Apoteose breoganista

Chega o bo tempo a Lugo, e con el, un ano máis, os play-offs polo ascenso á liga ACB. Sen dúbida, o momento máis emocionante e esperado polos seareiros breoganistas.

A diferenza dos últimos anos, o C.B. Breogán comezará a serie con factor cancha na primeira rolda, o que a priori da certa vantaxe de cara a facer un digno papel nas eliminatorias polo ascenso, e porque non, a chegar a unha hipotética final por conseguir a tan ansiada volta a máxima categoría do baloncesto español.

Chegada esta data, cabe recordar un dos momentos máis emocionantes da historia recente do noso club en LEB: a eliminatoria de cuartos de final contra o Baloncesto León, na tempada 2010-2011:

A tempada

Institucionalmente, a tempada 2010-2011 estaría marcada pola marcha de Raúl López da presidencia, xunto cunha clara restrición presupostaria imposta pola nova directiva provisional, encabezada por Antón Bao  vicepresidente da Deputación naquela época, máxima accionista da entidade breoganista. Restrición motivada pola necesidade de equilibrar as contas tralo desequilibro herdado da anterior Xunta Rectora. Isto obrigaría a confeccionar un plantel máis modesto que outras tempadas, a cal ao longo do ano sufriría varios cambios ante os escasos resultados deportivos acadados.

Un dos cambios máis significativos foi o cese de Ruben Dominguez en Decembro, adestrador ata ese momento, e a inminente chegada a Lugo de Pepe Rodríguez, o cal tras unha impresionante racha final de 8 vitorias consecutivas, conseguiría clasificar ao equipo en 6ª posición para a disputa dos play-off.

Os play-offs. León.

Con ilusións renovadas e co espírito do “si se pode”, a afección breoganista desprazouse en masa a León a presenciar os dous primeiros partidos da serie, coa ilusión e a esperanza de polo menos gañar un deles e devolver a serie a Lugo 1-1, para así poder sentenciar a favor de ambiente coa axuda do “factor pazo”.

Alí agardaba ao conxunto breoganista un equipo sólido e de entidade, que a pesar da súa tamén redución presupostaria, conseguira facer un bo bloque, curto en rotacións, pero con homes da talla de Seawright, Jorge García, Juanjo Bernabé, Quezada ou Julio González, os cales conseguiran manter ao Baloncesto León entre os primeiros durante toda a tempada.

O equipo lucense, tralo cambio de adestrador e cos reforzos invernais de Mokongo e Hicks, experimentara unha clara melloría no seu xogo, sendo un rival temible por tódolos equipos e que contaba cun plantel máis longo co seu rival, con Feldeine, Betinho, Hicks, Arteaga e Brown como homes máis destacados.

O primeiro partido da serie, caería do lado castelán, impoñéndose o Baloncesto León por 82-69, nun partido no que logo dunha primeira metade igualada, o equipo lucense se fora desinfrando co paso dos minutos, sendo incapaz de parar a un gran Jorge García, imparable con 28 puntos e un 6/8 en triplas, perfectamente acompañado dun brillante Quezada que anotaría 21 puntos. Ademais o Breo perdía por lesión ao seu base titular Mokongo. Betinho sería un dos homes máis destacados no conxunto visitante. Os 200 lucenses desprazados a León deberían agardar para ver gañar ao seu equipo.

Pero o Breogán aprendería rápido a lección, e a pesar de contar cun Mokongo moi mermado e do acerto no tiro do conxunto leonés, o equipo lucense sería capaz de manterse concentrado durante todo o partido e de impoñerse por un axustado 76-82; todo isto a pesar de rematar o terceiro cuarto cunha desvantaxe de 9 puntos no marcador, momento no cal o Breogán comezaría a facer o seu mellor xogo, sendo capaz de impoñerse no marcador cunha gran labor de equipo, onde homes teoricamente secundarios como Forcada e Vallmajó tiveron moito que dicir. A afección breoganista regresaba a Lugo cun sorriso.

Os play-offs. Lugo.

E chegaba o gran momento, o momento da ilusión, da maxia e do espectáculo. A serie regresaba a Lugo con moitas opcións para o Breogán, o cal xogaría os dous próximos partidos na súa cancha, e de vencer en ambos, o equipo lugués xogaría as semifinais polo ascenso sen necesidade de voltar a León a disputar un 5º partido. Para isto, contaría coa axuda dunha afección cos ánimos renovados logo dos magníficos resultados do equipo no treito final da competición.

Pero o obxectivo non ía ser doado de acadar. A un Mokongo mermado, sumábase a lesión de Betinho, un dos referentes do equipo e o cal case non participaría no encontro. A afección confiaba, e a pesar de ser Mércores, acudiu en masa ao Pazo a apoiar ao seu equipo. A igualdade unha vez máis ía ser a tónica dominante do encontro, o cal se resolvería por 2 puntos de diferenza (75-73).

Os máis destacados neste encontro polo bando lucense serían Brown e Arteaga, perfectamente escoltados por un Forcada flamante na recta final da tempada e unha boa dirección de Vallmajó.

O Breogán chegou a ter o partido costa arriba, comezando o último cuarto cun 51-58 en contra. Como pasara no anterior partido, cando peor pintaba todo foi cando se viu o mellor Breogán, chegando aos intres finais do partido cun resultado axustado de 70-73, momento no que Juanjo Bernabé erraría un tiro libre, ao que Forcada contestaría cunha heroica tripla para empatar a 73 a falta de moi poucos segundos. Logo dunha falta innecesaria de Feldeine, Quezada disporía de dous tiros libres para case sentenciar o encontro a favor do León. Pero a presión e o empuxe da afección local, faríanlle errar ambos tiros, a pesar de ser un xogador moi fiable dende a liña de 4,60. Collería o rebote o Breogán, e cando xa cheiraba a prórroga, Arteaga recibiría unha falta que o levaría ao tiro libre, para coa frialdade que caracteriza a este xogador, sentenciar sen presión cun 75-73 o partido, e poñer o 2-1 na serie. Foron os últimos minutos máis tensos e de empuxe vividos ata o momento no Pazo en toda a tempada.

A hora da verdade

Logo da vitoria no 3º partido, os ánimos da afección lucense estaban polas nubes, e máis de 4000 persoas se deron cita no 4º partido no Pazo para apoiar ao equipo breoganista, que de acadar a vitoria estaría clasificado para semifinais.  A mellor entrada da tempada no Universitario e un ambiente que había tempo non se presenciaba en Lugo.

Cando o vivido nos últimos minutos do terceiro partido xa parecía o máximo en canto a emocións se refire, a afección lucense aínda non sabía o que ía acontecer neste cuarto encontro.

O partido desenrolaríase con igualdade unha vez máis. Destacaba a baixa definitiva de Betinho. Durante a primeira metade o Breogán chegaría a ir gañando por 10 puntos nalgún intre, pero chegaríase ao descanso cunha lixeira vantaxe de 3 puntos a favor do León, o que reflectía unha vez máis a igualdade e dureza desta serie.

Pero chegado o terceiro cuarto, o equipo lucense experimentaría unha vez máis un importante baixón, que o levaría a rematar o cuarto 10 puntos abaixo e co partido moi costa arriba. Parecía imposible unha terceira remontada.

Foi aquí cando entrou en escena unha vez máis o empuxe da mellor afección de Galicia. O Pazo Universitario apertou como nunca, lembrándolle aos mais veteranos o ambiente do antigo Pabellón Municipal. Cun parcial de 8-0, o Breo conseguía chegar ao final do partido con opcións e co marcador moi axustado. Volvíase a repetir a escena dos dous anteriores encontros. Parecía un soño.

“¿Que facedes que non estades en pé?”

Chegábase aos intres finais cun 70-74, que tras dous tiros libres anotados por Arteaga, sería un 72-74. Ante a presión da grada e unha dura defensa local, o León perdería o balón. O Breogán podía empatar. Forcada fallaría unha tripla pero Arteaga collía o rebote, que ao momento perdería ao escapárselle das mans. Seguía o 72-74 no marcador e cada vez menos segundos. Xogada precipitada dos visitantes que volverían a perder a bola. Momentos tolos.

Co marcador aínda 72-74, e con menos dun minuto por xogarse, logo da anterior perda de León, Feldeine acadaría o empate a 74 cun impresionante tiro en suspensión, e con caída de costas incluída. Tras tempo morto de León, chegou o punto máximo de presión do público, apoiados polo gran José Areñas, speaker do Breo, o cal “propuxo” unha última defensa en pé. Ante tal presión, o León erraría dúas triplas (a segunda tras rebote ofensivo), que de anotar algunha delas, case lle darían a vitoria. Tras rebote local, disporía o Breo dunha última posesión curta. Podíase gañar. Era o momento, a situación trocara ao noso favor. Balón a Feldeine, o público en pé, este encara a canastra, xogada individual e……. canastra imposible, incrible e indescritible, difícil de esquecer. Momento máxico. Desátase o éxtase na grada. Caése o pazo. Cativos saltan a cancha tendo que ser freados polos árbitros e León pide tempo morto. Menos de 2 segundos por xogarse e última defensa en pé. Final do partido, 76-74 e vitoria épica do Breogán. Prodúcese unha invasión incontrolable de cancha.

Apoteosis breoganista

Así titulaba o diario El Progreso o acontecido no Pazo dos Deportes.  O éxtase vivido recordaba a tempos pasados. Unha afección completamente entregada invadía o terreo de xogo e había un novo heroe en Lugo: James Feldeine. O Breogán estaba en semifinais logo dunha serie emocionante, con dous finais de auténtico infarto. A comunión entre a grada e o equipo era total, e as sensacións e a ilusión eran inmellorables. Agardaba en semifinais o novo equipo de Raúl López, o Obradoiro de Santiago.

Imaxes: La Voz de Galicia e C.B. Breogán

Advertisements

Posted on 20 Abril 2013, in Outros. Bookmark the permalink. 5 Comentarios.

  1. Hai que recuperar ese ambiente, xuntos podemos.

  2. Ponlle a un pel de pita lembrar eses momentos. Todos a unha!

  3. Ese é o camiño.Que momento máis bonito o que relatas,quizás a última gran alegría (en anos)da afición no Pazo.Ese tipo de cousas crean afición.

  4. Este ano temos que repetir de novo este ambiente.

  5. Piel de gallina al ver el video de Areñas.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

Baloncesto con P, de Palencia claro

todo por Palencia Baloncesto

@KIAenZona

Información sobre o Club Baloncesto Breogán S.A.D.

Blogoncesto

Información sobre o Club Baloncesto Breogán S.A.D.

ZonaOCB

Información sobre o Club Baloncesto Breogán S.A.D.