este exemplo ten que ver con alguén que traballa coa prensa diaria. Pero o mesmo reza para os siareiros. O que paga manda.

Dito isto, o que exerce o lexítimo dereito á crítica debe facelo, baixo o meu punto de vista, coa axeitada información. E máis cando un servidor está todo o día no Pazo, aberto sempre a falar de baloncesto e de calquera outra cousa con todos os socios (¡pagan o meu salario!) e, como se pode apreciar, disposto a dar información e opinión na medida das miña posibilidades e da necesaria confidencialidade que implica o meu cargo.

Dito isto, moitas críticas veñen provocadas polos pre-xuízos, isto é, por ideas preconcebidas do que debe ser ou debe facer ao club que están enraizadas, como xa expliquei antes, nun pasado que se debuxa como idílico completamente (ninguén nega que o pasado foi brillante, o que digo é que non foi absolutamente perfecto); ou nun horizonte de expectativas irreal por excesivamente optimista (ao día que escribo isto a realidade é que o club ten moi difícil o regreso a ACB polos requerimentos económicos e a situación económica de partida, á que parece agora mesmo sumarse un cambio na propiedade da sociedade a medio prazo). Penso que a isto se refire Julio González cando fala da carga do noso pasado. Hai que equilibrar os desexos, o pragmatismo da realidade e a xusta ambición que todos temos que ter no club.

Por último, todo este discurso, esencialmente garantista cos dereitos dos críticos, ten que excluír por forza a aqueles que exercen a crítica non só porque lles pareza pouco axeitado o que se fai senón porque desexarían obter un beneficio do Breogán. Malia que a actual non é a época máis escintilante do club, segue a ser unha fonte de prestixio. Dentro da cidade de Lugo, é a principal empresa de ocio. No mundo do baloncesto, é un club respectado sobre o que hai moi pouco que explicar. E, cun pasado recente convulso, hai moitas persoas que cren que teñen que “axustar contas” mediante un regreso ao club. A porta está aberta. Pero nas dúas últimas asembleas de accionistas, fun quen de saudar a todos os presentes polo seu nome de pía. E as asembleas son o foro no que teñen que expoñerse, con toda lexitimidade, os diferentes proxectos de club, que é normal que os haxa. Un club non se constrúe, ao final, na miña opinión, nin nas tribunas de prensa (que eu mesmo ocupei) nin debería construírse entre catro ou cinco persoas nun gabinete ou na mesa dun restaurante.

10. Cómo está a relación cos outros clubs da cidade? Semella tamén que hai un interese por dividir, cando moitos pensamos que a situación é a contraria.

A relación entre clubs é moi boa a nivel institucional, interpersoal. Non pode ser doutro xeito en dous casos. O do Ensino porque son veciñas e hai relación todos os días. O do Lugo, porque eu e máis Rodolfo Castro gabámonos de ser siareiros. No meu caso, podo presumir de ter estado nas duras do Lugo, en partidos contra un Caselas ou un Vilalonga nos que case coñecías a todos os que estaban no campo. Co Azkar dáse a circunstancia de que non hai esa afección, pero o ambiente é cordial sempre.

Dito isto, cada un ten que defender os seus lexítimos intereses e aí xorden friccións de xeito inevitábel. Por exemplo, algúns clubs da provincia decidiron no inverno facer unha asociación para reclamar que as subvencións da Deputación de Lugo para o deporte fosen concedidas en base a criterios “obxectivos”. Xa me gustaría a min saber como se pode facer iso, con qué táboa de equivalencias numéricas se xulga a competencia deportiva, o nivel dunha liga, o número de licencias, a tipoloxía societaria, a competencia nun mercado internacional e outro cento de factores. Ao final, non nos trabuquemos, unha subvención –para nós e para os demais- sempre vai ser xusta se me beneficia a min e inxusta se me perxudica. Fin da película. Nós estivemos presentes en reunións nas que se nos dixo que esa asociación non se montaba “contra o Breogán”. E creo que é certo. Pero non se pode negar que dende esa asociación producíronse ataques e presións políticas que contribúen a problematizar o Breogán dende unha óptica política.

O caso do CD Lugo é diferente e non está pechado. O primeiro que hai que dicir é que nin nós nin a directiva presidida por José Bouso somos quen de controlar todas as reaccións que se producen no entorno. Isto significa que sempre vai haber seareiros, agardamos que poucos, que aposten pola aniquilación do Breogán, porque o baloncesto é unha ruína, ou polo regreso do Lugo ás catacumbas da Terceira porque nunha cidade de 100.000 habitantes con pouco tecido empresarial non pode haber un proxecto de fútbol millóns de euros.

O Breogán e o Lugo están en vagóns do mesmo tren. Aquí tomo emprestados argumentos do xornalista Miguel Olarte, para min unha referencia agora mesmo á hora de analizar a cidade. Por desgracia, non somos noticia máis alá de Pedrafita por outra cousa que non sexan operacións policiais, xuízas “estrela”, empresarios que van ao cárcere e políticos que os seguen. Para soster a imaxe quedan a Muralla, a comida… e os clubs deportivos. Non digo que haxa que pechar garderías (ou non construílas novas) para soster a Breogán: iso é unha parvada. Pero nalgúns sectores apreciase unha teima en liquidar de xeito abrupto a relación de deporte profesional con institucións públicas. ¿E saben os lectores cal vai ser o resultado diso? Que Lugo vai deixar de ter deporte profesional namentres outros lugares van seguir contando con el. Porque en Canarias, o Cabildo axudou ao ascenso do CB Canarias; e en Bilbao, a Deputación Foral vén de rescatar ao Bilbao Basket; e a Generalitat Valenciana non deixa caer ao Valencia a pesares de que é unha ruína. E podería poñer vinte exemplos máis, obviamente.

Por últimos, gustaríame dar un pequeno apunte histórico. A débeda que ten esta cidade co Breogán no eido deportivo non a pagan nin todas as subvencións do mundo. Durante 25-30 anos, o deporte desta cidade foron os piragüistas, nomeadamente o señor Ramos Misioné, e o Breogán. Acabouse. O CD Lugo xogaba nun estadio noviño do trinque no 1974 cando estaba en Preferente. Outros deportes aínda non eclosionaban, na época na que a cultura deportiva era moito máis limitada que agora e os medios eran moito menores. Algúns, coma o fútbol sala ou o triatlón, nin sequera existían organizadamente. E xa daquela o Breogán estaba en TVE, nos xornais de tirada nacional, nas ligas nacionais e mesmo nas competicións europeas. Iso cara a fóra. Porque cara dentro, medio Lugo vía e facía deportes no Breogán ou inspirado por aqueles xogadores. A Historia non se merca, está aí. E convén non esquecela para non tomar decisións erróneas baseadas no curtopracismo.

11. A decisión máis difícil que tiveches que tomar, foi a saída de Pepe?

Persoalmente, si. Malia que isto é un negocio, e “business is business”, evidentemente traballar estreitamente coas persoas ten que xerar un certo vínculo emocional. Pepe Rodríguez é un home que se viste polos pés, que ten claras as súas ideas e que nalgúns momentos no club se viu superado por situacións que el non controlaba: o seu contrato, os problemas económicos, a total colisión da súa filosofía coa que imperaba hai dous anos no Consello de Administración… Penso que iso levouno a unha tensión que foi moi negativa para o grupo. Se a iso sumamos unha primeira volta irregular, na que os resultados foron mellores có xogo, e o feito de que xogadores moi importantes emitían (na pista) claros sinais de estar moi lonxe de poder acadar o seu rendemento ideal… Tomamos esa decisión. Era a única maneira de dar un xiro ao equipo sen tocar o presuposto. Porque xa sabiamos que non se ía fichar, algo que non se valorou en absoluto, por certo: esta é a primeira directiva que remata a campaña sen tocar a plantilla que estaba feita a 15 de setembro dende hai décadas (pode que exceptuando o particular ano de liga EBA).

Unha decisión moi difícil… convertida nunha decisión extremadamente difícil por unha filtración que amosou que Pepe Rodríguez tiña inimigos que estaban dispostos a chegar lonxe para presionar ao Consello e que transmitiu a impresión de que non se tomaba unha decisión soberana. Todos temos a conciencia tranquila. Tomouse a decisión, correcta ou incorrecta, que as nosas conciencias dictaban, a maior ben do breoganismo.

Eticamente houbo algunha decisión igual de difícil de tomar. Sobre todo as relacionadas cos cartos. Cando hai moi poucos, hai que decidir (non o fai unha soa persoa, loxicamente, pero a pregunta vai sobre vivencias persoais) quen non cobra. E ti sabes que a esa persoa, ou a ese proveedor, ou a esa empresa, a estás poñendo nuns apretos moi grandes… Máis que nada porque eu mesmo sufro iso. É moi complicado, custa moitas horas de sono.

12. Por qué metas cres que pelexará o Breogán do ano que ven?

Non estou en condicións de respostar a esta pregunta de xeito suficientemente claro. Hai demasiados factores a clarexar nos próximos meses que han marcar isto: novo presidente e posíbeis incorporacións a o Consello de Administración, directrices que mande ese Consello, solucións para a anunciada saída da Deputación do accionariado da sociedade, capacidade para xeración de recursos, número de equipos na LEB e potencial deses equipos, estrutura das decisións deportivas, os factores de sorte e lesións…

O que si teño claro é que Breogán, por principio, debe competir para estar nunha boa posición na LEB Ouro. É o que nos debemos a nós mesmos, pola nosa tradición, e á xente que nos é fiel e que amosou a súa entrega no playoff. Agora mesmo vexo moi lonxe o ascenso a ACB, obviamente. E se a competición volve a ser de 14 equipos, sempre teremos que ter en conta que tres partidos poden ser a diferencia entre ser cabeza de serie nun playoff e xogar o playout.

13. Está a FEB descoidando as súas ligas? Da a sensación de que non lles interesa moito coidar o seu produto.

Como noutras cuestións, penso que se polariza nun só ente, neste caso a FEB, un problema que ten moitas dimensións.

A FEB comete erros, ou toma decisións que dende o meu punto de vista son erróneas. A cota de inscrición, que non serve para pagar licencias nin arbitraxes, semella demasiado gravosa. Fíxose unha aposta pola visibilidade en TDP que, malia as boas intencións, non foi nada exitosa porque a TDT é agora mesmo unha xungla. E a axuda ofrecida para xerar recursos parte dunhas inversións iniciais moi altas.

Pero é preciso que os clubs miremos ao embigo. Se non somos quen de unirnos para facer fortes as nosas propostas, temos un problema. Se apostamos por modelos de crecemento caducos, é problema noso. Se algúns clubs son minados por loitas intestinas, deportivas ou políticas, non é culpa da FEB. E, se son certas as informacións que se puideron ler na prensa catalana, se hai xogadores que se queixaron de que eles tiñan un contrato e na FEB había outro depositado, pois iso tampouco é problema da FEB.

Eu creo que hai unha crise sistémica no baloncesto español. A FEB é unha peza máis que, quizais polo seu poder e o carisma que gañou grazas aos éxitos da selección nos últimos anos, ten especiais armas para afrontar esa crise.

14. Cáles son os teus primeiros recordos como breoganista?

É difícil para min atopar recordos, matino que lle pasará a outros moitos socios. Meu pai levábame dende moi pequeno ao Municipal, polo que o asunto fíxose rutinario e non houbo aquel, digamos, momento iniciático. Home, recordo as miñas vivencias do partido de Oximesa porque meu pai quedou alí facendo o nécora (non quero nin saber qué é exactamente o que facía), eu non me decataba de nada (tiña 4 aniños) e marchei para a casa cun amigo del, Paco, que aínda é socio. Pero eu non lembro case nada dese partido senón a ruptura da rutina.

Paradoxalmente, os meus outros recordos están fortemente asociados cun xogador que non era do Breo. Trátase de Epi. Epi é o meu verdadeiro ídolo de infancia, a persoa que me fixo amar este deporte. E claro, viña a Lugo e podías velo varias veces todos eses días. E despois quedabas desconcertado cando ías ao Pabellón e ninguén lle aplaudía. Meu pai tiña moita paciencia explicándome o asunto.

Por último, unha lembranza familiar era o enfado de miña nai ao regresar dos partidos. Por dúas cousas: porque mordía as unllas (cousa que continúo facendo, feo costume que debo ao meu equipo) e porque chegaba cantando cancións insultantes dos “Boinas e Zocas”, que eu non entendía pero ela obviamente si.

15. Gustaríame, por último, pedirche unhas palabras para a afección, onde transmitas o que consideres oportuno.

As únicas palabras que eu teño que transmitir son de gratitude. A pesares de que a tempada foi, en certo modo, unha gaiola de grilos, en ningún momento sentín outra cousa da xente que non fose cariño, ánimo e respecto. E iso é moi difícil: eu penso en como estaban dirixentes deste club despois de dúas tempadas exercendo o seu cargo e non podo menos que sentirme afortunado. Algo faría ben, pero a xente é moi comprensiva conmigo.

E quérolles transmitir que con traballo e breoganismo chegaremos lonxe. Que podemos pasar épocas moi duras pero que se mantemos a nosa identidade e, un a un, buscamos un socio, creamos un blog, mercamos unha bandeira de Lituania ou de Nixeria, dicimos o que se está facendo mal e axudamos a solucionalo… Os resultados agromarán. E seguiremos sendo grandes.

Advertisements

About Vinicius

Breoganista de hélice. Baloncesto e ciclismo. Chairego, lucense, galego. HBO fan. Namorado da miña terra.

Posted on 19 Maio 2013, in Entrevistas, Xeral. Bookmark the permalink. 7 Comentarios.

  1. Moi interesante entrevista.

  2. Xenial a entrevista, tanto por parte do blog coma por parte de Javi Gómez. Moita información interesante para asimilar e poder opinar con criterio. Parabéns.

  3. Thanks for the info!! Coñecer o situació clube sen tapuxos debería ser de lei, por desgracia levabamos anos cunha oscuridade e opacidade total

  4. Alex Brakosevic

    Gran entrevista!! Moi bo traballo Vinicius e interesantes respostas de Javier.

    Forza Breo!!

  5. Gran traballo, da gusto que desde dentro se nos informe con tanta profundidade e detalle. Indignante que se queira quitar do medio a unhas persoas tan implicadas e que queren tanto ao clube.

    Grazas de novo polo traballo Vinicius!

  6. Magnífica entrevista.

  7. Entrevista cojonuda. Enhorabuena chicos

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

Baloncesto con P, de Palencia claro

todo por Palencia Baloncesto

@KIAenZona

Información sobre o Club Baloncesto Breogán S.A.D.

Blogoncesto

Información sobre o Club Baloncesto Breogán S.A.D.

ZonaOCB

Información sobre o Club Baloncesto Breogán S.A.D.